Eurocidade Chaves-Verín c h a v e s - v e r i n
Nº 2 - Febreiro 2010
UE FEDER Invertemos no seu futuro
Saúdos dos alcaldes, Percorrido un ano desde a primeira publicación da newsletter, imos continuar a transmitir as accións, eventos e actividades que, no ámbito deste proxecto, se realizan e reflexionan os avances e pasos que, desde xullo de 2007, coa entrada de Verín no Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, comezamos a desenvolver en conxunto. Para a Eurocidade, o ano de 2009 supuxo un gran impulso na configuración dunha zona franca social e na divulgación do proxecto desde o punto de vista institucional, académico e comunitario. A Eurocidade, ademais de ser presentada a deputados e senadores portugueses e galegos, e de ser exemplo de investigación e coñecemento de estudantes, investigadores e profesores de distintas universidades europeas, participa activamente no proxecto europeo “URBACT-EGTC”, que coloca en rede varias entidades transfronteirizas de Europa e pretende concretar intercambios e traballos sobre o desenvolvemento das súas ferramentas de gobernación transfronteiriza local. Por outra banda en 2009, a Eurocidade, en conxunto con máis 11 entidades transfronteirizas que traballan actualmente na fronteira hispano-lusa, participou na constitución da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, formando actualmente parte da súa comisión executiva. Ao mesmo tempo, a realización de numerosas actividades nos ámbitos da educación e deporte contribúen nunha maior interacción dos cidadáns flavienses e verinenses que, simultaneamente se familiarizan co concepto e significado que constitúe a Eurocidade, de modo que, desde o inicio, son os propios cidadáns os que van dando forma á zona franca, a través da participación en actividades deportivas, educativas e culturais. Esperamos que con esta publicación, os destinatarios da newsletter poidan seguir periodicamente o que se realiza na Eurocidade, e no seu camiño en dirección á consolidación dun espazo común para os cidadáns de Chaves e Verín.
João Gonçalves Martins Batista Alcalde-Presidente Municipio de Chaves Juan Manuel Jiménez Morán Alcalde-Presidente Concello de Verín
O Proxecto da Eurocidade foi aprobado na 1ª convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 A “Eurocidade Chaves-Verín” constitúe un proxecto pioneiro a nivel da Península Ibérica e tamén de Europa, exemplarizando un novo modelo de cooperación de segunda xeración que vai máis aló da colaboración institucional, e do sumatorio de simples programas e iniciativas de cooperación, potenciando a asunción de que é posible adoptar un novo modelo de cidadanía europea. O proxecto da “Eurocidade Chaves-Verín” pretende a posta en común dos recursos, a través do planeamento e xestión conxunta de servizos e equipamentos dos municipios fronteirizos de Verín e de Chaves. Entendeuse que a mellor forma de alcanzar esta meta sería a través da cooperación estratéxica, fundamentada en complementariedades, recursos endóxenos e nunha historia de convivencia secular, seguindo as orientacións da UE e aproveitando os instrumentos que esta institución pon a disposición da cooperación sustentada. Aprobado pola Comisión Europea, o Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, promove o desenvolvemento das zonas fronteirizas entre España e Portugal e permite aproveitar as amplas redes de cooperación existentes que se están a desenvolver desde 1989, con execución de proxectos de infraestruturas materiais, ás que se incorporaron progresivamente outros sectores como o turismo, servizos sociais, medio ambiente, innovación tecnolóxica, sanidade, educación ou cultura. En febreiro de 2009, o proxecto da Eurocidade Chaves-Verín foi aprobado polo Comité de Xestión do POCTEP, dentro do eixo prioritario de cooperación e xestión conxunta para a integración socio-económica e institucional. A súa aprobación permitirá a concretización das liñas de acción definidas na “Axenda Estratéxica da Eurociudad ChavesVerín”. Ademais dos municipios de Chaves e Verín, o grupo do proxecto está constituído polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, polo Instituto Portugués da Juventude e pola Deputación de Ourense. En primeiro lugar, o proxecto pretende dotar a Eurocidade Chaves-Verín dunha estrutura que garanta un funcionamento eficiente, constituíndo o Gabinete de Apoio Técnico e estando aínda en curso a rehabilitación da antiga aduana española en Feces de Abaixo, onde se instalará a futura “Xanela da Eurocidade”.
O proxecto da Eurocidade está estruturado en 3 eixos estratéxicos: Eixo 1 - Eurocidadanía: Preténdese envolver as poboacións no proxecto, para que coñezan as vantaxes da cooperación transfronteiriza. Neste eixo, a principal prioridade pasa pola creación dunha tarxeta do eurocidadán e pola creación dunha oferta de servizos comúns. En colaboración coas institucións de apoio á mocidade está en curso a implementación do Despacho da Mocidade e do Local de Ensaios Transfronteirizos. A Axenda Cultural da Eurocidade e o desenvolvemento de actividades de formación para unha eurocidadanía son as accións que pechan este eixo. Eixo 2 Dinamización Económica: O obxectivo é promover a creación dun tecido económico competitivo, emprendedor e capaz de xerar valor engadido. Preténdese fomentar a cooperación activa dos distintos axentes sociais, así como dos principais recursos endóxenos, nos sectores do turismo, comercio e empresas. A creación dunha Unidade de Desenvolvemento de Produtos Turísticos, a promoción dunha Fronteira Comercial Aberta e a creación dun Forum Económico e Empresarial da Eurocidade son as accións de maior relevancia. Eixo 3 - Desenvolvemento Sostible : Preténdese inventariar, coñecer, preservar e dinamizar o patrimonio natural común, a través da realización dun Estudo do Patrimonio Natural, Cultural e Histórico en torno ao río Támega e asentar as bases para a planificación conxunta do territorio.