En xaneiro festexamos...

Page 1


Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano. A orixe do seu nome está na denominación latina Ianuarius para o undécimo mes do ano (o primeiro a partir da reforma de Xulio César), que viña sendo o mes dedicado ao deus Xano. Existe a crenza de que os primeiros doce días do mes prognostican o que vai acontecer nos meses correspondentes: o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro etc. Esta anticipación meteorolóxica chámase as sortes. As resortes son os doce días seguintes, do 13 ó 24, e serven para ratificar ou contradicir ao prognóstico que anunciaron as sortes. Os pechos son do 25 ao 28 de xaneiro e anuncian o tempo da primavera, verán, outono e inverno. Canto ás lúas dise que a lúa morta, a lúa de xaneiro, é a mellor para matar o porco. A lúa crecente seguinte será a adecuada para salgalo se se quere que medre a carne na artesa e no minguante seguinte para afumalo e curalo. Nunca debe matarse con lúa chea porque o touciño aluaría, nin se deben podar as viñas porque a lúa morta de xaneiro as deixaría aterecidas coa xeada. Este mes tamén se coñece como mes de san Antón, polo 17 de xaneiro. Existe a locución andar á xaneira, que en sentido recto significa estar as gatas en celo e, por extensión, sobre os mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas. Algúns refráns sobre este mes son: A auga de xaneiro mata ao usureiro; ou Pito de xaneiro, vai coa súa nai ao poleiro. O 1 de xaneiro é o día de Ano novo ou Aninovo no calendario gregoriano que foi instaurado polo papa Gregorio XIII en 1582 e que se utiliza na maioría dos países do mundo. Nel celébrase a festividade de Manuel e Manuela, nome procedente do hebreo Immanu’el ‘Deus está connosco’, que pasou ao grego e ao latín coma Emmanuel. O nome de Manuel vén sendo un alter ego de Xesús; menciónao no Antigo Testamento o profeta Isaías para referirse ao Mesías, ao fillo de Deus. De feito, nalgunhas panxoliñas clásicas noméase a Xesús coma ‘o neno Manuel’. En diferentes lugares de Galicia téñeno por avogoso das dores de costado. Na tradición oral son populares dos manueliños para nomear os xurelos pequenos. Aparece nas cántigas tanto en masculino: Heime de embarcar nun barco / nun barquiño de papel;/ anduvera en toda a vida / para ver a meu Manuel; coma en feminino: Ao outro lado do río / teño a miña parentela: / teño a mai, teño a sogra / e teño a María Manuela. O 6 de xaneiro é o día da Epifanía ou da Adoración dos Reis Magos. O evanxeo de San Mateo conta que estes magos procedentes de Oriente chegaron a Xerusalén guiados por unha estrela, na procura do rei dos xudeus para lle render


acatamento. Atopan o portal de Belén e alí ofrécenlle ao Neno ouro, incenso e mirra. Os nomes dos tres reis magos, Melchor, Gaspar e Baltasar aparecen por primeira vez nun mosaico de Rávena que data do século VI d. C. Aínda terán que pasar varios séculos, ata o século XV para que o rei Baltasar apareza coa pel negra e os tres reis, ademais de representar as idades, representen as tres razas da Idade Media: Melchor encarnará aos europeos, Gaspar aos asiáticos e Baltasar aos africanos. A partir do século XIX iniciouse en España a tradición de converter a noite anterior de Reis nunha festa infantil con galanos para os nenos e nenas, a semellanza do que noutros países se facía con san Nicolás. É costume en Galicia poñer a noite anterior na fiestra un zapato e deixar bebida e comida para os Reis; antes tamén se lles poñía herba ou millo para os cabalos. Foi en 1866 cando se celebrou a primeira cabalgata dos Reis Magos en Alcoi (Alicante), tradición que se foi estendendo logo a outros países.

