Skip to main content

A brea de avelainhas G - Michael McCarthy

Page 1

1

UNHA FIESTRA SENLLEIRA

No verán de 1954, cando Winston Churchill ía minguando no seu ocaso como primeiro ministro británico, os franceses se retiraban derrotados de Indochina e Elvis Presley comezaba a cantar, a miña nai perdeu a cabeza. Eu tiña sete anos e o meu irmán John, oito. A nosa nai, Norah, tiña corenta e era mestra, aínda que deixara o ensino ao nacermos nós. Era de familia humilde, pero recibira bolsas de estudos e unha boa educación, lera moito e tiña gusto e talento literarios; intercambiara correspondencia con Pádraic Colum, aquel que escribiu She Moved Through the Fair, despois de que o poeta irlandés trabase amizade co seu pai, un empregado da mariña mercante, nunha viaxe transatlántica; e tiña unha novela estruturada (sobre un pediatra que era estupendo cos nenos pero terrible con todos os demais). Era agarimosa e amable ata a medula, totalmente abnegada e enteiramente honesta, e unha católica fervorosa. A súa cabeza comezou a fraquear durante as longas ausencias do meu pai, Jack, que era oficial de radio no Queen Mary. Aqueles eran os derradeiros días de gloria dos transatlánticos da liña 13


Cunard, e podería dicirse que a súa vida, coas súas regulares travesías entre Southampton e Nova York, tiña certo feitizo; dende logo, máis ca aquela que atopaba ao volver á nosa casa pequena, pegada a outra ringleira máis de casas, en Birkenhead –esa cidade que está diante de Liverpool, do outro lado do río Mersey–, para ficar dúas semanas cada tres meses. Non era agarimoso, nin como esposo nin como pai –non sabía como amar–, aínda que non era mal home, pero ocultaba a inseguridade que o acompañara dende sempre con fanfurriñadas, que, moi a miúdo, se tornaban en mal carácter. Os dez anos que levaban casados, segundo anotaron logo os médicos no parte clínico, foran «moderadamente felices». Nos longos períodos de illamento en que a miña nai nos coidaba soa, recibía un grande apoio da súa irmá, Mary, de boas intencións pero mandarina, e de Gordon, o seu dócil marido, que non tiñan fillos. Pero, en 1953, Mary e Gordon pasaron varios meses nos Estados Unidos cuns amigos –contemplaban emigrar aló– e foi entón cando a mente da miña nai, que daquela estaba aínda máis illada, comezou a se trastornar. Cando Mary e Gordon volveron, notaron un cambio nela e, entre finais de 1953 e comezos de 1954, Norah empezou a actuar dun xeito estraño. Un día desapareceu e atopárona a uns trinta quilómetros, despois de camiñar soa durante moitas horas. Conforme avanzaba o ano, cada vez estaba máis atribulada, e o clímax chegou no verán, ao se encomendar á Santa Nai Igrexa, que hai sesenta anos gobernaba estritamente as vidas das familias irlandesas católicas de Merseyside, e o pai Quinn, o férreo párroco da igrexa da Nosa Señora, determinou que a internasen. Ninguén se podía opoñer a aquilo porque ninguén comprendía o que lle estaba a pasar, máis alá da súa evidente axitación mental e do seu profundo desacougo. Así se sentía tamén o resto da familia: Jack, Mary, Gordon e outros parentes non só 14


estaban perdidos, senón que tamén se avergoñaban, pois isto pasou moito antes de que R. D. Laing convertese os enfermos mentais en mártires; e o mellor que deu feito o meu pai foi pedir un préstamo para que ela accedese pola vía privada. E alá foi ela ao hospital psiquiátrico, de onde, como me dixeron moito máis tarde, daquela non se adoitaba saír. E esa puido ser a súa situación, pois os médicos que a trataron estaban igual de perplexos e eran incapaces de lle ofrecer outra cousa que non fose terapia electroconvulsiva, electrochoques de alta voltaxe na testa, unhas sesións antes das cales ela pensaba que ía morrer; porén, despois de varias semanas, un día, así porque si, un psiquiatra especialmente perspicaz captouno de súpeto e abriu unha vía no seu espírito angustiado que preparou o camiño para a súa posterior recuperación (unhas circunstancias que eu descubrín corenta e un anos despois, ao contactar co hospital e achar que, por obra dun milagre, aínda gardaban as súas anotacións, que tiveron a ben entregarme). Así, despois de case tres meses, Norah volveu, pero, ao marchar ela en agosto, a nosa vida familiar voara en mil anacos. O meu pai non fora capaz de mantela unida; era unha figura distante e con mal xenio, impaciente con John e comigo, e, de calquera xeito, seguía en alta mar, polo que Mary se fixo cargo de nós. Vendeu a nosa casa –vendeu a nosa casa!– e levounos á súa, en Bebington, un arrabalde próximo, e deunos cariño, pero o dano xa estaba feito. A estabilidade de John quedara destruída. Décadas máis tarde coñecín a que fora a súa mestra, a señorita Dowling, e contoume que, cando comezaran as clases en setembro, John quedaba mirando fixamente cara a diante e se poñía a dobrar regras de madeira coas mans ata rompelas, unha tras outra –tiña oito anos–, e ela dixéralles aos compañeiros que se portasen ben con John e que non se risen del, que estaba moi triste porque a súa nai marchara. A partir daquela, 15


