PRIMEIRA PARTE
CAPÍTULO I
Era un frío e luminoso día de abril, e os reloxos daban as trece. Winston Smith, que levaba o queixo aconchegado ao peito nun esforzo por zafarse do cruel vento, cruzou lixeiro as portas de cristal das Mansións Vitoria, aínda que non lixeiro abondo para evitar que entrase con el un remuíño de po areúdo. O vestíbulo cheiraba a repolo cocido e a felpudo vello. Nunha das paredes do fondo colgaran un cartel en cor demasiado grande para un interior. Nel víase tan só unha enorme cara de máis dun metro de ancho, o rostro dun home duns corenta e cinco anos, cun mesto mostacho negro e unhas faccións duras e atractivas. Winston dirixiuse ás escaleiras. Non tiña caso probar co ascensor: no mellor dos casos funcionaba moi de cando en vez, e ademais ultimamente cortaban a subministración de corrente eléctrica nas horas diúrnas como parte da campaña de aforro previa á Semana do Odio. O apartamento quedaba no sétimo, e Winston, que tiña trinta e nove anos e unha úlcera varicosa sobre o
5
nocello dereito, subiu devagar, parando a descansar varias veces. En cada andar, fronte ao ascensor, o cartel coa enorme cara observábao desde a parede. Era unha desas imaxes aqueladas de xeito que os ollos te seguen ao moverte. Ao pé puña: «O IRMÁN GRANDE VIXÍATE». No apartamento, unha sonora voz lía unha lista de cifras relacionadas coa produción de ferro en lingotes. A voz xurdía dunha placa metálica oblonga semellante a un espello sen brillo que formaba parte da superficie da parede da dereita. Winston xirou un mando e amorteceu a voz un chisco, aínda que seguía distinguindo as palabras. Ao aparello (que se chamaba telepantalla) podía baixárselle o volume, pero non había xeito de apagalo de todo. Foi canda a fiestra. Era un home pequeneiro e feble, e a delgadeza do seu corpo víase acentuada pola funda azul que constituía o uniforme do Partido. Tiña o pelo moi claro, a face rubicunda e a pel curtida polo xabón basto, as coitelas mal afiadas e a friaxe do inverno que acababa de rematar. Fóra, mesmo a través da fiestra pechada, o mundo tiña un aspecto frío. Na rúa, pequenos remuíños de aire creaban espirais de po e anacos de papel; e, aínda que lucía o sol nun ceo azul brillante, nada parecía ter cor, fóra dos carteis pegados por todas partes. A cara do mostacho negro espreitaba desde todas as esquinas con visibilidade. Había unha na fachada de en fronte. O pé de foto rezaba «O IRMÁN GRANDE VIXÍATE», e os escuros ollos da cara cravábanse nos de Winston. Abaixo, á altura da beirarrúa, había outro cartel cunha esquina esgazada que o vento axitaba ao
6
chou cubrindo e mostrando a palabra SOCIN. Ao lonxe, un helicóptero voaba baixo entre os tellados; quedou parado no aire coma un moscardo durante un intre, e logo saíu disparado describindo unha curva. Era a patrulla da policía, que abesullaba a xente polas fiestras. Pero as patrullas non tiñan importancia: só a Policía do Pensar tiña importancia. Detrás de Winston, a voz da telepantalla seguía a parrafear sobre o ferro en lingotes e os resultados moi superiores aos obxectivos do Noveno Plan Trienal. O aparello tiña recepción e transmisión simultáneas, e captaría calquera son máis forte ca o menor dos murmurios que fixese Winston; e mentres permanecese dentro do campo de visión da placa de metal, poderían velo ademais de oílo. Por suposto, non había xeito de saber se te estaban a observar nun momento dado: só podían facerse conxecturas respecto a cada canto tempo e de que forma conectaba a Policía do Pensar con cada individuo; ata resultaba concibible que vixiasen a todo o mundo en todo momento. En calquera caso, podían conectarse cando quixesen, e tiñas que vivir (e vivías, pois o costume volvíase instintivo) asumindo que escoitaban cada son que facías e que, salvo na escuridade, escrutaban cada movemento que facías. Winston mantívose de costas á telepantalla; era máis seguro, aínda que, como ben sabía, ata de costas podías delatarte. A un quilómetro de distancia, o Ministerio da Verdade, o seu lugar de traballo, despuntaba branco e xigantesco sobre a sórdida paisaxe. Aquela, pensou cun vago desgusto, era Londres, a principal cidade da Aeropista Un, a terceira
