PRÓLOGO Baseándose fundamentalmente en tres documentos agochados nun vello armario e que se atoparon durante a última restauración da Casa Grande de Romarigães –tamén chamada Quinta de Nosa Señora do Amparo–, Aquilino Ribeiro (18851963) preséntanos nesta obra una historia novelada, a crónica dunha historia local que contén todos os elementos característicos dunha novela, ou máis ben de varias novelas breves –coa súa exposición, nó e desenlace–, reunidas nun conxunto que, salvando as distancias en tempo e estilo, poderiamos comparar coa moderna novela de reportaxe, na cal a presentación fiel dunha realidade dada vai unida á interpretación que lle imprime o autor. Este é o caso de Aquilino Ribeiro, quen, n’A Casa Grande de Romarigães, nos ofrece a turbulenta historia dunha estirpe a través do excelente uso da narración, da descrición e do diálogo, expresados nun estilo de alta calidade poética, cuxo ton vai desde o grave ata o abertamente irónico e humorístico. Nado en Tarregal de Tabosa (Beira Alta), en 1885, Aquilino Ribeiro pódese catalogar como un dos mellores escritores 7
portugueses de todos os tempos, en especial do século xx. Despois de realizar estudos de Filosofía e Teoloxía en Viseu, encóntrase en Lisboa no ano 1907 vinculado ao ambiente revolucionario dunha época en que a loita entre os partidarios do rei Carlos e os republicanos culminou co asasinato do primeiro en 1908 e o triunfo destoutros nas eleccións de 1910. Lévano preso por causa dunha explosión que se produciu no seu cuarto, onde gardaba certa cantidade de dinamita para o Comité Revolucionario, pero consegue fuxir e trasladarse a París e alí frecuenta a Universidade da Sorbona. En terras francesas escribe os seus primeiros contos, que aparecen no primeiro libro que publica, baixo o título Jardim das Tormentas (1913). De regreso a Portugal en 1914, nun clima de inestabilidade e axitación políticas –entre 1911 e 1919 ningún presidente da República portuguesa deu cumprido ata a fin o seu mandato gobernamental de catro anos–, traballa como profesor do Liceo Camões e pasa despois á Biblioteca Nacional, onde exerce como conservador ata 1927. Desde a publicación dese primeiro libro en 1913, a vida literaria de Aquilino Ribeiro é en extremo fecunda: A Via Sinuosa e Cinco Reis de Gente (1918), O Homem que Matou o Diabo (1930), Lápides Partidas (1945), O Arcanjo Negro (1947), Uma Luz ao Longe (1949) son só algunhas das súas obras máis coñecidas, entre as cales cómpre destacar A Casa Grande de Romarigães (1957). O tema deste libro –como xa se dixo– alicérzase en tres documentos antigos que datan do século xvii e abranguen ata o xix, nos que a pluma de tres cronistas, entre eles dous sacerdotes, narra de forma fidedigna os acontecementos máis 8
notables que se produciron na Casa Grande desde a súa creación, así como a vida dos seus señores e donos, representantes desa liñaxe familiar cuxa historia constitúe o argumento central da crónica novelada, e, por último, as cartas de amor de «dous amantes verdadeiros», proba gráfica dunha relación pecaminosa e adúltera que provocou auténtica conmoción entre os personaxes reais que, de maneira directa ou indirecta, o viviron en todas as súas catastróficas dimensións. Porque a historia da Casa Grande é, en xeral, una historia tráxica. Iniciada con outro amor pecaminoso, que protagonizan o reverendo Gonçalo da Cunha, abade de San Tiago de Romarigães e de San Paio de Agualonga, e Maria Roriga, unha moza humilde de Rubiães, a vida que ao longo dos anos e dos séculos decorre nesta quinta da parroquia de Romarigães, comarca de Paredes de Coura, nas terras portuguesas do Minho, non é senón a concatenación ininterrompida dunha serie de feitos accidentados e tormentosos, de paixóns e mortes violentas, de períodos de esplendor e de ruína, de sucesos cargados de aventura e dinamismo, que lembran en moitos casos situacións e personaxes de Shakespeare, Cervantes, Molière e Dostoievski. Desde a mesma creación en 1618 do morgado da Casa Grande, polo cal se transmitía ao longo dos séculos a fidalguía a través da liña do varón, o ambiente da época faise patente en todo momento e desempeña, pódese dicir, o papel dun personaxe central cuxa influencia e peso manexa os fíos dunha trama composta tanto por elementos externos coma polos internos, inherentes a cada unha das figuras que nela actúan. Así, a ocupación de Lisboa por parte do ambicioso Filipe II de 9
