Divagacións nunhas PAAU 2013 creativas á forza
Antonio Gregorio Montes
p.1
p.2
Nas PAAU 2013, en Lugo, non deixaron que os examinadores meteran nas aulas aparellos electrónicos como móbiles ou tablets, pero tampouco ordenadores, nin libros, nin xornais … Eu tentei procurar unha alternativa a longas horas nas que un aburrimento mortal podería dar ó traste coa vixiancia que se supón debe ter un examinador … Logo pasei textos e debuxos para que os vira algunha xente, pedín a Dores Fernández Abel que me corrixira o texto (non sempre seguín a corrección) e decidín facer unha pequena publicación: ista. A. Gregorio, 2013
p.3
p.4
Porque aquí no va a la cárcel ni dios
Ó final da proposta B de selectividade en Galicia para lingua castelá é nidio e cortante. O texto, de Manuel de Castro, Crónicas de la emigración, 21/1/2013, adaptado, faría pensar ós alumnos que 'Spain is different': amosaba a confesión de Lance Amstrong e contrapoñíaa ó que sucede en España. No deporte, si, pero sobre todo, en políticos e financieiros. Hai unha cousa coa que non concordo: en base a que 'o fai todo o mundo', debido a que 'todo o mundo' enfróntase ás probas en contra do seu comportamento cun sorriso e mantendo a mentira, en base a que 'todo o mundo' público e cheo de lixo, nas últimas décadas ocultou a súa cara e esquivou pedir perdón, en base a iso, afirma o autor que fan ben os que así actúan. É un xeito de aplicar aquilo de 'en terra dos lobos hai que ouvear como todos' co que non podo concordar. Se non defendemos facer o ben, remataremos sinxelamente 'facendo ben' e de paso, cargándonos a ética e o futuro. Quizais non sexan bos tempos para a denuncia, de tan afeitos que estamos á corrupción. Quizais a fartura de denunciar mentras se ve que aumentan os motivos para facelo e as denuncias non teñen consecuencias produza un perigoso fastío. Si, o 'quizais' só vela un pouco o feito real destas cousas, o fastío, que se está a dar. Pero o quizais deixa un oco á esperanza. Unha brecha que hai que aproveitar. E loitar. Quizais hoxe dende a minoría e mesmo a marxinación do sistema. Hoxe. Se queremos un futuro hai que comezar a construílo. Hoxe. 20130612
p.5
p.6
p.7
Selectividade Xa sei que non é ‘só’ iso. Pero parte do meu entorno inmediato. 86 rapaces e rapazas de arredor dos 18 anos (isa idade na que se establece no noso estado a legalidade de ser persoa-persoa, ó estilo do xénero e especie homo-homo [sapiens]), 86, digo, metidos nun aula grande pero que apreta fóra dos bancos, en mesas, de xeito separado pero perto do inverosímil. 86 sentados. 86 escribindo. E varias xa legalmente persoas-persoas dende hai tempo, mirando de xeito xenérico tentando manter un control que de momento se mantén só. Non é unha metáfora da selectividade, é a selectividade. É dicir, en certo xeito, unha metáfora da sociedade. Sen divagar, alomenos polo momento, as persoas en paso a selo legalmente enfrontan unha proba de madureza, ó estilo das practicadas nas tribos que envían de caza maior ós seus candidatos a maiores. Aquí non son todos os do segmento de idade os que se presentan á proba. Hainos que teñen outras probas diferentes ou superpostas, ben antes, ben despois disa idade-límite legal. Pero quenes aquí están son representativos. Más altos ou baixos, louros ou morenos, rapazas e rapaces, de punta en branco ou co vestido raído, con sorriso ou serios, … representan unha diversidade patente na nosa xuventude actual, e unha igualdade marcada a ferro por diversas ramificacións do feito social. E si, agora si que podemos divagar, pero antes hai que acordar o tema. Sobre o aspecto diverso ós nosos ollos, semellante mirado dende outra cultura? Sobre o significado da selectividade -máis aló do propio significado da verba- para un fronte de idade ou para a sociedade que a propón/impón, mesmo a nivel individual? Sobre o sentido dunha proba que está na beira do tellado, a piques de caer do bagaxe legal? p.8
