En abril festexamos...

Page 1


Abril é o cuarto mes do ano no calendario gregoriano e un dos catro meses que teñen 30 días. Era o segundo mes do ano no antigo calendario romano antes de que se engadira xaneiro e febreiro arredor do ano 700 a. C. Os antigos romanos chamábano aprilis en latín. Non se coñece exactamente a orixe de abril. Quíxose relacionar co verbo aperire (‘abrir’) pola suposta forma aperilis, asociándoo a que neste mes a primavera abre a terra, as flores; pero non hai un fundamento etimolóxico que o sustente. Tamén se propuxo como orixe o grego aphrós (‘escuma’). Este nome garda un parecido con Aphrodite, palabra grega e nome da deusa mitolóxica Afrodita, que os romanos chamaban Venus.

Foto Carmen Villar @CarmedeMilmanda

Comezarei por un nome bendito: Bieito procede do latín Benedictus. Deste nome deriva o apelido Bieitez ou Bieites, grafados frecuentemente como Vieitez ou Vieites. O do 4 de abril é San Bieito de Palermo. San Bieito o mouro, de raza negra, celébrase en Pontevedra nas parroquias de Angoares (Ponteareas) e en Santa Cristina de Covas (Meaño), a onde van os romeiros da redonda na procura de alivio para as dores


de cabeza, dos ollos e dos peitos. Tamén congrega moitos romeiros na comarca da Limia, a igrexa de Parada de Outeiro no concello de Vilar de Santos onde se venera a San Bieito ‘Preto’, pola talla desa cor. Existe a expresión Vai andar o San Benito de Palermo, importada do castelán, que significa ameaza de tunda, castigo físico xa que Palermo evoca a palabra palo. Así e todo, o san Bieito de máis sona en Galicia é o de Lérez, con dúas celebracións no ano: no inverno (21 de marzo) e no verán (11 de xullo). Trátase dun santo moi avogoso para a curación de espullas e outros males da pel. Os devotos mollan os panos no aceite milagreiro e despois pásanos polas espullas. Foi popularizado no folclore galego como o santo máis milagreiro de todos: Se vas ó San Benitiño / non vaias ao de Paredes / que hai outro máis milagreiro / no conventiño de Leres.

Foto Carmen Villar @CarmedeMilmanda

O 5 de abril celébrase a advocación do valenciano Vicente Ferrer. O nome procede do latín vincentem e presenta as variantes Vicenzo e Vicencio. Foi moi usado entre os cristiáns polo seu valor augural (‘que vence ao demo, as tentacións do mundo’). Ferrer (1357-1419) ingresou na orde dos predicadores e logo colleu sona polos seus


conmovedores sermóns, pronunciados en valenciano e que milagrosamente eran entendidos en todos os territorios europeos onde predicaba nos reinos de Castela, Aragón, Galicia, Norte de Italia e case toda Francia. A tradición en Compostela di que tamén predicou en Bonaval, onde se conserva, inserido nun retablo lateral, o púlpito que usou. É o patrón de Valencia e seica avogoso para as dores de cabeza. En Bretaña é protector dos cabalos. En Galicia é patrón das Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e nalgúns lugares galeguizouse o apelido en Ferreiro. Na tradición oral temos San Vicente era meu parente e Tanto é gabado Vicente que cheira a doente ;ou a cantiga San Vicente de Pequín / feito de pau de amieiro, / irmán das miñas chanquiñas / criado no meu lameiro. Canto ao 6 de abril, comparten advocación Prudencia, procedente do latín Prudentius, e tamén se invoca a Dióxenes, procedente do nome grego que significa ‘que vén de Deus’. Dióxenes de Sinope era un filósofo cínico que vivía como un marxinal radical. Na súa provocación andaba ás veces de día cunha lanterna e, cando lle preguntaban, dicía que andaba buscando un home digno de tal nome. Este xeito do filósofo deu nome ao síndrome de Dióxenes, un trastorno do comportamento caracterizado polo total abandono persoal e social, así coma o illamento voluntario no fogar e a acumulación nel de lixo de todo tipo. Casilda celébrase o 9 de abril. A súa etimoloxía pode ter que ver co árabe qasida ‘canción, poema’, aínda que a súa terminación fainos pensar nun composto do xermánico hilda ‘loita’. Santa Casilda de Burgos era filla dun rei mouro de Toledo que se converteu ao cristianismo sen que seu pai o soubese. A princesa enferma dun ‘fluxo de sangue’ que os médicos da corte non dan curado e o rei permite que a súa filla se traslade a unha lagoa próxima a Briviesca, no norte de Burgos, famosa polas súas curacións milagreiras. Ao chegar a Burgos, Casilda bautízase e marcha a aquela lagoa de San Vicente, onde curou totalmente do seu mal. Decidiu quedar alí para sempre e desde que se instalou desapareceron da comarca as animalias, os ladróns, as treboadas, as xeadas e outros perigos para os labregos e viaxeiros. Déronlle sepultura na cova onde transcorrera a súa vida. A principios do século XVI, ante o incremento de milagres que se producían alí, edificouse unha ermida que hoxe xunta a moitos romeiros destas comarcas burgalesas. En Galicia invócase contra a histeria feminina, segundo Llópiz. Destaco o dito Gárdame, santa Casilda, do madrío ando saída. Andar saída do madrío


