Tertulia literaria en Rialeda 2022-23

Page 1

A imaxe que nos ofreceu Álvaro Cunqueiro de si, un varón responsábel e formal vestido de traxe escuro, é o enmascaramento dun rapaz soñador desenganado pola vida. A última imaxe que nos deixou de si, un bon vivant enxebre que posaba con cunca de viño ou queixo de tetilla é a última máscara para pasar desapercibido no mundo adulto.

Un artista coa inocencia necesaria para que, sendo un poeta altísimo, dubidase sobre o seu traballo: "Que quedará de todo isto?". Nos días últimos: "Non sei, teño a sensación de ter vivido para nada, de que perdín o tempo. Pasou a vida, qué enorme despilfarro, puiden facer moito máis. Qué quedará da miña obra?". Referíase á obra literaria máis complexa e profunda na nosa lingua desde Follas Novas.

A vida, é sabido, obriga a facérmonos homes e mulleres, levantados sobre os escombros da infancia, sobre o cadáver do neno, da nena. O neno Álvaro deveceu toda a

1
Vida e fugas de Álvaro Cunqueiro Mora por Suso de Toro

súa vida adulta por permanecer fiel a si propio, "seriamente falando/ quero volver a pór a miña gorra mariñeira/ aquela gorra dos oito anos/ cando entre o meu sono i-eu cantaba a luz." Aquel señor grande e redondeado era un home moi fráxil.

Vista da Catedral de Mondoñedo desde a Casa-Museo Cunqueiro

Foto de María Berini Pita da Veiga (mariabernini.es)

Cunqueiro foi un golpe de gracia literaria, xuntouse nel a alma dun rapaz que por non saber renunciar á infancia conservou o don do poeta co coñecemento dun escritor formado na tradición literaria europea. E fundou a súa propia patria, o mundo da súa infancia transformado en literatura. A resistir á vida. Ese meniño de dez anos desafía a vida coa literatura, escribe na galería da súa casa de Mondoñedo unha noveliña de vaqueiros, os vaqueiros falan castelán e os indios galego. Gañan os indios, a literatura quere reparar as feridas da vida real, da historia. Abandona o val encantado e vai estudar bacharelato a Lugo, onde coñece a Correa Calderón e a Ánxel Fole, outra cabeza condenada á infancia perpetua. Vai a Santiago estudar

2

Letras. "Así que llego a Santiago, me quedo asombrado, absorto. Aún hoy en día, cada vez que entro en la ciudad llego como un bobo..." Canea as súas rúas, le o seus libros, fala nos faladoiros intelectuais, escribe en galego poemas e algunha peza teatral, milita na esquerda do Partido Galeguista, promove as revistas Galiza e Papel de color, e toma xa ese camiño do xornalismo. O golpe dos militares nacionalistas sorpréndeo en Mondoñedo. O seu pai era o boticario e fora alcalde, sálvao dos que asasinaron a outros compañeiros seus. E aquí temos que pararmos a imaxinar que, alén do medo a ser asasinado, algo lle ocorreu a Álvaro.

Cunqueiro tivo dúas duras e amargas leccións que lle partiron a vida. O golpe e a guerra foron a primeira lección: os límites da realidade, o peso grave da historia. Aquela machada decapitou á súa xerazón. Morreron ou fuxiron exilados os indios, e Álvaro para sobrevivir fíxose vaqueiro.

3
Vista de Mondoñedo nos anos 20 do século XX Foto de Ruth Matilda Anderson

Para aprender esa dura lección tivo que perder algo, non sabemos o qué, nese tránsito, nesa reviravolta da identidade. Sabemos que no ano 1938 xa é un vaqueiro, gasta camisa azul fascista, correaxes e bota alta e brillante. Por eses anos escribe en castellano Historia del caballero Rafael, coñece aos seus novos camaradas da Falanxe cultural, os cataláns que fundan a revista Destino ("En América se habla castellano. Las espadas de nuestros capitanes se han encargado de ello. La raza ha cumplido su misión. Para salvarla el jóven césar y capitán cristiano Franciso Franco nos llamó a todos."). Ese grupo evolucionará na posguerra ao culturalismo catalán e o editor Josep Vergés editará a Cunqueiro na Editorial Destino.

¿Qué tan falanxista foi aquel mangallón, "longo, grande, delgado, pálido", que até uns meses antes era galeguista e esquerdista?

