
5 minute read
XXVIII FESTIVAL DE BANDAS DE SILLEDA
O sábado 9 de abril celebramos o XXVIII Festival de Bandas de Música de Silleda no auditorio da Semana Verde de Galicia coa Banda de Música de Santa Cruz de Rivadulla como agrupación convidada.

Advertisement
Tratouse dun concerto benéfico no que, do mesmo xeito que na meirande parte das actividades realizadas durante estes meses, establecemos un punto de recadación económica para o pobo ucraíno que lle foi entregado ao programa Silleda Solidaria.

Ademais, foi un recital moi emotivo e especial, xa que homenaxeamos a Pablo Barreiro, productor e técnico de son que, ademais de ter milleiros de horas de gravación de músicos galegos no seu haber, garda unha especial relación coa nosa Banda.
É por iso que unha vez máis quixemos agradecer o seu compromiso e adicación como peza fundamental da historia de Galicia
Cando comezou a súa paixón polo son?
Comecei a interesarme polo son cando, de moi novo, tocaba nun grupo. Pronto me din conta do mal que soabamos e pensei que había que facer algo ao respecto. Pasados uns anos, tamén me din conta de que non só soabamos mal por causa dos equipamentos, senón que tamén tiña moita culpa o feito de que non tocabamos moi ben.
Nos seus inicios non dispoñía dos medios técnicos que existen na actualidade Que dificultades atopou ao iniciarse nun mundo no que ser autodidacta era a única alternativa?
Cando eu comecei, non había realmente nada. Os equipos eran moi básicos e de moi pouca calidade e non había ninguén a quen preguntar (porque ninguén sabía nada) nin literatura ao respecto nin onde conseguir a pouca que había que ademais estaba en inglés. Faltaban aínda un par de décadas para que aparecera internet e non había ningunha outra canle de información á que botar man. É así que os técnicos daquela época tivemos que, practicamente, inventalo todo ou cando menos adiviñar cousas a base de “dar cos cornos contra a parede” Pasados uns anos comezaron a aparecer revistas e puidemos, pouco a pouco, ir contrastando as nosas técnicas co que facían outros fóra de España, e con eso fomos pulindo coñecementos e compartindo experiencias.
Antes de adentrarse na parte técnica da música vostede tamén tocou algún instrumento. Que vantaxes destaca de ser músico e cales de ser técnico?
Desde a miña perspectiva non podo separar a técnica de son dos coñecementos musicais. É algo que boto de menos nas ensinanzas das escolas de son e mesmo nas carreiras superiores de inxeñería Se ben un técnico de son que se adique a labores básicas, como a radio, a televisión, conferencias etc pode sacar partido e bos resultados sen coñecer nada de música, unha persoa que se adique á gravación musical, coa postprodución, edición, mestura e demais procesos que conleva, non pode obter uns resultados óptimos se non ten, cando menos, uns coñecementos básicos de música A gran diferencia márcaa o feito de saber escoitar como un músico e poder adaptar as técnicas precisas a cada estilo musical. Nunca debemos, cando estamos ó fronte dunha mesa de mesturas ou dun ordenador, descoidar a escoita musical en troques da información que nos proporciona a pantalla ou os diversos elementos de medida dos que dispoñamos
Cos coñecementos que ten hoxe en día, voltaría a facer música co seu grupo?
Rotundamente non Eu son un músico frustrado e asumo perfectamente esta condición. Considérome, pola contra, moi afortunado de ter atopado este camiño paralelo da música e de ser admitido no mundo dos músicos coma un máis Pero non volverei intentar facer o que non sei facer.
Tras máis de 25 anos á fronte do Arquivo Sonoro da Radio Galega e con milleiros de horas de gravación as súas costas, foi testemuña directa da historia da música do país. Como ve a súa evolución?
Trinta e seis anos ó frente do Arquivo Sonoro da Radio Galega, pateando o país e traballando con todo tipo de músicos, agrupacións e estilos musicais, dan para coñecer bastante ben o panorama musical de Galicia.
A evolución foi meteórica e fascinante As escolas de música municipais e a mellora fulgurante do profesorado conseguiron que, en moi poucos anos, pasaramos da total ausencia de músicos profesionais a ter representación en toda Europa e mesmo en América de músicos formados en Galicia. Ben é certo que non toda a formación destes músicos foi acadada en Galicia, pero os nosos profesores de música souberon espertar o interés e desenrolar as capacidades dos estudantes para que, unha vez rematados os estudos oficiais, se decidiran a saír a estudar ó estranxeiro e foran quen de acadar os altos niveis que amosan hoxe en día.
Cal foi o seu vínculo con Chano Piñeiro e como xurdiu a idea de compoñer as bandas sonoras de dúas das xoais do audiovisual galego, Mamasunción e Sempre Xonxa?
Chano e mais eu tivemos unha forte relación xa de pequenos. El naceu no piso superior da miña casa que lle tiñamos alugado ós seus pais quen, por certo, foron os meus padriños de bautizo. Da man de Chano coñecín algunhas cousa que me marcaron de pequeno El tiña un tocadiscos de pilas e nel escoitei os primeiros discos dos Beatles, dos Brincos, dos Rolling Stones, etc Tamén herdei algunhas roupas e aprendín a andar en bici na súa bicicleta. Chano aprendeu de min, e dos demáis nenos de Forcarei, a xogar a estornela, ó guá e a ir co meu pai facer rodicios de madeira no río.
Cando tiñamos nove anos, os nosos camiños separáronse: el marchou a estudar a Marín en eu a Santiago Non foi ata cando el estaba acabando a carreira de farmacia que apareceu un día pola porta da tenda de música na que eu traballaba dicíndome que estaba a rodar unha película e que precisaba de alguén que lle puxera son e música Eu díxenlle: “Chano, pero eu deso non sei nada”, e el virouse de costas e dixo: “si que sabes” Eso foi todo O resto veu rodado
Valorou a idea de volver a compoñer?
Como dixen na resposta anterior, a miña incursión no mundo do cine reduciuse totalmente á casualidade de que Chano non soupera de ningunha outra persoa que lle puidese axudar a realizar o seu soño. Tamén a miña incursión no mundo da composición se reduce ao mesmo Penso que naquel tempo era moito máis temerario do que son hoxe.
Como é a súa relación coa Banda de Silleda?
Eu coñezo á Banda de Silleda desde que era pequeno. Era unha das Bandas de música que viña regularmente ás festas dos Dolores de Forcarei Pasados os anos tiven a ocasión de participar na gravación de moitos dos seus concertos e varios dos seus discos. Teño que dicir que sempre me atopei na casa en Silleda e que o trato recibido foi sempre dunha cordialidade e unha confianza absoluta. Espero ter estado á altura.
Que lembranzas garda das gravacións dos discos da agrupación?
Das gravacións, de todas elas, sempre lembro o asombro que me producía, e segue a producirme, o feito de que se poida facer música, e música dunha notable envergadura, con tan poucos vimbios Sempre que chegaba a unha gravación dunha banda popular, e mentres montaba micrófonos, ía escoitando por entre as cordas cara onde estaban os músicos que mellor se desenvolvían e sempre me fixaba nas caras dos máis novos, caras de concentración e nervios, xa que para a maioría deles, era o primeiro contacto co mundo da gravación. Lembro tamén as longas horas de gravación, cos músicos aguantando o cansancio e sobrepoñéndose ós problemas do mesmo, cousa que os profesionais non adoitan facer, e os traballos dos directores das bandas tratando de afinar un a un a tódolos músicos.