30 poemas para un 30 cabodano

Page 1


30 poemas para un 30 cabodano O 23 de marzo de 1992 morría Antón Avilés de Taramancos. Hoxe, trinta anos despois, segue vivo nos seus versos1. de As moradías do vento (1955)

Vento mareiro, amigo dos velamios senlleiros, da nebriña de ronseles no ar aloumiñada, do azul lonxano que se volve lila. Unha frauta delgada de horizontes, trema na túa voz e dálle vida. Hoxe as dornas sulcaron, a sorrisa do mar profunda e nidia. Hoxe as dornas, beberon o teu sangue na badía. E ti, beilando muiñeiras tolo no corazón da noite onde a forza de Deus anda perdida. Mans de vidro e de nube, vento amigo, medra no teu lecer a moradía. (páx. 24)

Forza da muiñeira, pulo espido de aturuxo druída e misterioso. Lixeiros pés no ar, no redobrante. Lixeiras mans enfeitizando a vida. Fiandeira do vento, viño roxo ceibado polas veas a brincar, desexo de esgazar a forma mesma nun berro aqueloutrado, fondo, inxel. 1

Todos os poemas da presente escolma proceden de: AVILES DE TARAMANCOS, Antón, Obra poética completa, Espiral Maior, A Coruña, 2003, 480 pp. Despois de cada poema aparece a páxina correspondente.

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

2

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Ouh, temperá seitura milagreira, belida moza debullando o gran. Salvaxe rito, atafegado lume, alporizado vento, e bailador. (páx. 27)

de A frauta e o garamelo (1958-59)

Cántico ao arbre Esta fonte toda feita de arbre sobor das mans. Teño a ollada limpa do neno que rechina coa auga, e son todo paxaros, remuíños e vento. Levo o serán eiquí neste meu arbre íntimo, con centeos, maínzos e camiños de sol. Neste arbre con urrios pendurados e fumes silandeiros percorrendo a mañá. Xa son tan vello e pobre que non teño cereixas, nin tabardillas, nin pexegos de sangue pra lles dar ás rapazas que pasan con cabelos de herba e mans de orballo. Todo o meu froito é luz de follas e de azas transparentes; meu ollar un camiño de azuis pés. Son arbre, vello labrego, todo campás e calcos de douradas espigas.

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

3

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Corpo enxoito de choiva sorrindo polas cores máis pequenas da estrela. Arbre, entusiasmado amigo, crecendo bolboretas na testa, xermolando ledicias pola profundidá das primaveras. (páx. 44)

de Poemas a Fina Barrios. Pequeno Canto (1959)

Noiva é unha palabra que se apreta nunha dor docísima e segura, é dorna nova de rizada vela, cara delgada que se tronza ao vento. ¡Que tolo corazón vai a gallope desta argalleira risa campesiña! Unha amante quentura vai erguendo a miña man caída; a pel florece en arela de ser mazá dourada no encaixe nidio do teu peito mozo. Hei de pousar o beixo tan amodo con que se enrosque o sangue feramente. ¡Ai meu amor de abril, que presa leva o poldro asoballante deste lume para chegar a ti con roxo brío! (páx. 53)

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

4

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

No río vai a dona, vai e canta, a auga ri fuxindo modosiña. Ai dona, dona, dona, miña amiga, núa na orela verde, núa e soa. Que vai o río lonxe e leva foulas onde estivo teu seo solagado, e unhas cónchegfas doces repenican na intimidade en flor da auga clara. Vén a dona do río, primorosa chambra de liño fino, man galana que tronza o ar con ar garrido e lene. O río vai amodo, coitadiño, percurando mazás de roiba tona. (páx. 62)

de Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961)

Pola frescura da pomareda pasea a dona manto de seda. A rula brinca polo pomar co seu enredo de namorar. Ai dona, dona madrugadora ¿Por que amorío sofres agora? Xa vén a dona risa florida coa bris do río no van cinguida. Pola frescura da pomareda pasea a dona risoña e leda. (páx. 85)

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

5

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

O semideus derrotado O elmo ourilucente está guindado na inmensidá da gándara bravía, a espada escentilante non porfía na valerosa man de xesto ousado. Esparéxese o pó no medio día testemuña da loita afervoada, e soio en pé a egua, camarada de tanta camiñata largacía. O seu carón a adágara rachada que en cen combates defendeu seu peito cobre de sombra a testa entusiasmada E sérvelle o terrón de cadaleito e de suario sérvelle a xeada a aquel que en valentía foi perfeito. (páx. 86)

de Os poemas da ausencia (1963-69)

