PRIMEIRA CARAUTA O home que escribía…
–De mañá non pasa –exclamou Huvez–. Mañá comezarei a escribir o meu novo libro. El non lembraba xa por que asinara o seu primeiro libro co nome de Huvez. Quizais fora por timidez. Ou para erguer un muro entre a súa vida privada e os seus libros. Ou polo antollo de ter un nome elixido por el mesmo. Despois de publicar trinta e tres libros, pensaba que o nome de Huvez lle acaía de marabilla. 7
Despois de trinta e tres libros publicados, non conseguira superar o medo á folla en branco. Aquel medo acompañárao dende a súa infancia. Foi dende unha experiencia que viviu durante un exame: mentres lía as preguntas, quedou paralizado. Mirou ao seu redor. Tiña a esperanza de que equivocara o exame; de que se metera, por erro, nunha clase dos máis vellos. Pero non. Aquela clase era a súa. Alí estaban todos os seus compañeiros, e semellaban moi tranquilos. Algúns comezaran a escribir. Cos ollos regalados polo asombro, Huvez chegou á derradeira pregunta. Nin unha! Non sabía nada de nada! A folla do exame pareceulle coma un inmenso deserto, coma un espello, que reflectía a súa ollada baleira. De súpeto, a folla converteuse nunha chaira nevada. Comezou a camiñar por riba dela e sentiu que se afundía naquela brancura fonda. Axitou a man para pedir axuda. 8
Pouco a pouco, a súa man desapareceu, afogada naquel baleiro inmenso. Deseguida, a folla de papel en branco pareceu que ía a máis de tamaño, mentres que el se encollía dentro da súa roupa. Finalmente, sentiu que o tempo se estiraba, vagaroso; e latexáballe nas tempas cun ritmo que parecía conxelado. Os minutos demorábanse, igual que a pinga de auga que penduraba dunha billa e se estricaba, coma se fose de goma, resistindo a caer. Aquelas tres sensacións repetíanse, de forma sucesiva, cun ritmo cada vez máis rápido. Entón, deixouse dominar pola vertixe, coma se estivese xirando no centro dun enorme remuíño. Non lembraba outros detalles daquel exame, pero nunca puidera superar o pesadelo arrepiante daquela inmensa folla de papel en branco. Por iso, quizais, a primeira versión dos seus libros sempre a escribía en follas usadas por unha cara. Por iso, sen dúbida, quedáralle unha grande inseguridade, que o levaba a cumprir toda unha serie de rituais, minuciosos, antes de pórse a escribir. Primeiro, ordenaba a súa mesa de despacho: á súa esquerda, a máquina de escribir; á súa dereita, unha morea de follas usadas 9
e outra de follas novas; fronte a el un tarro cheo de lapiseiros e outro, de rotuladores. Afiaba con sumo coidado todos os lapiseiros. Erguíase para poñer un pouco de música. Facía unhas chamadas telefónicas. Lía o xornal. Por último, miraba o reloxo e comprobaba que case era a hora do xantar ou da cea. Daquela, pensaba que xa non pagaba a pena sentar a escribir. «De mañá non pasa», dicía para si. –Mañá comezarei o libro.
Aquela mañá amenceu moi calorosa. Semellaba que o verán desencadeaba toda a súa forza sobre os que non puideran marchar de vacacións. Antes de comezar a escribir, cambiou varias veces de roupa ata atopar a máis fresca. Subiu e baixou as persianas; correu e descorreu as cortinas, ata conseguir a luz máis axeitada. Pensou que a lectura do xornal apenas lle roubaría tempo, porque, no verán, o número de páxinas se reducía á metade. Ao parecer, tamén as novas ían ás praias para torrarse ao sol. De súpeto, os seus ollos detivéronse ante un pequeno recadro, 10
a nova dun suceso que se producira nunha cidade da costa:
Axentes da policía local detiveron na tarde de onte un home que escribía sobre as árbores e as aves. Z. A., que estaba sometido a estreita vixilancia dende había algún tempo, foi detido no parque. O acusado, que opuxo resistencia á autoridade, ingresou a última hora de onte no cárcere provincial, onde se atopa en prisión preventiva á espera de xuízo.