España, o descontento popular que esta provocou e a liberación do xugo español en 1610 impregnan toda a primeira par te do libro. Con posterioridade e durante a sucesión no morgado dos descendentes do abade iniciador da caste, que acada por veces a estatura dunha dinastía –Domingos da Cunha, Luís da Cunha Antas, Fernando Luís de Mendonça, Luís António de Antas de Azevedo e Meneses, Telmo de Montenegro Antas de Mendonça e Meneses e António Telmo da Cunha Antas Meneses e Montenegro, último representante lexítimo da liñaxe–, o autor vainos situando no marco socioeconómico e político correspondente a cada etapa: período da monarquía absoluta en Portugal, cando a finais do século xvii o país se ve paulatinamente eclipsado polas outras potencias colonizadoras; reinado de Xosé I (finais do século xviii) e fase das poderosas reformas do marqués de Pombal; invasión de Portugal polas tropas francesas de Napoleón dirixidas por Junot; fuxida do Rei –futuro Xoán VI– ao Brasil (1808); levantamentos e disputas que provoca a influencia da Revolución Francesa; elaboración e destrución constante de cartas e constitu cións; loita entre realistas e republicanos (finais do século xix) etcétera. Non obstante, Aquilino Ribeiro non cingue a pluma á simple narración de feitos históricos: dentro do drama da Casa Grande, dentro do conflito existencial de cada un destes homes e mulleres, que actúan movidos por intereses case sempre mundanos e vulgares, ambiciosos e egoístas, insire a súa propia visión, a súa concepción particular, como escritor, de moitos problemas inherentes a cada época e a cada un deses 10
individuos, que, malia estaren constrinxidos no marco esgrevio das terras miñotas, alcanzan vixencia universal. Deste xeito, as características tipicamente feudais da sociedade rural portuguesa de toda esa época, anacrónicas en comparación co resto de Europa e que só se eliminarían case a mediados do século xix: explotación dos rendeiros, servos que, se non pagaban os tributos no prazo establecido, eran expulsados xudicialmente das súas terras; utilización da muller por parte do señor como vehículo para a satisfacción dos seus apetitos sexuais; posición subordinada desta con respecto ao home; miseria e desocupación nas aldeas; influencia, poder e hipocrisía da clase sacerdotal, de cregos que se venden por «mel, aceite e ovos», mentiras xustificadas con ironía coma as do padre Tirteu e do propio Gonçalo da Cunha, «ilustre» iniciador da liñaxe; voluptuosidade destes e de cada un dos chamados defensores do catolicismo –que, segundo as palabras do avó galego don Telmo, tiñan virtudes e defectos en diminutivo que os facían ser «honradiños», «boíños» e mesmo «ladronciños»–, así coma a práctica de compravenda de escravos negros e mouros, e incluso o entreguismo da nacente burguesía portuguesa ao invasor francés como medio de protexer os seus intereses, non son máis ca algúns dos elementos presentes nesta obra, que debemos tanto á fiel transcrición das crónicas utilizadas coma á creatividade literaria de Aquilino Ribeiro. A propia importancia da liñaxe como factor que rexe os actos do fidalgo; da familia convertida en célula esencial da sociedade como resultado da inseguridade que provoca a debilitación das monarquías; do apelido común –neste caso, 11
