Skip to main content

UN CONTO DE REVISTA

Page 1

1980/1981__40 ANOS DA REVISTA BREOGÁN__2020/2021

Un Conto de Revista “O ABRAIO DE XIANA BULEBULE” 1 Polos altofalantes do colexio xa soaba a cantiga que indicaba que viña de rematar outro día de escola. Xiana meteu axiña todas as súas cousas na mochila, colleu o chaquetón, e púxose na ringleira do seu curso. Ese era un día distinto, pois todas e todos os compañeiros levaban na man cadanseu exemplar da revista do cole, a Revista Breogán, que repartira a mestra Antía. Xiana, desexosa de saír axiña, ía inqueda na ringleira. Tan pronto como pisou o patio, ollou para o portalón e saiu a lume de carozo, case que perdía o cú coa velocidade. Ía leda, dando brincos. No seu pensamento só tiña a imaxe dunha das persoas que ela máis amaba do mundo... con verdadeira tolemia. Alí, na entrada do colexio, estaría quen sempre a agardaba día tras día. Ela tiña ben claro que o agasallo que a mestra lle dera, ía ser para el. Viuno, co seu brazo erguido. Con disimulo, agochou tras as costas a Revista, e comezou a chamalo: - Avó...avó! - Xiana, aquí! - o avó abriu os seus brazos para poderlle dar a aperta máis cobizadaDáme un biquiño, netiña! Que tal foi no cole hoxe? Collida da man do avó, botaron a andar pola beirarrúa: -Tróuxenche unha cousa, avó! Pecha os ollos, veña! -Que é? Que agochas tras as costas? -Anda, porfi, péchaos! Xiana sabía do gusto do avó Xabi pola lectura de xornais e toda clase de libros e novelas. El tiña sido, dende que era unha neniña de dous anos, quen lle lía e inventaba historias e contos. Por iso, ela e o avó Xabier non podían vivir sen ler. - Toma... mira que nos deu a profe Antía! Abre os ollos, avó! - Unha revista! - exclamou o avó abraiado polas cores da portada. - Si, deuma a mestra Anti! En especial para ti, e para todas e todos os da casa! - Pero esta non é unha revista calquera, é a REVISTA BREOGÁN do cole. Non sabía que a seguían publicando. - Que dis avó? Coñécela? - Netiña, ti ben sabes que eu tamén fun alumno do Colexio Balaídos. - Si, dixéchesmo un día! Cóntame máis, avó!


- Pois hai 40 anos -comezou a relatar o avó Xabier- meu pai e miña nai, os teus bisavós, decidiron trasladarse de Ourense a Vigo. Meu pai atopara traballo na fábrica de coches “Citröen” desta cidade. Alugaron un piso na rúa Alcalde Portanet, e a min escolarizáronme no colexio ao que ti tamén vas. -Xa ten 40 anos o colexio? Que “mogollón” deles! - Si. Comezou a funcionar en setembro de 1980. - Entón, avó, ti fuches un dos nenos e nenas que estrearon o colexio. Que pasada! Nunca mo contaras! Segue, segue! - Foron uns anos marabillosos. Eu débolle ao colexio moitas cousas, pero sobre todo o amor que espertou en min polos libros e lectura en xeral. Ai, a Revista Breogán! Canto traballabamos nela! Eramos alumnas e alumnos aprendendo, xogando a ser xornalistas. -Entón no curso 1980-1981, publicastes a primeira revista Breogán? -Non! Antes de ser revista, foi un “periódico mural” de nome Breogán. A primeira revista chegaría en nadal de 1981. Menuda festa fixemos!!! - Un periódico mural? Como se fai iso? - Pois nun taboleiro de cortiza, Xiana. Cada semana íamos colocando nel: novas, debuxos, pasatempos, reportaxes, adiviñas,.... Era apaixonante!... Veña, imos a casa e ensínoche dúas fotos que gardo con moito agarimo! - Que guai, avó! Imos! Oe, lembras cando me levabas enriba dos ombreiros? - sorrindo. - Pero daquela pesabas pouco! - o avó Xabi ri- Que pillabana es! Anda axiña, que deixei preparado un dos teus pratos preferidos para o xantar. - Vivaaaa! Hoxe como tortilla de patacas! Grazas, avó! - Como es, Xiana! Que bulebule teño de neta! 2 Esa mesma tarde de xoves abría a Biblioteca do cole, Xiana pediulle ao avó que a levase. Colleu os libros que quería cambiar, e dentro dun deles meteu un sobre que contiña o segredo revelado polo seu avó: as dúas fotos de hai 40 anos. Chegados á porta do cole, avó e neta déronse un bico. Xiana sabía que tiña por diante dúas horas de Biblio, antes de que a recollesen. A porta da biblioteca estaba entreaberta, Xiana asexou discretamente. Non sabía se entrar ou agardar. Escoitaba que alguén cantaba: - Cando esteas aburrida e non saibas qué facer. Colle un libro miña amiga, todo pode acontecer. La, larala, la, la, la, la...! Viu voar entre as mesas e andeis da Biblioteca unha bóla de cor azul e amarela que, desprazándose a grande velocidade pola sala, levaba contos e libros dun lado para outro.