a súa inestabilidade acompañouno toda a vida e, por iso, custoulle facerlles fronte a todos os aspectos da existencia (á parte do piano, do cal era dono). John pagou o prezo da clarividencia. Non de xeito racional. Ninguén comprendeu racionalmente o que lle pasara a Norah, ninguén en absoluto, ata que fun dar coas súas anotacións do hospital media vida despois. Pero John, un rapaz sensible pouco máis vello ca min, comprendera todo coas súas emocións. El sentía o que lle estaba a pasar e defendeuna con unllas e dentes ante uns adultos pasivos, indefensos e incapaces de comprender, e o que el sabía era máis do que podía soportar. O meu era peor que falta de comprensión; o meu era indiferenza. Aos sete anos, non me importaba o máis mínimo perder a miña nai. Que raro semella, así escrito. Moitos anos despois, cando comecei a falar do asunto, a tentar aclararme, aprendín que aquilo fora unha estratexia de afrontamento. Manda truco, pensei. Así que tiña unha estratexia de afrontamento? Todo o que lembro ter é nada. Non me afectaba, nin chisca, que ela marchase sen promesa de retornar; e esa actitude permaneceu latente durante a miña infancia, a miña adolescencia e ben entrada a idade adulta, ata que ela morreu, a miña nai, coa que daquela xa tendera pontes e á que chegara a adorar por riba de todos, e entón decateime de que non podía chorala. Do mesmo xeito que fun indiferente cando ela marchou por primeira vez, decateime, consternado, de que tamén era indiferente agora que marchara para sempre; e a vida que eu construíra, feliz e despreocupado, sobre fendas ben abertas, finxindo que non estaban aí, comezou a se esfiañar, e emprendín un longo camiño cara a outra parte. Pero, en agosto de 1954, non houbo problema ningún. Non houbo emocións. A John foille dificilísimo, estaba triste a diario, berraba, pero para min non había nada, era coma se, ao irmos 16


vivir con Mary e Gordon, á miña alma lle pasasen o ferro, sen unha soa onda ou engurra. Vivían nunha rúa curta e sen saída chamada Sunny Bank e, como estaba nos arrabaldes, era moito máis verde ca a nosa casa de Birkenhead. As casas tiñan xardíns á entrada e, do muro dunha delas, dúas portas máis alá, penduraba unha lila de verán. Hai plantas famosas polas súas propiedades para sandar e plantas coñecidas por ser velenosas, e hai outras que nos son familiares porque as consumimos e outras porque usamos as súas fibras, pero non moitas se coñecen precisamente por atraer dun xeito poderoso unha especie animal. Pero unha delas é a Buddleja davidii, descuberta nas montañas chinesas polo pai David, un xesuíta francés nómade e naturalista (o mesmo que introduciu en Europa o primeiro panda xigante, entre outras moitas especies salvaxes exóticas, como o cervo que leva o seu nome); e eu tropecei con esa propiedade da planta cando, unha mañá radiante, ao pouco de chegarmos, saín correndo da casa de Sunny Bank para xogar e me atopei co alto arbusto recuberto de xoias, xoias do tamaño da miña man de sete anos, xoias que escintilaban cunhas combinacións de cores cegadoras: escarlata e negro, granate e amarelo, rosa e branco, laranxa e turquesa. A lila de verán estaba ateigada de bolboretas. Eran, na súa maio­ría, exemplares do cuarteto de ninfálidos propio do verán tardego en Inglaterra, feiticeiras comúns, paxara, estrugueiras e feiticeiras dos cardos, que, en agosto, se aprovisionan para hibernar ou migrar durante o inverno: as máis vistosas de todos os lepidópteros de Gran Bretaña, chocando unhas con outras sobre as espigas, grávidas de flores de cor violeta, na súa ávida busca de néctar. Eu ollábaas. Estaba engaiolado. Os meus ollos acariñaban as súas cores igual ca unha man acariña un mico. Como podía haber semellantes tesouros viventes? E, así, cada mañá daquel 17


verán caloroso pero que ía camiño xa de se esvaecer, mentres a miña nai sufría en silencio e o meu irmán berraba, eu corría tras delas, sen me cansar nunca de mirar aqueles espíritos que voaban por libre, cunhas ás relucentes coma bandeiras, aos que a lila de verán semellaba milagrosamente domesticar e lles impedir que visitasen outras plantas, facéndoos escravos das súas propias flores co poder inconcibible do seu néctar. Eu tamén o ulía, doce coma o mel, mais cunha levísima nota de acedume. E atraía aqueles visitantes prodixiosos. Prodixiosos? Electrizantes, iso eran. Enchían o espazo que deberan ocupar os meus sentimentos. E, dese xeito, a través desa senlleira fiestra, cando eu era un rapaz esfameado en pantalóns curtos, as bolboretas adentráronse na miña alma. h Que poidamos amar o mundo natural, en lugar de ser cautos con el ou instintivamente conscientes da súa utilidade, podería percibirse como un lugar común; pero, a medida que pasan os anos, paréceme un fenómeno cada vez máis destacable. Pois, ao fin e ao cabo, non é máis ca o noso escenario de fondo, o noso contexto, o medio de que, igual ca todas as demais criaturas, xurdimos. Por que ía ter que espertar en nós máis emocións ca aquelas, como o medo e a fame, que se precisan para sobrevivir? Pode a londra amar o seu río? Así e todo, o caso é que o mundo natural nos pode ofrecer máis que medios para sobrevivir, por un lado, e riscos mortais que cómpre evitar, polo outro: pódenos brindar gozo. Aínda que creo firmemente que esta é unha das principais cuestións da nosa vida –nunca máis importante que agora–, as súas orixes semellan bastante misteriosas, como, dende logo, a forza que pode exercer. A capacidade de sentírmonos arrastrados, 18