é estar histérica unha muller, particularmente en agosto, segundo Llópiz, inda que probablemente se refire a problemas xinecolóxicos. Entendo que madrío pode estar relacionado coa matriz.

Foto Carmen Villar @CarmedeMilmanda

Un santo de orixe grega é Telmo procedente do nome Érasmos, que significa ‘amado, desexado’ que se transformou a Ermo, Elmo, Sant Elmo, despois segmentado erroneamente en San Telmo. É patrón do concello de Tui e do Baixo Miño, e celébrano o luns seguinte ao de Pascua; aínda que esta festa parece que estivo fixada o 14 de abril. É avogoso dos violinistas e mariñeiros, especialmente da Confraría do Corpo Santo de Pontevedra. San Telmo de Tui disque se chamaba en realidade Pedro González Telmo. O nome talvez lle proceda do seu segundo apelido ou polo nome do seu tío e titor, que foi bispo de Palencia. Seica colaborou na construción de varias pontes nas comarcas do Ribeiro (Castrelo de Miño) e do Val Miñor (A Ramallosa), e organizou os gremios de pescadores na costa galega. Na tradición oral temos os refráns: Cando olles a luz de san


Telmo, non che faltarán desvelos; ou Cando vexas a luz de san Telmo, ponte á vela, mariñeiro; e a cantiga: San Telmo na arboladura, moito vento e mar dura; mais, se na cuberta brilla, aferra ben a escotilla.

San Telmo na Ponte da Ramallosa (Baiona, Pontevedra). Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado

O 18 de abril celébrase a onomástica de Antía, procedente do grego Anthía que significa ‘extraída das flores’. Parece estar referido ao primeiro panel de mel que fabrican as abellas, tamén chamado en galego entena. Este nome grego chegou xa a Roma como nome de escravas orientais e despois foi nome de libertas e de mulleres libres. O día 23 de abril é o día de Xurxo, procedente do grego Georgios que significa ‘labrego, agricultor’. Tamén aparece no apelido Sanxurxo e en topónimos como Santiorxo en Sober ou Santiurxo en Castro Caldelas. O santo é patrón dos concellos de Camariñas e Moeche. É defensor dos traballadores da terra, protector dos cabalos, avogado contra a peste, a lepra e a sífilis. Tamén garda da facenda. Os devotos do santuario de Cereixo (A Estrada) levan milleiros de aguilladas a bendicir e pásanas polo santo. A invocación San Xurxo me valla! ten sona de protexer das serpes e bestas e


paralizar as arañas; de aí o dito San Xurxo mata a araña! Mátaa ti, que eu non teño gana. Da tradición de refráns destaca un que di: Astra non pasar Xurxo e o Migueliño, non tollas o manteliño, que alude á necesidade de abrigarse do frío ata o 8 de maio cando é San Miguel. O que reza San Xurxo o larpeiro leva as uvas no pandeiro, segundo Ferro Ruibal alude ás larpeiradas pascuais despois da abstinencia da Coresma. Tamén ten sona o da parroquia de San Xurxo de Codeseda (A Estrada) hai un santuario como di o dito: Nuestra señora da Grela / ten un vestido de seda / quen llo dou quen llo daría / San Xorxe de Codeseda. Quédate con Dios, adiós,/ que o domingo nos veremos / xunta a iglesia de san Xorxe / donde se venden os grelos.

Foto Bene. Fondo fotográfico Museo Etnolóxico

Pero sen dúbida un dos máis destacados do mes é o celebrado o 25 de abril, o día dos Marcos, nome procedente do latín que significa ‘dedicado ao deus Marte’. Marcos foi un dos catro evanxelistas, xudeu de nación que asina os seus primeiros textos coma Xoán Marcos, o que nos fai pensar que tomou o nome romano de Marcos como sobrenome. Segundo a lenda, marchou por mandato de Pedro a Alexandría, onde fundou unha comunidade cristiá, aínda que máis tarde foi martirizado por unha multitude, que


