"Enterro", Luís Amado Carballo

Page 1

ENTERRO Rosario de salaios na lama do camiño a pur do morto arrastro. Os sinos sachaban no camposanto terra mollada. No frío silencio caeu a pedrada do cadaleito. Bicaron ao morto os beizos mollados do ceo d’outono. Ficaron as bágoas e as despedidas tamén enterradas. Luís Amado Carballo, Proel, 1927 1. Contextualización: época, autor, obra. * A xeración vangardista Os escritores nados arredor do 1900, aqueles que constitúen a xeración seguinte á xeración das Irmandades da Fala (1916) e do Grupo Nós (1920), levaron a cabo a renovación das letras galegas. Coñecidos co nome de novecentistas, vangardistas ou xeración do 25 incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades característicos dos principais movementos vangardistas europeos (ismos), que responden todos eles a unha reformulación teórica das artes. Esta xeración vangardista rompe coa tradición inmediata e tamén coa dependencia dos grandes mestres do Rexurdimento, levando a cabo a actualización e modernización da nosa lírica, que se pon en relación coas grandes correntes europeas. Ademais crean revistas literarias como Ronsel, Alfar, Resol, Cristal, Papel de color… como canle de expresión. * Principais liñas de vangarda Baixo o nome de Imaxinismo ou Hilozoísmo coñécese o movemento poético que, xurdido en torno a Luís Amado Carballo, presenta un novo tratamento da temática paisaxística. É unha liña poética que non cumpre estritamente cos principios vangardistas xa que, entre outros aspectos, non rexeita a métrica e estrutura o poema estroficamente, sen a fragmentación característica das vangardas. Aproxímase ao Creacionismo nas súas imaxes e metáforas abertas ao sensorial, acústico e auditivo. A ausencia do elemento humano e a animación da paisaxe, que pasa a ser protagonista, son outras das súas características salientables. É precisamente a non ruptura coa escrita poética dominante ata ese momento unha das razóns que explican o enorme éxito desta corrente nas nosas letras. A divulgación da lírica medieval supuxo unha reafirmación da nosa literatura ao ampliar cuantitativa e cualitativamente a nosa tradición literaria. Aínda que non podemos falar


estritamente de vangarda, o aproveitamento de fórmulas, temas, estruturas e ambientación característicos da lírica medieval ao servizo dun discurso renovador deu como resultado a corrente Neotrobadorista, con Fermín Bouza Breye Álvaro Cunqueiro como principais representantes. A vangarda plena está representada polo creacionismo de Manuel Antonio Pérez Sánchez, autor de De catro a catro (1928), único libro que chegou a publicar en vida. Antes, en 1922, asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis Alá! onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega que se viñera facendo ata a data. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, no que incide novamente nos afáns vangardistas. * Luís Amado Carballo Nace en Pontevedra en 1901. estuda Filosofía e Letras e faise mestre de escola. Dedícase tamén ao xornalismo. Unha das voces máis prometedoras da lírica galega non puido deixarnos unha obra rematada e madura, xa que a súa curta vida (morreu no ano 1927) non lle permitiu amosarnos todas as súas posibilidades creativas. Amado Carballo inicia a súa andaina literaria con pezas narrativas, mais son obras de xuventude sen maior transcendencia. Como poeta publicou en vida un único poemario, Proel, en 1927, a penas tres meses antes da súa morte. Con posterioridade apareceu en 1928 O Galo. A obra de Luís Amado, influída polas vangardas europeas e americanas, mestura imaxes de raíz vangardista con metros e ritmos de aparencia popular. A súa poesía especialízase na temática paisaxística na que predomina o campo sobre a mariña. Na súa descrición paisaxística o elemento humano case desaparece e humaniza, en troques, o inanimado. Pódese dicir, polo tanto, que a súa é unha obra en busca dahumanización da paisaxe. Na súa obra predominan os versos octosilábicos con rima asonante. Igual que Manuel Antonio vai estruturar os seus poemas mediante a xustaposición de imaxes. Foi quizais o poeta de máis éxito e o máis imitado despois da guerra civil. * Proel Trátase do único poemario publicado en vida. Consta de 35 composicións máis un limiar no que o autor plasma a súa vontade de xuntar tradición e renovación sen perder o compromiso coa terra. Estamos ante unha lírica a medio camiño entre a tradición (da que toma o tema da paisaxe, a personificación da natureza e das súas forzas e o gusto polo mundo da terra) e as vangardas (creación de novas imaxes). A sensorialidade é unha das características máis destacadas. Ás imaxes, metáforas e símiles imprímelles matices sensoriais que non son outra cousa que instantáneas paisaxísticas. Enterro é unha das 35 composicións poéticas (a 19) que compoñen Proel. Neste poema podemos observar case todas as características salientables da poesía de Luís Amado Carballo, principal representante da liña poética hilozoísta ou imaxinista. 2. Análise do poema: o contido. Estamos ante a descrición dun enterro, un dos ritos máis importantes da nosa cultura. Describe o enterro en cinco imaxes que reproducen progresivamente a comitiva que transporta o féretro, a preparación da “cova” no camposanto mentres os sinos tocan a morto, o momento propio do enterramento e as despedidas. Cinco trazos, cada un como unha pincelada. E todo isto sen a presenza do home. A única referencia humana aparece na primeira estrofa: “morto”. Detallando máis polo miúdo:


