EXPOSICIÓN: HÓRREOS NO CONCELLO DE SADA

Page 1

LETRAS GALEGAS 2019 antón fraguas

Hórreos no concello de Sada

EDLG IES ISAAC DÍAZ PARDO Autor: Xosé Seoane


O HÓRREO, CANASTRO, PIORNO, PIOTE, CELEIRO, ESPIGUEIRO, CABAZO, CABÁS, CABACEIRO… O hórreo, canastro ou cabaceiro é unha construción destinada a secar e gardar o millo antes de mallalo. Hai moitos tipos, pero todos obedecen a un mesmo fin para o que necesitan certas condicións específicas que podemos concretar en dúas: ventilación para secar o gran e defensa contra os roedores. O prototipo de hórreo consiste nunha construción illada da casa. Presenta unha planta rectangular sostida sobre pés ou cepas que se cobre de xeito semellante ás casas. O piso é de táboas en nun dos lados menores, normalmente, atópase a porta. Para acceder ao seu interior utilizarase unha escada.

Carnota

Vimianzo

Poio

Allariz

Santiago

Ribadeo


PARTES DO HÓRREO As partes máis relevantes dun hórreo son: tornaformigas, pés, tornarratos, lintel, penal, porta, doelas, faixa, cornixa, pinche, sobrepenas, tellado e remates. Os hórreos poden estar sobre cepas no canto de pés, incluso o espazo inferior pode estar pechado formando así un celeiro ou rocho que se utiliza para gardar apeiros de labranza e outros aparellos. Tanto os pés como as cepas poden estar sobre unha base ou soleira, ou directamente asentados no chan.

remate

sobrepenas pinche tellado cornixa faixa

porta penal

doelas lintel tornarratos pé

tornaformigas

Tendo en conta os materias empregados na súa construción, os hórreos poden ser de varas, madeira, pedra ou mixtos, combinando varios materias distintos. A forma, tamaño e materiais que se usan para a construción do hórreo sempre depende da cantidade de millo, trigo… que se quere almacenar, do clima da zona, do gusto estético do construtor e sobre todo dos cartos dos que se dispón. Sobre o tellado adoitan levar remates ou pináculos sinxelos, ou ornamentais, segundo o tipo de construción. Son de formas diversas e os máis característicos son as cruces e os de forma piramidal. O hórreo é unha construción tan sagrada como a igrexa.


HÓRREOS NO CONCELLO DE SADA Os hórreos característicos de Sada son os do tipo mariñán, é dicir, pequenos hórreos sobre elevadas cepas, con corpo de madeira pechado con doelas en vertical e con tellado a dúas augas de tella do país ou curva. Son os característicos de toda a zona das Mariñas. A agricultura neste concello é fundamentalmente de autoconsumo, e soamente se necesita almacenar o trigo, millo… que se vai consumir no ano. Por esa razón os hórreos son de reducidas dimensións se os comparamos con outros tipos característicos doutras zonas de Galicia. A pesar diso, contamos con varios exemplos de hórreos de pedra ou mixtos, aínda que en moitos casos son hórreos ornamentais que nunca se destinaron realmente para secar e gardar o gran. Hai tamén algúns hórreos moi peculiares, como o do Tarabelo, construído en L e soportado por cepas e pés.


HÓRREO DA CASA DOS BARBEITO

Hórreo de corpo de madeira sobre tres pares de pés graníticos, con cuberta de tella do país e sen remates. Está situado na casa dos Barbeito, no lugar de Souto Vello, parroquia de Mosteirón. Quizais un dos máis antigos e peculiares hórreos do concello. Probablemente fora construído no século XIX (en torno ao 1810-1812). Soamente o tellado foi reformado na actualidade. A súa peculiaridade está nos seus pés graníticos, xa que non son característicos nos hórreos mariñáns. Os pés, chantados directamente sobre o chan, teñen tornarratos en forma de disco. Accédese á súa única cámara por unha porta situada no centro dun dos seus laterais. A casa actual dos Barbeito conserva a porta de entrada orixinal, rematada nunha sinxela cruz, e un reloxo de sol coa inscrición “1810”. Foi posiblemente a casa grande do lugar e a que lle deu nome á parroquia, pois semella que puido ser en tempos da Inquisición española (séculos XV-XIX) un pequeno mosteiro.