Eu amo as minerais entrañas do meu eido, quixera nun momento que o soterrado seixo rubira ata os meus labios e sentírase vivo, vivo como unha fera bruantemente viva que o amor domeara da súa escuridade. Ir caendo en pingueiras enriba da estructura da antracita, do wolfram, onde florece o ouro e treman as turbinas das burgas e da noite que atafegada dorme no corazón da terra. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

6

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Mamar leite materno no fondo dos carballos a carón das ríces dos bosques e das veas da terra que sostén o centeo e entrega ó sol os gromos do pan alegremente. Náufrago soterrado, feliz entre as estrelas de auga primitivas, o corazón mollado na saiba poderosa que dá lentura ás leiras, en silandeiro navegar, amante aínda, ter saudade da luz, do sal, de ver o vento, da chuvia elemental caíndo nos pomares: ser orfo, orfo espido, para amar con máis furia a flor roxa do cobre e o iris do estaño. Acaso así sería verdade a miña vida vir da profundidade e erguerme no infinito enraigado no colo da terra e tendo a fronte como único astro no epicentro das tebras. (páx. 93)

Ode. Himno. Cántico. Elexía Galiza dentro de min i eu en todo un soio cantar... Manoel Fabeiro

1 Terra nai. Raíz umbilical. Seiva nutricia. Sinto a aorta poboada dunha esencia de fragatas. Cincocentos gaiteiros cantan de cara ao mar antigos himnos. ¡Vello país domeador de vento!

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

7

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Teño os ósos brunidos da calor da túa entraña. Ese río que fecunda os teus óvulos, ese río que habita nas furnas interiores verqueume nas arterias como ascuas e levo o sangue todo namorado. O deixa-lo teu tobo ventos de morte me feriran, madre! E veleiquí que unha campá espida mantén a túa voz na miña gorxa e cando esfollo a curva dunha sílaba deita o canto de berce do teu nome. (páx. 131)

3 Campanas de Bastabales -miña nai arrola un neno-, Rosalía non afíes na miña gorxa o coitelo. Campanas de Bastabales chegaron rompendo o vento e cantan de pinga en pinga no meu corazón sedento. Rosalía: non me deixes tan lonxe que teño medo. E ti, campana de Anllóns, campana con voz de ferro: Bergantiñán, non me esquezas, dáme unha man compañeiro, que ando polo mundo a tombos e quero volver aos eidos. E quero cantar o maio todo de flores cuberto. (páx. 133) Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

8

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

O Pater Noster de Biafra Señor Deus: Quen coma ti que vive tan na altura que non lle chega a fame de Biafra. Os Ibos rezan a cada hora o Pater Noster: Señor que estás nos ceos santificado que es pantrigo e leite e marmelada deixa caír frangullas do teu reino pois estamos eiquí comendo merda —a nosa propia merda asoleada—. Non nos deixes caír tanta miseria tantas flechas, obuses, epidemias. Nós somos xente, Deus, non perdoamos: fulmina para sempre ós nemigos denantes que entre nós nos fulminemos. Señor Deus que alumeas as alturas acórdate que embaixo hai feras cegas. Quen coma ti que come e ten sotana, quen coma ti. Canté. Non nos esquezas. (páx. 141)

Hoxe preciso costruir a patria: ergome cedo coma Ulises e roubo toda as naves do mundo. (O meu país vaise polos camiños do soño, pero soñar, irmán, é unha cousa terrible). Os vellos canteiros do meu ser domean os penedos docemente e vanlle dando forma á miña dor atávica de home. Eu soñei esta terra desde sempre cando o cervo non era mais que a imaxe multicolor nas covas do meu sono. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

9

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Atravesei desertos de xeada no principio do tempo, terra miña! e teño o corazón coma un pelouro brunido por amarte en tantas vidas. ¡Só ti es permanente! Hoxe preciso falar cóbado a cóbado contigo meu irmán, pois a palabra afía esta emoción que pon no vento un ar ou agarimo tan antigo que fai cantar as pedras da memoria. (páx. 145)

Algúns serán galegos por accidente xeográfico, outros somos galegos por un accidente mortal. (Hai tanto sangue derramado e tanto por derramar). Todas as xentes do mundo ven o galego pasar de volta para a súa patria ainda que non volva mais. Hai tanto sangue derramado en cada punto cardinal, hai tanto sangue digo eu que nunca frutificará. Ven o galego cismando a saudade consustancial o corazón aos catro ventos dos continentes e do mar sempre en percura da ferida do seu cordón umbilical. (páx. 147) Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

