XUNTA DE GALICIA I. E. S. Aquis Celenis 36650 Caldas de Reis
986 54 03 58 - Fax 986 5410 17
ies.aquis.celenis@edu.xunta.es
O Claustro do IES Aquis Celenis, en reunión celebrada o día 16 de setembro de 2011 quere mostrar a súa oposición e malestar polo desprezo que se percibe desde a Administración de cara á comunidade educativa deste centro e tamén ó equipo directivo, encargado de solicitar as prazas do profesorado e as materias que lles corresponde impartir atendendo ás necesidades do centro. O feito é que neste curso se solicitaron, entre outros, un profesor/a de Lingua Española e outro/a de Ciencias Sociais, pero a Administración, facendo caso omiso á solicitude adxudicou para a praza de Lingua Española un profesor de Filosofía, e para a de Ciencias Sociais unha profesora de Lingua Galega. A situación repítese, xa que o curso pasado sucedeu o mesmo, ó asignar un profesor de Debuxo para unha praza de Bioloxía e Xeoloxía. Aínda con esta situación irregular, o centro reelaborou os horarios en tempo para comezar o curso, pero o claustro de profesores/as considera que é inaceptable empezar o curso nestas condicións. Tendo en conta que esta situación prexudica gravemente o alumnado, e como consecuencia a calidade do ensino público, e na esperanza de que haxa unha solución inmediata por parte da Administración educativa, decidiuse informar hoxe ó alumnado presente e ás familias desta situación, e pospoñer o acto de presentación de alumnos/as para o vindeiro luns.