
12 minute read
RECEITAS DE COCIÑA

SALMÓN ADOBADO
Advertisement
A miña receita estrela que nunca falla para as festas. É moi doado e queda moi rico.
Ingredientes:
Un lombo de salmón Unha cunca grande de azucre Dúas cuncas grandes de sal Aceite de oliva. Opcional: Aneto (eneldo) Pementa negra Zume de medio limón
Elaboración:
Pedimos á persoa que nos venda o salmón que lle saque as escamas, o abra e lle saque tamén as espiñas. En casa debemos desespiñalo de todo. Mesturamos o azucre e o sal.
Poñemos o salmón coa pel para abaixo nun recipiente coa mestura de sal e azucre por abaixo e por riba. Debe quedar ben cuberto. Deixámolo así dous días na neveira. Soltará moita auga. Ao cabo de dous días (estará máis duro e alaranxado) lavámolo, secámolo e poñémolo nun recipiente (por exemplo unha friameira ou lasañeira), botámoslle un pouco de zume de limón, unha pouca pementa e o aneto (eneldo), e cubrímolo con aceite. Queda así tres días. Ao cabo de tres días sacámolo do aceite e xa está feito. É importante conxelalo neste momento para que non teña anisakis e despois de pasar polo conxelador varios días xa se pode comer. Está boísimo! Aconsello conxelalo en anacos non moi grandes para ir quitando o que necesitamos.
Pode comerse en talladas ou liscos finos, mellor cun coitelo xamoneiro.
Outra cousa: o aceite no que o tivemos pode aproveitarse para fritir ou guisar peixe, non o tiredes.
María Díaz Profesora de matemáticas
TORTILLA DE CHOURIZO E GRELOS DE ABEL
Ingredientes:
6 patacas medianas 8 ovos 200 gr de grelos cocidos e escurridos (lata Castelo) 1 chourizo e medio 1 dente de allo Aceite de xirasol (quédalle ben reciclar aceite de fritir chourizo) Aceite de oliva Sal
Elaboración:
Pelar as patacas, cortar en lascas, nunha tixola con aceite de xirasol, rustrir as patacas durante 25 minutos remexendo cada pouco, escorrer as patacas do aceite.

Na mesma tixola, 2 culleradas de aceite de oliva, o chourizo e os allos ben picados, saltear durante 1 minuto e engadir os grelos un minuto máis, botar as patacas rustridas, remexer e fritir un minuto máis.
Nunha cunca, bate os 8 ovos cunha culleradiña de sal ao gusto, mestura o contido da tixola cos ovos e cállao na tixola. Medio minuto por cada lado a lume alto.
Recita do cociñeiro Abel de Corme proporcionada pola compañeira Asunción Chans Vidal
SOPAS DE ALLO ZAMORANAS

Ingredientes:
2 patacas grandes 200 grs. de pan de bolo do día anterior (aproximadamente) 2 allos medianos pelados 1 culler grande de manteiga ou unto de porco 1 culler pequena de pimentón, doce ou picante, ao gusto 1 litro de auga (aproximadamente) 1 ovo (optativo) sal
Elaboración:
Escachamos as patacas en anacos pequenos e cocemos coa auga, o pimentón, a manteiga e sal ao gusto. Se as facemos con unto, non o botamos a cocer.
Esmagamos os allos no morteiro, cun pouco de sal, para que non brinquen. Se empregamos unto, botámosllo aquí. Migamos o pan en láminas finas. O ideal é pan de bolo de Castela, pero podemos usar o que teñamos.
Comprobamos o espesor da cocción e botamos máis auga se o vemos necesario. Cando as patacas estean cocidas, agregamos o allo e apagamos o lume. Engadimos o pan, que se abrandará coa calor residual.
Nalgunhas casas gústalles botar un ovo batido por riba, que se cocinará tamén coa calor que quede, pero na nosa nunca se fixo así.
E con estas contundentes sopas, receita de miña nai, que ela, á súa vez, aprendeu da súa, xa podemos gozar dun almorzo ideal para as mañás de inverno en que necesitemos un extra de enerxía.
Montse Llamas
ROSQUILLAS RICAS
Ingredientes:
2 ovos 1 sobre levadura Royal (fermento) 12 culleradas sopeiras de aceite de oliva (de 0,4 graos) 12 culleradas sopeiras de leite (sobre 100 cl) 12 culleradas sopeiras de azucre (sobre 250 gr.) Raiaduras de limón Fariña (1kg +/-) Anís (optativo). Un chorriño
Elaboración:
1. Bater os ovos e botar o resto dos ingredientes (aceite, leite, azucre, raiaduras, levadura (fermento) e anís (optativo).
2. Botar fariña ata formar unha masa algo dura que permita facer boliñas (Non deixar levedar nin repousar).
3. Facer as rosquillas: Facer unha boliña. Facer burato no medio. Facer unha raia ou corte ao redor da bóla cun coitelo (pódese apreciar algo na foto).
4. Fritir as rosquillas en abundante aceite e sacar. **Poñer dous pratos fondos: O primeiro cun pouquiño de auga e anís a partes iguais. O segundo con azucre. **Mollar as rosquillas sen empapar moito no 1º prato e rebozalas co azucre do segundo. **Colocar segundo praza nunca bandexa.
Tempo: 45 minutos +/Cantidade: 40 rosquillas
RIQUÍSSSIMAS!!!!