¿Que sabe que os seus compañeiros na Terra están agachados, exilados ou fusilados? ¿Como puido facer para integrarse nos intelectuais falanxistas que cantaban á guerra? Cando escribiu a Corona de sonetos en honor de José Antonio -"¿que tu boca sin sed, de tierra llena, responde a nuestro amor y enorme vida?- cómo non había pensar nos seus compañeiros asasinados? Só é explicábel nun rapaz desvalido que precisa acubillo nunha irmandade intelectual, e que o encontra nesa xeración de camaradas bébedos de historia e de fascismo: Laín, Ridruejo, Tovar, Manuel Machado, Luis Rosales, Eugenio Montes, Pemán, Torrente Ballester, Leopoldo Panero, Eugenio D'Ors, Martín de Riquer...

4

Superada a lección da guerra, no Madrid dos vencedores vai recibir a segunda grande lección: a autodestrución.

Volve vivir a vida alegre cun certo poder, un cargo na prensa falanxista, e demostra até que punto é persoa incapaz de vivir os xogos dos adultos. "Bohemio, desordenado e informal", así é visto polos seus amigos.

Para el a palabra é a ensoñación, o reino da liberdade da imaxinación. Incumpre os compromisos, carece da palabra dun home feito e ven a caída: acaba denunciado por un editor, polo embaixador francés, abusa da confianza de amigos. As súas imaxinacións para os demais son mentiras e calotes. A Falanxe quítalle o carnet de xornalista e perde o traballo. "Me encuentro confuso, torpe, desarraigado, y cierto ánimo de huida que tengo siempre, llega a imponérseme".

5
Puerta del Sol nos anos 40

A que aprendeu os límites da historia e os límites de si propio, volve derrotado ao seu val e encérrase na casa da infancia. "Ahora tengo en los ojos toda la melancolía y en el oído todo el silencio de Mondoñedo." Así é como comeza, na metade da súa vida, a segunda vida de Álvaro Cunqueiro, a que nos é máis coñecida e na que escribiu a meirande parte da súa obra. O que era un desterro naquela súa casa resultou unha viaxe ao centro de si, a infancia en Mondoñedo. Cando reaparece como xornalista tamén aparece un novo Cunqueiro escritor, máis Álvaro que nunca. O xornalista ten que brigar co tempo histórico no que vive, incidencias sociais e políticas, a vida crúa; o escritor Cunqueiro foxe desa realidade para outra máis íntima e verdadeira: o mundo daquel meniño que escoitaba historias e lía libros, aquela patria de silencio, neve, reis antigos e encantamentos. A súa obra non custiona a historia: négaa. Nega a historicidade, afirma que a vida é unha soa cousa e inmutábel, un único soño persoal. Mais a afirmación de si é a afirmación do seu país: " Se a miña obra ten un sentido, teno no meu desexo profundo, (...) en algo polo que eu daría a vida, que é que a nosa lingua continúe, que Galicia siga".

6
Álvaro Cunqueiro con Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carvalho Calero

Achegarse a Cunqueiro leva tempo, nunca se dá achegado un ben, pois repártese por moitas vereas distintas: teatro, tradución de poesía, xornalismo, ensaísmo literario, ficción... Porén, a chave da súa obra toda é a poesía, como unha bola de vidro que encerra un pequeno val e neve (Rosebud).

Álvaro Cunqueiro, o gran fabulador

As novelas de Cunqueiro, cheas de imaxinación e referencias aos máis diversos ciclos literarios (o ciclo artúrico, As mil e unhas noites, as diversas mitoloxías antigas…), están tamén inzadas de narracións orais de parte das personaxes que interveñen nelas, algo ao que Cunqueiro lle tiña moito aprecio. A oralidade profunda dos seus paisanos —que, como el dicía, “parrafeaban” entre eles e traían e levaban as máis curiosas historias— está presente como un elemento artellador da súa novelística. Para algúns autores, as súas obras narrativas conforman un macro-texto novelístico no que as distintas pezas do quebracabezas establecen constantes relacións entre elas. Alén diso, o espazo narrativo de Cunqueiro está poboado por múltiples voces de personaxes que, pola súa banda, se converten en narradores dentro da narración principal.