entusiasmados, por un aspecto da natureza como as bolboretas..., a ver: é algo que está na propia natureza ou en nós? Antigamente, o cristianismo tiña unha explicación a punto: o noso gozo ante a beleza e a vida terrestres era o noso gozo ante a obra divina do seu creador. Pero, conforme o cristianismo se esvaece, o feito innegable de que o mundo natural pode espertar amor en nós tórnase máis ben nun enigma. É moito máis doado de ver por que produce outras emocións poderosas, por exemplo, coas grandes bestas. A primeira que vin en estado salvaxe foi un rinoceronte negro, en Namibia. Estaría a uns cen metros de min: unha tonelada de potencia bicorne mirándome desafiante sen que entre nós houbese máis ca uns arbustos baixos; e, aínda que eu sabía que o rinoceronte non tiña boa vista, as orellas, extremadamente sensibles, contraíanselle con espasmos como antenas de radar, tentando detectarme e enfocarme, e eu quedei petrificado: batíame o corazón, secoume a boca e mirei derredor en busca de abeiro. Pero, malia que tiña medo, atravesábame un sentimento aínda máis vigoroso e estraño. O sentimento de estar máis vivo en todos os sentidos. Sentíame máis vivo ca nunca. Ao día seguinte, vin un búfalo africano por primeira vez, unha gran masa negra ameazante que me puxo aínda máis nervioso do que me puxera o rinoceronte, pero sentín xusto a mesma sensación: mesturada coa ansiedade, co medo de morrer –pois un búfalo, se quere, mátate–, estaba a sensación, a carón do animal, de estar a vivir con máis intensidade, de vivir, dalgún xeito, case a outro nivel. E, cando aquel mesmo día, algo máis tarde, no leito seco dun río que había preto de min, vin o meu primeiro elefante en liberdade, o máis perigoso de todos eles, volvín sentir, entretecida coa cautela, algo semellante á paixón. Eses sentimentos son, de seguro, moi antigos. Están apousentados no máis profundo dos nosos tecidos e emerxen para 19


nos sorprender. Pois o feito é que esquecemos as nosas orixes; nas nosas cidades grandes e pequenas, co ollar fixo nas nosas pantallas, precisamos que nos lembren constantemente que levamos unha soa xeración empregando ordenadores e tres ou catro traballando en oficinas con luces de neon, pero levamos cincocentas labrando as leiras e, antes diso, xa foramos cazadores-recolledores durante, talvez, cincuenta mil ou máis, vivindo co medio natural como parte del a medida que evolucionabamos. E ese legado non se pode suprimir. É a esas cincuenta mil xeracións ás que se remonta a nosa fascinación polas grandes bestas. A súa magnificencia espértanos asombro, o asombro que aínda perdura dos nosos devanceiros que as perseguían, cheos de medo e esperanza, e que, con fervor, pintaban as súas imaxes nas paredes das covas. Nas paredes rochosas de Lascaux e Chauvet, onde o medo e a esperanza se fusionan en devoción, atopamos perspectivas abraiantes dun mundo de xente que marchou hai moito, e cuxas vidas xiraban arredor de animais perigosos e da súa matanza, e que, polo tanto, tiveron que vivir, coa mortalidade sempre presente, a ese nivel elevado e apaixonado que aínda sentimos nós ao encontrármonos diante desas grandes bestas nos seus medios naturais. Con todo, hai unha idea peregrina que me rolda a cabeza, que me axexa, que se nega a marchar: os cazadores-recolledores tamén tiveron que ver bolboretas. Eran indiferentes? Todos eles? Tamén aos papilónidos? Dalgún modo, dubido que sexa o caso. Penso que tivo que chegar un momento en que eses seres tan improbables e brillantes chamasen a atención dos seus observadores, mesmo daqueles obsesionados coa supervivencia e a violencia e mais a morte; tivo que chegar un momento na Prehistoria en que alguén, por primeira vez, agardase a que un 20


papilónido se pousase para ollalo mellor e se marabillase entón co que tiña ante si. h A infancia non se axusta a un molde, malia que adoitemos pensar que si. Temos modelos de vidas humanas na cabeza, de como deberían comezar, chegar á madurez e rematar; en definitiva, de como deberían desenvolverse; e, a miúdo, tentamos atoparlle sentido á nosa propia experiencia cadrándoa cun modelo ou outro, vendo ata que punto difire ou se corresponde. Pero, en realidade, as formas da nosa experiencia son, por suposto, infinitas. Xa vivín a maior parte da miña vida. Tiven a sorte de aprender a reparar unha fracción considerable do dano dos primeiros anos e, o que quizais sexa máis importante, a vivir en paz co irreparable: unha vez que saïamos John e mais eu, outro luns máis pola mañá, dunha tensa sesión para desenguedellar vellos tormentos, díxenlle que os gregos nos deran a política e a historia e o teatro, pero xamais se lles ocorrera a terapia familiar, e el sorriu en sinal de acordo. E pode que esa idea de vivir en paz xunto coa anomalía sexa o que me permitiu aceptar a estraña circunstancia de que fose nunha época de axitación, e de grande infelicidade, cando, por primeira vez, sentín apego cara á natureza; de que, mentres o meu vínculo infantil coa miña nai se partía en dous, eu andaba preocupado por insectos. E acéptoo: tiña sete anos e a culpa non era miña e, ademais, o atractivo das bolboretas enfeitizou mentes moito máis relevantes ca a miña, aínda que diría que quizais non moitas que nun determinado momento fosen máis susceptibles. O meu espírito, pechado a todo o que estaba a pasar en realidade, era unha folla en branco, aberta a impresións, e o negro e o escarlata 21


