En febreiro festexamos...

Page 1


Febreiro é o segundo mes do ano no calendario gregoriano e o que menos días posúe: ten vinteoito días os anos normais e vintenove os bisestos. Foi chamado así en honor ás februa das Lupercales: celebraban unha festa anual de purificación da Antiga Roma chamada februa (de februum, unha especie de correa) nunha data que hoxe se identifica coma o 15 de febreiro. Tras a fundación de Roma e o xurdimento do Imperio Romano, a urbe tomou prestado o nome das festas februas para designar o mes nas que estas tiñan lugar, que daquela era o último do ano. En canto a refráns referidos a este mes temos: A suga de febreiro fai o lameiro; A castaña e o besugo, en febreiro non teñen zugo; ou A chuvia de febreiro fai o palleiro. Algúns recitados falan tamén deste mes: Dixo no monte unha vella: Vaite, febreiriño corto, cos teus días vinte e oito, que, se tiveses máis catro, non quedaría can, nin gato. Febreiro contestou moito: Os teus becerriños oito deixa que meu irmán marzo hachos de volver en catro. O 1 de febreiro celebrábase Brigantia, nome procedente dunha base de orixe celta brig que significaba ‘outeiro, monte’ e que por extensión debeu de acabar asumindo o significado de ‘comunidade que vive nunha altura’, posiblemente ‘castro’. Este elemento está na base de topónimos galegos acabados en –bre coma Barallobre, Alcabre ou Xiabre e algúns en –ove por metátese coma Landrove ou O Grove. Brigantia designa unha cidade marítima da prehistoria galega (Brigantium ata o século IV), identificada polo maioría dos investigadores coa Coruña e por outros coa terra de Betanzos. Alí estaba situado o antigo Porto dos Ártabros dos cronistas romanos. En Irlanda, Brigantia era o nome dunha deusa celta, deusa do lume, a fertilidade e a sabedoría, e acabou adquirindo os atributos de Minerva por influencia romana. No mapa máis antigo de Irlanda (o de Ptolomeo, século II) menciónanse os brigantes entre as tribos que poboaban a illa. Ptolomeo atribúe nove cidades aos brigantinos galegos, que posiblemente foron espallándose cara a Bergantiños. A festa do día 1 da deusa Brigantia substituíuna o cristianismo cun novo culto a Santa Bríxida (actualmente celébrase o 23 de xullo).


Foto Santiago Garrido @santiagogrial

O 2 de febreiro festéxase o día da Candeloria ou das Candeas. O seu étimo procede do latín candelorum ‘das candeas’, da voz candela, derivado de candeo ‘arder’. Da forma Festum Candelorum ‘festa das candeas’ elaborou o pobo o nome Candeloria (ben documentada no uso e nos refráns), que alterna co uso da forma posterior Candelaria, posiblemente por influxo do castelán. O cultismo Candela está competindo coa patrimonial Candea, que debe preferirse. Ese día lévanse bendicir as candeas á Igrexa e cando se precisan acéndense para calmar as treboadas, esconxurar o trono ou para acompañar o viático poñéndollas nas mans dos moribundos. Crese que os nenos que morreron sen bautizar e que, polo tanto están no limbo, permanecen en perpetua escuridade e só poden ver a luz do día o día da Candeloria. Segundo a crenza popular ese día casan os paxariños e é tamén a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal. En Verín van na procesión unhas nenas levando dúas pombas e unha torta. Na Coruña, as nais ás que lles morreu un meniño antes de bautizar acenden unha candea; Vicente Risco menciona que as cigarreiras da cidade colocaban na igrexa candeas acesas sobre feixes de romeu, en memoria dos pobres cativos. No sábado máis próximo a este día celébrase a Festa do Lume, que é unha xuntanza dos cristiáns galegos da asociación Irimia. É patroa das Illas


Canarias. É moi sonado o refrán: Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar; e estoutros: Virxe da Candela, que non me trabe can nin cadela; e Señora das Candelas, polas túas xulga as alleas.