7

Narrativa breve

Tres son os volumes que destacan da súa narrativa breve: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979), especie de triloxía que Francisco Fernández del Riego cualificou de “ruralismo poético”. Son libros que beben todos na oralidade popular que Cunqueiro coñeceu tan ben dende neno, nas rúas de Mondoñedo, no mundo rural que cinguía a súa cidade, na botica paterna… Neles agasállanos con vívidos retratos dos máis variados personaxes, das súas crenzas e do mundo, case sacado da Idade Media, no que alentaban estes tipos populares. A eles pódeselles sumar de modo natural, Tesouros novos e vellos (1964), onde Cunqueiro nos ofrece

8

as súas noticias e fabulacións sobre os tesouros escondidos por todo o país galego.

Merlin e familia i outras historias (1955)

Esta, a súa primeira novela en galego, marcará o inicio do rexurdir literario e vital de Cunqueiro. Urdida sobre as lembranzas do seu ano de nenez pasado en Riotorto e do mundo campesiño da súa terra, rico en oralidade, desfilan polo Merlín toda unha serie de personaxes e historias fantásticas, entretecidas ante a mirada asombrada da súa principal voz narradora: Felipe de Amancia, alter ego infantil do propio Cunqueiro que entra ao servizo, como criado, do mago Merlín en Miranda.

As crónicas do Sochantre (1956)

9

Case de inmediato ao seu exitoso Merlín e Familia, Cunqueiro dá ao prelo en 1956 unha segunda novela en galego: As crónicas do sochantre, unha poética narración ambientada na súa querida e imaxinada Bretaña. O sochantre de Pontivy, Charles Anne Guenolé Mathieu de Crozón, é conducido nunha carroza espectral aos funerais dun veciño de Quelven. Os seus acompañantes son, como pouco, singulares. Cada un deles narrará curiosas historias dun xeito que, por momentos, lembra a Chaucer e os seus The Canterbury Tales. Profunda así Cunqueiro nun camiño narrativo moi distinto á dos seus contemporáneos e que ten sido sinalado como un realismo máxico avant la lettre, cuestión que aínda hoxe é obxecto de certo debate.

Si o vello Simbad volvese ás illas (1961)

10

Cunqueiro, sen abandonar a andaina iniciada coas súas dúas novelas anteriores, ateigadas de imaxinación, fantasía e brillantez narrativa, abandona os escenarios galegos, bretóns e célticos e mergúllase nos mares doutro gran ciclo literario, o de As mil e unha noites. Sinbad, personaxe cun aquel quixotesco, vive na fantasía das súas propias ficcións e historias, fonte do prestixio que mantén entre os seus veciños de Bolanda. O encontro abrupto coa realidade cando quere levar a cabo unha derradeira viaxe terá consecuencias catastróficas para o protagonista soñador. No ano 2006, co auspicio do Instituto Cervantes e mais a Xunta de Galicia, a obra foi traducida ao árabe.

Las Mocedades de Ulises (1960)

11

Con esta novela Cunqueiro trasládanos ao mundo do mito e a literatura homérica, aínda que, coma sempre, ao seu xeito particular. Un dos temas que aborda a obra é a mocidade do heroe, sobre a que nada se nos conta na Odisea. O eixo fundamental de toda a historia do mozo Ulises é a súa aprendizaxe. Ulises, desprovisto de trazos épicos ou tráxicos, é un mozo que aprende sobre a vida, a navegación e a arte de contar historias, un elemento recorrente en gran parte da novelística de Cunqueiro, onde os personaxes poden converterse facilmente, pola súa vez, en narradores de historias dentro do relato principal.

Un hombre que se parecía a Orestes (1969)

12

Con esta novela, escrita en castelán, gañou Álvaro Cunqueiro o premio Nadal en 1968. Esta obra transpórtanos de novo ao mundo helénico. Sobre o pano de fondo da Orestiada, a obra dramática de Esquilo, Cunqueiro constrúe unha historia na que a espera polo vingador Orestes se prolonga durante anos no palacio de Existo e Clitemnestra. Subxace nesta peza unha profunda reflexión sobre a inutilidade da vinganza.