da feiticeira común pintáronse nela de xeito indeleble, igual ca as brillantes cores das súas primas. Apresado como estaba por un fervoroso entusiasmo, funlle co conto á Mary, que me mercou, solícita, a guía de bolboretas The Observer’s Book of Butterflies como parte da súa campaña para que eu a aceptase como nai substituta. («Ides ter moitos agasallos!», anunciou ao collernos no colo e arramplar connosco.) Ao pasar aquelas follas anticuadas, mentres a miña nai estaba noutra parte e sen que eu soubese onde, comecei a me marabillar aínda máis coas imaxes de especies con que só podía soñar, algunhas das cales non só posuían un aspecto maxestoso, senón que, en inglés, tamén recibían nomes asombrosos: o duque de Borgoña! (á que en galego lle chamamos cancareira), o em­perador púrpura! (a nosa irisoido grande), a raíña de España axadrezada! (a nosa espelliños). Oh, ousado mundo novo, que semellantes criaturas acolle! E, nas vindeiras semanas e meses, aquel entusiasmo floreou e afondou, se ben foi un ano traumático, pois, en outubro, despois de que o único médico con tino o permitise, Norah saíu do hospital, bastante ben como para marchar, pero en ningún caso ben de todo, e veu vivir con todos nós en Sunny Bank ata que, outra vez, puidemos mercar unha casa propia. Iso era algo co que Mary non contaba. Ela pensaba que a súa irmá se fora para sempre. (Igual que pensaba, probablemente, a maioría da xente.) Estaba máis que preparada para se ocupar de dous rapaces, dunha familia propia así de súpeto, e quizais, en segredo, estivese mesmo encantada de facelo, pero a nova situación, que a efectos prácticos significaba compartir a súa casa con outra familia que daquela estaba moi conturbada, era un panorama ben distinto e, porén, un que estaba obrigada a aceptar. No fin de contas, ela vendera a nosa casa. 22


Pola súa parte, Norah, co ánimo do máis sensible e sen fortaleza ningunha, non só se sumira no purgatorio por mor da súa doenza orixinal, senón que a propia experiencia de se ver encarcerada e privada dos seus fillos tamén a alterou profundamente. (Moitos anos despois, contoume que pensaba que xa non nos ía ver nunca máis e que só atopou consolo nos dous angustiados sonetos de Gerard Manley Hopkins, eses que comezan por «Nada peor, non o hai» e «Esperto e sinto a caída da escuridade, non o día», porque, polo menos, lle amosaban que outros estiveran no seu mesmo lugar e sobreviviran.) O seu equilibro estaba esnaquizado e, cando saíu, estaba temorosa e receosa, e cría que a xente ía falando dela pola rúa. (E pode que si.) O máis difícil de todo foi volver, non aos coidados dun marido agarimoso –pois estaba nalgunha parte do Atlántico Norte, ceando á mesa do capitán–, senón como inquilina na casa dunha irmá que, como quizais pensase ela nese estado tan axitado, lle tentara roubar os seus fillos. Era unha dinámica explosiva. Obrigadas a convivir, Mary e Norah levábanse a matar. Foi un ano cheo de berros, rifas tormentosas e desgustos que fixeron que John tolease co desacougo. Lembro algúns relampos. Lembro a Norah tentando empurrar a Mary pola escaleira cun ollar estraño na faciana e a Gordon berrándolle non sei que da súa irmá. Pero, outra vez, todo aquilo a min pouco me interesaba: fose unha estratexia de afrontamento ou o que fose, o que a min me preocupaba era a granxa de bolboretas que tiña en Bexley (Kent) L. Hugh Newman, Esq. –o curioso capricho da inicial diante do nome engadíalle, dalgún xeito, certo misticismo–, provedor de eirugas das máis espléndidas bolboretas británicas que cabía desexar, que un podía coidar na casa ata que se metamorfoseasen. No seu catálogo, o señor Newman referíase ás eirugas e ás bolboretas adultas que vendía como «gando», outra cousa máis 23


que me atraía e me espertaba curiosidade, e coa primavera de 1955 á volta da esquina, enviei un xiro postal por valor de cinco xilins para pedir algúns exemplares dese gando e recibín debidamente un tubo de cartón con dúas eirugas de irisoido grande sobre unha poliña de salgueiro, de cuxas follas se alimentaban. Morreron antes de se metamorfosear. E o mesmo ocorreu cunha segunda parella. Era evidente que eu estaba a facer algo mal. Pero non era por falta de ardor. As bolboretas adentráranse de verdade na miña alma. Eran seres aos que me sentía moi vinculado –podería describir, daquela, a sucesión de diminutas medias lúas turquesa nas beiras inferiores das ás da estrugueira– e supoño que me obsesionaría coas bolboretas de por vida e me consagraría a elas minuciosa e compulsivamente en prexuízo de todo o demais, coma o personaxe de Frederick Clegg en The Collector (O coleccionista), de John Fowles, de non ser porque a miña nai me amosou o camiño cara a un mundo máis amplo. Foi pouco despois de que ela e o meu pai puidesen, por fin, atopar outra casa propia, en novembro de 1955, de xeito que marchamos de Sunny Bank tras todas aquelas desavinzas e tentamos comezar de novo. Fíxoo cun libro. Era un agasallo de Nadal daquel ano, suscitado, imaxino, polo meu entusiasmo polas bolboretas; pero, mentres que Mary talvez buscase outro libro sobre lepidópteros, Norah escolleu outra cousa, e aínda me pregunto que atinado instinto a levaría ata aquilo, ata a primeira historia de verdade que caeu nas miñas mans, cuns personaxes ben construídos e cun argumento, pois naquela historia mergulleime deseguida. Era épica, no senso antigo e preciso da palabra: unha extensa narración de aventuras heroicas. Pero non a grande escala, non como a Ilíada e a Odisea, principalmente porque os seus heroes eran gnomos. Titulábase The Little Grey Men (Os homiños grises), e o seu propio autor asinaba tan só coas iniciais «BB»; o seu 24


