En decembro festexamos...

Page 1


O mes de decembro é o duodécimo e derradeiro mes do ano no calendario gregoriano; o seu nome procede do latín decimus, xa que era o décimo mes do calendario romano. Tamén se coñece como mes de Nadal ou O Nadal, por ser unha das festas sinaladas do mes e o conxunto de celebracións que comezan na Noiteboa, a noite do 24 de decembro, e rematan cos Reis, o 6 de xaneiro. Decembro tamén recibe segundo o Glosario de voces galegas de hoxe, de Constantino García, en Dumbría, o nome de mes de Santa Baia. Hai moitos refráns que aluden ao mal tempo destes días: Cando Nadal nada, sinal de boa anada; Entre Santos e Nadal, inverno caroal; Nadal mollado e xaneiro ben xeado; No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar; No Nadal inverno a fartar; ou Se polo Nadal neva, todo se aleda.

Repenique de campás. Foto Didgeman. Fonte pixabay.com

O 4 decembro festéxase Santa Bárbara, nome que procede do grego Barbara, feminino de Bárbaros ‘estranxeiro, forasteiro’. É patroa do concello de Pazos de Borbén (4-IX), de Salceda (xuño) e Moaña (9-VIII). A reforma do Calendario Romano feita polo Concilio Vaticano II suprimiu esta festa. En clara relación coa súa axitada biografía, hoxe é a santa dos riscos e das situacións límite (Acordarse de santa Bárbara


cando trona): invócase contra o raio, o trono, a faísca, contra os incendios e contra a morte repentina. Na Idade Media foi patroa de construtores e arquitectos; hoxe é doutros oficios como artilleiros, fogueteiros, mineiros, mariñeiros, campaneiros (polo costume de tocar as campás cando hai un incendio como remedio contra as treboadas: o Padre Sarmiento conta a eficacia, no seu tempo, das campás de Coiro en Cangas). Con respecto á tradición oral temos: Santa Bárbara bendita, que no ceo estás escrita, garda o pan, garda o viño, garda a xente do camiño; ou Santa Bárbariña bendita, gárdame dunha faísca.

San Nicolasiño de Neda. Foto Pilar Vilaboi @pilarvilaboi

San Nicolao de Bari ou de Mira e as súas variantes Nicolás, Nicolau ou Colás festéxase o 6 de decembro. Ten a súa orixe no nome grego Nikoláos ‘vencedor entre o pobo’ e pasou ao latín como Nicolaus. Segundo a Lenda dourada, Nicolao, sendo neno de peito, abstíñase de mamar da súa ama de cría os venres. Os milagres que se lle


atribúen aparecen asociados ao número tres. Nun deles, un pai, que por falta de medios, quería prostituír a tres fillas súas, o santo sálvaas da deshonra botándolles pola ventá tres zapatos cheos de ouro. Noutra versión, o santo bota pola cheminea unhas moedas de ouro que caen milagrosamente nunhas medias de la que deixaran secando as fillas, e de aquí vén a tradición de colgar as medias tecidas que serven para recibir galanos en Nadal. Nos Países do Norte de Europa a súa forma Klaus deu a figura de Santa Klaus ou Papá Noel (o vello das barbas brancas que viaxa cos seus renos repartindo regalos). A popularidade deste santo foi moi grande: coma tal, no Mediterráneo substituíu ao deus Poseidón na mitoloxía clásica. San Nicolás é titular de 9 parroquias, entre elas San Nicolasiño de Neda, aínda que en setembro se celebra outro san Nicolás: o de Tolentino. Xerou refráns como: Día de san Nicolao está a neve na terra e o tarrón no chao; e algunha cantiga coma esta: Indo para Vilaboa / atravesando Sigrás, / tente, rapaza, non caias, / arrímate a Nicolás. O 8 de decembro celébrase o Día da Virxe da Inmaculada Concepción, un dogma da Igrexa Católica que sostén que a Virxe María estivo libre do pecado orixinal desde o primeiro momento da súa concepción (ten a súa orixe no latín conceptionem, de concipio ‘concibir’). Canto a Inmaculada viría do latín inmaculata ‘sen mancha, sen pecado’. A Igrexa católica contempla a posición especial de María por ser a nai de Xesús e sostén que Deus preservou a María desde o momento da súa concepción de toda mancha ou pecado, e que se transmitiría a todos os homes por ser descendentes de Adán e Eva. A doutrina reafirma coa expresión ‘chea de gracia’, contida no saúdo do arcanxo Gabriel e recollida na oración do Ave María, o aspecto de ser libre de pecado pola graza de Deus. Celébrase en decembro, nove meses antes da Natividade da Virxe, o 8 de setembro. Concepción é titular de 3 parroquias e a Inmaculada é patroa da Facultade de Farmacia. Orixinou expresións que indican a arribada de peixes: A Conceizón, sempre trai a súa nubazón; refráns que aluden ao tempo: Se chove pola Conceizón, chove no Antroido e na Resurreción; Dempois da Conceizón, quer chova ou non; e cantigas como: A Virxe da Conseizón / ela é miña madriña;/ heille de baixar a man / pola súa ventaniña, referida a unha capeliña cun ventanuco de Caritel, no concello de Ponte Caldelas. Santa Baia hónrase o 10 de decembro. É nome procedente do grego Eulalia ‘elocuente, que fala ben’ e ten moitas variantes, como Alla, Balla, Oballa. De feito, na Cartografía dos apelidos de Galicia abundan as formas enxebres dos apelidos galegos:


