LINGUA NAI - NAI DA LINGUA

Page 1

LEMBRANDO Á LINGUA NAI E A UNHA NAI DA LINGUA (escolma de textos) 21 de febreiro: DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA 24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA

IES “SAN PAIO” - TUI

BIBLIOTECA


I LEMBRANDO Á LINGUA NAI


Fala de miña nay, fala armoñosa, En qu'o rogo d'os tristes rub' ó ceo Y-en que decende a prácida esperanza Ós afogados e doridos peitos; Fala de meus abós, fala en q'os párias, De trévoa e polvo e de sudor cubertos, Piden á terra o gráu d'a côr d'a sangue Qu' ha de cebar á besta d'o laudemio... Lengua enxebre, en q' as ánemas d'os mortos N'as negras noites de silencio e medo, Encomendan ós vivos as obrigas Que ¡mal pocados! sin cumprir morreron. Idioma en que garulan os paxáros, En que falan os ánxeles ós nenos, En qu'as fontes solouzan e marmullan Entr' os follosos álbores os ventos; Manuel Curros Enríquez Poema con lingua acabo de esquecer o meu idioma. Esquecino todo e non sei cómo volver empezar. Mirarei debaixo desta folla. Mirarei enriba. Mirarei dentro da miña boca. E non saberei onde o puxen. O meu idioma. Non saberei. Se alguén colleuno, e levouno. Se nevou por riba del e hai que agardar o desxeo. Se non vai volver xamais i eu non vou ser quen de dicir máis nada no que me resta de vida. Agardade: véñenme palabras soltas. Maial, escarapote, uz. E logo urki i emakume. E pau. Acódenme como bichos, pero eu non distingo as que algunha vez foron miñas. Todo confúndese dentro. Unha vez saín núa polas rúas. Ou soñeino. Unha vez díxeno todo en todas as linguas. Ou tal vez non. Para non ser como a actriz desatendida no escenario pola súa mala memoria. Eu digo vén comigo, erdu nirekin. E creo aproximar un cachiño de alento á miña lingua solitaria no fondo da boca. O meu idioma xa é outro.

Estíbaliz Espinosa


O noso ouro A lingua é un ser vivo, escriben os poetas. Pero isto é algo máis ca unha metáfora. A lingua é, certo, un “ser” (e tamén un “estar”, e un “ir” e “vir”), e está viva de veras. É útil pensar nela coma unha especie máis do Planeta: naceu pouco despois que o home, e entre estas dúas especies estableceuse axiña unha simbiose que dura ata hoxe. A lingua precisaba do ser humano para expresarse, o ser humano necesitaba na lingua para “ser” humano, para pensar, para expresar o seu pensamento. Por iso é tan absurdo falar das linguas en termos conflitivos. Cada lingua é como unha especie de planta ou de árbore ou de bicho: unha necesidade da natureza. E o galego é, en concreto, unha necesidade dos galegos. Foi o que os creou como tales e é, á vez, o produto da nosa identidade, dun intercambio de mil anos. Unha lingua é un consenso secreto, azaroso, initencionado, e o galego é o consenso da cultura galega, o mapa que permite lela, a cifra na que está escrita a súa paisaxe, o seu tempo e a súa mente. Certo que os galegos tamén participaron no consenso do español, como no do portugués, pero esoutras linguas non precisan dos galegos. Son ferramentas que podemos utilizar, mais o galego é outra cousa. O azar e a erosión do tempo outorgounos a custodia deste ben e, xustamente porque é un ben escaso, é máis valioso. É curioso pensar que os romanos abriron a terra en Galicia hai dous mil anos buscando ouro e prata, e carretárona ata esgotala. Mais, a cambio daquela riqueza perdida sementaron outra que a substituíu: é o galego, unha das aventuras do que foi o latín, sumado a mil anos de conversas entre cada un dos habitantes de Galicia. ¿Que pode haber de máis valioso? É o noso ouro. Miguel-Anxo Murado

A lengua de Rosalía, rico caudal de harmonía que prendou a Castelar, moitos n'a saben falar, i os máis non lle teñen pía. Si hai quen non val un pitillo, nin sementa un grau de millo, nin ha de heredar un rego, ¡e dálle azoutas ó fillo pra que non fale en gallego! Antonio Noriega Varela