HÓRREO MARIÑÁN EN SAMOEDO

Hórreo de estilo mariñán con corpo de madeira sobre cepas de pedra recebadas de cemento e situadas enriba do muro que pecha a propiedade. Localizámolo no número 142 de Samoedo. É propiedade de Josefa Souto Souto. Ten unha antigüidade de máis de 80 anos. O tellado é de tella do país e non presenta remates. Na actualidade está en desuso e precisa reparación. A protección lateral das escaleiras de subida ao hórreo é de cemento e relativamente actual. No momento en que protexeron a subida ao hórreo, pola elevada altura, recebaron tamén as cepas que conservan nunha única peza o tornarratos. A porta de acceso está situada no penal.


HÓRREO NAS TORRES DE MEIRÁS

(I)

Na finca de influencia do Pazo de Mariñán hai dous hórreos de pedra moi interesantes que se constitúen en exemplos de hórreos de cantería propios da área pontevedresa. O primeiro é un hórreo de planta rectangular de 10 m x 2 m construído sobre un celeiro, con tornarratos corrido e corpo de cinco tramos formado por doelas graníticas perfectamente talladas. Ten dúas portas de acceso: unha no penal e outra no medio dun dos laterais. O pinche é semicircular e está tallado nunha peza que inclúe a sobrepena. No tellado, a dúas augas e con tella curva do país, sobresaen dous remates, unha cruz sobre un pequeno pedestal e un estilizado pináculo piramidal de base estreita rematado nunha pequena bóla. Tendo en conta a cronoloxía das Torres de Meirás e a inscrición do outro hórreo da propiedade, foi construído en 1884.


HÓRREO NAS TORRES DE MEIRÁS

(II)

Este segundo hórreo do Pazo de Mariñán é de dimensións máis reducidas que o anterior aínda que do mesmo canteiro, con doelas graníticas perfectamente talladas. O pinche é en forma de frontón en el figura gravada a data de construción, 1884. Sobre el as sobrepenas nas que repousa unha interesantísima cruz con coroa de loureiro sobre unha base que semella ser unha pía bautismal da que sobresaen catro cabezas de anxos. Non se conserva o outro remate. Ten unha única porta que presenta a mesma feitura que os laterais graníticos mais con doelas de madeira. O corpo do hórreo está asentado sobre tres pares de pés chantados directamente no chan con tornarratos circulares nos pés centrais e cadrados nos restantes.


HÓRREOS EN ESPERELA (MOSTEIRÓN)


HÓRREO NO CASTRO (SAMOEDO)

Atopamos este interesante hórreo de pedra na casa rural do Castro, na parroquia de Samoedo. Os seus cinco pares de pés descansan sobre unha pequena soleira. Os tornarratos son circulares. O corpo ou cámara é completamente de granito con fendas para a ventilación. O piso está formado por grandes laxas de granito. A porta de entrada está situada no centro dun dos laterais. Conta cunha pequena base onde se situará a escada para acceder ao seu interior. O tellado é a dúas augas e con tella curva do país. Presenta dous remates: unha cruz e un pináculo piramidal. É un hórreo característico da zona da Costa da Morte.


HÓRREO EN MANDÍN (SOÑEIRO)

Este hórreo abandonado formaba parte dunha herdade situada no lugar de Mandín, na parroquia de Soñeiro, que foi adquirida por unha empresa construtora coa intención de edificar chalés. O proxecto non se levou a cabo e soamente se conserva este exemplo característico do estilo mariñán, é dicir, un corpo de tres tramos con doelas de madeira, sen pinche, con tellado a dúas augas e sen remates, que descansa sobre dúas cepas, chantadas directamente sobre o terreo. Os linteis están alombados polo peso e o paso do tempo. As cores utilizadas para pintar as doelas e linteis son as que predominan na zona.