Fitou ben, fixouse, e cando ese ser que ela cría unha alucinación se parou enriba do moble das novidades editoriais do mes, puido comprobar que se trataba de Xoán, o Superheroe, a mascota da Biblio. A Xiana veulle unha idea maliciosa á mente, sorriu e abriu de súpeto e totalmente a porta coincidindo co momento no que Xoán saía de novo voando cun libro nas mans. - OLA, XOÁN! BOA TARDE! - Xiana berrou con todas as súas forzas. O pobre do Superheroe Xoán, ollou con cara de susto para a porta, perdendo altura e espetándose contra un dos andeis da estantería. O conto que levaba nas mans caeulle ao chan e serviulle de pista de aterraxe para amparar a súa caída. Case se mata! - Aiiiii, aiiiii,aiiii! Que golpe levei! Que medo me meteches, Xiana! - Perdoa, Xoán! Está claro que berrei máis da conta e asusteite demasiado! Pero... ti non es un superheroe? Os superheroes non se mancan! - É certo! Xa non me doe nada! - erguéndose como se nada tivese acontecidoFalloume a mochila propulsora! - Síntoo, perdoa! Mañá entrarei máis a modiño! - Xiana aínda choraba coa risa. Xoan puxo de novo en funcionamento a súa mochila cohete, propulsouno pola Biblioteca ata pórse á altura dos ollos de Xiana. Mirouna fixamente e sorrindo díxolle: - Leo neses ollos, que non viñeches tan só darme un susto, va que non? -Non! A verdade é que...que...que... A verdade é que viña contarche unha cousa moi interesante. -Cóntame! Veña! -Hoxe repartiu a mestra Antía a Revista Breogán deste ano, eu leveilla ao meu avó, e deuse a casualidade que.... o meu avó contoume que el foi un dos nenos e nenas que estrearon este cole e esta Revista Breogán. Mesmo, deume dúas fotos, que traio aquí comigo para mostrarchas. A que non sabías que (abrindo o sobre que traía e sacando as fotos)... a Revista Breogán, antes de selo era... ? - Si, Xiana! -interrompéndoa- Era UN PERIÓDICO MURAL! Era mensual. Os distintos cursos tiñan asignado cadanseu mes, puñan no mural as novas dese mes, pasatempos, adiviñas, chistes, poesía, contos, reportaxes...

- E ti como o sabes? - preguntou Xiana. - Porque a miña mochila propulsora ten un modo de “volta atrás” que me permite viaxar ao pasado do Colexio Balaídos. - Non me digas!! - os ollos de asombro de Xiana saíanlle das órbitas – Pois entón, vasme ter que contar moitas cousas, Xoán.


