
6 minute read
1 2 Como é Deus?
E… como é El?
As persoas sempre nos preguntamos: Como é Deus?
Segundo a época, o lugar ou a cultura representouse de diferente modo. Pero non hai unha resposta exacta, porque ninguén coñece a Deus en plenitude.
Coñecer a Deus é experimentar o seu amor.
Como te imaxinas a Deus?
Algunha vez te preguntaches...
• Como imaxinas ti a Deus?
• Que coñeces de Deus?
• Escribe no teu caderno tres cousas que coñezas de Deus. Compartídeo en clase entre todos e todas.
Nesta unidade descubrirás que...
• Deus é amor e maniféstase continuamente na nosa vida.

• Xesús díxonos que Deus é un só, pero maniféstase en tres persoas: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo.
• Deus creounos con amor e quere que nós deamos amor.
• Quen non ama non coñece a Deus.

Situaci N De Aprendizaxe
Creamos un mundo mellor
Atréveste a facer as cousas de xeito diferente para mellorar o mundo que te rodea?

Quen é Deus?
Na Biblia, na primeira carta de San Xoán, encontramos esta definición de Deus (I Xn 4, 8-9):
«O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor. O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ó mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida».
Axudarache a comprender o relato da Biblia
Visualiza o que pensas cando escoitas a palabra «Deus». Pode ser unha imaxe, unha idea, unha cor, unha emoción...
Podería ser unha imaxe como a do deus grego Zeus. Un deus todopoderoso e supremo que mostra o seu poder descargando a súa ira cando se enfada, con raios e tronos.

Ou ben poderiamos ter a idea dun deus xusticeiro e vingativo, vixilante, que non che deixa facer nada, do que te tes que esconder porque te castiga sempre; un deus que, con esa imaxe, inspira susto.
Hai os que ven un deus máxico que concede desexos. Ou un deus caprichoso que fai e desfai no mundo segundo se lle antolla sen pensar en nada, nin en ninguén.
Podes pensar nun deus happy, que propón unha vida de cor rosa e onde todo é felicidade absoluta.
Todas estas ideas ou imaxes distorsionadas de Deus afástannos del porque nos mostran un ser afastado, inalcanzable, ás veces cruel, e outras un pouco «anticuado».
É importante que, para saber quen é, teñas en conta que Deus é amor; alguén con quen podes falar, que te acompaña e te coñece. Alguén que nunca vai deixar de quererte pase o que pase. Atrévete a coñecelo!
1. Fai unha enquisa a persoas de diferente idade con dúas preguntas: «Que imaxe se che vén á cabeza cando escoitas a palabra ‘Deus’?. «Define a Deus con tres palabras».

• Dialogade en clase sobre as respostas obtidas e extraede conclusións.
2. Expresa a través dun cartel, unha poesía ou un cómic que significado ten para ti a frase «Deus é amor».
Deus na Biblia
Na Biblia, Deus dáse a coñecer a través dos acontecementos e da súa relación coas persoas. Nela descubrimos un Deus amoroso, misericordioso e xusto, que rexeita o mal e non consente a violencia, nin as inxustizas, nin o pecado.
• No Antigo Testamento, Deus dáse a coñecer a través da Creación, como un artista por medio da súa obra. É creador de todas as cousas e todo o fai bo, porque El é bondade. Tamén podemos coñecelo polas promesas que fai ao seu pobo a través de Abraham, Moisés e os profetas. Móstrase protector, compasivo, xeneroso e intolerante co mal.
• No Novo Testamento, Deus dáse a coñecer a través de Xesús. Descubrimos o rostro de Deus Pai misericordioso, o seu amor infinito en Xesús, o seu único Fillo que dá a súa vida para salvarnos, e o don do Espírito Santo, que nos envía para que nos guíe e acompañe. Deus revélase como un só Deus en tres persoas: Pai, Fillo e Espírito Santo. Verémolo un pouco máis adiante.
O amor de Deus pola humanidade é o fío condutor de toda a Biblia.
Misericordioso. Deus é misericordioso porque nos ama. Por iso nos perdoa sempre fagamos o que fagamos.
3. Completa as frases: a) Na Biblia Deus dáse a coñecer a través de... b) Na Biblia descubrimos un Deus...
4. Buscade en grupo, coa axuda do teu profesor ou profesora, un relato bíblico do Antigo Testamento e outro do Novo Testamento que narren algún aspecto que como é Deus. Expoñédeos en clase.