Sobre a pertinencia e adecuación dunha proba de madureza, como indicaba antes? Hai moitas máis posibilidades que poderiamos escoller. Cada unha daría para un sesudo, longo, quizais máis aburrido e posiblemente inútil tratado derivado dun estudo previo. Cara á xente que está escribindo, tentando esforzar a súa resposta, é un obstáculo a vencer, a superar, para … quizais para ir á uni, quizais para ter un papel que culmine unha fase da súa vida, quizais para contentar ós seus pais, ...quizais non importe o motivo: fánno os máis? Eu tamén. Retornando á ateigada aula, a tarde está magnífica, quizais algo calorosa, pero chamativa para gozala. A xente vai saíndo e comentando cara esa luz exterior que os debuxa contra o fondo se se mira dende dentro da aula. Remato a escritura, o pensar en Baldassarre ou no galego indonesio, e chega como outra realidade, a de hoxe, onte ou mañá, máis aló dos muros adicados a espartillar a escrita hoxe. Retoman a imaxinación cotiá, volven ser eles. Volven ser. 20130612
p.9
p.10
Le bavardage Selectividade 2013, xuño. Unha das opcións en francés era sobre o bavardage, o charlar de circunstancias que envolve moito tempo de relacións no mundo. A charla insubstancial que afasta o silencio tanto como escapa de algo serio que pode resultar un decorrer máis lento da intelixencia e/ou un motivo de oposición de opinóns. Bavardage, non exactamente charlatanería dunha orixe a un público, senón charlatanería entre varios charlatáns. Bavardage… a bavardaxe enche un oco de tempo co son. Cun son que asemella o intercambio de ideas, pero que non é máis ca un intercambio de lugares comúns, ó máis, un intercambio de informacións intranscendentes e opinións desechablesdescartábeis de inmediato por outras se unha contraparte insinúa tal cambio. Horror vacuo do son, fronte ó silencio que obriga á reflexión, horror baleiro contraposto á plenitude de intercambio humano que pode significar a conversa. Hoxe, a charla insubstancial/intranscendente é a raiña. Entendámonos, é necesaria para a relación social. Pero é un problema se ocupa todo o espazo. E os medios incrementan cada vez máis a súa difusión, disfrazada moitas veces de opinión fundamentada … de falacias, ou sen contrapor ideas, ou … Así as cousas, sabes o que penso. E ti, es un bavard (charlatán ‘de grupo’)? Practicas a charla intrascendente en medida “xusta” ou quitándolle tempo ó silencio ou á charla con contido? Ti elixes. Coido que ninguén te vai dicir moito porque te pases coa charla instrascendente. En todo caso, terías que ser ti mesmo que cho dixera. E, se tes feita unha elección
p.11
consciente, non te vas contradicir. Se a elección non é consciente, pensa antes … 20130612
p.12
Hai xa douscentos anos que aquela ‘avecilla’ que cantaba ó albor foi morta por un bésteiro, deixando ó prisoneiro sen saber cando é día ou noite. Remato de lembrar o fragmento cando miro á fronte, enriba, cara ás semilonxanas fiestras que enmarcan a contraluz as figuras máis próximas. Tamén estas fiestras enfocan ó ceo, substituíndo con vantaxe ó paxariño do poeta. Son abertas, pero a mera separación entre seccións de apertura antóxase como unha barreira que contribúe, xunto cos muros laterais, traseiro e teito inclinado, a unha sensación claustrofóbica que debe ser semellante á dunha prisón. Se me achego a elas, a visión vai ampliando o seu ángulo posible, o fondo efectivo por fóra do recinto. E o que era unha luz que restalaba polo contra, pouco a pouco convértese en liberación luminosa da que só separa un vidro invisible, perceptible só por sutís reflexos ou a falta de vento. É dicir, de abafante cárcere, cun sinxelo movemento, estamos inmersos nun infinito que controlamos coa mirada. Iso si, é necesario ise pequeno movimento, por suave que se faga, ise mínimo esforzo, para pasar dun lugar cunha pequena luz afastada, que non se identifica como saída, a outro onde parece que podes optar por dicir que estás dentro ou fóra, a modo daquel que pode ver o vaso medio cheo ou medio baleiro. 20130613