HÓRREOS EN CHAN DE ALDEA (CARNOEDO)


HÓRREO DA CASA GUITIÁN (SOÑEIRO)

Hórreo estilo mariñán localizado no lugar de Alborelle, parroquia de Soñeiro. Forma parte da Casa Guitián, unha das casas grandes do lugar. Hoxe en día o hórreo atópase situado na outra banda da estrada, afastado polo tanto da eira da casa. Presenta todas as características que determinan o coñecido estilo mariñán. Corpo de madeira, con doelas e faixa. O pinche é semicircular e sobre el as sobrepenas. Non presenta remates. O tellado, orixinalmente de tella, é na actualidade de uralita. As tres cepas sobre as que se sustenta son de pedra, aínda que posteriormente foron recebadas. Na súa base son máis anchas para se adaptaren mellor ao terreo fondal no que se atopa o conxunto. Accédese ao interior a través dunha porta situada nun dos laterais.


HÓRREO EN TRASÍN (MONDEGO)

É frecuente observar como co paso do tempo os linteis vanse curvando polo peso e como para evitar o derrubamento colocan pés (de cemento ou madeira, e sempre con tornarratos) na súa parte central.


HÓRREO EN CARTA (MONDEGO)

A pesar de que este é un hórreo moderno, construído en 1992, e que os seus materiais son cemento e ladrillo, queremos destacalo pola orixinalidade da súa porta de acceso e sobre todo polo empeño que na súa construción puxo José Luís, un carpinteiro xubilado orixinario das Angustias, Betanzos, coñecido como o “cirurxián da madeira” que o edificou enteiramente. A Torre de Hércules está tallada en relevo e a escala da real, tomando como modelo un plano facilitado polo concello da Coruña. O hórreo pertence á casa de “Toñita de Salvadora”, situada no lugar de Carta, parroquia de Mondego.


HÓRREO NO COLEXIO MOSTEIRÓN

Hórreo mixto sustentado sobre catro pares de pés que repousan sobre unha soleira de granito. Os pés das esquinas son máis grosos que os dous pares de pés centrais, aínda que da mesma feitura. Teñen cadanseu tornarratos circular, por unha banda, e cadrado, pola outra. A cámara é de granito con doelas de madeira pintadas en cor verde. Os penais son de pedra e a porta de madeira pintada de cor verde. O pinche é triangular e presenta unha cruz gravada. O tellado é a dúas augas. Nas sobrepenas descansan dous remates: unha cruz sobre unha pequena base e un pináculo piramidal. Este hórreo característico da área pontevedresa está localizado no Colexio Mosteirón, complexo construído en 1958 polo Instituto Social da Mariña. A construción do hórreo foi posterior a esa data.


HÓRREO EN MUÍÑO DO VENTO (MEIRÁS)

Hórreo mariñán, sinxelo e de reducidas dimensións, pero con máis de 150 anos. Destacan os seus tornarratos de cantería sobre cepas de pedra hoxe integradas no muro que pecha a propiedade da Casa de Eduardo do Lilo, en Muíño do Vento. Nas fotografías de detalle podemos observar como co paso do tempo se van protexendo os linteis con láminas de lata. Malia ser de reducidas dimensións conta cunha porta de acceso no penal e con outro pequeno a xeito de xanela nun dos seus laterais.


HÓRREO EN FORTIÑÓN (MONDEGO)

Hórreo mariñán característico da zona. Corpo de madeira, con doelas lonxitudinais e faixas transversais que serven de reforzo, soportado en dúas cepas de pedra que asentan directamente sobre o chan. O tellado a dúas augas con tella do país e sen remates.