7
provincia máis poboada de Oceanía. Tentou tirar algún recordo da infancia que lle permitise saber se Londres sempre fora así. Sempre mostrara aquela paisaxe de casas decimonónicas botadas a perder, cos muros apuntalados con trabes de madeira, coas fiestras amañadas con cartóns e os tellados con chapas metálicas, e cos absurdos valos dos xardíns apandados en calquera dirección? De cráteres de bombardeos onde o po de xeso se arremuiñaba no aire e as malas herbas medraban sobre moreas de entullos, ou onde xurdiran miserentas colonias de chabolas de madeira semellantes a galiñeiros nos grandes espazos achanzados polas bombas? Non tiña caso, non era quen de lembralo: non lle quedaba nada da infancia, agás unha serie de luminosas imaxes case inintelixibles e sen contexto ningún. O Ministerio da Verdade (o Miniver na novafala1) era asombrosamente distinto a calquera outro obxecto que houbese á vista. Tratábase dunha enorme estrutura piramidal de escintilante formigón branco que se alzaba trescentos metros chanzo a chanzo. Desde onde estaba Winston podían lerse, gravados na branca superficie cunha elegante tipografía, os tres slogans do Partido: A GUERRA É PAZ A IGNORANCIA É FORZA A LIBERDADE É ESCRAVITUDE A novafala era a lingua oficial de Oceanía; para saber máis sobre a súa estrutura e etimoloxía, consúltese o apéndice.
1
8
Segundo se dicía, o Ministerio da Verdade tiña tres mil salas sobre o nivel do chan, e as correspondentes ramificacións por debaixo. Espallados por Londres había outros tres edificios de tamaño e aspecto semellante que empequenecían a arquitectura lindante dunha forma tan absoluta que desde o tellado das Mansións Vitoria podían verse os catro á vez. Albergaban os catro ministerios nos cales se dividía todo o aparato de goberno: o Ministerio da Verdade, que se encargaba das novas, o lecer, a educación e as belas artes; o Ministerio da Paz, que se ocupaba da guerra; o Ministerio do Amor, que mantiña a lei e a orde; e o Ministerio da Fartura, que era responsable das cuestións económicas. Na novafala chamábanse Miniver, Minipaz, Miniamor e Minifar. O Ministerio do Amor era o máis temible dos catro. Non tiña nin unha soa fiestra. Winston non estivera alí nunca, nin se achegara a menos de cincocentos metros del. Era imposible entrar salvo por asuntos oficiais, e os que o facían tiñan que atravesar un labirinto de aramados de espiño, portas de aceiro e niños de metralladoras ocultos. Mesmo as rúas que daban aos muros exteriores estaban patrulladas por gardas con cara de gorila e uniforme negro armados con porras antidisturbios. Winston deu media volta de súpeto. Dispuxera as faccións na expresión de tranquilo optimismo que se recomendaba pór ao encarar as telepantallas. Atravesou a peza e pasou á pequena cociña. Ao marchar do Ministerio a esa hora do
9
día sacrificara o xantar no comedor, e era consciente de que na cociña non había máis comida ca un anaco de pan escuro que tiña que gardar para o almorzo do día seguinte. Colleu do andel unha botella dun líquido incoloro cunha sinxela etiqueta branca na cal puña «Xenebra Vitoria». Despedía un noxento cheiro aceitoso semellante ao do licor de arroz chinés. Winston serviuse unha cunca case chea, preparouse para o golpe, e mandouna pola gorxa abaixo coma se fose unha dose de medicina. Ao instante púxoselle a cara colorada e comezaron a chorarlle os ollos. Aquela beberaxe