Cunha e Antas ou Meneses e Montenegro– como axente de cohesión típico da aristocracia desde a primeira metade do século xi, son trazos que contribúen a infiltrar en toda esta obra o devandito ambiente predominantemente feudal. Por outra banda, unha das pasaxes máis extensas do libro –vida e morte de Luís António de Antas e Azevedo e Meneses, outro dos tortuosos donos e señores da Casa Grande– dedícase á narración dun momento de particular axitación e desorde na historia de Portugal: a loita polo poder entre don Miguel, don Pedro e dona Maria II, e a guerra civil que se desata no pobo entre constitucionalistas, por un lado, e miguelistas, partidarios da monarquía absoluta, polo outro. Neste sentido, como vimos, esta obra adquire en toda a súa extensión unha grande importancia desde o punto de vista histórico, pois o autor aproveita esa conxuntura para nos transmitir con nitidez –nunha linguaxe asaz rica, que vai desde o clásico ao moderno, coa incorporación de diversos neoloxismos– os valores sociais, políticos e económicos de varias épocas, así como as características psicolóxicas dos seres humanos que as integran. Son seres humanos complexos e contraditorios que, arrastrados polos seus afectos e defectos, polas súas paixóns e vicios, conducen, na fin, a Casa Grande e a súa capela á ruína e á destrución totais, ao esquecemento da padroeira, a Nosa Señora do Amparo, e en 1891-1892, ao traspaso lexítimo da propiedade, como consecuencia dunha inesperada vinganza, a mans alleas á estirpe dos Cunha e Antas, dos Meneses e Montenegro, eixe convulso e corrompido de toda esta dramática historia. 12
Por isto todo e pola altura literaria dun escritor do sécu lo xx coma Aquilino Ribeiro, comparable á de escritores portugueses do século xix coma Camilo Castelo Branco e Eça de Queiroz, pódese dicir que A Casa Grande de Romarigães constitúe un dos retratos máis fieis de varios séculos de historia portuguesa, narrada aquí mediante unha fórmula que un xornalista coma Cruz Malpique, do diario Notícias de Romarigães, expresa en poucas palabras ao se referir ao propio Ribeiro: «É nacional, sen deixar de ser individual, e, sendo individual, ten credenciais para se universalizar». Julia Calzadilla Núñez
13
14
Cando se procedeu á restauración da Casa Grande que foi residencia dos Meneses e Montenegro, cumpriu demoler paredes dun cóbado e medio de ancho nas que desde había un século inzaba a ruína, ocasionando fendas polas que collían os birrios coas ás estendidas e desniveis con tal barri ga que o derrubamento parecía inminente. Nun armario, non maior ca o nicho dun santo, embutido na macheta da fiestra, que a contra, polo xeral aberta, tapaba, encontrouse unha voluminosa rima de papeis vellos. Eu, tal coma Cide Hamete Benengeli, non podo ver un farrapo impreso sen que me pique a curiosidade. Con avidez, fun sacando manuscritos carentes de portada ou índice, entre os cales un Mestre da Vida, que ostentaba unha dactiloscopia densa e salivosa, cos cantos das follas tenazmente reviritados, avisos e recibos da contribución, unha resma de bulas da Santa Cruzada de a pinto e a doce vinténs,1 receitas de botica (algunhas, a xulgar polo sebo e o desgaste, foran despachadas a miúdo), calendarios de anos sucesivos e uns cadernos de pregos nos que barruntei materia de rexouba. Un deles, dobrado ao longo, tería a súa centena de páxinas e envolvíase nunha capa de pergameo que inculcaba de seu unha respectable antigüi dade. O rótulo, en amplos caracteres floreados e tinta cor da ferruxe, advertía, esmorecida mais verbosamente, do contiPinto, antiga moeda portuguesa equivalente a 480 reis; vintém, moeda de cobre equivalente a 20 reis. (N. da T.) 1
15