HÓRREO DE PEDRA EN OSEDO

Magnífico exemplo de hórreo de pedra característico da comarca de Xallas, de onde procede, concretamente do concello de Zas, preto de Santa Comba. Ten máis de 150 anos, aínda que soamente uns catro anos na súa situación actual en Osedo. O seu propietario rescatouno e impediu que se convertera en cascallos para recheo. Soubo apreciar o seu valor para -logo de moitos esforzos para desmontalo, transportalo e volvelo a construír- devolverlle todo o seu esplendor.


HÓRREO EN “L” NO TARABELO (SADA)

O hórreo máis singular de todos os que atopamos en Sada sitúase no Tarabelo. A súa orixinalidade consiste na súa forma en “L” e en combinar como soporte os pés e as cepas, salvando deste xeito o desnivel existente no terreo e acadando un maior aproveitamento do espazo, delimitando a eira da casa. A orixinalidade reside tamén no cataventos de forxa que serve de remate (raposo, galiña e cruz).


HÓRREO EN CASTELO (OSEDO)

Hórreo mariñán por excelencia na casa de Meniño, en Castelo, parroquia de Osedo. Construído por Manuel do Meniño hai máis de cen anos. Atópase en moi bo estado. Orixinariamente tiña o tellado cuberto con tella curva do país, feitas nas telleiras das Brañas, en Sada. Posteriormente foron substituídas por tellas romanas (planas). Tamén aproveitaron para cambiarlles as cores das doelas, orixinalmente amarelas. As cepas son de pedra aínda que reforzadas con cemento. As “capas” (tornarratos) son de cantería. A pesar de non ser un hórreo de grandes dimensións, no seu interior caben carros e carros de millo. Ao seu abeiro, a pedra de afiar os fouciños, coitelos… Debaixo do corpo, entre as cepas, temos un lugar protexido para tender a roupa.


HÓRREO EN CASTELO (OSEDO)

Na casa veciña, hoxe propiedade tamén dos Meniño, atopamos este hórreo de similares características e de practicamente a mesma antigüidade, aínda que un pouco máis pequeno. Na última reparación cubriron o corpo con uralita. As “capas”, como se denominan na zona os tornarratos, son de cemento.


HÓRREO EN CASTELO (OSEDO)

Hórreo veciño dos dous anteriores e co antigo lavadoiro de Castelo. Pertence á casa de Ferreño. Chama a atención a protección de cemento dun dos seus laterais, o máis próximo ao tellado do lavadoiro. Foi precisamente cando construíron o novo lavadoiro, en 1956, cando protexeron o hórreo con ese pequeno muro de cemento para evitaren a subida dos ratos dende o tellado do lavadoiro.


HÓRREO EN CASTELO (OSEDO)

Hórreo comesto pola vexetación e o abandono dos seus donos. Este hórreo do tipo mariñán non é orixinario do lugar. Non se sabe moi ben a súa procedencia. As tellas son romanas. Quédalle moi pouca “vida” xa que unha rotonda de acceso á Vía Ártabra ocupará o seu sitio.


HÓRREO EN LÁCERE (CARNOEDO)

Hórreo ornamental de pedra, de seis pares de pés, con tornarratos circulares, agás o cuadrangular que serve de apoio á escada de acceso. Trátase dun hórreo característico da zona de Bergantiños ou do Xallas. Trasladado por pezas e restaurado. Os pinches e os remates semellan ser novos. A parte superior do corpo foi completada con lousas máis pequenas e toscalleiras. A soleira sobre a que se sustenta é de cemento.


HÓRREO NO LUGAR DE SERRA (SADA)

Estamos ante un dos hórreos do tipo mariñán de maior lonxitude dos vistos. Hórreo centenario de tres cepas. Orixinalmente constaba dun único corpo, pero uns anos despois incluíuse outro montando o novo lintel sobre o machón do antigo. Os cravos de machuco foron feitos na forxa de Aranga, unha forxa que contaba con tres mazos movidos por auga. A madeira é de castiñeiro e aínda que non conserva a cor, orixinariamente estaban as doelas tratadas cunha pintura castaña mesturada con aceite de liñaza. A tella é romana. Este hórreo atopámolo na casa de Agra, familia coñecida antigamente como “os do manco”, malia non haber ningún na familia.


