Skip to main content

A batalla de occidente G - Éric Vuillard

Page 1

Os narcisos empezaran a florecer a mediados de marzo. Logo, tocáralles ás cerdeiras, aos magnolios e a todos eses acios brancos e rosados que medran orfos nas pólas negras. Aquel ano, naceran flores brancas e fermosas nas matogueiras, trenzas de flores moi xuntas, moito máis xuntas do que era habitual. Sen dúbida, o frío chegara moi tarde e, de golpe, unha temperanza propiciara aquilo: unha eclosión densa e excepcional de todas as flores asemade. As xestas tamén se puxeran moi amarelas aquel ano, dun amarelo vivo e fresco. A partir de abril, os fentos atravesaron a codia húmida, e as súas follas anobeladas desenroláronse coma se fosen unhas pequenas mensaxes de amor que levamos ben dobradas na palma da man e que abrimos coa unlla. Os primeiros tronos resoaron moi lonxe no ceo, moi lonxe, pero como non había nubes, non se lles prestou moita atención. Cadaquén seguiu coa súa vida, coa súa inxenua afouteza, na súa intimidade difusa, colaborando, traballando, sen que os primeiros combates lle causasen molestia ningunha.

19


As nubes desfilaban por enriba dos campanarios, as flores espallábanse polo aire morno, e os luscofuscos eran fermosos. Dun momento para outro, os traballos parecían menos penosos, os obreiros ían correndo ao encontro das súas prometidas ao saíren da fábrica e esquecían o esforzo ingrato ante aqueles bonitos rostros arroibados. Pola mañá, a frescura xa case non irritaba a gorxa, abondaba a chaqueta para se tapar, e, de súpeto, os traballadores case até se poñían contentos por ir ao taller, pois alegrábaos xuntarse cos máis, parolar, compartir con eles confidencias triviais. Algunhas persoas murmuraban unhas palabras arrepiantes, pero non se lles facía caso; non ían conseguir estragar a primavera. Moitos rapaces dirixíanse por primeira vez ás mozas, con esa xerga pudorosa e garbosa na que se respira unha mestura de escola e de familia, pero tamén outra cousa, máis difícil de distinguir, que provoca esa brutal tenrura, esa felicidade de estar sós en parella. O caso é que están aí, irmán e irmá imposibles, estraños. Encóntranse un día, no baile, na feira, en calquera sitio, e a cousa parece obedecer a unha lei secreta, unha casualidade. Así e todo, independentemente de que se encontren na casa dos pais ou de que se crucen na tenda ou no tren, obsérvanse, con discreción e con torpeza, e afástanse moi rápido para que dea a impresión de que non se viron. E é que teñen medo, medo de que o outro rompa a mentira sagrada da súa indiferenza. Desexan falar, abrazarse, tocarse, pero teñen medo, e todo é o mesmo, nese momento e sempre, desexar é o mesmo ca ter medo, é o mesmo proído de pel, a mesma espiña.

20


A pesar de todo, os rapaces achéganse ás mozas, cheos de insinuacións, cambaleando nas súas amplas zocas. Elas, máis burleiras pero tamén máis francas, miran de fronte, coas fazulas encarnadas, con braveza. E o desexo saca o tempo que fai falla para invadir todo o corazón, toda a casca. Nesa época, os domingos son longos, cada vez máis longos, son días longos de sol e de aburrimento. A xente dorme sobre a herba, co bandullo cheo e algo achispada. A xente baila á beira da auga, ri, cospe e bebe. Cando chove, pequenas bandadas de vestidos e de faldróns corren a abrigarse debaixo das cubertas de chapa ou das árbores grandes. Os homes apresúranse entre risas e recollen nun aire as cousas que están ciscalladas, as chaquetas, os manteis e mais as cestas. Sen dúbida, sentían de cando en vez unha vaga inquietude, pero resistíanse a pensar nela. Houbera algún que outro lóstrego, ruxidos distantes; a tensión entre Francia e Alemaña aumentara, pero ninguén quería reflexionar en profundidade sobre a situación de Europa. A xente prefería pasar a primavera feliz, prefería estar orgullosa e contenta. Unha vez pousados os cóbados na mesa, unha vez asentadas as nádegas na herba, prefería pensar noutra cousa distinta do deber, das máquinas e das dificultades. Non facerlle caso á agulla que picaba implicaba poder estender un chisco máis o murmurio do río Marne, soñar. O caso é que eses rapaces e esas mozas de 1914 querían seguir soñando, querían seguir soñando con ese algo case inexistente, con esa man fresca que repousa sobre a herba, con ese bico que, sen dicilo, se prometeran ao comezo dos