do: Libro que ha de servir ao rexistro das cousas notables que aconteceron na Casa Grande de Romarigães, tamén chamada Quinta da Nosa Señora do Amparo. Cun epítome da orixe, fundación, lugar e nobilísima árbore dos seus morgados, polo padre Sebastião Mendrugo, da Casa da Cachada, e capelán seu. Ano de Graza de 1680. Boteille un ollo ocioso ao palimpsesto, despois de tomar coñecemento do título. Evitei por pouco que as raparigas do caseiro lle rachasen as páxinas para envoltorio dos fusos, cando fían na roca. Descifrando aquí unhas oracións, acolá outras, dunha caligrafía que obedecía a un sentido interior xeométrico moi distinto do dos nosos días, para máis a esvaerse no papel de trapo, amarelento e luxado, pregunteime en que nos podía interesar a vida de fidalgos coma tantos outros. De feito, crónicas desta sorte non sempre son do máis edificante. Mais era entenrecedora a simplicidade coa que o historiógrafo lembraba os seráns pasados, ata altas horas, o espírito tendido sobre a pluma de pato coma o labrador sobre a rabela, os ollos a doérenlle da chama reverberada no latón do candeeiro de tres bicos. Foi ese sentido de cortesía que as persoas de idade teñen por todo canto ocupa un lugar no mundo e significa prender nas súas almas a luz da piedade o que o salvou. O relato do reverendo Mendrugo estendíase por altas e compactas páxinas, verdade sexa que nunha letra encadeada, dentro de cuxos arabescos cabían oracións enteiras de Lima Bezerra, que deambulou por este cordal, e adoitaba facelas longas coma leguas. O outro manuscrito, en letra belidamente torneada, chamábase Vida de don Luís António de Antas e Meneses, sarxento mor de Milicias e procurador ás Cortes de 1828. Polo que se desprendía do estilo, abundante en ciencia heráldica e xenea16
lóxica, era obra dun liñaxista do Alto Minho, tan amigo de Deus e do rei coma inimigo dos malhados,2 o señor Manuel Afonso, de Venade. A súa personalidade de cronista meticulosamente fidedigno, ao día coa patria e co seu partido, reflectíase no esmero co que arredondaba o bandullo descomunal das letras e lles proxectaba as hastas cara ao cénit. En suma, na caligrafía, ora dereita coma lanzas, ora chea e avultada coma cabazas, pintábase o home, como disque lles sucede aos pintores cando fan retratos. Unha fe, ora agreste, ora serena e mol, exhalábase da prosa que só o copeiro secreto da Casa Grande permitira furtar ás auras do liberalismo triunfante. O terceiro caderno tiña aspecto de copiador. Copiador de allos e bugallos, nunha escritura igual, moi indolente e de trazos floridos coma os canotos de millo desta comarca fecunda. Era ovasto almacén dunha zarangallada innominable, anécdotas, documentos notariais, censuras a libros do padre José Agostinho de Macedo, sinal de que o escriba propendía a literato, e mesmo cartas de amor. Estas ostentaban un título autónomo dentro do vasto depósito de quincalla: Cartas de dous amantes verdadeiros. Canto aos autores da tal correspondencia, por dedución, á vista de certos documentos e papeis, non me custou concluír quen eran. Grazas a outros informes de diversa procedencia, esclareceuse ao cabo o romance de amor, un romance Durante as guerras liberais, chamóuselles corcundas (‘chepudos’) aos absolutistas, porque andaban sempre curvados a facer venias ao rei don Miguel, e malhados aos liberais contestatarios, partidarios do seu irmán, don Pedro, porque unha mula malhada (‘pinta’ no caso, mais tamén co significado que se deriva do verbo ‘mallar’, o que dá ocasión a xogos de palabras) se empinou e mandou o rei don Miguel ao chan. (N. da T.) 2
17
silencioso e profundo coma as augas dos grandes ríos, e por iso mesmo cheo de sainete, malia o seu acerbo pecado. De modo que en gran parte deste libro non fixen máis ca marchar no ronsel dos cronistas, que dou por veraces, pois non tiñan interese en ser mentireiros. O padre érao por natural probidade e deber do oficio. Os outros, que gañaban en prestar falso testemuño cando non os requirían no xulgado? Por último, asderradeiras e extravagantes páxinas do libro son da miña autoría. Ás outras, sacudinlles o balor do tempo e amecín o fío de Ariadna, interrompido aquí e acolá. Escusado é dicir que eliminei moito material, glosas, apostilas, consideraciónsbarateiras e vagarosas, todas elas a zumegaren unha filosofía de a patacón, incompatibles coa era de Einstein e dos avións de propulsión a chorro. Os antigos tiñan folgos de balea e ignoraban tanto o valor