10

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

de Nova crónica de Ulises (1978)

Fálame, musa, do varón famoso que desde o fondo das estrelas canta e retumba nos mares a voz rouca, o brado de saudade máis profunda do cosmonauta solitario e único que na dorna do tempo vai tecendo o canto elemental do pai Ulises perdido nas galaxias de sempre. Fálame do guerreiro entusiasmado domeador de luz en raudas naves que un amor primitivo aqueloutrara, do home simple que en antergas eiras o ferro ensanguentado da victoria alzou terriblemente, e logo fora pola ira dun deus lanzado ao espacio por homes nunca de antes navegado. Dos verdes eidos da amorosa patria onde o neno recolleu amoras, onde seu pai coa aguillada ao lombo leva en carro de bois o viño novo e bailan no lagar as mozas núas -mármore livián ulindo a pámpanosonde asubía o merlo ao pór do sol de ponla en ponla da figueira umbrosa. (páx. 155)

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

11

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

O po antigo e permanente fai renacer a espiga en cada sementeira no amor elemental da eternidade. Na lembranza a parella de bois tece a urdime do universo, e alguén na roda das estrelas vai cantando. Un home sente o tempo desde o comezo ata o final, E = em2 entre a ilusión e a memoria. (páx. 157)

O teu amor é unha fonte para beber moi de vagar, onde o guerreiro apaga a sede despois de longo batallar. É como un río pequeniño que vai cantando cara ao mar... O meu amor é un pozo fondo, para beber hai que cavar, é auga escura que non canta se non se abre o manancial. Ti es a canle dos meus cantos, eu son a túa eternidá. (páx. 163)

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

12

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Ítaka De novo nas ribeiras da patria o pai Ulises canta, a voz vén desde o fondo das arterias peneirada nun soño como cando o derradeiro lobo do mundo ouvea no solpor ou o neno orfo e soltario tece o seu berce ás dentelladas. Ninguén escoita o seu cantar. O tempo abaneou os alicerces dese outro soño de chegar un día, e un can vello e xordo é a única carantoña de ledicia, o símbolo da mocidade recuperada. (páx. 164)

de Cantos Caucanos (1985)

María Abres o libro e un perfume de xardín silvestre, de xardín doutro tempo aínda fresco, emana da lectura. A viola, o xasmín, a rosa de cen follas, a benvestida e a campánula regáronse con bágoas de cando o corazón foi inventado. Despois da tose romántica aparece a figura de María: daguerrotipo sepia onde escintilan dous ollos como ascuas acendidas, e a boca sensual apagada polo continuo roce da oración. Namorada e triste o seu ollar é como un can pequeno percurando a caricia. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

13

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

-¡A vida no século pasado era tan casta! Non se pode pór freio a tanta desbandada de amor: entón a tise foi bebendo o sangue e María quedou como unha viola murcha na páxina 47. (páx. 186)

de As torres no ar (1989)

Chamo á porta do amor na noite escura e está o teu corazón coa luz prendida, a túa man socórreme a ferida e cúrame o teu labio a desventura. A auga que me dás tan fresca e pura é da fonte limpísima da vida: mel da túa roseira florescida entre as coxas, as sedas, a espesura... E xa por sempre irei de ti cautivo pois dásme a vida e dásme a sepultura dun amor imposíbel e furtivo. Como me doe a túa fermosura da que devezo e ando fuxitivo pois sei que o mal que teño non ten cura! (páx. 253)

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

14

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano de Última fuxida a Harar (1992)

Ollo nos cupos da familia os nomes dos bisavós, dos vellos que me deron este corpo mortal que son agora. Sinto os seus dedos antigos a percorrerme os ósos mentres aran sen tregua na humildade para darme esa flor. Son labradores que amasaron de boroa o tempo para eu cantar. ¡E dese impulso vivo! Foron as mans, os folgos que en tanta travesía xermolaron nas hortas e nos corpos de vellas nais escuras como a terra. Ao velos vir, sombras no manuscrito -que xa eran case sombras nesta vida-, eu sei de certo que seara hei de arar detrás do tempo. ¡E merendar cereixas na restreva! (páx. 286)