Poema 3 PORQUE NON É SÓ O IDIOMA O QUE ESTÁ AMEAZADO SENÓN A NOSA PROPIA CAPACIDADE LINGÜÍSTICA, sexa cal sexa o idioma que falemos A LINGUA É PRODUCCIÓN, a lingua produce, produce COMUNICACIÓN PRODUCE PENSAMENTO, PRODUCE CAPACIDADE POÉTICA, produce ganancia e beneficio, PRODÚCENOS como HUMANOS, prodúcenos como FELICIDADE A lingua é PRODUCCIÓN, de aí os intentos do CAPITAL por PRIVATIZAR a lingua, por deixarnos SEN PALABRAS _____________________________ A LINGUA, calquera LINGUA NO CAPITAL, tende ao esvaecemento, tende a converterse en algo que se consume. En algo que xa non PRODUCIMOS os falantes, senón que o CAPITAL, no seu intento de privatizarnos, PRODUCE PARA NÓS _____________________________ No CAPITAL os creadores da Lingua, os falantes, pasan a ser CONSUMIDORES; a Lingua, calquera Lingua no Capital, pasa a ser un producto de consumo, o mesmo que calquera outra MERCADORÍA _____________________________ LINGUA-SERVIDUME LINGÜÍSTICA KAPITAL-KILLER ASASINA Chus Pato


San Idioma Galego sexa comigo, pois ao pé da súa capela e debaixo do seu alpendre vou facer eu esta romaría. Xoán Manuel Pintos Villar

Língua que rexeitaron os meus pais Borraran os letreiros dos camiños cos ben amados nomes das antergas vilas, dos silabarios das escolas algareiras borraran o cantar humilde e puro da língua popular. Sóio no escuro das lareiras no apartado silencio dos labregos labios, esquecida das espadas poderosas, borboriñaba a nosa língua triste. Aferrollada fora coma unha delincuente. As maos sen calos do traballo, requintadas e doces, relixiosas, enfeitadas co ouro dos aneis roubados ó suor dos pobres empurraran a lingua nobre e pura a un cadafalso de vergoñas. Meus pais, tamén, amados ignorantes, obedeceran as ordes que o espadón deborcara na poza de Galicia. E, agora, veleiquí a xenreira xusta dos mozos nobres e libertadores tirando do pescozo da aforcada o barazo inxusto, o odio do canalla. Inda folguexas noiva bela, inda tes verbas na tua gorxa magoada, foguetes de carraxe pra cuspirlles ós donos madrileños do billete, da espada e maila cruz. Inda tes folgos língua enxebre nos teus labios de moza asoballada, língua dos meus limiaos, dos meus antergos, inda tes folgo pra bica-los meus ensoños. Estás agora viva nos meus beizos fondos, estás agora viva nos meus dedos de home e acariñando vou teu corpo rebrincante que ten ás de volvoreta nas palabras. Antón Tovar


A NOSA LINGUA I Galegos, amade a vosa língua, porque ela é un rico tesouro oculto! Amádea, faládea, cultivádea; desenterrade o tesouro que garda o gigante alarbio da tiranía. II Fonte de fraternidade universal, únenos cos pobos de raza afin, co'os que teñen os mesmos verbes e a mesma historia, co'os que se espallaron pol-os mares en linda coroa. Fonte de fraternidade, a nosa língua será base para unha grande Iberia. Fonte de fraternidade, fará que as ideias e sentimentos humáns fluyan e batan nos nosos espritos dende a remota e legendaria India â Africa exhuberante e areosa e as selvas e planicies de América. Noso esprito, como un deus antigo, terá duas caras e ollará dous mundos. III Alma nosa eres tí, língua que fuches creada na nosa historia, modo divino de expresión saído das entranas do pobo galego. Ou! ven a nós, lirismo arrecedente, agarimo das cántigas! Ou! ven a nós, lirismo exquisito dos cancioneiros! Vós donas, falade de aquel geito no que, como ningunhas, fúchedes loubadas! ¿Onde en Iberia puxeron os poetas n'os vosos beizos mais belos cantos de amores? ¿Onde se cantou mais íntimamente a Nai das nais, a Nai María? ¡Donas galegas, falade galego! IV ¡Amade a nosa língua, os entusiastas da nosa grandeza nacional! O rey cercou a Sevilla; as naos soben o río e ja chegan enfeitadas de froles. Briosas van as naves de Chariño, o almirante poeta das saudosas barcarolas; rompen as cadeias que pechan o Gaudalquivir as primeiras a vanguardia. E os galegos saúdan a Sevilla como sua e a fala do noroeste resoa a primeira nas veigas sempre fecundas dos laranjals e das prateadas oliveiras! V Galegos, amade, cultivade o rico tesouro da nosa língua. So falando-a seredes libres, ja que o home sen raza é unha abstracción. ¡Orgullo de raza eu vos pido! Ser libres e sel-o como homes, como raza e como individuo. E lembrádevos que dí Goethe: "So aquel que soubo conquerir cada día a sua libertade e dino de ser libre". VI Palabra, tí que tes as aas cor de iris no ceu, vai d'alma en alma, petando a porta e dicindo: "espertade galegos, os tempos son chegados". Johán Vicente Viqueira