monetario do tempo coma o valor hixiénico da vírgula e do punto e vírgula. En materia de estilo, a miña pluma pasou por riba coma o ferro eléctrico na camisa cando volve do tendal. En canto ao seráfico padre Mendrugo, se algún día houbo escribán da puridade máis fiel ao asuntoe ás fontes históricas, que me corten a man que o traizoou. Con todo, quero confesar os meus pecados. Un confrade, académico de Argamasilla ou lector de Coímbra, xa non me acorda ben, a quen lle lin algúns capítulos deste libro, exclamou, máis ca sentencioso, salomónico de todo: –Pero ao final o que vostede fixo foi unha novela… –Un novela…? Deus me libre! A miña ambición foi ben distinta. Isto é monografía, historia local, historia novelada, como moito. Ora que novela… Arrenégote! Mal de min se escorreguei cara a tales enredos e labirintos. Na novela, o escritor escolle os episodios; na historia, os episodios véñenlle 18
dados. Están fixados, non hai maneira de fuxirlles. Con todo, o que eu tentei foi desempoar vellos e particularísimos sucesos que, polo demais, pouco pesaron na marcha do mundo. Novela…!? Se me saíu novela, aconteceume o mesmo ca a un triste e basto carpinteiro da miña terra, de quen toda a xente se chufaba, de certo por milagre desenfadado do Espírito Santo: púxose a facer un comedeiro para o can e saíulle unha guitarra. Lisboa, primavera de 1957 Aquilino Ribeiro
19
I O vento, que é un abelurio disoluto e curioso, penetrou na alcoba, bufou, deu un abaneón. A cela semellaba deserta. Non señor, alguén durmía medio curvado, cabeza de fóra no seu decúbito, e axitouse molemente. Volveu soprar. Buliulle na vestimenta, ata lle deu un estalo na capa semirríxida e inmobilizouse. Outro sopro. Desta vez o piñón, coma un negriño da Guinea co tanga a ondear, liberouse do calabozo e lanzouse ao espazo. Que paracaidista! Tras precipitarse tan do alto do piñeiro solitario, balanceouse un instante e ensaiou un voo oblicuo. A medio camiño revirouse, xirou, viu as nubes ao largo, a terra embaixo e, sacudindo a saia, descendeu en espiral. Pousou enriba dunha pena, lixeiro coma unha libélula. Mais un novo refoleo tirou con el para unha banda, case aos tombos, e a aleta, tomando de improviso folgo, ripouno para máis lonxe. Foi caer nunha leiba que acababan de remover os rozadores do mato e alí permaneceu á espera de que pancada de auga ou calcañar de home o mergullase no solo, sempre que un pombo bravo o non avistase e engulise. Tamén alí preto, unha tarde fusca de outubro, chegou un gaio, batendo as ás de chaparro en chaparro, a grallar rabuxento, como é propio da raza. No saiote ruzo, as dúas pinceladas de azul, azul vivo, fulguraban para que se soubese que un gaio tamén é xente dos aires. Traía no bico unha belota, pouco 21
menor ca o bolo que o corvo acostumaba a levar á cova de Daniel, ben que para el máis importante. Dispúñase a comer a merenda ben amargada, cando deu cos ollos no mariola do veciño co que rifara unha primavera enteira por causa da gaia, despois a súa dona. Xa o tal, rancoroso e ruín, facía ade máns de querer atacar, plumas crechas, garras desenvaiñadas, a á posuída de frenesí. Non quedaba outra que prepararse para lle dar o recibimento condigno! E deixou caer a landra. Esta foi bater na face cenital dun vello toro, rebotou para un lado e aniñouse moi aniñada nun monte de follas secas e pallas. Ninguén a vía, nin ela vía o máis pequeno trisco do mundo. Os dous gaios, despois de trocaren moitos gritos de cólera e daren a súa peteirada, mais sen que correse o sangue, despedíronse. O máis carraxento e puntilloso saltou ao chan á procura da súa rica belota. Procurou, seguiu a procurar saltaricando dun lado a outro e introducindo en todas as partes, fendas e coviñas, o ollo agudo e esperto, mais nada descubriu. Soltou dúas ou tres veces a súa voz chiona conxurando os deuses daquel desaforo, perdeu a paciencia. E aseteando, batendo a á, aínda medio ferida da retesía, marchou para outra carballeira onde