Vida y fugas de Fanto Fantini (1972)

13

Esta nova novela, ambientada na Italia renacentista, é a primeira delas na que o personaxe protagonista é unha completa creación de Cunqueiro; o mesmo acontecerá con Paulos, en El año del cometa. Cunqueiro abandona os personaxes extraídos do ciclo artúrico, do mundo shakespiriano ou dos distintos ciclos mitolóxicos para introducir ao lector nas peripecias, cheas de imaxinación dende o propio instante do seu nacemento, de Fanto Fantini. En todo o relato as arelas de liberdade de Fanto enfróntanse a “esa tristeza pacífica de la soledad insondable de los prisioneros” no que parece un eco da saudade que envolveu tamén o propio Álvaro Cunqueiro.

14
(1974)
El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes

É a derradeira novela de Cunqueiro. Escrita en castelán, esta é, probablemente, a súa obra máis críptica e complexa; un resumo, en certo modo, dos elementos presentes na súa obra narrativa anterior. Nunha carta a Vergés, o seu editor, o propio Cunqueiro exprésalle que esta obra é “un punto e final”. Nela Paulos, o protagonista, acaba envolto e atrapado nas ficcións que foi tecendo para manipular nun principio aos habitantes da súa cidade, Lucerna. Chega o ano do cometa e consegue, tras unha aprendizaxe a carón do ermitán Fagildo, e logo en Milán, un posto de astrólogo. Aí comezará a argallar e discorrer signos, agoiros e ameazas. Devagariño, envólveno o real e o inventado. Nun intento final por escapar da súa propia tea de araña, morrerá ás portas da cidade confundido, por causa dos seus pantalóns encarnados, cun invasor estranxeiro.

Fonte:

https://www.casamuseoalvarocunqueiro.es/gl/bibliografia/

15

Sobre “As crónicas do Sochantre”

As crónicas do Sochantre teñen a mesma estrutura que o Merlín e supoñen para Cunqueiro un paso adiante na configuración dun texto considerable como novela.

En primeiro lugar, o protagonista Charles Anne Guenolé Mathieu de Crozon, é un verdadeiro personaxe, a diferencia de Merlín e familia que funcionan máis ben como centros nos que converxen os viaxeiros coas súas respectivas historias. A Merlín e á súa familia non lles ocorre nada (salvo o paso do tempo) que supoña unha evolución e cambio, condición imprescindible para considerar como novela calquer texto en prosa.

As crónicas do Sochantre sí ofrece unha historia do personaxe que se comporta como tal e non como portador da épica que suxire o título; entre a súa timidez do comezo e a desenvoltura que amosa ao final hai toda unha transformación que dota de coherencia interna á narración, superando así a fragmentación do Merlín.

En As crónicas, o emprego do anacronismo é menos significativo sen mesturar intencionadamente elementos heteroxéneos, como ocorre no Merlín. Esta coherencia histórica e xeográfica contribúe á unidade orgánica da obra.

16

A acción desenvólvese na Bretaña, terra habitada por "memorias transeúntes". Cunqueiro contou en moitas ocasións que cando escribíu a obra non estivera nunca na Bretaña e que cando despois tivo oportunidade de visitala, atopouse cona sorpresa de que coincidía plenamente coa su descrición no Sochantre.

O primeiro capítulo adícase á presentación do marco xeográfico e o seguinte á do protagonista. O corpo central artéllase en tres partes tituladas "A carroza", "As historias" e "Os viaxes". Na primeira preséntasenos o sochantre e a comitiva de defuntos que o acompañaría nunha viaxe a ningures que durará tres anos.

Na segunda parte o narrador ofrécenos historias que os defuntos contaban en tertulia nocturna, ao recuperaren a súa condición de esqueletes.

Na terceira, ademáis dalgunha andanzas do grupo, o narrador inclúe a Función de Romeo e Xulieta, famosos

17

namorados que o sochantre e o resto da comitiva tiveron que improvisar no adro de Comfront.

A obra péchase coa capítulo final do regreso do sochantre e cun apéndice no que se nos da a noticia de Ismael Florito, o demo que mercou a alma do coronel Coilancourt.

En As crónicas do sochantre hai unha dimensión escatolóxica que está ausente na súa restante producción. Certas referencias sensoriais noxentas, algúns apuntes de sensualidade e a presencia familiar da morte e do crime atoparían a súa explicación nun remoto parentesco que a obra podería presentar co xénero picaresco e no aire carnavalesco que rodea desde o principio á hoste de defuntos.

Fonte: "Álvaro Cunqueiro: día das Letras Galegas 1991" (Xunta de Galicia), páx. 86-88

18
19
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.