verdadeiro nome era Denys Watkins-Pitchford, aínda que tardei moitos anos en descubrilo. Dende a primeira páxina, quedei mergullado no mundo dos seus personaxes principais: Gorgo, Xistro e Aquileo (todos con nomes de flores silvestres máis ben infrecuentes en Inglaterra). Eran uns suxeitos moi pequenos, de entre trinta e corenta e cinco centímetros de estatura, cunhas barbas longas e esponxosas. Gorgo, o máis vello, tiña unha pata de pau. Pero aqueles gnomos eran distintos dos que un podería agardar atopar no xénero da alta fantasía que tanto nos obsesiona nos últimos anos, con Harry Potter, O señor dos aneis e demais imitadores. Aqueles non tiñan poderes máxicos. Non se baseaban na fantasía, senón no realismo. Malia que podían conversar coas criaturas salvaxes que tiñan derredor –a única concesión do autor ante a idea de diferenza gnómica–, vivían e afanábanse por vivir no mundo do mes­mo xeito ca nós, preocupados por achar alimento dabon­ do e por se manteren abrigados. Pero había algo máis: eran unha especie en extinción. Eran os derradeiros gnomos que ficaban en Inglaterra. Lembro o estremecemento que sentín ao ler por primeira vez aquelas palabras. Penso que foi unha percepción incipiente, mesmo para un rapaz de oito anos, da natureza paralizante da fin das cousas. Estaba claro que non ían sobrevivir á axexante urbanización nin á modernización da agricultura que, xa daquela, estaban a se estender polas zonas rurais. Eran anacronismos. O mundo apartárase deles: igual ca os personaxes de Dous homes e un destino, os seus días chegaran á súa fin. Aínda máis valente foi, pois, a súa decisión de emprender unha grande aventura, unha expedición para atopar o seu irmán perdido había tempo, Amora –Ai, Amora! Que triste!–, que endexamais retornara despois de marchar en busca da orixe do regato de Warwickshire, 25


o Folly Brook, á beira do cal vivían, nas espazosas raíces dun carballo. Eu estaba totalmente cativado pola súa procura, e polo seu inesperado desenlace; e tamén por Down the Bright Stream (Río claro abaixo), a secuela, que pedín e me trouxeron polo Nadal ao ano seguinte. (No segundo libro, a crise existencial dos gnomos alcanza o seu clímax; afróntana dun xeito moi orixinal e, finalmente, con éxito.) Pero eu captei algo máis ca o argumento. Nunha primeira lectura, interioricei o medio en que se desenvolvían as andanzas. Era o contrario do d’O señor dos aneis, cos seus señores escuros e magos, as súas fortalezas e montañas, os seus grandes exércitos batallando. Non era máis ca Warwickshire, o frondoso Warwickshire, o condado de Shakespeare, e o Folly Brook, cos seus picapeixes e londras e carpas, e os seus lagarteiros pairando no alto; un campo pequeno e íntimo e encantador, coas súas criaturas pequenas e íntimas e encantadoras, enérxicas nas súas vidas e interaccións. E eu namoreime daquilo, e namoreime do mundo natural. Fun máis alá das bolboretas para me adentrar na plenitude da natureza. Tiven unha sorte inmensa: descubrina xusto á fin do que se podería denominar a época da abundancia natural (polo menos, no meu país, en Inglaterra). Foi varios anos antes de que a gandaría intensiva esganara a terra –antes de que a detestable vagada de praguicidas organoclorados e organofosforados comezase a bañala e a queimala igual ca o ácido queima un corpo– e aínda persistía algo que dabamos por sentado pero que era marabilloso: a profusión natural. A lila de verán estaba chea de bolboretas aquel agosto en que as topei por primeira vez. Non é que idealice a miña infancia. Lémbroa con claridade. Dalgún xeito, aquela profusión era o centro da atracción. Non creo que daquela me puidese afectar da mesma maneira unha soa feiticeira común, malia ser unha marabilla da creación. Daquela 26


