Letras Galegas 99
Roberto Blanco Torres
Xornalista e poeta 1891-1936 Seminario de Biblioteca CEIP MILLADOIRO MALPICA
Os primeiros anos: Pedro Blanco Crespo nacera en Lalín, estaba ordenado sacerdote e a piques de canta-la primeira misa, cando coñece a Carme Torres Fuentes, mestra de Troáns (Cuntis), coa que casa poucos meses despois. Teñen nove fillos, o máis pequeno dos cales será Roberto. Roberto non fixo máis estudios que os da Escola Primaria, pero convertiuse nun home cultísimo dun xeito autodidacta, a partires da súa inmensa afección á lectura. Ós sete anos morreulle súa nai e ós quince o pai.Por este motivo marcha a Cuba, onde vivían os seus irmáns maiores: Segismundo e Nuño. Cuba: Alí segue a ler moito e a facerse un home de ideas progresistas. Viviu en Cuba durante dez anos nos que se relacionou coa figuras máis sobresaíntes da cultura galega: Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Basilio Álvarez... Colabora en periódicos españois e cubanos asinando a maior parte dos traballos co seudónimo de Fray Roblanto : Ro(berto), Blan(co), To (rres), ou co de Cirilo de Crespo, xuntándolle a un dos seus numerosos nomes de pila o apelido da súa avoa paterna. Con vinte anos dirixe a revista mensual bilingue La Alborada, que se publica en Cuba en galego e castelán e que funciona como verdadeira ponte de comunicación entre os galegos de aquí e de alá. Ademáis de artigos de opinión , poemas e todo tipo de colaboracións, incluía un taboleiro de anuncios , compras e ventas. Compre ter en conta que, daquela Cuba era unha especie de quinta provincia galega. Esta nota foi incluída no nº 3 de Alborada con data do 21 de Xaneiro de 1912:
-El Ayuntamiento de Malpica ha abierto un concurso para arrendar una casa con destino a la escuela pública de Mens.
A Coruña: Volve a Galicia en 1916 para dirixi-lo xornal coruñés El Noroeste , ó tempo que segue vinculado a tódalas iniciativas que teñen que ver coa difusión de ideas progresistas e nacionalistas. Segue a escribir en A Nosa Terra e en Nós , os proxectos máis cobizosos do nacionalismo galego en prensa escrita. Madrid: En 1920 pasa a dirixir El Correo Gallego e nove meses despois deixao para atende-la chamada do seu amigo Basilio Álvarez e seren redactor-xefe dun periódico novo e progresista La Zarpa, en Madrid. En 1923, xa é director desa publicación acadando un grande éxito como comentarista agudo e intelixente. Ó mesmo tempo segue a colaborar noutras publicacións con artigos, comentarios ou poemas. Pontevedra: Neses anos acepta dirixi-lo xornal pontevedrés Progreso. En 1924 é elexido presidente da Asociación da Prensa de Vigo e pasa a ser redactor-xefe de Galicia “Diario de Vigo” propiedade de Valentín Paz Andrade. Nese diario escribía a sección “Entre paréntesis”, un artigo humorístico que moitas veces era censurado. E para ese diario conseguíu a colaboración de Miguel de Unamuno, escritor ó que admiraba e ó que adicou un poema no seu libro “Orballo...”.
Matrimonio: En abril de 1926, cando tiña 35 anos, casa en Vigo con Julia Sánchez e o Goberno Civil pecha definitivamente o diario Galicia. É nomeado entón redactor-xefe do diario El Pueblo Gallego baixo a dirección de Portela Valladares. Co anterior director deste periódico, mantivera Blanco Torres unha activa polémica e estivera a piques de baterse en duelo. Estamos en plena dictadura de Primo de Rivera e ós periódicos sofren de falta de libertade de expresión. Como queira que Blanco Torres era un home nacionalista e progresista, esta maneira de ve-la vida tráelle moitos problemas. Ourense: É por isto que deixa o Galicia tras dun amargo conflicto co director do periódico e a legalidade vixente, e , xunto coa súa muller deciden retirarse unha tempada á Peroxa (Ourense), onde estaba a casa familiar dela. En 1929 aparece na Editorial Nós o seu libro de poemas “Orballo da media noite”. En 1930 e na mesma editorial aparece o segundo libro “De esto y de lo otro”, unha antoloxía das súas numerosas crónicas periodísticas. Na solapa deste aparecía o anuncio doutras dúas obras do autor, en preparación: a novela “La estrella lejana” e o ensaio “Tres discursos á mocidade galega”, obras que o desenrolo posterior dos acontecementos históricos impedíu ver publicadas. Entretanto regresa ó xornalismo como director de La República en Ourense, periódico republicano e de esquerdas e moi belixerante coa dictadura imperante.
Político: A súa activa participación política fai que coa proclamación da II República abandone temporalmente o xornalismo para se converter en Gobernador Civil de Palencia. A finais de Maio de 1936 é nomeado Xefe de Prensa do Ministerio de Interior en Madrid, cargo que deixará cando se produce o golpe de estado encabezado polo xeneral Franco. A morte: O 18 de xullo de 1936 próducese o levantamento golpista contra o goberno democrático da República e Blanco Torres decide retirarse discretamente á Peroxa para esperar que se volvese a recupera-la normalidade democrática, feito que se prevía en breve. Non foi así. A represión non cesa e, a mediados de setembro é localizado, detido e encarcerado en Ourense. O seu irmán crego, Germán, usa tódalas súas influencias para conseguir que o poñan en liberdade. Cousa que consegue. Pero, nada máis quedar excarcerado, é novamente apreixado polos golpistas e levado ó cárcere de Celanova. Só por unha noite: na mañá do 2 de Outubro apareceu o seu corpo morto a tiros na parroquia de San Fiz de Gález (Entrimo). Fora “paseado”. Otero Pedraio foi un dos poucos que puido escribirlle en tempos tan difíciles unha digna semblanza mortuoria.
Bibliografía: “Orballo da media noite”. Ed. Xerais “Roberto Blanco Torres”. Ed. Galaxia
“Alborada”. Facsimil . Ed. XUGA Todos na Biblioteca, estantería de Novidades.
SEMINARIO DE BIBLIOTECA Malpica,abril de 1999
Suxerencias para o traballo na aula: n Face-la relación de periódicos nos que traballou. n Averiguar cántas desas cabeceiras seguen a editarse hoxe en día. n Localizar no atlas ou noutros mapas, os sitios nos que naceu, vivíu, traballou e morreu. n Averigua-lo significado de “autodidacta”. n Buscar información sobre o costume de baterse en duelo. n Averiguar se alguén da nosa familia emigrou a Cuba alá polo ano 1900. n Buscar información biográfica de: Basilio Álvarez, Ramón Cabanillas, Ántón Vilar Ponte ou Valentín Paz Andrade.