había que rapinar. A landra graúda ficara alí quietiña, moi ben esvacoada por causa do propio peso, enterrada que nin bala de canón despois de pasaren carros e carretas. Que facer senón deitarse a durmir? Durmiu unha hora ou unha vida enteira, quen sabe! Un cazapo veu de onde o aire dá a volta, raspou a terra, fixo alí cagadoiro, aliviouse e ela quedou por baixo, sufocada sen poder respirar, en plena escuridade. Estaba no fin do fin? Un belisco e do seu flanco asomou coma unha frecha. Era de luz ou de vida? Era unha fonte ou antes un cántico de ave, de auga corrente, de vaxa que estala co sol, de insecto na súa primeira 22
mañá, música trilada da terra ou das esferas? Era iso todo, encarnado no fogo incombustible que lle fendía o flanco, verbo que acabou por irradiar do propio misterio do seu ser. Do piñón que un refoleo arrincou ao dormitorio da piña nai e da landra que a ave deixou caer no chan, repetido o acto mil veces, xerouse a foresta. Acudiron os paxaros, os insectos, os roedores de todo xénero a poboala. No seu solo abrigado e fértil naceron as herbas, cuxa semente aboia nos ceos ou espera na pel das poulas a vez de xerminar. Entremedias abrocharon cardos, que son a flor da amargura, e a abrótega, a herba estrela, a canafrecha, flores humildes, por iso mesmo trofeos de vitoria. Viñeron os lobos, os porcos bravos, os pegureiros cos gandos, a infinita creación rústica. Faltaba o señor, medio fidalgo, medio patriarca, á moda da época. Ata que certa mañá de outono… Un home atravesou por alí e non foi pequeno o seu pasmo. A auga, unha avemaría purísima, descendía dos cerros por moitos regatiños, brancos, inocentes e tarabelos, que nin que fuxisen á empincha por ver cal deles era o primeiro en chegar ao val. O solo era negro e daba mostras de fecundo a xulgar polo mato que crecía farturento, alto e tan denso que lle era difícil de romper, e a cada paso saltáballe dos pés un cazapo repoludo. Como andaba de caza e moi atrelado dos tarecos de monteiro, tiña sede, unha sede ardente á que non eran alleos a xeira de Rubiães ata alí e o lombo en adubo, saboroso mais cargadiño no sal, do xantar. E, avidamente, debruzouse no primeiro lugar de xeito a beber da linfa que o padre Carvalho clasifica como a máis delgada e fría do mundo. Unha vez deleitado, tirou do pano, grande coma o pendón do Santísimo, e enxugou a suor. Lanzando unha ollada extasiada arredor, enxergou a balsa que as augas, ao confluír, alí 23
facían, e sorprendeu, fulgurándolles as escamas anacaradas, dúas boas troitas de a palmo. Libélulas cruzábanse por riba nunha contradanza multicolor, mais non prestou atención a tales lilainas da natureza. En troques, fillo de labregos, foi reparando no vizo que mostraba a herba no prado, aínda que se metesen de gorra a comerlle do humus fartureiro a magarza, a leituga, a beldroega, a aceda, máis degoiradas ca vacas con fame. Confundido cos chaparros, distinguiu un pastor que apacentaba o rabaño e deulle parola: –Bo día, amigo. Por aquí hai lobos? –Que Deus o garde! Pregunta a vosa mercé se hai lobos? Recovaxes, señor, máis sobexas ca a sarna. Aínda onte me riparon unha perica. O que me vale son os cans, que os non deixan achegarse ao rabaño. O licenciado Gonçalo da Cunha viu dous animais robustos, protexido o pescozo con carranca, que viñan cara el a paso elástico, mal estrangulando no dentame branco un ronquido ameazador. –Quieto aí, Galizo! Mondego, que foi?! –faloulles o pastor, e pararon de orellas guichas, a ollar para el, estraño na súa indumentaria de batedor de montes, mais cara de bicho home dos inofensivos. –Pois moito me contas –tornou para o pegureiro, que pouco lle contara, sinal de que outra operación se lle ía desenvolvendo no entendemento–. Ti de onde vés sendo? –Sonlle da Labruja. E a vosa mercé non é o reverendo abade Gonçalo da Cunha? –Son eu mesmo. –Ben me parecía. Algunhas veces téñoo visto a celebrar misa en Santa María de Rubiães. 24