II LEMBRANDO A UNHA NAI DA LINGUA


VARIACIÓS ENCOL DO TEMA DA NEGRA SOMBRA A Xohana Torres O sol medra no esmoleiro coma un témero silencio; perante de cada porta acude pra darlle o pan a mesma meniña orfa. —Rosalía, cando imaxino que és ida dende o mesmo sol arraias. Cinco anos no colo da pizarra deletreando a solas o teu ceo entintado, cinco anos na randeira das trenzas e no bater das ondas que se afondan na alma. Quince anos Rosalía nos ollos, esquencida antre as xentes que reloucan, na orfandade das mans asidas da mesma sombra. —I ére-la estrela que brila i ére-lo vento que zoa. Vinte anos no sono de lume da lareira, debruzada na vidrieira da choiva. —I és a noite i és a aurora Trinta anos de lembranzas coma lousas de viudas de vivos naquela chama dos cirios dos que se foron sin volta con unha espranza de trigo polo horizonte das praias. Rosalía na raiola do sol, no marmurio do rio. —En todo estás e tí és todo, pra nós i en nós mesmo moras. Cando o povo enviso ascoita... Si cantan és tí quen cantas, si choran és tí quen choras. Tomás Barros


No día de Galicia Queremos, Rosalía, que hoxe encendas no noso peito as roxas labaradas que outrora os teus Cantares e as túas Follas Novas inspiraran. Nas chamas de ise fogo sagrosanto temprar vimos prá loita as nosas armas, e a recoller alentos e folgos pra seguir a roita sagra que ti nos amostrache nos teus versos e a miúdo amoleceche coas tuas bágoas. Repara en derredor, esperta, nosa Santa, e escoita as notas fortes e bariles que vén ceibando ó vento a nosa gaita. Non chora, cal dinantes nos dixeras, non chora, non, que canta: ¡canta o rexurdimento dunha terra, o despertar glorioso dunha raza, o abrente dunha data que se achega, o trunfo dunha loita que se agarda! Xosé Manuel Cabada Vázquez


Lendo a Rosalía Se desangro o delirio no viño da palabra vés da idade distante, toda a morte vadeas. Apartando sudarios e fitas e coroas acodes ao meu porto e eu teño sobre a mesa a vida que nos deches: Follas Novas, Cantares, o teu sangue ancorado nesta beira da ausencia. Chegas, falas e encendes a candea de novo, alentas ao meu lado, dasme luz a mancheas e tamén me das sombra, e tamén me das medo e unha dor que me abrangue e me afoga e me medra. E sinto que te quero, que es da miña casa, miña nai, miña amiga, a miña compañeira. E dóime de ti e quero acalentarte, pero xa te me vas para baixo da pedra. Non acho crisantemos para enganar a morte cando cala a túa voz ferida de camelias. Marica Campo


Á ROSALÍA CASTRO Non é lostrego hermoso, é luz perenne e crara a luz con qu' alomeas ¡ouh sol d' a miña pátrea! É luz que sempre brila y-o tempo non apaga. Tí alomeach' a aurora d' aterna relembranza en qu' espertou Galicia erguéndos' alentada. Tí fuch' a estrela hermosa que n-hourizonte grata un dia de ventura â pátrea ll' anonciabas. O dia xa clarexa: en huestes apretadas os fillos de Galicia â loita se porparan y-hastra cantar viutoria non pousarán as armas. Tí qu' antre frondas verdes tranquia repousabas

erguícheste d' a coba pra ser grorificada. ¡Qué gozo sintirían as tuas cinsas santas ô ver com' os gallegos s' aprestan â batalla, ô ver â nai Galicia xa cuas rexenerada! Os teus pechados ollos cicais verteron bagoas, cand' ôs gallegos bardos oubich' a tua fala, e foi pra tí a coröa mais rica y-apreceada a de cantares lindos qu' entorno ch' entoaban. ¡Goza, muller subrime, en ver cuas' acabada a obra xenerosa d' erguer â nosa patrea, por teu amor inmenso con pelras cimentada! Filomena Dato Muruais


Hoxe pasei por Padrón, hoxe vin a Rosalía.

Estaba erguida no monte ollando pasar a vida.

...As anduriñas voando tráenme cantos d-unha amiga... Cando paso por Padrón

coma unha sombra perdida, a ialma da sua cantora

vive e latexa escondida. Mª do Carme Kruckenberg


Textos de: ➔Tomás BARROS ➔Xosé Manuel CABADA VÁZQUEZ ➔Marica CAMPO ➔Manuel CURROS ENRÍQUEZ ➔Filomena DATO MURUAIS ➔Estíbaliz ESPINOSA ➔Mª do Carme KRUCKENBERG ➔Miguel-Anxo MURADO ➔Antonio NORIEGA VARELA ➔Chus PATO ➔Xoán Manuel PINTOS VILLAR ➔Antón TOVAR ➔Johán Vicente VIQUEIRA


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.