HÓRREO NO MUÍÑO DO VENTO (MEIRÁS)

Hórreo en Muíño do Vento. Procede de Baio. Foi desmontado, transportado e reconstruído sobre unha soleira de pedra. Os catro pares de pés presentan o tornaformigas, o esteo e o tornarratos. Accédese á porta a través dunha escada que se apoiaría no tornarratos do segundo pé, de forma rectangular.


HÓRREO EN SOUTO DA IGREXA (MEIRÁS)

Con preto de douscentos anos, quizais o hórreo de máis antigüidade de todos os que hai no concello. Chegou á súa situación actual hai 40 anos procedente de Candame (Arteixo), terra natal da súa propietaria. Orixinalmente o hórreo era máis grande. É un claro exemplo de hórreo mixto sobre cepas. As escaleiras graníticas de acceso son tamén as orixinais. Destacan os seus remates, pináculos de maior tamaño que os observados noutros hórreos semellantes.


HÓRREO EN LÁCERE (CARNOEDO)

Hórreo característico das Mariñas, con corpo de madeira de castiñeiro. Ten uns 85 anos. Non se utiliza dende que os seus propietarios se desfixeron das vacas. As tellas eran do país aínda que posteriormente se substituíron por tellas romanas. Non presenta remates. Na fotografía de detalle podemos observar como se fixaban as doelas aos linteis.


HÓRREO EN VILANOVA (OSEDO)

Hórreo situado no lugar de Vilanova, en Osedo. A pesar de que este topónimo non figura na relación de lugares da parroquia de Osedo, é o que figura nas escrituras da casa, nas que tamén se menciona o hórreo, que pode ser do ano 1846. A cepa central derruíuse parcialmente e modificouse a cuberta ao substituíren as tellas do país por fibrocemento.


HÓRREO NA RÚA ENCASCADOIRO (FONTÁN)

Estamos ante o único hórreo mariñán que se conserva no barrio de Fontán. Está situado sobre o muro que pecha a eira da casa, á que se accede por unha portela situada debaixo do hórreo. Os tornarratos situados sobre as cepas (capas) están feitos con lousa.


HÓRREO NA CHABURRA (SADA)

Hórreo mariñán sobre cepas e pés de cantería, probablemente colocados posteriormente nunha ampliación da cámara e para reforzar a suxeición do corpo. As escaleiras de acceso son de bloque e a cuberta de fibrocemento.


HÓRREO EN COIRO (SOÑEIRO)

Hórreo mariñán sobre tres cepas. Localizado no lugar de Coiro, é o de maior lonxitude de todos, máis incluso que o localizado en Serra. Os linteis están realizados en dúas pezas, ensambladas xusto na súa parte central, sostida sobre a cepa central, lugar tamén no que se sitúa a porta de acceso.


HÓRREO DOS CASEIRO NO ESPÍRITO SANTO

Hórreo de setenta anos de antigüidade. Foi trasladado dende a casa familiar situada noutro lugar da parroquia. As cepas de formigón son tamén as orixinais. Os linteis, de castiñeiro mal secado, foron restaurados hai uns anos. O seu propietario, un experto labrego que ten árbores froiteiras do país de máis de douscentos anos enxertadas, aínda cultiva algo de millo que, por suposto, garda no hórreo xunto coas mazás de inverno.


HÓRREOS EN XAN AMIGO (OSEDO)

Hórreos abandonados. Cando a lonxitude do hórreo é grande adóitanse utilizar pés centrais para reforzar o corpo do hórreo.


HÓRREO DO PAZO DE TRASÍN (MONDEGO)

Hórreo de cantería sobre soleira. Ten oito pares de pés. Cabazo impoñente no que destaca o reloxo de sol sostido por un home, o “Home do Sol”, que constitúe o remate principal.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.