Receita da avoa de Carlos de Cervo, aportada por María Xosé Mato

GALLETAS DE MANTEIGA
Escollín esta sobremesa porque a fago desde pequena coa miña nai. Ademais, é moi sinxela e os ingredientes son moi fáciles de encontrar.

Ingredientes:
125 gramos de manteiga 125 gramos de azucre 1 ovo 250 gramos de fariña Un chisco de sal
Utensilios:
Un prato fondo Unha cunca Un batedor de man Papel de forno Papel transparente
Elaboración:
En primeiro lugar, tes que lavar as mans e atopar un sitio cómodo para facer as galletas.
Despois derrete a manteiga no microondas. Faino en intervalos de pouco tempo.
Cando xa estea, rompe un ovo enriba dela e mestura co batedor de man. Posteriormente, bota os 125 gramos de azucre xunto co chisco de sal e mestura todo. Tería que quedarche una masa líquida.
Seguidamente, baruta a fariña e pouco a pouco, incorpóraa.
Por último, fai unha bóla coa masa, e envólvea con papel transparente. Déixaa repousar un mínimo dunha hora. Quenta o forno a 180º.
Mentres tanto, amasa con axuda dun rolo e aplana a masa para que teña unha altura inferior a un centímetro.
A continuación colle un molde ou un vaso para facer a forma das galletas.
Cando as teñas, cubre a bandexa con papel de forno e pon as galletas enriba dela. Déixaas enfornar durante 12-15 minutos dependendo do grosor. Se é necesario espera un pouco máis. Finamente, saca as galletas e deixa que arrefríen.
Agora… A papar!
Receita de Aitana Souto Mariño, 1º ESO B
BISCOITO MÁRMORE
Ingredientes:
1 iogur natural de 125g ( o envase deste serviranos para calcular as cantidades do resto de ingredientes) 3 cuncas (2 grandes para a masa e 1 para apartar o iogur) 3 ovos Azucre branco (2 envases) Fariña de trigo (3 envases) Aceite de xirasol (1 envase) Cacao puro (3 culleradas)
Utensilios:
1 garfo 1 molde de biscoito O envase do iogur natural 1 culler de madeira
Elaboración:


1. Nunha cunca pequena baleiramos o iogur natural, e quedamos co envase. Apartamos o iogur para máis adiante.
2. Nunha das cuncas grandes, batemos os tres ovos. Engadimos o azucre (enchemos o envase de iogur dúas veces) e a continuación, o iogur.
3. Cando os ovos, o azucre e o iogur estean ben mesturados, engadimos a fariña pouco a pouco, tamén usando o envase de iogur enchido. Cando a fariña estea incluída uniformemente, engadimos o aceite.
4. Unha vez teñamos unha masa homoxénea, separámola en dúas metades, de forma que quede unha metade en cada cunca grande. 5. Engadimos o cacao a unha das metades e mesturamos ben ata que quede uniforme.
6. Prequentamos o forno a 250º. Agora vén a parte complicada. Suxerimos que se pida axuda a unha persoa; catro mans son mellores que dúas :)
Ben, pois imos baleirando no molde as dúas masas, alternando unha coa outra para que quede un efecto de espirais, formas de diferentes cores (recoméndase poñer papel de forno ou calquera outro recurso para que a masa non se pegue ó molde).
7. Por último, metemos o biscoito no forno por uns 30 min. a 180º. Para sacar o biscoito, comprobaremos se está feito cravando un pauíño no doce; se sae limpo, é que está feito.
8. E, voilà! Xa temos o noso biscoito mármore! Pódese desfrutar con moitos acompañamentos e a calquera hora do día.


Receita escrita por Rosalía Meléndrez Bergantiños, ilustrada por Elba Meléndrez Bergantiños
ROSQUILLAS DE NATA
Escollín esta receita porque nun principio era da miña bisavoa, despois pasou á miña avoa, despois á miña nai e agora a min. Está na miña familia desde hai moito e por iso a receita é importante para a min.

Ingredientes:
Nata: 250 gr Ovos: 2 Fermento Royal: 2 sobres Anís: 2 culleradas Sal: un chisco Azucre: 8 culleradas Reladura de limón: 1 limón Fariña: a que se necesite para ligar a mestura anterior. Aproximadamente 800 gr. Canela: (opcional) ao gusto
Elaboración:
Primeiro batemos os ovos, engadimos o azucre e mesturamos. A continuación engadimos a nata pouco a pouco, o anís, a reladura de limón e a canela. Agora, barutamos a fariña co fermento. Á mestura de ovos e azucre imos engadíndolle a fariña aos poucos ata conseguir unha masa homoxénea que se despegue de forma doada.
A continuación, deixamos repousar a masa 30 minutos tapada cun trapo. Seguidamente comezamos a separar porcións de masa para darlles forma de rosquilla.