ao parecer o arrastrou polas rúas cunha corda ao pescozo. Seica quixeron queimalo, pero comezou a chover ás cuncas e inundouse todo Exipto. É avogoso dos meigallos e ten sona de amansar bois como recolle a cantiga Meu san Marcos, que amansas bois bravos, amánsame este fillo, que é pior có trasno. Hai tamén ditos vencellados ao seu día: San Marcos, aos cinco días vén maio, e ao tempo de finais deste mes: As brétemas de abril lévaas san Marcos e trainas san Xil (1 de setembro). Pola súa parte, San Marcos enxoita os balsos alude a que nesta época acaban as grandes chuvias que crean balsos, balseiros ou bullóns. O 27 de abril celébrase o día de Montserrat, que procede do topónimo catalán Mont-serrat ‘monte en forma de serra’. A orixe do culto á Virxe de Montserrat en Cataluña remóntase a unha primitiva ermida prerromana de Santa María, que o abade Oliba de Ripoll transformou en convento no século XI. O culto a esta virxe espallouse por toda Cataluña e penetrou no Mediterráneo paralelamente á expansión da coroa catalano-aragonesa. A fianis do século XIX o papá León XIII proclamouna patroa de Cataluña. O mosteiro de Montserrat foi durante a ditadura de Franco firme defensor da lingua e cultura catalanas, de tal xeito que o seu abade Escarré tivo que se exiliar ao estranxeiro ante as ameazas das autoridades franquistas. Hoxe non só presta acubillo á patroa de Cataluña, senón que polo seu activo catalanismo é un símbolo da encarnación da Igrexa na lingua e cultura propias dun pobo. Canto á iconografía da imaxe, recibe o apelativo popular de A Moreneta pola cor negra da cara e das mans da Virxe e do neno, aínda que o resto da imaxe é dourada. Quíxose asociar ao grupo das chamadas virxes negras que tanto se estendeu pola Europa románica, aínda que parece que esta cor é o resultado da transformación do verniz da cara e das mans a causa do paso do tempo. Digno de mención é Catarina/Cataliña, do grego Ekaterine, que podería derivarse de Ekatos, atributo de Apolo, ou de Ekate, a deusa de ultratumba. O 29 de abril celébrase Santa Catarina de Siena, quen fixo voto de virxindade aos 7 anos. A nai quería casala e ela rapou a cabeza para impedilo. Entrou na Terceira Orde dominicana e no seu convento levou unha vida ascética sen case alimento. Coidaba aos leprosos e cancerosos, chegando mesmo a chucharlles o brume das chagas. É patroa de Italia e das mulleres solteiras.


Tanto o Mosteiro de Santa Catarina de Montefaro en Ares (A Coruña) como a Igrexa de Santa Catarina da parroquia de Santa María de Adina (Portonovo, Sanxenxo) celebran a Santa Catarina de Alexandría no mes de novembro. Na tradición oral, ‘Catalinas’ era o nome que daban os coruñeses ás bañistas que viñan tomar os baños a Riazor pola Santa Rufina, en setembro. Hai moitos ditos vinculados á de novembro, pero outros deben valer para as dúas, coma o de Aló arriba en Solistría / xunto ó lugar de Novarna / hai unha nena bonita / que Cataliña se chama; o de Santa Catarina, gárdanos da morte repentina; ou estoutro de Por Santa Catarina, man á fariña; e, se non a tes, percúraa da veciña. Ese día 29 tamén se conmemora a Pedro Mártir ou Pedro de Verona, nome derivado do latín Petrus. En Galicia é avogoso contra meigallos e protector das boas colleitas. Ten romaxe nas igrexas de dominicos en Belvís (Santiago) e San Domingos de Ribadavia. Na tradición oral Pedro é un dos moitos nomes do paxaro ‘vichelocrego ou ouriolo’. Na Limia chámanlle Pedro Pequeno e dinlle aos nenos: Pedro pequeno, teu pai mellorou? e responden Millorou, millorou ou Millarou, millarou. E rematamos cuns versos do poema Abril de Álvaro Cunqueiro: [...] Temos a verba, amor, para decir: abril. Sob as súas azas frolecerán os días. Abril: o áer apousa unha cidade nas ponlas das bidueiras de abril. O noso fogar é. Viviremos, amor, decindo a verba, queimándoa, feríndoa, labrándoa tan doce e temerosamente que ela coide, palabra abril, que por nós vive, vivímola e soio é dita: abril.


BIBLIOGRAFÍA: FERRO RUIBAL, XESÚS: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, XESÚS: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. Gran Enciclopedia Gallega. 32 tomos. Santiago-Gijón: Silverio Cañada Editor, 19711991. Recursos na web / Webgrafía: https://www.google.com/search?q=santoral+galego https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/fi-po-000009/festas https://academia.gal/dicionario https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/27397/igrexa-de-san-xurxo https://www.xunta.gal/nomenclator https://www.santopedia.com/santoral/ https://es.wikipedia.org/wiki/Virgen_de_Montserrat


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.