Huvez tirou o xornal con rabia: –Isto é intolerable! Tamén eu me resistiría! –protestou mentres paseaba, indignado e nervioso, por toda a casa. Moi cedo sentiuse afogado entre aquelas catro paredes; como debía de sentirse o home que fora detido por escribir sobre as árbores e os paxaros. Precisaba respirar ao aire libre!
Regresou ao cabo dunha hora. Aquel paseo axudouno a acougar e a trazar un plan. Abriu a súa axenda e comezou a chamar por teléfono a todos os escritores que coñecía. 12
«Debemos solidarizarnos con el», pensaba. As iniciais do detido non coincidían coas dos escritores coñecidos. Pero iso non importaba. Todos os que comunicaban os seus pensamentos e os seus sentimentos por medio da palabra escrita eran compañeiros seus. As súas chamadas resoaron, unha tras outra, no baleiro das casas. «Que mala pata! Deberon de marchar todos de vacacións!», pensou, mentres marcaba o último número. –Si…? Dígame! –ouviu ao outro lado da liña. –Por fin! –… –Son Huvez. Estou a chamar a todos os compañeiros… Pero semella que só quedamos nós os dous… –Pois non sei o que pensarás facer ti, pero eu marcho agora mesmo. –Daquela, non te entreteño. Liches o xornal? –Non. –Acaban de deter un compañeiro por escribir sobre árbores e sobre paxaros. Temos que facer algo! –E a nós…, que nos importa iso? –Pero… que dis? –Ti escribiches algunha vez sobre árbores? 13
–… –Pois eu tampouco! –O importante non é o tema! –berrou Huvez. É o comezo! Se calamos, mañá deterán os que escriban sobre calquera outro asunto. –Estás sacando as cousas de cacho… Precisas unhas vacacións… –Se non facemos algo, e cedo, quen vai tomar unhas longas vacacións vai ser a nosa liberdade de expresión. –Perdoa, Huvez, pero a miña familia espera por min no coche. Faime caso, vai de vacacións. Huvez colgou o teléfono con rabia. –Isto non cambia as cousas! Pensara reunir un grupo numeroso de escritores, que se solidarizasen co compañeiro detido. Pero agora necesitaba idear un novo plan. –Tanto me ten! Estou acostumado a loitar só! Huvez recobrou o entusiasmo, mentres o puña en práctica. Cando comezou a teclear na máquina de escribir, non sentiu medo ante a folla en branco. Pouco a pouco, a brancura da folla foi substituída polo texto dunha carta:
14
Señor AVOGADO DEFENSOR Xulgado de Instrución n.º 2 Audiencia Provincial de… Prezado señor: Puiden saber, pola prensa, da detención dun home que escribía sobre as árbores e as aves. Aínda que descoñezo os detalles dos feitos, desexo comunicarlle a miña vontade de testificar en favor deste compañeiro cando se celebre o xuízo. Agardo que o seu traballo de defensa, e o meu testemuño, sirvan para que ese coitado recupere a liberdade. A mesma liberdade que simbolizan as árbores e as aves sobre as que el adoitaba escribir. Aproveito esta ocasión para enviarlle un saúdo moi cordial.