–E ti es da Labruja e vés para aquí tan lonxe…? –Ao dereito, pola Portela, son dous saltiños. Mais sabe a vosa mercé por que me gusta vir para aquí? O gando nestas regas fártase en canto se abre a man e se fecha. Olle aí para a herba…! Mire agora para o mato galego… Eh? Terra que nin unto. –É verdade, é verdade. Estes montes de quen son? Se callar, do bisconde…? –Son do bisconde, son. De quen van ser, se non? Dicía meu pai, Deus o descanse, que nas terras do bisconde non se chega a pór o sol. Nin el sabe onde comezan e onde acaban. Isto todo é terra de Coura, e tamén lle chaman couto de Fraião. Entre tanto, foron dar alí os outros monteiros, que se arredaran coa caninea atrás dunha lebre que dobrara a lomba para a banda de Sampaio. Traían un nebrí e un esmerillón ensinados na falcoaría, mais aínda non houbera ocasión de soltalos. Aló para a media mañá, un porco bravo xurdira ao pé dunha breña de codesos. Mais xurdira tan de improviso que mal o viron lampexar entre o breixo, por un dos seus vieiros, e nun airiño púxose aló para a Cabração, en cuxos tesos, a avaliar polos latidos espazados, os cans lle perderon o rastro. Agora, malia a recacheira, a cada paso os podengos soltaban a súa fanfarra e os gritos dos cazadores («Cerca! Aboca! Aí, cadeliños bos!») resoaban alegres nas circunvolucións dos outeiros, por baixo do ceo lavado. O toxo, ás dúas marxes do regacho, dáballe a un home pola cintura; sobreiras e carrascos medraban en matas tan mestas que a caza facilmente se escapulía e tiña bo amparo onde se entobar. O licenciado era home corpulento e ben mantido. Visiblemente aborrecido coa angueira, sobe e baixa, breña após breña, avanzou devagar e bufando cara á estrada que levaba 25
de Romarigães a Agualonga. Como é propio do animal que Aristóteles chamaba político, isto é, que vai sempre tratando de si, rumiaba en allos e bugallos. Ora lle viña ao pensamento o porco bravo que escapara na fresca da ribeira, e dicía entón coa boca pequena: «Deixa andar, hai máis mareas ca mariñeiros. De aquí a uns días estou aquí achantado e vas ver o que é bonito. Mais é preciso cercar o mato e cortarche a retirada polo lado da serra. Ti volves, ai non! Na serra de Arga non tes landras coma aquí. A landra é o que te ha de perder!». E logo o maxín choutáballe a outro cuadrante: «Que quinta xeitosiña se facía destas bouzas! Facendade leite e mel, como entendían os antigos. Facenda, fa céndoa. Era cuestión de murar e despois estivadar». Ao subir pola verea que pasaba a medio monte, un bando de perdices tocou os alegres axóuxeres. Despediuse a cuadrilla, que lle foi atrás, e de novo viuse a soas baixo a cúpula espléndida do ceo, tan albadeada que parecía tintinar coma unha cunca de cristal cos propios latidos dos podengos. Volveuse para o gran baldío, vestido coa xerga ruza do mato, pespuntado de sobreiras, cerquiños e piñeiros, unha frondosa matogueira ao suroeste,todo a medrar á renda solta da natureza, irreprimiblemente, pese ao dente dos cabritos e á poda dos leñadores. A auga relucía aquí e acolá nas cárcavas das chairas e nos estiróns rectos dos regueiros, perdida e tan mal empregada que era abusar da bondade de Deus non a encamiñar para onde criase flores e froitos. E o sol, un sol forte e pesado, xenésico de todo, estomballábase sobre a terra á maneira dunha galiña choca sobre os ovos da postura. –Que quinta xeitosiña se facía aquí! –repetiu para si, fillo encuberto de labregos, a quen a patena e o cáliz non obliteraran o sentido da terra. 26