Igrexa de Santiago de Bembrive (Vigo, Pontevedra). Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado

San Brais é o 3 febreiro. O nome procede do latín Blasius, alcume romano de orixe escura, posiblemente procedente de blaesus ‘tatexo’, un defecto físico coma moitos outros alcumes. Canto ás lendas de san Brais, unha das máis populares é a da muller desesperada que lle leva o fillo medio esganado por unha espiña de peixe espetada na gorxa. O santo prende os dous cirios que a nai ofrecera como exvoto na festa da Candeloria do día anterior, colócallos en forma de aspa, para tocar así o colo do doente que, de inmediato,


queda libre da espiña. Malia a súa orixe oriental, é un santo moi popular en Occidente por mor das súas pretendidas reliquias, unha delas en Monforte. Atribúenselle poderes taumatúrxicos, en especial contra varios males da gorxa (atragoamentos, espiñas, tose ferina, salouco) e males dos oídos. Unha das romarías máis sonadas da zona de Vigo é a de San Brais, que se celebra na entidade local menor de Bembrive. É un santo moi devoto: a tradición impón pasar o pano ou a bufanda pola gorxa do santo co fin de obter a protección contra as enfermidades nesta parte do corpo. Hai tamén unha parte lúdica, xa que os amigos se reúnen nas numerosas peñas que se identifican polos seus panos. Xa se converteu nunha tradición ir ese día degustar viños e tapas aos furanchos da zona. Temos refráns deste santo: Por San Brais, teñen os días dúas horas máis; aparece en frases como Unha e non máis, señor san Brais, de valor semellante á do bocado de Adán; e tamén nalgunhas cantigas: Santo san Blas da Ribeira / ten a porta car’ó río / i os santiños qu’están dentro / todos che morren co frío. O 5 febreiro festéxase Santa Ádega e a súa variante Águeda, voz procedente do grego agathé ‘boa’, a través da forma latina agatha, que deu noutras linguas Ágata, como en castelán. Ádega foi unha mártir siciliana de familia nobre, que segundo a tradición, en tempos da persecución de Decio contra os cristiáns, rexeitou os requirimentos amorosos do prefecto romano Quintiano. Este, para se vingar, meteuna nun bordel para a someter á violación ritual, pero ela milagrosamente mantivo a súa virxindade, polo que foi torturada esnaquizándolle os peitos, ben que milagrosamente foi curada por San Pedro. Finalmente déitana nun leito cheo de vidros escachados e carbóns ardendo onde topa a súa morte. A tradición local sostén que no cabodano da súa morte o volcán Etna entra en erupción. Para certos mitólogos, a lenda desta santa é a cristianización da historia dunha deusa grega anterior: a Agathé Thea ou Bona Dea, moi venerada en Sicilia, divindade feminina que xa tiña como atributo os seos, símbolo da fertilidade. Da tradición oral vén o refrán: Gloriosa é santa Ádega e das santas a rival, que lle cortaron o peito igual que se corta o pan. O 11 de febreiro tócalle a santa Lurdes. O nome ten a súa etimoloxía no topónimo gascón, que os franceses escriben Lourdes para adaptalo á súa fonética e que o castelán tomou do francés. Quizais estea relacionado co topónimo vasco Lorde ‘outeiro’. Hai quen tamén o relaciona cunha antiga base l’r ‘pedra, rocha’, ‘cova ou abrigo pedregoso’, de onde afirman que viría Lorca. Bernadette Soubirous, unha rapaza de catorce anos, tivo en 1858 dezaoito aparicións en distintas ocasións na gruta de Massabielle, ás aforas de Lourdes, nas estribacións dos Pireneos. Nunha desas aparicións díxolle textualmente “son


a Inmaculada Concepción”. Nunha Francia pouco proclive a admitir a existencia de linguas distintas do francés dentro do Estado, Bernardette tivo que insistir en que María non lle falara en francés senón en gascón. As autoridades chamábanlle mentireira porque “Deus e María non falan o teu dialecto” dicindo que a Señora faría mellor en aprenderlle a falar o francés, ao que ela respondeu “O que ela non me aprendeu é a facer a risa dos ignorantes”. Cando a Igrexa deu por verdadeiras estas aparicións, autorizou o culto público e en 1876 construíu unha basílica sobre a cova. Desde aquela, Lourdes é meta de peregrinos de toda Europa, principalmente enfermos de difícil curación, da cal é patroa. A Nosa Señora de Lourdes é titular de 2 parroquias en Galicia e patroa de Mondariz-Balneario.