3 Xoán comezou a contarlle todo o que el sabía sobre a historia da Revista Breogán. Xiana atendía sen pestanexar. De cando en vez, interrompíao. - Entón, A Revista nace como mural en 1980 e en papel en 1981? - Si – afirma Xoán coa testa -. A primeira publicada foi no tempo de Nadal de 1981 , no primeiro trimestre do segundo ano de vida do colexio Balaídos. Non vexas ti, a ledicia que supuxo aquel evento.

- Conta, conta! Son toda oídos! - O colexio creou unha Comisión da Revista na que estaban representados profesorado e alumnado. Establecían os temas a tratar en cada edición e as nenas e nenos maiores estaban sempre desexando que chegase o día de montar as revistas: multicopialas páxina a páxina, colocalas en moreas de follas nas mesas da biblio; e de seguido, comezar a montalas collendo unha folla de cada montón, revisándoas e grampándoas. E remataba o día repartindo a revista por todas as aulas. Era un día de festa! Adicado todo el á Revista Breogán. - E a portada que ten na man este neno da fotografía, quen ou como a escollían? - Boa pregunta! A portada, e así seria ao longo de toda a vida da Revista, era seleccionada polo alumnado do ciclo, ou cursos, que lles tocase deseñala (había unha quenda ano tras ano). O proceso era, máis ou menos, o seguinte: tras informar da temática da revista, nenas e nenos facían os seus debuxos; logo escollían dentro de cada grupo, por votación, cal eran as dúas ou tres que ían mandar á Comisión Breogán; tras recibilas todas, decidíase cal ía ser a PORTADA (ás veces era tan difícil que tiña que decidir o profesorado). Xa sei, Xiana, que estás a pensar que habería alegrías nuns e que outros quedarían “chafados” pola decepción, pero non era así pois o alumnado aceptaba o sistema de escolla, e sabían que o debuxo representaba a todo o cole.


- Entendo! Que ben, Xoán! E porque lle puxeron o nome de Breogán? - O nome debeuse a que a comisión da Revista quixo que fose escrita en lingua galega. Por iso acaeulle ben ese nome. Galiza é coñecida como a Nación de Breogán (un rei mitolóxico celta que funda a nación galega), tal e como di a letra do himno galego, escrita polo poeta Eduardo Pondal. De feito na primeira revista hai unha páxina adicada á Historia de Breogán. - E... a revista sempre foi escrita en galego? - Si, desde sempre! Todos os números foron editados en galego! Pensa, Xiana, que daquela non había apenas libros e xornais editados en galego (o 95% escribíase en castelán). E que neste cole había unha sensibilidade especial hacia o ensino en galego, pois en 1980 se acordou impartir en todo o colexio a asignatura de Lingua Galega. Aí estivo a razón do nacemento da Revista: darlle presenza e prestixio á nosa lingua galega, á vez que pór en valor os medios de comunicación en galego. - Falaches antes de que a multicopiaban; que é iso, facían fotocopias? - Non, as fotocopias feitas en fotocopiadora chegarían no ano 2005. Nos primeiros vinte anos empregábase unha multicopista de marca Gestetner. O funcionamento dunha multicopista consiste en gravar un cliché que a continuación se monta nun tambor entintado desde o que a tinta pasa ao papel receptor que xira noutro tambor contiguo. Podes buscalo en internet e verás fotografías. - Ok! Vin que as revistas do colexio que tes expostas neses estantes da biblioteca, están todas en branco e negro! - Si! Esas son as primeiras! Das primeiras edicións! Foron así durante case dez anos. - Ah! Pois entón, por que transcorrido ese tempo, no ano 1990 cambia un pouco o deseño da revista Breogán? En que cambia? - Uf, Xiana, ti queres sabelo todo! Cóntoche! Coincidindo coa chegada en setembro de 1990 da educación infantil ao Colexio Público Balaídos (así o chamaban daquela), tras inaugurarse o edificio que aínda acolle hoxe ás máis pequenas e pequenos do cole, a Comisión da Revista Breogán acorda que ese alumnado poida participar na revista aportando dúas follas por alumno/a de debuxos orixinais a cor. Dos cales, no proceso de montaxe das revistas que che expliquei antes, metíase un debuxo en cadanseu exemplar. - Só mudou niso? - Como que só, Xiana? iso foi un grande cambio pois dáballe cor á revista; que por certo, era coloreada nas casas, tras suxerilo mestras e mestres, pola maioría das nenas e nenos. Non saía editada a cor pero remataba tendo cores. Entendes?


