A casiña de chocolate J. e W. Grimm Pablo Auladell
Era unha vez un pobre leñador que vivía preto dunha gran fraga coa súa dona e os seus fillos: Hänsel e Gretel. Eran tan pobres que, unha noite, a muller díxolle ao leñador: —Xa non nos queda nada para comer. Mañá cedo, dálles aos nenos cadanseu anaco de pan e lévaos ao medio da fraga. Prende unha fogueira e déixaos alí. —Pero, como vou facer iso? —protestou o leñador—. Non teño valor para abandonar os meus fillos entre animais salvaxes que os poden devorar. —Daquela todos habemos morrer de fame —respondeu ela. E a muller non deixou de porfiar ata que o home aceptou a súa proposta.
Os nenos, que non durmían por culpa da fame, oíron o que a madrasta lle dixera ao pai. Gretel sentiuse perdida e chorou desconsoladamente. —Cala, Gretel, e non teñas medo, que hei atopar unha solución —dixo Hänsel. E, sen que os pais se decatasen, Hänsel saltou da cama, puxo unha chaqueta e saíu ás agachadas da casa.