comentario "o cartafol do vento"

Page 1

O cartafol do vento. O VENTO perdeu as follas do seu cartafol -esas que os chuvascos mecanógrafos teclean no manual dos mastros? As gavotas non teñen quitasol pero fan raudos equilibrios polo aramio transparente de tódalas ortodrómicas do ceo O pailebote sen velas -Serán esas que o vento levou no seu cartafol? tamén fai equilibrios no ronsel Coa boca aberta -caille a babaestá mirándonos o babión do Sol. Manuel Antonio, De catro a catro, 1928 1. Contextualización: época, autor, obra. * A xeración vangardista Os escritores nados arredor do 1900, aqueles que constitúen a xeración seguinte á xeración das Irmandades da Fala (1916) e do Grupo Nós (1920), levaron a cabo a renovación das letras galegas. Coñecidos co nome de novecentistas, vangardistas ou xeración do 25 incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades característicos dos principais movementos vangardistas europeos (ismos), que responden todos eles a unha reformulación teórica das artes. Esta xeración vangardista rompe coa tradición inmediata e tamén coa dependencia dos grandes mestres do Rexurdimento, levando a cabo a actualización e modernización da nosa lírica, que se pon así en relación coas grandes correntes europeas. Ademais crean revistas literarias como Ronsel, Alfar, Resol, Cristal, Papel de color… como canle de expresión. * Principais liñas de vangarda Baixo o nome de Imaxinismo ou Hilozoísmo coñécese o movemento poético que, xurdido en torno a Luís Amado Carballo, presenta un novo tratamento da temática paisaxística. É unha liña poética que non cumpre estritamente cos principios vangardistas xa que, entre outros aspectos, non rexeita a métrica e estrutura o poema estroficamente, sen a fragmentación característica das vangardas. Aproxímase ao Creacionismo nas súas imaxes e metáforas abertas ao sensorial, acústico e auditivo. A ausencia do elemento humano e a animación da paisaxe, que pasa a ser protagonista, son outras das súas características salientables. É precisamente a non ruptura coa escrita poética dominante ata ese momento unha das razóns que explican o enorme éxito desta corrente nas nosas letras. A divulgación da lírica medieval supuxo unha reafirmación da nosa literatura ao ampliar cuantitativa e cualitativamente a nosa tradición literaria. Aínda que non podemos falar


estritamente de vangarda, o aproveitamento de fórmulas, temas, estruturas e ambientación característicos da lírica medieval ao servizo dun discurso renovador deu como resultado a corrente Neotrobadorista, con Fermín Bouza Breye Álvaro Cunqueiro como principais representantes. A vangarda plena está representada polo creacionismo de Manuel Antonio Pérez Sánchez, autor de De Catro a Catro (1928), único libro que chegou a publicar en vida. Antes, en 1922, asinara conxuntamente co artista plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis Alá! onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega que se viñera facendo ata a data. En 1924, nas páxinas do xornal Galicia publicou un novo texto, Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu, no que incide novamente nos afáns vangardistas. * Manuel Antonio A obra de Manuel Antonio é froito da experiencia das lecturas e dos descubrimentos persoais; da influenza de Vicente Risco, con quen mantivo unha importante correspondencia epistolar, e da asimilación da estética dos principais movementos poéticos vixentes no seu tempo, fundamentalmente do creacionismo e oultraísmo. A poesía galega seguía sendo ruralista, romántica e sentimental. Coa chegada de Manuel Antonio a poesía galega ponse á par do seu tempo e entra na modernidade. Manuel Antonio Pérez Sánchez (Rianxo, 1900-1930) cursou estudos de bacharelato en Santiago de Compostela. Xa de mozo adopta unha postura radical en defensa do idioma e ingresa nas Irmandades da Fala. Comeza a publicar nas revistas e xornais da época. En 1919 participa na Asemblea Nacionalista de Monforte e inicia os seus estudos de Náutica en Vigo. En 1922, xunto con Álvaro Cebreiro publica o manifesto Máis Alá!, no que amosa o seu compromiso político e creativo. Inicia a súa etapa de mariño mercante e no Paquebote “Constantino Candeira” escribe os poemas de De Catro a Catro, único poemario que chega a ver editado en vida, 1928. Logo de recorrer diversos países de América e África, viaxes nas que continúa a súa produción poética, regresa a Rianxo gravemente enfermo. Morre o 28 de xaneiro de 1930. Manuel Antonio representa, pola súa actitude vital, pola súa formación e inquietudes artísticas, polo seu traballo creativo, o prototipo do artista de vangarda: rupturista, antiacadémico, incorformista e comprometido. A creación poética é para Manuel Antonio liberdade e individualismo, ou sexa, afastamento de escolas e correntes. Adóitase dividir a súa traxectoria poética en tres etapas: a primeira, caracterízase pola ruptura coa literatura anterior e a interiorización das vangardas (Con anacos do meu interior, Foulas e Sempre e mais dispois); a segunda, supón o cumio dunha voz poética propia (De Catro a Catro), e a terceira, é unha volta a formas máis tradicionais (Viladomar). * De Catro a Catro De Catro a Catro, composto durante a primeira navegación de Manuel Antonio, constitúe unha sorte de caderno de bitácora (follas sen data dun diario de abordo). Está composto por dezanove poemas e reflicte, seguindo unha liña temporal, a viaxe marítima que realizou. Principia con “Intencións”, o eu poético abandona a beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan dezasete poemas nos que manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación unha escala en terra, os poemas oito e nove. Rematando a viaxe coa volta a terra, o poema “Adeus”, unha despedida saudosa e o regreso á vila natal. No texto creacionista a xustaposición de imaxes é a auténtica creadora; unha imaxe baseada na prosopopea que nos presenta a realidade desde distintos puntos de vista, nunha completa fragmentación da perspectiva e reducindo o poema a unha superposición de visións.