Non é Galiza, non, é unha ferida aberta sempre en rosa de cen follas. Espiña, mel, pozo sen fonfo, terra que brilla como un lóstrego no paredón do tempo cada mencer. E vive. Perdura, si, verquida desde dentro, teimosa do seu ser, sempre cavando aínda no sangue que a negou tres veces, perfurando o amor desde as virillas, perfurando o amor. Sempre sostendo esa dor profundísima que proe como a felicidade. ¡Iso de non ter límites! Ser ave, ser cantiga, ser pranto, ser combate, ser esa permanencia que nos leva como un río no tempo ata a vitoria. (páx. 296) Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

15

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano Varios

Morriña... Eu non sabía o que era morriña mais un día chegou esa hora en que o meu corpo debía sabelo ¡¡e seino agora...!! As saudades roíanme os ósos non comía nada, cheguei a enfermar, noite e día chorando dicía quen puidera morrer na terriña, quen puidera marchar... As bagullas dos meus pobres ollos lentamente da cara caían sen saber a dor do meu corpo sen saber o que o corpo sofría. Nunha corredoira pobre e silenciosa o eco dun xemido triste resoou deixando un cadavre naquel fondo escuro, un morto sen vida que a morte levou. (páx. 344)

A Castelao Antre o queixume dos pinos, antre as sómas do luar, anda a túa alma perdida ¡ti non morreches, irmán! ¡Ai, Daniel, quen che puidera coas nubens alumear! ¡Erguerche un moimento louro coas raiolas do luar! Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

16

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Anda no ar a pregaria do pobo e da liberdá, e os pinos van marmulando: ¡Ti non morreches, irmán...! (páx. 350)

Obra inmisericorde VI “Non des a esquecemento da inxuria o duro encono”

Ollo por ollo, pobo meu, é hora de vingar as afrontas que nos deron e as que nos fan os sátrapas de agora: os que nos perden e os que nos perderon. Tantas feridas de aguzada espora que nas nosas costelas floreceron é tempo de saldar; se non o fora démoslle ao tempo o fel que nos verqueron. Dende por dente, pobo meu, non poñas a outra meixela á man que che fustiga, que se oferece pan dános ponzoñas. Que está tanto a medrar caste inimiga, piollos do teu ser, pestes, carroñas, que en vez de perdoar, ¡morde, castiga! VII Ensina ao que non sabe o que ten que saber. A mente deturpada por séculos na ausencia, o corazón que debilmente dá o sinal preciso, o rumbo extraviado, o ir trocando nas células a raíz da memoria e a penas coñeces o perfil da saudade Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

17

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

para sernos nós mesmos. Foron borrando a marca prístina do que somos: Galiza, esa andadura na néboa do destino. Acaso a nai carpindo nos cons, nos promontorios, nas fisterras por sempre e non se ouve o badalar da súa voz, o espanto dediante do naufraxio total do universo. Ensina ao que non sabe a amar desde a entretea a cicatriz candente da terra violada, o mar infindo, o canto da laverca. O canto rude dos que traballan de mañá nos campos inocentes e firmes na súa identidade. As palabras, os símbolos, os acontecementos: ese selo de ferro que imprime un signo íntimo para ser ecuménico. O viño é o sal da terra que nos aviva o sangue, a arxila que conforma o corpo no decurso das idades. O leito xerminal. Terra labrada. Ensina ao que non sabe que somos unha sombra repetida no tempo... (páx. 381-2)

Doime o noso país pedindo esmola polas portas do mundo, xa algo eivado das segas de outro tempo e da miseria do negro pan e duro que lle deron. Doime o noso país petando ás portas de Francia, de Suíza ou de Alemaña, limpando os hospitais e os hoteis, amasando o diñeiro entre o esterco das grandes capitais europeas. Doime o noso país que aforra cartos para os Bancos de sangue do Estado que zugan nel e deixan as cagallas. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

18

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Doime o noso país que outrora fora un país irmandiño en pé de loita, facéndolle o negocio aos poderosos mentres o noso campo queda ermo e se perde a semente e as colleitas, quedan as ilusións sen sementeira, a casa pobre e a muller preñada. Doime o noso país porque non sabe traballar o que é seu e defendelo sen ter que andar de escravo polo mundo comendo os ósos cando ten fartura. Doime o noso país que fixo a América, fixo casa por casa cen países amasados de sangue e de saudade, que abriu grandes empresas e facendas e que na súa terra aínda non puxo a pedra de alicerce do futuro. Doime o noso país que sempre é fora onde traballa máis e non se cansa mentres que aquí despreza a súa herencia, e presume de rico e non ten nada. Doime o noso país, ¡ai compañeiros!, porque o esforzo que facemos fora é para un pan ruín que non ten patria, e os nosos fillos saberán da fame. Que gran fartura houbera se algún día as mans que cavan os xardíns do mundo meteran o ligón na súa leira. (pp. 397-8)