[Pesca de troita no rio Avia]. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

O 14 de febreiro é o día de san Valentín, tomado do latín Valentinus, que como nome persoal aparece só en época cristiá. É o patrón dos namorados, porque en certos países as rapazas escollen os seus prometidos o día da súa festa, ou talvez por ser a época na que os paxaros empezan a se emparellar. En Galicia esta festa é recente e entrou por vía comercial. De tradición oral temos os seguintes refráns: Polo san Valentín frolez o espiño; San Valentiño trae o gomiño; ou Por san Valentiño colle a baloira e faite troitiño, aludindo


ao varal ou cana longa para remover as pedras onde se agochan as troitas. O troitiño é o pescador de troitas.

Entroido de Manzaneda (Ourense). Foto Rosa Lamas Casado @rosalamas

Unha das festas populares galegas máis importantes é o Entroido ou Antroido (tamén chamado Entroiro, Entruido ou Entrudio) que adoita coincidir co mes de febreiro. Neste ano 2020 cadrou do 22 ao 26 febreiro, pero o seu calendario varía dentro das diferentes vilas de Galicia chegando nalgúns casos, no interior de Galicia, a ter unha duración de quince días, ou mesmo, de máis dun mes. Aínda que orixinariamente se celebraba nunhas datas que correspondían cos días inmediatamente anteriores ao inicio da Coresma, actualmente estendeuse a datas anteriores e posteriores ao mércores de cinza. Hai nove festas declaradas de interese turístico en Galicia, case todos da provincia de Ourense: 

O Entroido de Xinzo de Limia, conta cun dos ciclos máis longos xa que dura 5 semanas: domingo fareleiro e domingo oleiro, celebracións exclusivas desta vila, domingo corredoiro, luns e martes de Entroido e domingo de piñata.


O Entroido de Laza, celebra o Luns de Farrapos ou Farrapada, día en que convoca na praza unha guerra de trapos empapados ou embarrados, unha especie de liorta de todos contra todos. Una vez rematada, os participantes comen a tradicional cachucha, bica, xastreu, cocido, orellas e beben licor café.

O Entroido de Verín comeza dúas semanas antes do mércores de cinza co xoves de compadres, onde os rapaces tiran fariña ás rapazas, e séguelle na semana seguinte o xoves de comadres, onde sucede o contrario. Despois, no venres, sábado e martes de Entroido a fariña xa se converte nunha batalla.

O Entroido de Viana do Bolo dura tres días, de domingo a martes. O domingo gordo pola mañá coincide coa Festa da Androlla.

No Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda hai un desfile no que participan os veciños dos lugares da zona tocando o Folión, con bombos e eixadas que golpean con martelos. Cada lugar ou parroquia ten os seus ritmos propios.

Os outros catro de sona son: o Entroido dos Felos de Maceda, o de Vilariño de Conso, o de Cobres e o dos Xenerais da Ulla. Todas estas festas do Entroido teñen en común a participación dos asistentes e un forte vínculo coa gastronomía específica da época (as distintas modalidades do porco, sobre todo chourizos, lacóns, cocidos e cachuchas, androlla ou botelo, ou sobremesas como as filloas, as orellas e os freixós). Outro elemento característico do noso Entroido son as máscaras que presentan segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grupos: 

As máscaras ourensás, que pertencen a un arco de vilas que nace en Maceda e Allariz e vai polo sur da provincia ata a Ribeira Sacra. Son máscaras coloristas que cobren a cara, feitas moitas en madeira e que teñen como misión meter medo, bater aos veciños ou facerlles fuxir. Neste grupo están as pantallas de Xinzo, os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, de Manzaneda e de Viana do Bolo, os irrios de Castro Caldelas, ou as charrúas de Allariz, etc.

As máscaras da zona atlántica, dunha zona non continua que vai desde Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e da Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero co rostro descuberto. Neles o traballo individual do vestido é importante, pero máis aínda a performance que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais


do Deza e da Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos de Cotobade.

Entroido de Cobres (Vilaboa, Pontevedra). Foto María José Ruiz Vázquez

E rematamos os festexos do mes máis curto cuns versos do poema de Manuel González Garcés titulado Febreiro: Chove. Estou a andar. Chove por min. Son de chuvia. Unión perfecta. As tempas oprimidas. Difusa luz, difuso pensamento. [...]Mais estou algo triste coma ponla amaiada polo peso da chuvia. [...]


BIBLIOGRAFÍA FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974.

RECURSOS NA WEB https://ilg.usc.es/cag/cartografia dos apelidos de Galicia https://gl.wikipedia.org/wiki/Febreiro https://gl.wikipedia.org/wiki/Febreiro_na_cultura_popular_galega https://es.wikipedia.org/wiki/Entroido


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.