era coma o ácido nítrico, e ao tragala un tiña a sensación de que lle pegaran cunha moca de goma na caluga. Con todo, ao pouco foi disipándose o ardor que sentía no ventre, e o mundo comezou a cobrar un aspecto máis alegre. Colleu un pito dun paquete chafado de Cigarros Vitoria e, con moi pouco tino, sostívoo en posición vertical, o que fixo que o tabaco caese ao chan. Co seguinte foille mellor. Volveu á sala de estar e sentou canda unha mesiña que había á esquerda da telepantalla. Do caixón da mesiña tirou unha pluma, un tinteiro e un groso libro en branco de tamaño cuartilla, lombo vermello e cuberta marmórea. Por algún motivo, a telepantalla da sala de estar estaba colocada nunha posición pouco habitual: no canto de estar na parede do fondo, que era o máis normal para abranguer a peza enteira, estaba na parede máis longa, fronte á fiestra. Xunto á telepantalla había un pequeno recuncho
10
que probablemente dispuxeran para colocar unha librería cando construíron os apartamentos, e nel estaba agora Winston. Se sentaba no recuncho e se mantiña ben atrás, podía permanecer fóra do alcance da telepantalla, polo menos a nivel visual. Poderían oílo, claro está, mais mentres seguise naquela posición non poderían velo. En parte, fora a particular disposición da peza o que lle dera a idea que estaba a piques de pór en práctica. Mais tamén lle dera a idea o libro que acababa de sacar do caixón. Era un libro especialmente fermoso, cun suave papel cor crema algo amarelecido polos anos, dun tipo que deixara de fabricarse había corenta anos polo menos, aí da que sospeitaba que o libro era aínda máis antigo. Vírao no escaparate dunha trapalleira tendiña de vello dun dos barrios baixos da cidade (aínda que non lembraba en que barrio exactamente), e sentírase invadido ao instante polo irrefreable desexo de facerse con el. Os membros do Partido non debían ir ás tendas correntes (era algo que se denominaba operar no mercado libre), pero aquela norma non se respectaba de maneira estrita, pois algunhas cousas como os cordóns e as coitelas de afeitar non podían conseguirse de ningún outro xeito. Botara unha ollada rápida pola rúa adiante, e logo entrara e mercara o libro por dous dólares con cincuenta. Naquel momento non tiña conciencia de querelo para nada en concreto. Levárao á casa no maletín, atormentado pola culpa: mesmo aínda que non tivese nada escrito, posuílo resultaba comprometedor.
11
O que se dispuña a facer era escribir un diario. Non era algo ilegal (xa que, ao non haber leis, nada era ilegal), pero se o detectaban, podía estar bastante seguro de que a pena sería a morte, ou polo menos vinte e cinco anos nun campo de traballos forzados. Winston púxolle unha plumiña á pluma e aspirou para quitarlle a graxa. A pluma era un instrumento arcaico que case nunca se usaba, nin sequera para asinar documentos, mais el fixérase con unha, a furto e con certa dificultade, tan só porque sentía que aquel fermoso papel cor crema merecía que escribisen nel cunha plumiña de verdade e non que o rabuñasen cun bolígrafo. O certo era que non estaba afeito a escribir á man: quitando unhas poucas notas moi curtas, adoitaba ditalo todo na falaescrita, o que era evidentemente imposible para o seu propósito actual. Mollou a pluma na tinta, e logo dubidou por un segundo. Un tremor sacudiulle as entrañas: facer un trazo no papel era un acto decisivo. Cunha caligrafía pequeniña e torpe escribiu: 4 de abril de 1984.
Reclinouse na cadeira. Un sentimento de absoluta impotencia apoderouse del. Para empezar, non tiña certeza ningunha de que en realidade fose 1984. Debían de andar por alí, pois estaba bastante seguro de ter trinta e nove anos, e cría ter nacido en 1944 ou 1945; pero na actualidade nunca era posible fixar unha data pasados un par de anos.