O tema central sería o da soidade do suxeito (a soidade do EU agachada normalmente baixo a ambigüidade e a polivalencia dun NÓS), pero tratado con perspectiva múltiple (Cubismo). Con este, outros motivos complementarios como a despedida, a separación, o abandono, a nostalxia, a carencia, o fracaso e, sobre todo, a morte. 2. Análise do poema: o contido. Este poema aparece na posición undécima no conxunto dos 19 poemas que compoñen De Catro a Catro. A voz poética está en plena travesía e segue afondando na soidade e o abandono dende un ton certamente pesimista. O tema central é a imposibilidade de fuxida, non hai vento, domina o estatismo. Sen o alento vital do vento non hai saída. O barco, sen velas, non navega e agárrase ao pasado, á nostalxia. A perda, a ausencia e por último o abandono do Sol posibilitan esta nostalxia, este ancorarse ao pasado, facer equilibrios no ronsel: O vento perdeu as follas do seu cartafol As gaivotas non teñen quitasol O paquebote sen velas O babión do Sol está mirándonos coa boca aberta O eu poético desdóbrase en dous, na voz narradora (terceira persoa: perdeu, tecolean, teñen, fan…) e no suxeito paciente, en NÓS (mirándo-nos). Este desdobramento permítenos ver dende fóra (espectadores) e tamén dende dentro (perspectiva da primeira persoa). O tema está encadrado nunha paisaxe mariña. No mar, na infinidade do mar non hai saída. Un mar en calma. En pleno día, o sol está no alto. O barco, o soporte físico do eu/nós poético, está parado, facendo equilibrios no ronsel, no pasado. Está sen velas, sen posibilidade de recoller o vento e polo tanto o pulo necesario para seguir a viaxe. As velas perdidas, as que tamén perdeu o vento. Serán esas velas as páxinas en branco que hai que ir enchendo para proseguir a viaxe, como as páxinas en branco que a vida, o transcorrer da vida vai enchendo? Non hai saída, non hai perspectivas de futuro, polo que estamos ancorados ao pasado. A perda, o abandono, as ausencias e a saudade danlle un ton pesimista ao poema. 3. Análise do poema: a forma. Un dos elementos esenciais das vangardas consiste na ruptura formal con respecto á poética tradicional. Así chama a atención a propia disposición da marxe esquerda dos versos, xa que debemos subliñar o uso con valores significativos dos espazos en branco (ex. verso 3 estrofa 1) para intensificar o tema. Tipograficamente chama a atención a ausencia de signos de puntuación, agás os guións que introducen un inciso na cuarta estrofa, e os signos de interrogación nas estrofas primeira e terceira que nos identifican follas = velas. A pesar disto mantéñense as maiúsculas para indicar o inicio da frase e o Sol aparece grafado da mesma maneira para acrecentar o seu valor semántico. Atopamos tamén unha ausencia de rima (agás a rima asonante entre o 3º e 5º versos da primeira estrofa) e composicións estróficas regulares. Opta polo versolibrismo, aínda que conserva un certo ritmo marcado polas interrogacións retóricas. O autor utiliza unha linguaxe fortemente expresiva e persoal. Sintetiza a utilización de palabras especificamente mariñeiras (mastros, pailebote, velas, ronsel) con termos tirados das innovacións tecnolóxicas do momento (tecolean, mecanógrafos, ortodrómicas), xeralmente asociados a elementos da natureza (chuvascos mecanógrafos, ortodrómicas do ceo). O poeta emprega unha serie de símbolos entre os que ocupan un papel central os seguintes:  O barco ( o pailebote): Elemento asociado á viaxe é símbolo do corpo ou vehículo da existencia. O barco é o home, o eu do poeta. As diversas partes do barco van asociadas tamén a este