p.13
p.14
Hoxe non escoitei as novas. Nin as lin. Nin mas comentaron. Hoxe son unha persoa desinformada da actualidade. Hoxe podo ver as cousas con máis distancia por medio, e polo tanto, meditar máis, aínda que ó mellor non chegue a conclusións máis acertadas por falta de datos... pero, que digo? Se non sei da actualidade, os datos básicos para xulgar sobre eles, non podo elucubrar no baleiro. Recomecemos. Hoxe podería aplicarme quel conto de cando era feliz e indocumentado. Pero hai un problema: non creo nel, non creo que por ser ignorante se sexa máis feliz a longo prazo, aínda que a ignorancia poda levarnos temporalmente a un desfrute da vida sen o límite das malas novas que nos enlodan o pensar. Non, a ignorancia, o mesmo que estar abarrotados de coñecementos, priva de posibilidades precisamente por ter a posibilidade de calquera suceso, sen control. Ben, acordei sen novas, e sen novas sigo. Sen novas? Si, sen novas dos xornais, da radio, do que ‘pasa no mundo’. Pero non sen novas. Hainas onde se queira. O feito de estar vivo é unha nova continuada á que non se lle da importancia por parecer manida, cando é fundamental. O saber que os seres queridos durmiron ben tamén pode parecer sen importancia, mais proba a ter a nova dalgún a piques de morrer, ou en paradeiro descoñecido, ou, sinxelamente, morto. Así pois, non escoitei as novas, pero teño novas abondo para gozar da vida, paladear cada momento, observar e contemplar o observado... nunha verba, vivir. Si, teño novas abondo. Pensándoo ben, quero máis? 20130613
p.15
p.16
Teño hora e media. É miña, aínda que calquera poda quitarma desfacéndose de min. É miña, como calquera outra da miña vida, aínda que neste caso preséntaseme máis libre: teño liberdade para facer o que me pete… sempre cunhas normas. Norma 1: vixiar. Norma 2: non saír do cuarto (en caso de saír, contradiría xa a 1ª). Norma 3: non molestar. Norma 4: … mellor, deixo de enumeralas, pois van sendo máis débiles, aínda que, como normas, teña ou deba de cumprilas. Como se ve, é hora e media especial … porque o digo eu. Porque a contemplo así, de xeito semellante a como podería facelo en case calquera momento da miña vida, pero que, na realidade, non o fago. E ben, en que vou usar deste tempo meu que xa vai decorrendo en min (non ‘diante de’, senón literalmente, en min)? Pois tíveno claro: escribindo. Podía ter escollido sinxelamente pensando. Pero non, collín un xeito máis complexo que deixe plasmado o pensamento despois de telo dirixido. Tamén podería ter collido outra actividade que ninguneara o pensamento, ou que lle deixara liberdade, pero o certo é que, unha volta escollida ista, non me arrepinto. E ademais, vexo como se a fiestra aberta á escolla se cerrara en parte, ofrecendo só alternativas directamente rexeitábeis. Pero, por que elixín ista? A posteriori, é doado de xustificar, vendo o nivel de consideración que no parágrafo anterior din ás outras. Mais é claro que non me paso a vida escribindo, polo que hai unha morea doutras actividades que chamaron ou chamarán polo meu tempo, cada unha no seu momento, máis salientables para min que escribir. O caso é que me apetecía, me petaba, diría; é dicir, tiña unha predisposición sentimental, e logo xa me encarguei de facer a xustificación