12
E para quen, ocorréuselle pensar de súpeto, escribía aquel diario? Para o futuro, para os non-nacidos. Deulle voltas durante un intre á dubidosa data da páxina, e logo bateu de fociños cunha palabra da novafala, dobrepensar. Por primeira vez foi consciente da magnitude do que fixera. Como ía un comunicarse co futuro? De seu, era imposible: se o futuro se parecía ao presente, non lle farían caso; e, se era diferente, as súas tribulacións non terían sentido. Durante un tempo quedou mirando pampo para o papel. A telepantalla comezara a emitir unha estridente música militar. Era curioso que non só parecía que perdera a capacidade de expresarse, senón que ata esquecera o que se dispuña a dicir nun principio. Estivera semanas preparándose para ese momento, e nunca lle pasara pola cabeza que, entre todas as cousas, precisaría valor. Escribir sería doado: o único que tiña que facer era trasladar ao papel o interminable e desacougante monólogo que, literalmente, levaba anos a darlle voltas na cabeza; mais nese momento ata o monólogo o abandonara. A úlcera varicosa comezara a proerlle dun xeito insoportable, e non se atrevía a rañar nela porque sempre se lle inflamaba cando o facía. Correron os segundos. Non tiña conciencia de nada, agás da páxina en branco que tiña diante, do proído na pel por riba do nocello, da música estrondosa e de ir algo enchispado por culpa da xenebra. De súpeto arrancou a escribir levado polo pánico, tan só relativamente consciente do que puña por escrito. Encheu
13
de arriba a abaixo a páxina coa súa letra pequena e infantil, desbotando primeiro as maiúsculas e logo ata a puntuación: 4 de abril de 1984. É a última vez que vou ao cine. Só botan películas de guerra. Había unha moi boa dun barco cheo de refuxiados aos que bombardeaban nalgún lugar do Mediterráneo. O público divertiuse moito coas escenas dun home grande e gordo que tentaba fuxir a nado perseguido por un helicóptero, primeiro víuselle bracear na auga coma unha toniña, logo víuselle a través das miras dos helicópteros, e logo enchérono de buracos e o mar arredor del púxose rosa e el afundiu en canto a auga lle entrou polos buracos, e o público riu ás gargalladas mentres afundía, e logo viuse un bote salvavidas cheo de nenos cun helicóptero sobrevoándoo, tamén había unha muller madura que podía ser xudía sentada na proa cun rapaciño duns tres anos no colo, o rapaciño berraba de medo e acuruxaba a cabeza no peito dela coma se quixese meterse dentro dela e a muller abrazábao e reconfortábao aínda que tamén morría de medo, e non deixaba de tapalo canto podía coma se puidese deter as balas cos brazos, e logo o helicóptero botoulles unha bomba de vinte quilos e unha luzada terrible e o bote quedou feito achas, e logo houbo unha escena marabillosa do brazo do rapaz voando para arriba subindo para arriba tivo que seguilo un helicóptero cunha cámara no morro e houbo moitos aplausos nos asentos do partido pero unha muller da zona dos proles montou unha bulla e comezou a berrar que non debían poñelo non con nenos diante que non estaba ben non con nenos diante ata que a levou a policía levouna non creo que lle pasase nada a ninguén lle importa o que din os proles é a típica reacción prole nunca
Winston deixou de escribir, en parte porque lle daban cambras. Non sabía que o levara a vomitar aquela sarta de
14
parvadas. O curioso era que, ao facelo, veulle á memoria con toda claridade un recordo absolutamente distinto, ata o punto de sentirse quen de escribilo; e decatouse de que aqueloutro incidente o levara a volver á casa e comezar o diario ese mesmo día. Pasara pola mañá, no Ministerio; aínda que era difícil determinar se algo tan vago pasara ou non. Eran case as once cero cero, e no Departamento de Rexistro, que era onde traballaba Winston, estaban sacando as cadeiras dos cubículos e xuntándoas no centro da sala ante a gran telepantalla, preparándose para os Dous Minutos de Odio. Winston estaba acomodándose nunha das ringleiras do medio cando dúas persoas que coñecía de vista, pero coas cales nunca falara, apareceron de improviso na sala. Unha delas era unha rapaza con quen adoitaba cruzarse polos corredores; non sabía como se