1ª estrofa: Imaxe da comitiva do enterro. O morto, transportado, arrastrado pola lama do camiño e os familiares, amigos, veciños, ao seu par (rosario de salaios). 2ª estrofa: A comitiva diríxese dende a igrexa ao cemiterio. Óense as badaladas da igrexa tocando a morto (sinos), que ao mesmo tempo é o ruído do sacho que está a cavar a fosa onde imos deixar o cadaleito. 3ª estrofa: É o momento en que se deposita o cadaleito no fondo da fosa, como unha pedrada. 4ª estrofa: As despedidas antes de que se produza o enterramento, o momento de cubrir de terra a fosa, xa co cadaleito e o morto dentro. 5ª estrofa: A despedida definitiva e quizais o esquecemento. 3. Análise do poema: a forma. Estamos ante un poema que se atopa a medio camiño entre a tradición e as vangardas. Tradición no seu tema, a descrición dun enterro como elemento configurador da paisaxe galega, mais sen presenza humana manifesta, a non ser a referencia inicial do morto. Tradición na súa forma. Estrutura o poema en cinco estrofas de tres versos heptasílabos (arte menor) con predominio de rima asonante nos versos impares, quedando soltos os pares (soledad). Influenza das vangardas na creación de novas imaxes, procedemento que consiste na substitución-identificación duns elementos por outros sen relación lóxica, ou cunha certa semellanza subxectiva, evocando unha visión multicolor da realidade. Por exemplo: rosario de salaios = comitiva do enterro / os sinos = sepultureiros / pedra = cadaleito / ceo do outono = a muller do defunto. Neste caso debemos prestar atención ao valor múltiple da palabra rosario xa que se refire a tres dos seus significados: o rezo, o obxecto e a sucesión de persoas. Xunto con esta sucesión de imaxes plásticas encadeadas, aparece a personificación da paisaxe, os elementos configuradores da nosa paisaxe aparecen humanizados ao atribuírenselles características propias dos seres animados ou humanos a elementos que non o son. Por exemplo: Os sinos sachaban (enterrador), O ceo do outono ten beizos e bica o morto (muller). A estas imaxes e personificacións atribúelles o poeta matices sensoriais, matices que nos remiten ao que podemos percibir cos diferentes sentidos. Así están presentes: o oído (o son das campás, o ruído dos sachos, os salaios da comitiva, o ruído que produce o cadaleito ao descender á fosa –pedrada-), o tacto (a lama do camiño, a terra mollada, os bicos, a chuvia), e a vista, a visión panorámica e dende múltiples perspectivas do enterramento. Por último, dentro da utilización de oracións simples e da ausencia de artificios sintácticos, podemos observar a presenza de palabras que poderiamos agrupar en dous campos semánticos: - Todas aquelas palabras que fagan referencia á dor producida pola morte: salaios, frío, silencio, bágoas, despedidas, enterradas, morto, cadaleito. - As que fan referencia á chuvia que cae e que amplifica tamén a escena dramática do enterramento: lama, mollada, mollados, bágoas. 4. Conclusión. Enterro, poema recollido na única obra que Luís Amado Carballo publicou en vida,Proel, é un claro exemplo dun poema imaxinista que describe unha escena característica, tradicional e presente, da nosa paisaxe. A pesar da súa temática, a presenza humana é anecdótica e salienta os elementos da paisaxe, elementos humanizados a través da prosopopea. Neste poema combínanse sabiamente as novas correntes das vangardas coas formas tradicionais da nosa poesía.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.