Día da ilustración en Galicia: 30 de xaneiro O 30 de xaneiro, coincidindo co nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, celebramos o Día da Ilustración en Galicia para destacar a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para poñer en valor o sector galego da ilustración. Este ano Bibloleiros quere rendir unha homenaxe ás vítimas do atentado cometido en París contra membros da revista francesa Charlie Hebdo, a través dunha exposición de obras de banda deseñada que podes visitar no vestíbulo da Biblioteca Rialeda. Son moitas as obras que poden formar parte desta exposición. Escollimos algunhas daquelas que nos parecen máis representativas do noso fondo bibliográfico de cómics. Queremos compartir as palabras da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración no seu "Comunicado de condena do atentado contra o semanario francés "Charlie Hebdo" "Tras o terrible atentado perpetrado en París na sede do semanario satírico Charlie Hebdo, en que morreron doce persoas, entre xornalistas, debuxantes e policías, e resultaron gravemente feridas outras 11, queremos expresar a nosa máis firme condena e repulsa ante quen pretende limitar a liberdade de prensa e expresión en nome dunha relixión ou unha ideoloxía determinada. Vivimos tempos complicados en canto á convivencia entre culturas e diferentes credos, pero non existe ningunha razón que xustifique o asasinato dunha persoa por moito que a súa opinión contradiga ou mesmo poida chegar a ofender as opinións e crenzas propias. A vida humana, a liberdade de prensa e a liberdade de expresión deberían estar por riba de calquera diverxencia ou conflito, e a súa garantía, por parte de todos os estados e todos os cidadáns, debería ser un compromiso incuestionable e irrenunciable. Desde AGPI, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, e de todos os compañeiros ilustradores das demais asociacións de España, consideramos que o feito de continuar a defender incondicionalmente a liberdade de expresión e continuar a traballar como xeradores de imaxes, de ideas e de opinión, constitúen a mellor homenaxe que podemos brindar ás vítimas e ás súas familias, ás que desexamos transmitir a nosa solidariedade e o noso apoio nun momento tan inxustamente doloroso".