chamaba, pero si que traballaba no Departamento de Ficción. Como a vira de cando en vez cunha chave inglesa e coas mans cheas de graxa, supuña que facía algunha clase de traballo mecánico nunha das máquinas de escribir novelas. Era unha moza de xesto afouto, duns vinte e sete anos, mesto pelo moreno, cara pencada e movementos áxiles e atléticos. Unha estreita faixa de cor escarlata, o emblema da Liga da Mocidade Contra o Sexo, dáballe varias voltas arredor da cintura por riba da funda, e levábaa axustada abondo para destacar as súas xeitosas cadeiras. Winston tíñalle zuna desde a primeira vez que a vira, e ben sabía por que: polo aire a campo
15
de hóckey, a baño frío, a excursión comunitaria e a pureza de espírito en xeral que a rodeaba. Winston tíñalles zuna a case todas as mulleres, mais sobre todo ás novas e bonitas. As mulleres, e especialmente as novas, sempre eran as máis ferventes seguidoras do Partido, as que tragaban todos os slogans, as máis afeccionadas a asexar e perseguir os heterodoxos; pero aquela rapaza dáballe a impresión de ser máis perigosa ca a maioría. Unha vez que se cruzaran no corredor, ela botáralle unha rápida mirada de esguello que pareceu atravesalo, e por un intre apoderouse del un terror negro. Ata lle pasou pola mente a idea de que podía ser unha axente da Policía do Pensar, aínda que non era demasiado probable, a dicir verdade. Con todo, sempre que ela estaba preto seguía sentindo un peculiar desacougo no cal se mesturaban medo e hostilidade. A outra persoa era un home chamado O’Brien, un membro do Círculo Interno do Partido que ostentaba un cargo tan importante e remoto que Winston tan só tiña unha idea moi vaga de en que consistía. Un murmurio percorreu durante un intre o grupo de persoas que estaban arredor das cadeiras ao veren achegarse a eles a funda negra dun membro do Círculo Interno do Partido. O’Brien era un home alto e corpulento, cun groso pescozo e un rostro duro, cómico e rudo. Malia aquela formidable aparencia, a súa actitude tiña un certo encanto, e o xesto que facía ao recolocar as lentes sobre o nariz desarmábao a un dun xeito indefinible e curiosamente civilizado. Aquel xesto podería lembrarlle a al-
16
guén a un nobre do século dezaoito ofrecendo a caixa de rapé, de non ser porque ninguén pensaba xa en termos semellantes. Winston veríao unha ducia de veces noutros tantos anos, e sentíase fondamente cativado por el, non só porque lle chamaba a atención o contraste entre os finos modais e o físico de campión de O’Brien, senón sobre todo porque albergaba a secreta crenza (aínda que talvez non fose nin sequera unha crenza, tan só unha esperanza) de que a ortodoxia política de O’Brien non fose perfecta. Tiña algo na cara que o daba a entender irremediablemente. Aínda que quizais non fose heterodoxia o que revelaba o seu rostro, senón tan só intelixencia. En calquera caso, parecía alguén con quen se podería falar, de conseguir evitar as telepantallas e estar a soas con el. Winston nunca fixera nin o máis mínimo esforzo para confirmar aquela suposición: de feito, non había forma de facelo. Nese momento, O’Brien botou unha ollada ao reloxo de pulso, viu que eran case as once cero cero e decidiu quedar no Departamento de Rexistro para os Dous Minutos de Odio. Sentou nunha cadeira na mesma ringleira que Winston, a un par de asentos de distancia. Entre os dous estaba unha muller baixiña e de pelo roxo que traballaba no cubículo veciño ao de Winston. A rapaza morena estaba xusto detrás. De súpeto, da gran telepantalla do fondo da sala xurdiu unha espantosa renxedura metálica, coma a que faría unha monstruosa máquina mal lubricada. Era un son que daba
17