había grandes cantidades de moitas cousas. Os xardíns dos arrabaldes estaban acugulados de tordos. Había lebres brincando por todos os pastos. Os ríos enchíanse en primavera de enxames asombrosos de efémeras. E as lavercas ateigaban o aire, e as papoulas, os campos, e, se as bolboretas asolagaban os días de verán, as avelaíñas asolagaban as noites de verán, e, ás veces, había tales cantidades de avelaíñas que chegaban a cubrir por completo os faros do coche coma folerpas nunha xistra, e, entón, desencadeábase unha verdadeira brea de avelaíñas e, ao rematar o traxecto, había que limpar o parabrisas, había que retirar cunha esponxa a abraiante riqueza de vida. Foi a ese mundo, ao mundo da brea de avelaíñas, ao que de mozo lle xurei lealdade. h Pero o século xxi vai ser terrible para o mundo natural co que de mozo desenvolvín un vencello tan forte. Son un baby boomer, pertenzo a esa xeración nacida no rico Occi­dente xusto despois da Segunda Guerra Mundial, a xeración que chegou á idade adulta mentres nos anos sesenta estalaban novas liberdades, e cuxos membros pensaban que herdaran o dominio do Universo polo mero feito de ser novos. E quizais si. Os primeiros anos foron tan estimulantes que a miña xeración quedou totalmente definida por eles, ata hoxe. O rock and roll marcounos tanto como as dúas guerras mundiais marcaron os nosos pais e avós (a música fíxonos a todos correlixionarios, permitiu que todos nos unísemos e sentísemos que estabamos a participar xuntos nese sacramento que era a xuventude). Pero, agora que chegamos á fin dos nosos días, está comezando a se manifestar unha categoría distinta que nos é atribuíble: 27


fomos a xeración que, no longo decurso das nosas vidas, viu unha sombra que se abatía sobre a face da terra. A ver. O noso mundo está baixo unha ameaza sen precedentes por un mal que as xeracións anteriores non previron: a magnitude dos actos humanos. Ao longo dos séculos, ao estudarmos os asuntos humanos, a nosa atención estivo fixa na súa dirección, na improbable e prodixiosa viaxe dende o biface de sílice ata a Lúa, pasando pola alfabetización e a medicina e o Estado de dereito; e, cativados polo apaixonante curso da devandita empresa, non advertimos que as súas propias dimensións se nos estaban a botar enriba. Fomos observadores despreocupados do estanque de nenúfares, dese prezado estanque onde os nenúfares, apenas perceptibles ao principio, duplican a diario a súa extensión. Pode que tarden cincuenta días en cubrir a metade da superficie, pero o que non captamos é que, para encher a metade restante, non precisan máis ca un só día. Velaí a aceleración súbita e apresurada do crecemento exponencial. Colleunos a todos por sorpresa. Despois do longo desdobramento da historia humana, despois de todos os milenios de historia e prehistoria, aconteceu en tan só catro décadas, abranguidas perfectamente nunha única vida humana; sen ir máis lonxe, dentro da miña: entre a miña adolescencia e madurez, entre 1960 e o 2000, a poboación mundial duplicouse, de tres a seis mil millóns. (Logo engadíronse outros mil millóns na seguinte década e, nas catro vindeiras, medrará outros tres mil millóns.) E non só os números proliferaron, sobre todo nos países máis pobres; nos estados máis ricos, o consumo estourou a medida que estes se ían enriquecendo aínda máis, e os baby boomers, a xeración máis afortunada que endexamais viviu, aceptouno de boa gana; e, no mesmo período en que a poboación se duplicaba, a economía mundial chegou a ser máis de seis veces superior. Visto en retrospectiva, semella 28


o acontecemento histórico de maiores consecuencias da segunda metade do século xxi, dunha relevancia máis decisiva aínda ca o desenvolvemento e o inzamento das armas nucleares ou a retirada dos imperios ou o conflito árabe-israelí ou o fracaso do proxecto socialista. Cando comezaron por primeira vez os humanos, criaturas do xénero Homo, a modificar o mundo de xeito medible? Case con seguridade foi cando as persoas de anatomía e comportamento modernos, é dicir, os membros da especie Homo sapiens, saíron de África haberá, talvez, uns sesenta mil anos e empezaron a se estender cara ao leste por todo o mundo, ata Asia, logo baixando cara a Australasia, despois de volta cara ao noroeste ata Europa e, finalmente, pola ponte terrestre de Bering dende Siberia ata as Américas. Eles –nós–, marabillosamente avanzados dada a súa capacidade de linguaxe, desprazaron e, case con certeza, aniquilaron as especies anteriores de humanos que se espallaran dende África moito antes ca eles, o Homo erectus en Asia e os neandertais en Europa (que quizais non posuísen unha fala desenvolvida de todo); e, mentres andaban traballando niso, inflixíronlles un destino similar aos animais enormes que, durante millóns de anos, evolucionaran en todas as partes ata se situar no estrato superior dos mamíferos e marsupiais, unha posición que aínda mantemos hoxe. Apenas pensamos neses behemoths extintos. Deberiamos. Foi un masacre sen parangón. A finais do Plistoceno, a longa época das glaciacións, os humanos, caza­ dores-recolledores, exterminaran grupos continentais enteiros de grandes bestas, como lle ocorreu á megafauna australiana co seu vombate de dúas toneladas –un diprotodonte– ou á megafauna de América do Sur co seu preguiceiro terrestre, dos que Darwin atopou fósiles, ou á megafauna de Eurasia co seu alce xigante irlandés, que, coas súas cornas de tres metros de ancho 29