- Xa, xa! Pero aquelas que estou vendo alí, levan cartolina de cor! - Iso aconteceu en 1995 cando para o número de nadal da revista Breogán comezan imprimirse as portadas e contraportadas en branco e negro, pero sobre soporte de cartolina a cor. E manteríase dese xeito ata o nadal de 2005. Esa tarefa encargábase a unha imprenta (foi a primeira vez en dezaseis anos), pois as multicopistas do colexio non soportaban ese tamaño e ese grosor de papel. - Oe, escoita Superheroe Xoán... agora que falaches do número de nadal, eu crin que a nosa revista só saía en Maio? - Foron vinte cinco anos de dobre edición (unha polo mes de Nadal, e outra polas Letras Galegas). Desde 2007 deica hoxe, edítase a revista Breogán só no mes de maio, no mes das Letras. - E témolas todas no arquivo do colexio? - Sinto darche unha mala nova, Xiana, pero hai números da revista que desapareceron quizais por esquecemento ou por non reparar en gardar un exemplar para o futuro. Quizais por non ter en conta que nenos e nenas coma ti, ao medrar e se facer adultos, puidesen revivir o seu tempo de cole coa lectura da revista escolar. En total, perdéronse 6 números de Nadal, e 3 de Letras Galegas. Todas editadas entre 1981 a 1989. - Claro, Xoán! Van 40 anos de revista e é normal que algunha se perda - exclamou Xiana- E volvendo ás cores ou non cores da revista, cando e como van aparecendo as fotocopias a toda cor? - Pois hai un momento na historia da Revista Breogán que marca un antes e un despois. No curso 2005-2006 crease no cole unha Comisión do 25 ANIVERSARIO, para celebrar os vinte cinco anos de cole (disto xa che falarei outro día pois hai motísimo que contar). A Comisión da Revista tivo o reto de sacar á rúa un exemplar que resumise todo o acontecido nese ano. É unha revista entrañable e debes lela Xiana, pois contén vivencias de antigo alumnado e profesorado, historia do cole, unha sección adicada ao noso barrio de Balaídos e aos cento vinte cinco anos do nacemento do pintor Picasso. - Entón a revista 25 Aniversario foi impresa a toda cor? - Ai, Xiana, quen lles derá aos organizadores da mesma podelo facer! Pero non tiñan cartos de abondo para imprimir cincocentas revistas! Malia todo houbo un salto de calidade, xa que ademais das cubertas e portadas e contraportadas interiores, encargáronse na imprenta as dúas follas centrais a toda cor. Se queres podes vela aquí na Biblioteca, que a temos no andel das revistas. - Lémbrame despois, “porfi”, que che pregunte unha cousa relacionada con Picasso! Outra cousiña: e nestes últimos anos, como evolucionou a presentación da revista?


- Pois, en 2007 mantívose o formato da edición do aniversario que che expliquei. As follas de cor encargábanse en imprenta e as páxinas en branco e negro fotocopiábanse no colexio. Pero xa de 2008 a 2012 as follas que antes eran en branco e negro seguían a selo, pero “satinadas”, pois tamén se encargaban na imprenta. E xa desde 2013 toda ela é A TODA COR!