unha denteira arrepiante e puña os pelos de punta. Comezara o Odio. Coma sempre, na pantalla apareceu a cara de Emmanuel Goldstein, o Inimigo do Pobo. Algúns dos presentes apupárono, e a mulleriña de pelo roxo ceibou un chío que mesturaba medo e noxo. Goldstein era o renegado contumaz que, tempo atrás (aínda que ninguén lembraba canto tempo), ocupara un dos principais cargos do Partido, case ao mesmo nivel ca o propio Irmán Grande, pero que logo se implicara en actividades contrarrevolucionarias, fora condenado a morte, escapara misteriosamente e desaparecera. Os programas dos Dous Minutos de Odio variaban dun día para outro, pero en todos eles o protagonista era Goldstein: era o traidor primordial, o que macelou por primeira vez a pureza do Partido. Todo crime contra o Partido, toda traizón, todo acto de sabotaxe, herexía ou desviación que se producira logo xurdira directamente das súas ensinanzas. Seguía vivo en algures, urdindo conspiracións: quizais ao outro lado do mar, protexido polos seus amos estranxeiros; ou quizais nalgún acubillo na propia Oceanía, como ás veces se rumoreaba. A Winston constrinxíuselle o diafragma. Ver a cara de Goldstein sempre lle producía unha mestura de dolorosas emocións. Tiña un enxoito rostro xudeu, cunha grande auréola de pelo branco e crecho e unha perilliña; era un rostro intelixente, mais ao tempo inherentemente desprezable, e o longo e fino nariz coas lentes na punta conferíalle un aspecto
18
de estupidez senil. Parecía a cara dunha ovella, e a súa voz tamén tiña unha certa calidade ovina. Goldstein lanzaba un dos seus pezoñentos ataques contra a doutrina do Partido, un ataque tan exacerbado e perverso que ata un neno se daría de conta, mais plausible abondo como para que a un lle inquietase que chegase a convencer a outros con menos cabeza. Insultaba o Irmán Grande, denunciaba a ditadura do Partido, esixía que se asinase de inmediato a paz con Eurasia, avogaba pola liberdade de expresión, a liberdade de prensa, a liberdade de reunión e a liberdade de pensamento, berraba histérico dicindo que traizoaran a Revolución... todo dun xeito rápido e polisilábico que resultaba unha especie de parodia do estilo habitual dos oradores do Partido, aínda que empregaba palabras da novafala (de feito, máis palabras da novafala das que empregaría calquera membro do Partido na vida cotiá). No entanto, por se a alguén lle quedaba algunha dúbida do que en realidade ocultaban as enganosas trapalladas de Goldstein, tras da súa cabeza marchaban na telepantalla as interminables columnas do exército eurasio: rea tras rea de rexos homes con inexpresivos rostros asiáticos que avanzaban ata a pantalla e desaparecían para logo seren substituídos por outros exactamente iguais. O xordo pisar das botas dos soldados puña fondo aos beos de Goldstein. Cando non levaban nin trinta segundos de Odio, a metade dos presentes na sala prorromperon en incontrolables expresións de rabia. O autocompracente rostro ovino da
19
pantalla e as estarrecedoras forzas do exército eurasio resultaban insoportables, e ver ou sequera pensar en Goldstein suscitaba automaticamente medo e carraxe. Adoitaba ser o branco das iras moito máis ca Eurasia ou Oriasia, pois cando Oceanía estaba en guerra cunha das dúas potencias acostumaba estar en paz coa outra. O máis estraño era que, aínda que todo o mundo odiaba e desprezaba a Goldstein, aínda que mil veces ao día, todos os días, nas paradas, nas telepantallas, nos xornais e nos libros, as súas teorías se vían refutadas, esnaquizadas, ridiculizadas e presentadas ante o público como a lamentable bazofia que eran... malia todo, a súa influencia non parecía esmorecer nunca. Sempre había pailáns dispostos a deixarse seducir por el, e non pasaba un día sen que a Policía do Pensar desenmascarase espías e sabotadores que actuaban ás súas ordes. Era o comandante dun xigantesco e misterioso exército, dunha rede clandestina de conspiradores consagrados ao derrocamento do Estado que supostamente se chamaba a Irmandade. Murmurábanse historias sobre un libro arrepiante, un compendio de toda herexía escrito por Goldstein, que circulaba en segredo. Era un libro sen título, e a xente referíase a el, cando o facía, simplemente como o libro. Mais todo aquilo eran só vagos rumores, e nin a Irmandade nin o libro eran temas que un membro do Partido mencionase se tiña posibilidade de evitalos. No segundo minuto, o Odio alcanzou un nivel frenético. A xente daba saltos e berraba canto lle daba a voz
20