21


tempos. Devecían con todas as súas forzas por esa pel suave, por ese cigarro que non valía un patacón, por ese viño barateiro e por esa barca que se deixaba levar pola corrente. Todo o mundo tiña a sensación de que ser feliz era a única opción posible. Era coma en cada primavera, e talvez un pouco máis; a xente dicía que si, mellor ca de costume. E así, seguros do seu dereito e dos seus desexos, simples no seu amor (nese intre da vida que non se conta, pois a vida sabe que nese momento deixa de formar parte do relato, que o transcende, o desborda, que se expande de seu para abranguelo todo, sen deixar nin o máis mínimo recuncho nin a máis insignificante debilidade para explicarse e pronunciarse), cheos ao tope de si, no medio do gran bulicio primaveral, cun minúsculo indicio de dúbida no corpo, embriáganse. A voz que canta e que bisba, a fazula rosada, esperanzada, o corpo lixeiro, todo iso resístese a escoitar unha canción diferente. Todo iso métese entre as silveiras e rabúñase, pero sen se decatar. No entanto, todo está aí, evidente e singular: unha mocidade que se engalana e que non fai caso, a desgraza a queimarroupa, uns fociños que cheiran os rostros, ese vestido branco que vai acabar esgazado. Parece que dá gana de berrarlles «Coidado!», dá gana de avisalos, pero sabemos que iso non serve de nada, sabemos que non queren escoitar nada. O que queren é que os arrole o día nacente. Hai que imaxinar ese enorme desatino que se está preparando, ese contraste entre un mundo novo, que goza en plena liberdade, e esa frámea emboscada

22


(a cara grotesca). E é que o mundo xa está crepitando, os arquiduques xa se atopan colocados en fila, xa hai algo que está arrincando con torpeza e fabricando todos os obuses e canóns que se precisan. A guerra, que se está preparando, é toda unha sorpresa. As grandes frontes inclínanse e asenten. O medo examina os fallos, volve pasar o ferro sobre as engurras, patexa. Cadaquén prepara o seu sermón. A grella está lista, a paleta rasca no muro, van poder partir carne coma quen corta pan. Afán pouco a pouco os rabaños de cabras novas, cos seus beizos húmidos e cos seus estreitos pezuños, á idea do sangue. Dende pequenos, preséntanlles a morte vestida cun traxe glorioso e teatral, e eles poñen cara de crer en todo iso, pero saen da clase e esquéceno. Así e todo, recordan que é posible que os precisen, que necesiten a súa lealdade intacta e saudable. É posible que os precisen para esmagar unha serpe enorme, outro día, noutra ocasión. Metéronlles o tizón dentro do corpo, no lugar axeitado; abondará cun pouco de palla para facer lume, máis nada; o resto xa se verá máis adiante. Na escola, fálanlles dun inimigo, dunha tormenta, e cando faga falla botarán a correr, xa non cara ao río nin cara á pérgola, senón cara á morte. Cando reflexionan sobre o que lles dixeron, imaxinan que atravesarán o mundo a cabalo para loitar nunha guerra de tan só uns cantos segundos, sangue, berros, o arco florido; cabalgar un pouco e, logo, nacer.

23


Con todo, quen agarda aí, ao virar a esquina, é a morte, ávida e paciente mentireira. É ela a que falará de Saraxevo, é ela a que falará da mobilización, da honra e de todo o resto. Os soldados comprenderán enseguida que os fixeron ir para algo totalmente distinto do que lles dixeron, saberán enseguida que iso do deber, da patria, de Alemaña e de Francia non é máis ca unha maneira de falar, historias que lles contan para os enviar lonxe dos seus fogares. Todo iso entenderano enseguida, pero demasiado tarde. Verán que as súas propias vidas xa non teñen nin a máis mínima importancia, que prevalecen uns intereses moi distintos dos seus, que alguén lles requisou as vidas enteiras, as vendeu e as mandou a un enorme sacrificio que a eles non lles vale para nada. Enseguida verán que os instruíron para ese arrepiante encontro, que os privaron de todo canto coñecen e que lles piden que sacrifiquen, polas boas ou polas malas, esa fermosa frescura que lles envexan. Ven claramente que os fixeron ir para despoxalos desa felicidade ordinaria e desa ledicia que lles pertencía. Ven como deles se afasta todo aquilo que desexaban vivir. E, nese pesadelo onde os meteron, se nos fixamos ben, poderiamos volver atopar un pouco do inverno pasado, un pouco dese traballo que trataban de esquecer distraéndose ao aire fresco. En efecto, velaí volven aparecer as máquinas, velaí están as sólidas articulacións de aceiro, os ruídos, as ordes, a ausencia de amor. É un pouco a mesma existencia, aínda que peor, a mesma cadea de ferro, pero agora a morte está aí

24


constantemente; de feito, é a única cousa que se fabrica. E decátanse demasiado tarde de que o tempo sempre nos fai descoidar aquilo que amamos para logo quitárnolo, e aprenden, deitados na corte, que tardamos moito en ver o que amamos e en chegar a amalo de verdade (se é que amar é o mesmo ca ver), que non sabemos amar suficientemente nin ver suficientemente, e que é despois, moito despois, xusto no momento no que se esvaece a pequena mandorla do costume e no que (dende detrás do pano) un faranduleiro que criamos morto se reincorpora, saca o traxe e nos chama, cando nos invade a tristura. E, cando sacan do campo de visión a inquietude, que foi a primeiriña en chegar, o indicio pouco visible, aínda non saben que esa auréola que lles pareceu ver derredor dos vestidos e que a fermosa verdade que albiscan entre as pólas van queimarse e podrecer nunha fenda do firmamento.

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A batalla de occidente G - Éric Vuillard by kalandraka.com - Issuu