e tres de alto, lle corta a un a respiración ao ver un exemplar no atrio da Facultade de Bioloxía da Universidade de Durham. Ninguén sabe ben, por suposto, o que pasou, e algúns paleontólogos cren que os responsables puideron ser os cambios no clima, pero os argumentos máis convincentes amosan sólidos indicios de que foron os humanos os que acabaron con eles; fomos nós. Vinte, trinta, mesmo corenta mil anos atrás, xa estabamos a transformar o mundo que nos rodeaba, estabamos a destruír a grande escala; e as nosas poboacións eran minúsculas. Cal debe ser o efecto, pois, cando na nosa enérxica viaxe ascendente non só avanzou a tecnoloxía de modificación terrestre, do biface á motoserra, da omoplata de cervo ata a niveladora, do anzol ata a rede de deriva quilométrica, e da lanza ata o rifle automático, senón que nós mesmos tamén medramos en número dun xeito que só pode describirse como descomunal? É unha cousa extraordinaria: estamos a desfacer a Terra, do mesmo xeito que os atracadores ás veces esnaquizan deliberadamente unha casa. É un momento estraño e terrible da historia. Nós mesmos, que dependemos absolutamente dela, estamos a destruír de todo a biosfera, a fina capa de vida que envolve o planeta, e degradamos rapidamente a atmosfera que temos enriba e o océano que temos embaixo, e o chan que hai no medio e todo o que este sostén; agarrámolo, rachámolo, espallámolo, arrincámolo, queimámolo, triscámolo, cagamos nel. Máis da metade das selvas xa desapareceron; o uso de praguicidas decimou as flores silvestres e as poboacións de insectos no agro e os ríos; os leitos oceánicos están profundamente degradados e a maioría dos bancos de peixes atópanse a uns niveis de risco; a acidez do océano aumenta de xeito constante; os arrecifes de coral son atacados por moitas frontes; 40 000 millóns de toneladas de carbono –axente do cambio climático– sobrecargan a atmosfera cada ano; e, na actualidade, unha quinta parte 30


(e estase a incrementar) de todos os vertebrados –mamíferos, paxaros, peixes, réptiles e anfibios– está en perigo de extinción. Moitos están a piques de desaparecer, se é que non desapareceron xa. En 1988 descubriuse o rinoceronte de Xava, un dos apaixonantes segredos das selvas de Indochina que a guerra mantivera durante moito tempo fóra de alcance, e en 2010 xa estaba extinto, masacrado para obter as súas cornas, que, segundo cre a medicina asiática tradicional –de xeito bastante errado–, son unha cura para o cancro. Co dodo convivimos o triplo de tempo. En 2010 revelouse que a poboación inglesa do rousinol, a ave á que máis versos se lle teñen dedicado na poesía universal, se reducira un 90 por cento ao longo de corenta anos; é dicir, desaparecera de nove de cada dez sitios onde cantaba no momento en que os Beatles se separaron. O atún vermello do Mediterráneo, un peixe magnífico en canto á forma e funcións, pero que, por desgraza, tamén é delicioso, semella verse condenado á fin polo apetito dos amantes do sushi. As sete especies de tartarugas mariñas están en perigo, tres delas en estado crítico. E os anfibios van esvarando xuntos pola empinada ladeira do esquecemento: o sapo dourado dos bosques nebulosos de Costa Rica é famoso pola súa desaparición, mentres que a ra de Zetek, en Panamá, quizais non sexa famosa, pero igualmente desapareceu. As perdas están por todas as partes, e aquilo que define o mundo natural no século xxi xa non é a beleza, nin a riqueza, nin a abundancia, nin, por dicilo así, a forza da vida: é a vulnerabilidade. Toda insistencia é pouca: estas perdas non están causadas por acontecementos naturais, como os tsunamis ou as erupcións volcánicas. Son obra da xente –obra nosa– e, conforme nós e mais as nosas necesidades continuemos medrando, o mesmo ocorrerá coa devastación. As causas inmediatas pódense enumerar facilmente –vemos que son a destrución dos hábitats, 31


a contaminación, a explotación ou a caza excesivas, os estragos causados polas especies invasoras e, cada vez máis, o cambio climático–, pero a causa principal desta gran ruína que se está propagando segue a ser o Homo sapiens: tan só unha das innumerables formas de vida que irradia a Terra e cuxos números, que estalaron ata exceder a capacidade que ten o planeta para soportalos, avanzan agora decididos camiño de destruíla. A modo de coincidencia histórica curiosa, no mesmo instante en que a explosión numérica estaba comezando, concedéusenos unha nova visión da Terra, o planeta ao que esa explosión lle ía afectar dun xeito calamitoso. Podemos datala: a Noiteboa de 1968. O responsable directo foi William Anders, un astronauta estadounidense, membro do equipo de a bordo do Apolo 8, a primeira nave espacial tripulada que saíu da órbita terrestre e deu a volta á Lúa. Cando, o 24 de decembro, el e mais os seus compañeiros Frank Borman e Jim Lovell apareceron coa súa nave por detrás da cara oculta da Lúa, atopáronse cunha visión sorprendente diante deles: unha esfera azul exquisita suspendida na negrura do espazo. A fotografía que tomou Anders coñécese como Earthrise ou Espontar da Terra, e foi, sen dúbida, un dos máis profundos acontecementos na historia da cultura humana, pois, nese momento, por primeira vez, viámonos dende unha distancia, e a Terra, nese baleiro escuro que a envolvía, semellaba dunha beleza e dunha fraxilidade imposibles. Pero, por riba de todo, puidemos ver con claridade que era finita. Non temos esa impresión ao estarmos sobre a súa superficie: a terra ou o mar esténdense ata o horizonte, pero sempre hai algo máis alá. Dá igual cantos horizontes crucemos, sempre haberá outro agardándonos. Mais, ao divisar o planeta dende as profundidades do espazo, non só vimos o verdadeiro prodixio da súa beleza azul rutilante, senón tamén a verdadeira natureza dos seus límites. Enteira, para nada grande –os astronautas do 32