San Xiao de Ferrol. Foto Gustavo Freire

O 9 de xaneiro festéxase san Xián ou Xiana, coas súas variantes Xiao, Xillao, Xullán, Xulián, Xuiao ou Xuiá. O nome ten a súa orixe no latín Iulianus derivado do xentilicio Iulius (de onde tamén procede Xulio), da gens Iulia. Da forma feminina


procede o topónimo cántabro Santillana e da masculina os asturianos Santillán e Santullano. San Xián, parricida e hospitaleiro é, como di Flaubert, a versión cristiá de Edipo. Xián, tras recibir o anuncio de que acabaría matando a seus pais, foxe da casa para evitalo. Acaba casando cunha rica viúva. Un día, ao volver dunha cacería, atopou a dúas persoas durmindo na súa cama e pensando que se trataba dunha infidelidade da súa muller, matou a parella coa súa espada. Cando chega á casa a súa muller, Xián descobre a verdade: matara a seus pais que descansaban no seu leito esperando a súa chegada. Daquela, decide facer penitencia e instálase á beira dun río onde constrúe un hospital e se pon ao servizo dos peregrinos, aos que axuda a cruzar o río. Xián hospitaleiro é patrón dos barqueiros e pasadores dos ríos, dos carpinteiros de obra e dos telladores; venerárono tamén os viaxeiros, peregrinos e alberguistas. Tense dito que esta parella de Xián e a súa muller están na orixe do mosteiro de Samos, encravado na ruta medieval de entrada en Galicia, ata o punto de que hoxe os historiadores consideran a presenza do culto de san Xián como indicio de camiño medieval. Festéxano en Galicia 121 parroquias, o que indica un culto dos máis antigos en Galicia e en Hispania, desde o século VII; aínda que non é doado establecer se é sempre o mesmo san Xián. Existe tamén disparidade nas datas, xa que o 7 de xaneiro é celebrado nos concellos de Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Pontecesures. En Luaña (Brión) ademais do 7, hónrano o 11 de agosto; aquí ten a chave da fertilidade das vacas, de que as mozas topen mozo e mais da chuvia, tal como sinala a cantiga: San Xulián da Luaña / é un santo pequeniño, / moito lle gusta ás nenas / bailar con el no muíño. Noutra da zona de Ortigueira sinala ser un santo cazador moi milagreiro que ata os ingleses o queren roubar: O san Xiao do Prebo / ten a escopeta na mao, / para matar os ingleses / que arriban a san Xiao. O 15 de xaneiro é o día de Santo Amaro. Pénsase que se trata dun santo galego de nome celta, que de *maruos ‘morto’ evolucionaría a *amaruos> Amaros ‘inmortal, inmorredoiro’. Non parece que teña que ver con este nome o topónimo Amarelle. Na Cartografía dos apelidos de Galicia hai 389 casos de Amaro, 13 de Amaral e ningún do feminino Amara. Conta a lenda que Amaro emprendeu unha peregrinación para chegar ao Paraíso. Tras moitos traballos chegou co seu barco a unha illa deserta e alí iniciou a subida a un monte. No cume topou un velliño que gardaba a porta dunha muralla de prata: no seu interior estaba o paraíso. Como non podía entrar por estar reservado aos mortos, o ancián deixoulle botar unha ollada. Abraiado polo que vira, baixou onda o barco, pero en vez da praia encontrou unha gran cidade: pasaran trescentos anos. Co


paso do tempo fórase formando unha gran urbe que levaba o seu nome, san Amaro. Arrepentido pola súa soberbia, foise axeonllar diante do altar maior pedíndolle a Deus que o levase con el. Ante o asombro dos presentes, caeu morto diante do altar onde o enterraron e comezou o culto. Ten moita devoción en Galicia e é moi avogoso, especialmente da reuma e mais para a dor de cabeza. Hai sitios como Castro Caldelas que é cando se proban os chourizos novos e en Goián fan fogueiras diante da ermida do santo. É patrón dos concellos de Pazos de Borbén e Vilanova. Tamén o é do concello de San Amaro (Ourense) que o celebra en xullo. Nos refráns dese día hai referencias ao tempo en que rematan o xogo coas buxainas: O día de san Amaro bota os trompos ao faiado. Algunha cantiga alude ao santo dalgún lugar en concreto: San Amaro de Petelos / é o quince de xaneiro, / ten os zapatiños brancos / para salir de paseo.