- Notouse pois que o cole xa non tiña problemas de cartos para pagar a revista! Había “pasta”, como di o meu avó. Eh, Xoán? - Non, Xiana. Non había. Pero desde ese ano a Comisión de Revista decidiu imprimir só un exemplar por grupo de alumnos, para que o tivesen na biblioteca de aula. E algún exemplar máis para a Biblioteca Xeral e “mochilas viaxeiras”. Ás familias e alumnado se lles informaba que tiñan na web do colexio, e nos blog da Biblioteca e A Lareira Dixital, un enlace para ver a revista ou mesmo descargala e levala a imprimir. E...con esas, xa estamos no número 40 da REVISTA BREOGÁN!!! Non sei que máis contarche, Xiana! - Grazas, supermascota da Biblio! - Non hai porque dálas, Xiana! Por certo, que queres saber de Picasso? - De, nada! -ríndose. É que me chamou a atención escoitar que lle adicastes un apartado na Revista do 25 aniversario! - Si! Xa entendo! E que esquecín de che dicir que desde sempre a Revista Breogán foi unha revista onde primaba a creación literaria e investigadora (contos, poemas, reportaxes, enquisas, estudos, pasatempos,...).


Mais tamén tivo nela un oco, desde sempre, a creación e recreación artística; sobre todo na década dos 90, cando comeza a incorporarse unha sección fixa (ademais da sección en homenaxe ao escritor do Día das Letras) adicada a unha pintora ou pintor de sona (priorizando que fose galego); e logo, a partir de 2013, a profesionais da ilustración e pintura infantil e xuvenil. - Agora si que xa o sei case todo sobre a Revista do Colexio Balaídos! - exclamou Xiana sorrinte. - Ou case todo! - puntualizou Xoán. - Moitas grazas, Xoán. Foi unha tarde de biblio moi “guai”, divertinme moito contigo pero agora teño que marchar para a casa. Mañá voulle contar moitas cousas á miña mestra Antía, e antes diso ao meu avó Xabi. - Non digas que cho contei eu. - Por que o dis? - Pois.... porque... se andas a dicir que estiveches dúas horas falando coa mascota da Biblioteca han pensar que toleaches. (Xoán botou unha risada) - Ahhhh! Entón direi que todo mo contou un amigo que atopei no cole e que levaba ás costas unha “mochila cohete”. (Xiana tamén ría) De súpeto, Xiana mirou o reloxo, gardou as fotos do avó a toda présa, dixo adeus a Xoán e saiu correndo. Xoán, a mascota da Biblioteca, acendeu o propulsor da súa mochila, voou entre mesas e estantes, e achegouse á ventá da Biblio. Xiana viuno e fíxo un aceno coa man desde a beirarrúa, Xoán chiscou un ollo mentres vía como a súa amiga lectora e investigadora collía da man ao seu avó comezando a falar atropeladamente. Xoán sabía que o avó hoxe ía gozar máis ca nunca da longa conversa que lle agardaba coa súa neta. FIN Ceip Balaídos_ Curso 2020/21

Este conto foi escrito,malia á dificultade da temática, baseándome en vivenzas persoais e nos datos recollidos no curso 2005/06 sobre a historia da Revista Breogán, co fin de poder montar unha sección adicada a ela, dentro da ampla Exposición 25 Aniversario artellada naquel ano escolar. Xiana, representa a todo o alumnado ansioso de saber, O avó Xabi, ás familias que aman e forman aos seus, e Xoán Superheroe a cada un e cada unha de nós, mestras e mestres, que facemos posible “cada dia de cole”. Parabéns a todas e todos, de antes e de agora, que fundaron, mantiveron, fixeron e fan posible acadar estes 40 anos da Revista Breogán do Ceip Balaídos de Vigo. Mestre Rafa Ramos


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
UN CONTO DE REVISTA by balaidos centro - Issuu