No alto, sobre o camiño, erguíase con humildade e tenrura o nicho da Nosa Señora do Amparo. Unha vez alí, sentou nunha pedra á espera dos seus. Dentro da edícula, a Virxe, co meniño aconchegado no colo, mirouno como miraba a toda a xente que se dirixía a el triste ou faltosa. Por moito que fose a nai solícita dos angustiados e oprimidos, pronta a levarlles socorro, había unha reixa de ferro entre ela e os mal intencionados. Mais na súa rudeza aldeá, capiña azul, chambra escarlata, observaba as persoas cun ollar claro que, penetrando nas almas, parecía inspirarlles obras certas e fortaleza. E o licenciado sorprendeuse dirixíndolle unha pregaria, el que, ao dicir misa ou ao rezar os responsos, tiña sempre o sentido noutros problemas, noutros asuntos, noutros lugares, e do que estaba máis lonxe era da idea que decorría morta e cadavérica nas súas oracións. E que pregaria agora era a súa! «Virxe Nosa Señora do Amparo, boa nai, facede que esta terra que se estende diante dos meus ollos de nacente a poñente e de norte a sur, terra que acudides coa vosa presenza inefable, veña ser miña. Se coa vosa graza se cumprise esta aspiración, eu prométovos unha capeliña decente e airosa, na que vos honren e veneren. Imaxinade, Virxe Santísima, a gloria que vos está reservada, serdes a rexia señora dunha linda e exuberante propiedade! Ouvídeme, emperatriz dos anxos e nai dos homes!» Cando chegou o seu primo Baltasar Canedo de Fróis, da Casa do Freixieiro, cunha perdiz suspensa polo garneato, non se deu contido: –Que quinta xeitosiña aquí se facía, primo Fróis! Todo o que se avista é do bisconde… Coido que ha de ser home para aforar… –Aforar non digo. É contrario á súa pragmática. Mais para vender. O primo preséntese como comprador… 27
E se ben o pensou, mellor o decidiu. Ao día seguinte botouse á serra –cabalgada de tres horas– cara a Vila Nova da Cerveira, onde daquela paraba o importante señor. Os seus privilexios de fidalgo de pendón e caldeira eran ilimitados. A casa tiña poder igual ao do rei para nomear oficiais en todo o couto de Fraião. Un albará rezaba así: «Por se achar vago o lugar de meiriño no meu concello de Coira, hei por ben facer mercé do cargo a Alonso Ruiz…». Malia a extensión latifundista do dominio, as rendas eran parcas e cobradas tarde, mal e a rastro. Algúns rendeiros tiraban das súas terras máis tegas das que lles medían nas tullas. Quen podería crer que uns anos por outros non trouxese de alí en décimos, rendas e foros, contados coa man esquerda, menos de dous mil ferrados? Tiña, con todo, os seus vasalos, xente brava para a guerra, capaz de rillar un penedo cos dentes, e presentaba cregos e abades en case todas as freguesías, fóra as que volvían aos herdeiros do doutor Gabriel Pereira de Castro e aos Barbosa de Lima, sen incluír São Miguel das Porreiras, coas dúas parroquias que dependían da vigairía da Mitra. Na de Romarigães, tamén, a xurisdición repartíase entre o abade de São Paio de Agualonga e o arcediago da Labruja. Era ademais, por tradición, propiedades e prestixio, o fidalgo máis temido da comarca de Entre-Douro-e-Minho. A súa vontade sobrepuxérase máis dunha vez á do monarca, como se viu no terrible altercado que mantivo cos veciños de Ponte de Lima, que non tiveron máis remedio ca aceptalo como gobernador. O bisconde, alén de parente do licenciado Gonçalo da Cunha, era amigo seu. Cando soubo da requesta, que este temperou co pretexto de que lle gustaría ter couto propio de caza, o vizconde atallou: –Eu mándoas coutar para si, reverendo primo. 28
–Podía ser que me tentase tamén estivadalas… –apuntou con timidez. –Se é para iso, doulle un consello: non me pida para aforar aquelas bouzas, mérquemas. Eu véndollas. Ao primo véndollas cos ollos cerrados. –Está dito. –Enténdase co mordomo. E así fixo. En boa e debida forma, coa sinatura do vizconde, adquiriu por catro patacos a grande extensión de terras –con todos os seus outeiros, regatos, matos e arboredos, libres e alodiais– que ían, ao nacente, da Portela Pequena da Labruja, serra dos Matacões adiante, boa parte do regueiro dos Ermos, ata a intersección, ao sur, do val e da aba da serra da Cabração no camiño de São Martinho de Coura polo norte, todo o arco de montes que se debruzaban sobre a estrada vella que levaba de São Roque a Ponte de Lima, e fechaban a poñente no reguengo da Freita. –Nin un condado! –dicíanlle as letras vermellas do misal, ao ler a epístola, no santo sacrificio do Domingo Terceiro.
29