Foto Carmen Villar Alonso @CarmedeMilmanda

O día 17 hónrase san Antón ou santo Antón Abade. Existe certa confusión co san Antón de Lisboa, do que xa falei no mes de xuño, como reza a cantiga: San Antón o


verdadeiro, / dezasete de xaneiro, / que o san Antón de san Xoán / éche Antón o mentirán. O de xaneiro é un dos casos de transformación pola presenza iconográfica do porco -símbolo antigo da luxuria con que o demo tentou o santo- que fixo del o santo protector deste animal (San Antón lacoeiro) primeiro e de todos os outros despois. No seu día lévanse a bendicir os porcos, vacas, cabalos e mesmo cans, gatos e paxaros. Tamén é avogoso dos partos. En Espasante (Ortigueira) e por terras de Celanova aínda está viva a tradición de mercar entre os veciños un porco que anda ceibo cunha campaíña ao pescozo e que vai de casa en casa, onde lle dan de comer. Cando xa está ben cebado, póxano e cos cartos que dá fanlle unha festa a san Antón, e de aí o dito: ser coma o porquiño de San Antón dirixido ás persoas que aceptan facilmente a invitación a comer algo. É patrón dos concellos de Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Petín e Verín. Hai refráns onde se fala do santo, como: Se chove por san Antón abade, pon as cubas no fumeiro e, se non chove, ponas no canteiro; ou: San Antón gharda o ghando / ghárdame a miña beserra / que está na corte berrando.

Foto Santiago Garrido @santiagogrial

O 18 xaneiro festéxase Margarida de Hungría. Este nome procede do latín Margarita, procedente do común margarita ‘perla’, préstamo á súa vez do grego margarites. Santa Margarida de Hungría era filla do rei Bela e sobriña de santa Isabel de


Hungría. Entrou na orde das dominicas e converteuse en abadesa do convento fundado nunha illa do Danubio entre Buda e Pest. Hai máis de vinte santas con este nome. A Santa Margarida celébrana como patroa en setembro no concello de Negreira e en xullo no de Zas. Algunhas cantigas aluden a ela: Miña santa Margarida, / este ano alá non vou; / pola falta de diñeiro / moita xente se quedou; ou estoutra: Miña santa Margarita, / miña Margarita santa, / coa auga da túa fonte / sanoume a miña garganta.

Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Foto Patricia Cid Blanco

O día 20 celébrase san Sebastián, nome que provén do latín Sebastianus, derivado do grego sebastós ‘digno de respecto, venerable’. Posiblemente estea emparentado con este nome o topónimo Sabaxáns en Vigo, xa que está ben documentado o uso da variante Sebaschán. Na Cartografía dos apelidos de Galicia só hai 270 casos de Sebastián como apelido, ningún caso de Sabaxáns nin de Sebaschán nin do feminino Sebastiana. É un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século VI. Foi avogoso da peste durante a Idade Media ata que a finais do século XV a xente empezou a confiar en san Roque. Coñécese o Voto que lle fixo a vila de Pontevedra no 1515: en 1832 únese a este culto o de san Roque, pero faise constar o dereito que ten san Sebastián nesta vila. É patrón da vila de Pontevedra e titular de 13


parroquias. En Castro Caldelas celebran a Festa dos Fachós a véspera de san Sebastián, o día 19, cunha procesión nocturna de fachos; nela van dicindo: Viva san Sebastián i o bispo i o can! San Sebastián deu nome neolatino a Donostia, en Euskadi, e a Sebastopol, na costa de Crimea en Ucrania. Canto a tradición oral, aparece en refráns como: Mociño San Sebastián, saca ás nenas a pasear; Andar, barquiñas, andar, que san Sebastián non vos colla no mar; ou As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán.