mundo simbólico. Así, os mastros soportan as velas que recollen o pulo vital que posibilita a viaxe. As velas son tamén as follas en branco do caderno de bitácora que a experiencia acumulada na viaxe vai enchendo. O ronsel asóciase á popa e relaciónase coa saudade, co pasado que fica atrás.  O vento: O elemento atmosférico que move o barco, que posibilita a navegación, a travesía. A súa ausencia determina o estatismo, a imposibilidade de progresar na viaxe. Por outra banda, tamén pode converterse en morte cando provoca os naufraxios.  O Sol: O principio vital por excelencia é un mero espectador. O poema está estruturado en base a imaxes múltiples ou polipétalas, un xogo de analoxías sorprendentes que crean unha realidade nova. Fronte á actitude imitativa da poesía tradicional, que plasmaba retallos da realidade externa e común, observamos no poema unha sucesión de imaxes que complementan o universo simbólico antes analizado e crean unha realidade dende distintos puntos de vista ofrecéndonos unha superposición de visións construíndo neste poema unha nova paisaxe mariña. Na primeira estrofa, a imaxe múltiple é a seguinte: O vento ten un cartafol no que garda todas as velas que lle vai quitando aos barcos. O vento perdeu esas follas/velas. Por outra banda, os chuvascos son mecanógrafos que escriben empregando esas follas/velas, soportadas polos mastros, que o vento perdeu. Na segunda estrofa: As gaivotas son equilibristas e fan equilibrios (sen quitasol) nas ortodrómicas do ceo. GAIVOTAS EQUILIBRISTAS SEN QUITASOL NAS ORTODRÓMICAS Na terceira: Agora é o barco quen fai equilibrios, neste caso no ronsel e sen velas. PAILEBOTE EQUILIBRISTA SEN VELAS NO RONSEL. Na cuarta estrofa: O Sol é un parvo e está mirándonos abraiado, coa boca aberta, dende o alto. A presenza destas imaxes dános idea de simultaneidade, a pesar incluso das referencias temporais que aparecen nos verbos (presente –tecolean-, pasado –perdeu-, futuro –serán-). Tamén son evidentes as personificacións: os chuvascos son mecanógrafos, as gaivotas son equilibristas, o barco tamén fai equilibrios e o Sol é un parvo a quen lle cae a baba. 4. Conclusión. Neste poema de Manuel Antonio, pertencente ao seu libro De Catro a Catropodemos ver como o poeta se inscribe nunha liña poética vangardista ao termos en conta os recursos empregados, fundamentalmente no uso da imaxe múltiple. A pesar disto obsérvase unha preocupación existencial na que a soidade do individuo e a imposibilidade de fuxir dun mesmo o enche todo.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.