tentando afogar o entolecedor beo que xurdía da pantalla. A mulleriña de pelo roxo adquirira unha viva cor rosada, e abría e pechaba a boca coma un pez fóra da auga. Ata o duro rostro de O’Brien se puxera colorado; estaba sentado moi dereito na cadeira, e o musculoso peito inchábaselle e tremíalle coma se agardase o impacto dunha onda. A rapaza morena, que estaba detrás de Winston, comezou a berrar «Porco! Porco! Porco!», e de súpeto colleu un groso dicionario da novafala e botouno contra a pantalla; alí deu contra o nariz de Goldstein e saíu rebotado, mais a voz proseguiu inexorable. Nun momento de lucidez, Winston decatouse de que estaba a berrar cos outros e golpeaba violentamente co talón contra o traveseiro da cadeira. O peor dos Dous Minutos de Odio non era que obrigasen a participar a todo o mundo, senón que resultaba inevitable unirse aos demais. Aos trinta segundos xa non cumpría finxir: unha espantosa éxtase de medo e vinganza, un irrefreable desexo de matar, torturar e machucar caras cunha maza parecía percorrer todo o grupo de xente coma unha corrente eléctrica, converténdote nun lunático berrón e xesticulante contra a túa propia vontade. Mais a rabia que sentías era unha emoción abstracta e non dirixida que podía pasar dun foco a outro como a chama dun soprete. Así, nun momento dado, o odio de Winston non se centrou en Goldstein, senón no Irmán Grande, o Partido e a Policía do Pensar; e en momentos coma aquel compadecíase do solitario e ridiculizado herexe da pantalla, que era o único gardián da verdade e a cordura
21
nun mundo de mentiras. Mais ao instante volveu unirse aos que o rodeaban, e todo o que se dicía sobre Goldstein lle pareceu certo. En momentos coma aquel, o secreto odio que sentía polo Irmán Grande transformábase en adoración, e o Irmán Grande convertíase nun xigante, nun impávido e invencible protector que resistía coma un rochedo perante as hordas asiáticas; e Goldstein, a pesar do seu illamento, a súa impotencia e as dúbidas sobre a súa existencia, parecía unha especie de sinistro feiticeiro capaz de esgazar a estrutura da civilización tan só co poder da súa voz. En determinados momentos mesmo era posible cambiar dun foco de odio a outro mediante un acto voluntario. De súpeto, facendo un esforzo violento semellante ao de apartar a cabeza da almofada cando se ten un pesadelo, Winston logrou transferir o seu odio do rostro da pantalla á rapaza morena que tiña detrás. Pola mente pasáronlle veloces unhas vívidas e fermosas alucinacións: nunha mallaba nela cunha porra de goma ata matala; noutra atábaa espida a un poste e furábaa a frechazos coma a san Sebastián; e noutra violábaa e degolábaa no momento do clímax. Foi máis consciente ca antes de por que a odiaba: odiábaa porque era nova, bonita e asexuada, porque quería levala á cama e nunca o faría, porque arredor daquela xeitosa cintura que parecía estar pedindo que a rodease co brazo só había lugar para a odiosa faixa escarlata, o agresivo símbolo da castidade. O Odio alcanzou o clímax. A voz de Goldstein converteuse nun auténtico beo, e por un instante a súa cara
22
transformouse na dunha ovella. Logo o rostro ovino fundiuse coa figura dun soldado eurasio que avanzaba, enorme e arrepiante, co subfusil ruxindo, de forma que parecía que ía saír da pantalla, o que fixo que algúns dos que estaban en primeira fila se botasen para atrás nas cadeiras. Mais nese preciso momento, e causando un fondo suspiro de alivio en todos os presentes, a figura hostil fundiuse co rostro do Irmán Grande, co seu pelo moreno e o seu mostacho negro, cheo de forza e dunha misteriosa calma, tan vasto que case enchía a pantalla. Ninguén oíu o que dixo o Irmán Grande; eran tan só unhas palabras de ánimo, desa clase de palabras que se din no fragor da batalla, indistinguibles por separado mais capaces de devolveren a confianza polo feito de pronunciarse. A seguir esvaeceuse a cara do Irmán Grande e no seu lugar apareceron os tres slogans do Partido en maiúsculas: A GUERRA É PAZ A IGNORANCIA É FORZA A LIBERDADE É ESCRAVITUDE Mais o rostro do Irmán Grande pareceu persistir uns segundos na pantalla, coma se o impacto que causara nos globos oculares de todos fose demasiado vívido para desaparecer de inmediato. A mulleriña do pelo roxo botárase contra o respaldo da cadeira que tiña diante e, cun trémulo murmurio que semellaba dicir «Meu salvador!», tendeu os
23