Apolo 8 podían tapala coa unlla do polgar– e, case con total seguridade, illada. Ela soa. Ningún outro lugar, nesa interminable negrura, ao que podermos ir se levantásemos o campamento. Grazas a Espontar da Terra, agora comprendemos iso de xeito intuitivo, nas nosas almas: o que estamos a estragar é o noso fogar. h A idea de que quizais se poida facer algo ao respecto, de que quizais se poida atopar un xeito de frear a vagada de destrución humana por todo o mundo, constituíu un dos grandes desafíos morais e intelectuais do último cuarto de século, posto que as presións implicadas son difíciles de controlar e máis ben poucos recoñecen por completo o propio problema. Esas persoas adóitanse clasificar como ambientalistas ou conservacionistas. Están en todos os países e acostuman facer ruído e ser influentes, pero en termos globais son escasos. Á maioría da xente común dálle igual, pois as consecuencias aínda non se lle presentan (malia que si o farán), e ademais as persoas están centradas, como é natural, nas súas propias preocupacións, que a miúdo semellan bastante inofensivas, e non captan que a esencia do problema que está por vir son as súas propias decisións a título individual, multiplicadas por sete mil millóns de veces. Ademais, a destrución do fogar da humanidade polas propias accións humanas non é algo que o noso sistema de crenzas actual, que poderiamos denominar humanismo secular liberal, poida soportar en condicións –é dicir, afrontar–. Ese credo, imperante dende a Segunda Guerra Mundial, persegue un único e honroso propósito: promover o benestar humano. Quere que a xente de todo o mundo estea libre de fame e medo e enfermidade e, na medida do posible, viva feliz e realizada. É ético 33


e respectable. É admirable. Pero hai un burato no seu eixe: non recoñece que os seres humanos non teñen por que ser bos. E menos aínda admite que, de feito, pode que haxa algo intrinsecamente desacougante no ser humano como especie: que talvez o Homo sapiens sexa o fillo problemático da Terra. O certo é que moitos se indignarían ante esa insinuación, pois a pobreza e a fame e a enfermidade xa son bastante terri­bles como para, aínda por riba, propoñer que a xente, en conxunto, posúe en certo sentido algunha tara. Pero para a moral dos gregos, os fundadores da nosa cultura, era unha idea central. Había un problema constante co home. O home era glorioso, case divino, e sempre estaba a se esforzar por ascender; así e todo, só os deuses estaban en realidade Alá Arriba e, se o home tentaba subir demasiado, como a miúdo ocorría, os deuses destruíano. Os deuses representaban os límites do home. Pensamos, por suposto, en Ícaro, pero hai leccións máis profundas que aprender. O principal erro de Edipo en Edipo rei, de Sófocles, non foi asasinar o seu pai e casar coa súa nai; esas foron as continxencias do seu destino. O seu verdadeiro erro foi pensar que sabía todo. Como resolvera o enigma da Esfinxe, era sen lugar a dúbidas un sabio, mais os deuses amosáronlle que non era así (e, na maior de todas as ironías tráxicas, Edipo arrinca os ollos como castigo pola cegueira ante a súa verdadeira situación, que entón si podía ver). Dentro do consenso moderno, do humanismo secular liberal, esta visión espiritual do home como un ser con límites, incapaz de levar a cabo todo o que elixe, e posiblemente problemático –porque que outra cousa é unha especie que destrúe o seu propio fogar?–, está completamente ausente. Non hai nin rastro dela por ningures. Suxerila é un anatema total. Porque, coa agonía da relixión e a desaparición da espiritualidade, convertémonos na nosa propia vara de medir moral: no centro das nosas nocións 34


do ben e do mal está o sufrimento humano e aquilo que podemos facer para evitalo. Isto está tan profundamente enraizado en nós, é tan instintivo que a linguaxe o ten interiorizado: unha das nosas virtudes máis prezadas é a humanidade, e un dos nosos maiores eloxios a outra persoa é que é humana. El ou ela son humanos humanos. Case nada separa estas dúas palabras idénticas da redundancia. Na actualidade, a nosa moral é enteiramente antropocéntrica: definimos automaticamente o ben obxectivo segundo aquilo que é mellor para nós. Así, cando os intereses da humanidade chocan con outros intereses, é probable que lles deamos as costas a estes últimos, mesmo se teñen que ver co funcionamento correcto do planeta, que é o único lugar que temos para vivir. Isto ten dificultado moito a defensa eficaz do mundo natural nas derradeiras décadas, sobre todo á luz de imperativos de desenvolvemento que poden semellar abafantes. O movemento en prol do desenvolvemento ten rexeitado con desprezo os ambientalistas e conservacionistas –esa xente preocupada polo destino dos sistemas naturais da Terra– como afeccionados de clase media á observación de aves; e, dende hai moito tempo, resulta difícil contestar ao asertivo grito de guerra daqueles que converten a selva, co seu milagroso número de especies, nun agro pobre en nutrientes e que pronto haberá de se esgotar: «Fainos falta!». O que os defensores tentaron facer, polo tanto, foi construír unha resposta convincente, atopar unha contestación a ese mantra simplista da necesidade humana que fose capaz de deter a irreflexiva destrución do mundo natural. Houbo dous intentos serios. O primeiro foi a teoría (ou proxecto) do desenvolvemento sostible. E resultou ser un fracaso. O desenvolvemento sostible –que naceu da man de Gro Harlem Brundtland, antano primeira ministra de Noruega, 35


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A brea de avelainhas G - Michael McCarthy by kalandraka.com - Issuu