Agora poñemos a quentar nunha tixola abundante aceite de xirasol, imos fritindo as rosquillas e regulando a temperatura para que non se torren demasiado.
Unha vez fritidas deixámolas nunha bandexa con papel de cociña para que se absorba o exceso de aceite. Finalmente, rebozámolas en azucre, e listas para comer!
Sibel Akhan Gómez, 1º ESO
BISCOITO DE CHOCOLATE
Ingredientes:
1 iogur natural 3 ovos 2 medidas de iogur de fariña 1 medida de iogur de cacao 2 medidas de iogur de azucre 1 medida de iogur de aceite de oliva1 sobre de fermento Manteiga para untar o molde
Elaboración:
O primeiro é baleirar o iogur nun cunco e gardar o envase para poder utilizalo despois.
O seguinte é quentar o forno a 180º graos para que estea listo á hora de introducir o biscoito.
Nun cunco engade as dúas medidas de azucre e os ovos e báteos enerxicamente cunhas varillas. Engade o aceite e mais o iogur e sigue batendo ata que a mestura estea homoxénea.
Engade a fariña, o fermento e o cacao a través dun coador.
Unha vez estean todos os ingredientes integrados, unta o molde coa manteiga e que desa forma non se pegue.
Bota a masa no molde e introdúceo no forno uns 30 minutos.
Para saber se xa está listo, pincha nel un coitelo e se sae limpo, o biscoito xa está listo.
Sácao do forno e do molde unha vez que este frío.
Pepe Lado Díaz, 1º BAC A
TORTA DA AVOA CON LEITE DE AMÉNDOAS

Ingredientes e pasos:
Para a crema (natillas)
1l de leite de améndoas 5 ovos 1 rama de canela 150g de azucre 35g de Maicena (fariña de millo) 1 vaíña de vainilla Pel dun limón 1) Reservar un vaso de leite e infusionar o resto coa canela, a vainilla (aberta co coitelo) e a pel de limón. Poñeremos a pel do cítrico lavada (só a parte amarela, xa que a branca amarga) xunto coa canela, a vainilla e o leite nunha pota ata que ferva. Unha vez alcanzado este punto deixámolo temperar.
2) Nunha cunca a parte, bater os ovos co azucre e incorporar o vaso de leite reservado e a maicena. Remexer ben ata integrar todos os ingredientes. Logo botar pouco a pouco o leite infusionado e mesturar (para evitar que se coagulen as xemas).
3) Cociñar a lume lento sen deixar de remexer a mestura ata que estea máis espesa.
4) Meter na neveira durante 4 horas para que arrefríe.
Para a torta:
As natillas realizadas coas pautas anteriores (ou mercadas, se prefires non facelas) 4 ovos 4 culleradas de azucre 1 tableta de chocolate negro (uns 150g) 100g de margarina vexetal Galletas (para 3 pisos da torta, ao voso gusto) Leite de améndoas (para empapar ás galletas) 1) Separar as claras das xemas. Montar as claras a punto de neve e bater o azucre coas xemas (nun recipiente a parte).
2) Derreter o chocolate xunto coa margarina (no microondas ou ao baño María).
3) Mesturar o chocolate derretido coas xemas e o azucre. Unha vez integrado botar as claras e remexer.
4) Escoller unha fonte onde colocar a torta. Poñer unha capa de galletas na parte inferior da fonte (previamente empapadas no leite). Despois intercalar unha capa da mestura do chocolate e outra de galletas por enriba. Por último, colocar as natillas, outra capa de galletas por riba delas e o resto da mestura de chocolate.
5) Decorar ao voso gusto e meter na neveira ata a súa degustación.
Esta receita é da miña nai, e emprega leite de améndoas porque así miñe irmae Álex (que ten intolerancia ao leite de animais) pódea tomar.

Esta foto é a tarta que lle fixemos xuntes e mais co meu pai polo día da nai.
Ana Amigo Ribet, 1º BAC A
BISCOITO DE IOGUR E LIMÓN
Ingredientes:
1 iogur 3 ovos medianos o zume dun limón a raspadura do mesmo limón 3 medidas de iogur de fariña 2 medidas de iogur de azucre branco 1 medida de iogur de aceite de xirasol un chisco de sal manteiga (para o molde)
Utensilios:
Un molde Unha escumadeira Un envase Un prato fondo O forno Un relador Un batedor

Elaboración:
O primeiro de todo, é botar o aceite de xirasol, os tres ovos medianos e o azucre no envase e mesturalos. Cando estea moi remexido botámoslle a raspadura do limón e o seu zume. Logo teremos que agregar os ingredientes secos: a fariña, o chisco de sal e o fermento (é mellor peneirar a fariña antes de botala). Temos que deixala repousar no frigorífico durante aproximadamente 10 minutos.
Prequentamos o forno a 180º. O molde cubrímolo con manteiga e botámoslle a masa. Metemos no forno e deixamos 40 minutos.
Cando pase o tempo sacámolo do forno, logo do molde e se queres, podes decoralo.
Ainhoa Rilo, 1º ESO B



Agarimosas Despedidas
ORLAS PROMOCIÓN 2020-22
2º bacharelato A