O coñecemento de Deus a través de Xesús
Xesús utiliza metáforas, relatos e palabras sinxelas para achegarnos a Deus e así poidamos coñecelo. Por exemplo, compárao coa figura dun rei, dun pastor ou dun pai bo que ama, acolle, celebra, acompaña e salva.
A vida de Xesús é como un cristal a través do cal Deus se revela á humanidade...
• No seu xeito de vivir. A súa vida é xusta, xenerosa e chea de xestos de amor.
• Polo xeito de relacionarse coas persoas, a súa proximidade, a súa tenrura e a súa preferencia polos máis excluídos.
• Coas súas palabras. Ensínanos que o amor é a única lei de Deus, e que implica o compromiso co ben común, para todas as persoas.
Xesús revélanos moitas calidades e aspectos de Deus, mostrándonos que está presente na vida cotiá, que se preocupa polas persoas, que se comunica con elas e sempre tende a súa man. Dános a coñecer que Deus se manifesta como amor de Pai, que envía a Xesús o seu Fillo para salvarnos e permanece connosco a través do seu Espírito Santo.
Os xestos e palabras de Xesús dannos a coñecer a Deus.
O cristianismo é a relixión que define a Deus como amor.

1. Escribe coas túas palabras no teu caderno o que Xesús nos revela de Deus.
2. Realizade, en grupos de tres, unha posta en común sobre o que cada un de vós coñece de Deus e elaborade unha descrición conxunta. Compartide os resultados en clase.
Deus Trindade
Xesús revélanos algo fundamental para a fe dos cristiáns: o misterio da Santísima Trindade. É dicir, que Deus é un só, pero maniféstase en tres persoas: O Pai, o Fillo e o Espírito Santo.
Isto é moi complicado de entender se intentamos buscar unha explicación que encaixe cos nosos parámetros mentais. Habemos de miralo a través da fe; entenderalo mellor se pensas que Deus é amor, e que este amor implica diversidade, proximidade e comuñón.
Deus é un só, e manifesta o seu amor como Pai e Creador, como Fillo que nos salva e como Espírito Santo que habita en nós. Tres persoas diferentes en comuñón: o Pai é Deus, o Fillo é Deus e o Espírito Santo é Deus.
Deus Trindade ensínanos que o amor é vínculo de unidade, que nos move cara aos demais. Invítanos a vivir amando, en comuñón con Deus e con todas as persoas.
Santísima Trindade
Fillo
Deus
Espírito Santo
O signo da Trindade é o amor.
Misterio. É algo que coñecemos porque temos fe, xa que forma parte da nosa vida espiritual, non material.
3. Responde no teu caderno: a) Que nos revela Xesús como fundamental para a nosa fe? b) Que nos ensina Deus Trindade?
4. En parellas, pensade en accións ou actitudes que podemos levar a cabo no noso día a día para vivir como nos invita Deus Trindade.
• Expoñédeas en clase e escollede tres para realizalas na semana como compromiso común.
Deus e eu
A imaxe que temos de Deus define a nosa relación con El: unha relación de confianza, próxima e amorosa. Se cres que Deus é distante, vingativo e xerárquico será imposible que esta relación funcione. As imaxes equivocadas de Deus dificultan entender como é Deus de verdade.
Deus quere que o coñezamos; por iso nos revela que é amor e é vida:
• O amor é proximidade, confianza, misericordia, acollida e comuñón.
• A vida é movemento, dinamismo e flexibilidade. É acción para amar as persoas.
Un Deus próximo que quere cada persoa como é e que nos chama a participar dese amor desde a nosa liberdade. Coñecer a Deus é amar, como di a Biblia: «Quen non ama non coñece a Deus» (1 Xn 4, 8).

As persoas fomos creadas a imaxe e semellanza de Deus. Por esta razón alcanzamos a felicidade e a nosa plenitude cando amamos. Amar únenos ás persoas, móvenos a comprometernos con toda a Creación e a buscar o ben común.
Deus coñécete e ámate. Atrévete a
coñecelo ti.
1. Escribe no teu caderno unha lista do Deus en quen non cres. Por exemplo: «Non creo nun deus caprichoso que non trata a todos por igual». Isto axudarache a coñecer máis a Deus.
2. Garda silencio e con calma redacta unha carta a Deus para contarlle o que queiras.
3. Observa o que escribiches e as palabras que utilizaches. Por exemplo, se contaches algo importante para ti con confianza, ou pola contra se o fixeches con medo, vergoña, etc. Extrae as túas propias conclusións sobre a imaxe que tes de Deus.