Panadeiros. Fonte: http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1530569

O 22 xaneiro festexamos San Vicente de Zaragoza, coas súas variantes Vicenzo e Vicencio e a forma feminina Vicenta. Xa dixen no mes de setembro que o seu étimo procedía do latín vincentem, participio presente do verbo uinco ‘vencer’; a variante Vicenzo procede dun derivado Vincentium. Foi un nome usado polos cristiáns polo seu valor augural igual ca Venancio ou Florencio (que vence o demo, as tentacións do mundo). San Vicente de Zaragoza é un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século V. É patrón de Zaragoza, en Francia da vendima e en Portugal dos navegantes: segundo conta a lenda, os cristiáns trasladaron o seu cadáver coa axuda dun corvo ata o Algarve, onde hai un promontorio que recibe o nome de Cabo san Vicente. En Galicia invócase na bendición do pan, cando se enforna: San Vicente te acrecente... e por aí chegou a ser o patrón dos panadeiros; tamén hai quen o ten por avogoso das


moas. San Vicente é titular de 97 parroquias, o de Zaragoza é patrón dos concellos da Baña, Lobeira, O Porto do Son, Rodeiro e Vimianzo. O san Vicente de Parada, en Ponte Caldelas, é avogoso da reuma. Na tradición oral temos estes versos referidos aos seu día: San Vicente pequeniño / é un santo chirifeiro, / que nos dá a nosa festa / o vintedous de xaneiro. Hai tamén o refrán que fala da larganza dese día: Polo san Vicente ten o día unha hora máis, metá pola mañán, metá polo serán ; ou aquel que compara os santos de outubro e xaneiro: San Vicente de outubro / é labrego direiteiro. / San Vicente o de xaneiro / é santo escarabandeiro, referíndose ás sarabiadas e xeadas frecuentes do mes de xaneiro. O 28 de xaneiro festéxase san Tomé de Aquino. O nome procede do latín eclesiástico Thomas, que reproduce o grego neotestamentario Thomâs; a terminación -é do galego vén posiblemente dun antigo xenitivo, como sucede con André. A forma masculina Tomé é a tradicional galega e no 1800 só o 7% das parroquias dedicadas a este santo rexistraban a forma Tomás nos nomenclátores eclesiásticos. Na Cartografía dos apelidos de Galicia abundan as formas de Tomé con 3.077 casos e Santomé con 2.041, fronte a só 166 casos de Tomás, e ningún de Santotomás. San Tomé de Aquino foi un dominico italiano, discípulo de Alberto Magno e o seu sucesor na cátedra de Teoloxía. Considerado hoxe o maior teólogo da Igrexa, estivo inicialmente prohibido; pois querer conciliar a Aristóteles co cristianismo era unha tarefa difícil no século XIII. Hoxe é patrón da orde de san Domingos, dos libreiros e mais dos fabricantes de lapis. É patrón do ensino medio e da Universidade, tanto do profesorado coma do estudantado. San Tomé é titular de 45 parroquias; tamén se celebran outros Tomés en decembro, xullo ou outubro. O propio de Aquino cambiouse do 7 de marzo á data actual, 28 de xaneiro. Sabemos de refráns que aluden ao tempo do mes: Santo Tomé, neve á cabeza, neve nos pés; Se treboa por santo Tomás, inda o inverno está por marchar; e ditos como Santo Tomé: ver pra crer. Rematamos este mes cuns versos do poema de Luis Amado Carballo titulado Xaneiro: [...] O camiño torto que vai pra Belén levaba no colo aos tres vellos Reis. [...]


BIBLIOGRAFÍA FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974.

RECURSOS NA WEB https://ilg.usc.es/cag/cartografia dos apelidos de Galicia https://gl.wikipedia.org/wiki/Xaneiro https://gl.wikipedia.org/wiki/Xaneiro_na_cultura_popular_galega https://es.wikipedia.org/wiki/Reyes_Magos http://xacopedia.com/Julián_el_Hospitalario_San


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.