p.17
racional, que unha volta usada, rende o seu poder xustificativo ó sentimento de apetencia do momento. Despois diso, da elección, pasou a decisión ó que sería, o tema. Algo que non estivo claro dende o primeiro momento, pero que se foi formando pouco a pouco. Algo parello ó que ‘me pasa’ agora mesmo, ou polo que ‘estou pasando’, que a seguinte frase, mesmo case a seguinte verba, son unha decisión tomada momento a momento, segundo vai xurdindo a oportunidade, a circunstancia anterior, e o discurso posterior que pretendo. Non, que non se vexa todo o anterior como a viaxe a unha profunda filosofización dun feito, senón máis ben un intento de plasmación superficial dun momento, documentado cara a súa memoria e uso posterior, ó tempo que unha análise persoal tanto en sentido de analista como de analizado como de interesado no resultado da análise. Análise, por outra beira, que tería un resultado coincidente o máis posible co documento para memoria. A razón de evitar de cara o afondamento é obvia: o tempo adicado, tan libre como contei, non é, pois está mediatizado tanto na xa anunciada medida máxima como, sobre todo, dedicación máxima, ó ter que compatibilizalo con outro labor, por mecánica e suave que poda consideralo. Pero tamén hai outras razóns, que aínda que secundarias no contexto escollido (e si, os contextos escóllense na súa apropiación como tal contexto) serían primarias para outra xente, como a miña tendencia a afondar a medias en causas, efectos e leis, procurando rabuñar máis aló do superficial pero cun rendemento utilitario que non deixe caer na abstracción que obvia a vida mesma. Asemade, e quizais por efecto da traxectoria seguida moitas veces, descrita antes, habería outro p.18
motivo de imposibilidade máis profunda … o meu descoñecemento de como levar a cabo dito aprofondamento nun máximo de hora e media (que por certo, xa se viu minguada non só polo transcurso do tempo empregado neste menester como pola necesidade de emprego de parte do tempo xa pasado noutros traballos diferentes) Enfróntome agora non xa á hora e media, senón só a un cuarto de hora. A situación variou profundamente. É máis, por circunstancias, debo rematar case de inmediato. A media e unha hora libre non foi tal, e deixo isto inconcluso. O certo é que, despois dunha longa interrupción, case é unha liberación dunha liña argumental truncada por outras dedicacións do tempo ... 20130614
p.19
p.20
Nota: Os debuxos á beira foron unha escapatoria para min durante o desenvolvemento da selectividade en Lugo en xuño do 2013. Iso e o escribir/describir/analizar anacos do mundo dende a miña propia atalaia. Os debuxos só foron de persoas unha volta esgotei os motivos de dentro da aula ou dos ventanais, sen querer ser repetitivo ou perfeccionista. Os escritos son tan ou máis irregulares aínda: un debuxo pódese retomar aínda con cambios, tentando corrixilo, pero un escrito retomado, unha volta cortada a liña de pensamento, non é só esnaquizar a redacción, senón mesmo esnaquizar en parte as ideas que se reflicten: qued alogo un pastiche que se tenta recompoñer en algo recoñecible ó último conxunto de ideas circunstanciais que s epropoñen, pero que non ten por que corresponder exactamente -de feito, o raro sería que o fixera- coas outras propostas realizadas con anterioridade no mesmo escrito. Calquera reflexión escrita que se faiga adolece do mesmo, pero a redacción sen interrupción forzada, só reducida ás programadas, permete minimizar esa traslación de referenzas a diferentes realidades e (ou) con diferentes significados, que non se pode ir especificando en cada momento dunha creación con interrupcións aleatorias, algunhas delas moi pretas no tempo, a máis de numerosas. 20130614
p.21