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

19

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Pan de millo Xesús Cristo dos pobres, guambiano, indio humilde dos montes; meu amigo por cantas veces tropecei contigo compartindo a boroa do altiplano. Do ouro que donastes son testigo; do pan que me criou, do pan do ano, de ter o forno cheo e estar ao abrigo da fame negra e do desdén humano. O pan de comulgar, o pan sagrado -masa da túa carne de agarenoha de ser deste millo despreciado. Que se é de seu teu rostro tan moreno, e fostes negro de dor crucificado, ¿quen albo te trocou, meu nazareno? (páx. 419)

Convocatoria Eu vos convoca un a un, vivos e mortos, como no Día Derradeiro: son a trombeta, o lóstrego, o trebón, a voz multitudinaria de cuarenta xerneracións bruando á hora mesma en punto en que todos os pobos izan a bandeira. Eu vos convoca: aprestade o fondal das ferramentas, afiade as uñas, os dentes, a xenreira, afiade o amor, acarrexade mancheadas de aceiro ao roxo vivo, cal e canto, pandullos, graas de millo, arados, bois, aixadas, paus de ferro, un millón de tractores, de bous con aparello, un millón de mulleres parindo a cada intre, de vacas dando leite, de fornos e lagares, cocendo pan, esmagullando viño. Temos que construír, erguer paredes, rachar a terra, o mar, os catro ventos. Temos que construír cóbado a cóbado a patria, o mar, a terra, a sementeira. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

20

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Eu vos convoca un a un nos oito mares, nos cinco continentes, nos trescentos vintecatro países do planeta, á dereita de Dus, no fondo das minas celestiais onde se arrinca o ouro das estrelas. Eu vos convoco, mariñeiros, desde o Gran Sol ao Antártico, traballadores de asteleiros, cargueiros de mil portos dende Honk Konk a Nova York, baleeiros, xeiteiros, calafates, ¡xente do mar tan argadeira e pura! Canteiros, albaneis, homes do gran triángulo meioeval, constructores do ollo de Deus, do albor da pedra milenaria, do sinal, do misterio, da cooperativa, da irmandade, eu vos convoco a construir cantando alicercer nos pontos cardinais. E ti, meu camarada moribundo, emigrante nos Andes. (páx. 427)

Eu sei que vas estar cando florezan as roseiras de abril. Pero non quero, non, perderte agora, porque o teu corpo era unha rosa viva. Eu sei que vas estar na chuvia maina, no orballo e máis nas fontes. Pero non quero, non, perderte agora: cando os teus ollos son a fonte limpa. Eu sei, sabemos todos, que no vento ha vir a túa voz. Pero non quero, non queremos ninguén: se agora mesmo eras unha cantiga. Virán novos trigais e virán pombas e virá o teu amor nos gromos novos. Pero non quero, non, se agora mesmo es árbore florida. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

21

Día da Poesía 2022


30 poemas para un 30 cabodano

Ha de vir outro tempo e outras neves e ti serás a lámpada acendida, pero non quero non, e agora mesmo serás a luz do día. (páx. 434)

Galiza no meu sangue é quen che fala. Voz de carballos velos nos camiños. Estraño rito de druídas e de trasgos risoños. Galiza latexando silenciosa en agonía fonda pola carne. Húmido beixo da paisaxe, da pedra forte e da herba espida... no son lizgairo da campá enchendo o serán longo no seu oco, no fuxir do corzo encol do bosco ou no lene voar das rulas inordiño. Montaña e mar e sol, terra medrando no noso folgo virxe cada intre. E Galiza a carón, colo querido de nai para arrolarte. Óllate cada día no seu espello nidio. Así podes ollarte a ti mesmo e encontrarte. (páx. 435)

A verba tenra e garimoso o lume. ¡Canta forza de nai na túa ollada que fai a terra levián e leda! Un ar miúdo foi a túa presenza, unha flor murcha, e un amor vizoso no que nos debruzamos longamente. A feble bris do teu pasar, ¡que fondas velas aparellou na dor! ¡Que búcaro teu labre foi na sombra! Ouh delicada nai, que gozo novo sinto na choiva cando trae o teu nome, na moradía maina do teu colo onde nacen as froitas e as seituras.

(páx. 437)

Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”

22

Día da Poesía 2022


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.