Huvez Asinou a carta e puxo o seu enderezo e teléfono ao pé. Escribiu no sobre o enderezo do xulgado que se encargaba do caso e, entre parénteses, engadiu: (PARA ENTREGAR AO AVOGADO DEFENSOR
DO HOME QUE ESCRIBÍA SOBRE AS ÁRBORES)
Non puxo moitos detalles na carta, porque non lle interesaba desvelar o resto dos seus plans. 15
Se os argumentos do avogado defensor e o seu propio testemuño non eran suficientes para conseguir a absolución do escritor detido, pensaba declararse culpable do mesmo delito. Publicaría na prensa un artigo titulado: «EU TAMÉN ESCRIBO SOBRE AS ÁRBORES», e unha relación de autores que, nas súas obras, trataran o tema das árbores e das aves. Era certo que el nunca escribira sobre árbores, pero iso non supuña ningún problema. Aínda tiña tempo para facelo. Podería ser unha nova formulación para o seu novo libro. Estaba tentando escribir unha novela autobiográfica. Porén, non pensaba relatar, día a día, todas as cousas que lle sucederan ao longo da súa vida. A súa vida era súa e non tiña por que compartila con ninguén. Non. Era algo máis complicado. Pretendía narrar a súa iniciación á vida e aos sentimentos; o seu primeiro amor e, sobre todo, os seus soños. Uns soños estraños, que o levaban a buscar todo o que non tiña, e, cando o conseguía, a botar en falta o que aínda lle quedaba por conseguir. 16
Desexaba contar o seu longo camiño ata chegar a sentirse cómodo consigo mesmo, co seu aspecto físico e coa súa forma de ser. Tiña a esperanza de que os seus lectores puidesen atopar algunha pista que os axudase a andar o seu propio camiño, a descubrir e comprender mellor os seus propios sentimentos e a non sentirse nunca sós, cos seus problemas e dificultades.
17
Aquel libro falaba de cousas moi íntimas, por iso, a timidez ía asolagándoo cada vez que se puña a escribir. Era como quedar nu diante dos lectores. Esta nova forma de ver as cousas ofrecíalle a solución a todos os seus problemas. Falaría dos seus soños e da súa vida, pero coma se todo lle acontecese a un personaxe distinto: a unha árbore! Sería como asistir a unha festa cun disfrace. Sería como falar coa liberdade con que se fai cando se está detrás dunha máscara. E para gardar aínda máis a intimidade, cambiaría de máscara. Cada capítulo sería unha CARAUTA distinta. E, cando rematase a súa colección de máscaras, cando rematase o libro, enviaríallo cunha dedicatoria ao xuíz que ía xulgar o compañeiro que escribía sobre as árbores e as aves.
A partir daquel intre, ante as follas en branco, sentiu que el, e a súa propia obra, ía transformándose en árbore. Notou que as súas raíces estaban fixas na realidade do chan, mentres que as pólas e as follas da súa imaxinación se mexían, libres, ao ritmo cambiante do vento. 18
Huvez escribía posuído por unha forza estraña, entusiasmado ao ver que, pouco a pouco, día a día, a morea de follas escritas superaba á de follas en branco. Non lle resultou difícil cambiar por árbores os personaxes da súa propia historia. El quería falar da súa vida e a árbore era un símbolo de vida.
Cando rematou o quinto capítulo, deu por finalizado o libro. Pero, mentres ordenaba as follas para gardalas nun cartafol, pensou que aquela non era a obra que tiña en mente escribir. Os cinco capítulos convertéranse en cinco historias distintas independentes entre si. Como seguía coa súa idea de escribir unha novela, precisaba escribir unha historia que lle servise de fío condutor dos cinco capítulos do libro. Huvez sorriu porque a súa cabeza funcionaba con rapidez. Xunto a cada problema, agromaba decontado a solución… –Debía escribir un primeiro capítulo para explicar por que vestía un disfrace de árbore en todos os capítulos. 19
E ese primeiro capítulo non podía ser outro que o relato do comezo do seu novo libro, das súas dificultades e das súas dúbidas; pero, sobre todo, do momento en que coñeceu o caso do HOME QUE ESCRIBÍA SOBRE AS ÁRBORES E AS AVES. Posiblemente tivese que escribir un novo capítulo, o sétimo, para cerrar a liña argumental da súa novela. Nel relataría a súa experiencia no xuízo e a conclusión da historia do autor detido. Pero iso veríase máis adiante. Alentado por esta idea, posuído por aquela febre creativa, Huvez comezou a escribir o primeiro capítulo da novela:
PRIMEIRA CARAUTA O HOME QUE ESCRIBÍA…
–De mañá non pasa –exclamou Huvez–. Mañá comezarei a escribir o meu novo libro. El non lembraba xa por que asinara o seu primeiro libro co nome de Huvez…
20