Santalla con 1.340 casos, Santoalla con 54 casos, Santaballa con 21 casos e ningún de Santabaia. Do semicultismo coincidente co castelán hai 21 casos de Olalla, 8 de Santaolalla e ningún da forma Eulalia. Santa Baia é a santa con devoción máis antiga na Península Ibérica, desde o século IV. En Galicia o seu culto está bastante estendido, se cadra pola antiga relación da Gallaecia con Emerita (actual Mérida), capital da Lusitania. Esta santa é avogosa dos partos e titular de 138 parroquias. A do 10 de decembro é a de Mérida, a de Barcelona hónrase en febreiro, aínda que segundo Ferro Ruibal debe tratarse da mesma santa, xa que coinciden en lenda, idade e martirio. Os haxiógrafos optaron por unha solución salomónica: admitir as dúas santas. Temos cantigas que nos falan da santa dunha parroquia de Ortigueira: Santa Eulalia de Ladrido / ten os zapatiños brancos, / as nenas de Figueroa / vanllos ver os días santos; refráns coma estes: Por santa Baia, trompos á borralla e Por santa Baia sempre o tempo cambia.

Home Cego India. Foto Onyotomo. Fonte pixabay.com

O 13 de decembro é a Santa Lucía. O nome provén do latín Lucia, feminino de Lucius, nome frecuente, pero de étimo incerto. Pódese pensar nun derivado de lucus ‘fraga sagrada’ ou en lux, lucis ‘luz’. O pobo entendeuno vencellado á luz e por iso


adoitaba poñerse este nome ás que nacían de día. Conta a lenda de Santa Lucía de Siracusa que ela mesma se arrincou os ollos por amor a Cristo ou para mandarllos ao seu prometido. Tamén é verosímil que os ollos estean en relación coa etimoloxía do seu nome (‘luz’). Esta santa é avogosa das enfermidades da vista e patroa das profesións que teñen que forzala, como as costureiras e os informáticos; daqueles que precisan ter moita vista coma os albaneis; ou dos que a poñen en perigo, coma os canteiros. Segundo a medicina popular, cura as belidas dos ollos, de aí o refrán: Santa Lucía coa súa agulliña cura as belidas. Lucía é un dos nomes populares da Lúa en Galicia: Chámanlle á lúa, Lucía, / chámanlle ao sol, Manuel; / a Lucía anda de noite, / e Manoel cando quer. Aínda que varios concellos a celebran en decembro (Cenlle ou Meaño) hai outros que o fan en maio, agosto ou xuño. Destacamos da tradición oral estes refráns: Pola santa Lucía tan longa é a noite como longo é o día; Santa Lucía, o máis pequeno dos días; De Santa Lucía a Nadal, doce días botan os que saben ben contar (ou ducia de noites van). O 21 de decembro hónrase a Domingos. O nome ten variantes como Mingos, Mingote, Mingucho e procede do latín Dominicus ‘do señor’, nome persoal latino de carácter exclusivamente cristián, xa que máis que ser imposto a nenos nacidos en domingo, soaba a louvanza a Deus. Este nome segundo a Cartografía dos apelidos de Galicia deu lugar aos apelidos Domínguez con 41.478 casos -en 19º lugar en orde de frecuencia-, Mínguez con 94, Domingo con 192, Domingos con 20 e Mingote con 6; curiosamente, non hai ningún caso de apelidos cos femininos Dominga, Minga ou Minguiña. O 20 de decembro festéxase Domingos de Silos, abade do mosteiro de Silos (Castela). A súa historia narrouna en verso Gonzalo de Berceo; nela fala dos milagres deste monxe que curaba cegos e liberaba presos dos mouros. Outros santos Domingos celébranse en maio ou agosto. Xerou cantigas coma esta: Sempre me andas preghuntando / pra onde vou e de onde veño / veño do Santo Domingo / do santo Domingo veño. O nome feminino tamén aparece no noso cantigueiro: Dominguiña, Domingueira, / heiche de levar a Noia, / poñerche de parrilleira; co uso cheísta propio das terras de Noia. O 24 festexamos a cea de Noiteboa. En Galicia era costume servir un prato máis para que os familiares mortos puidesen compartir coa familia esta celebración. Tamén se deixaba a mesa sen recoller para que comesen as ánimas dos ausentes, para os que tamén se deixaba a lareira acesa; deste xeito, podían gozar de calor e comida na casa á


que pertencían. Outra tradición destas datas era acender o lume novo a véspera de Nadal: nese día deixábase na lareira un gran toro, denominado Tizón de Nadal, que debía estar aceso desde a Noiteboa ata Aninovo, conservándose logo o resto do ano para protexer a casa das treboadas. Nesta Noiteboa era típico que os grupos de nenos e a mocidade recorresen o lugar entoando panxoliñas ou navidás. Tamén pola medianoite se celebra a Misa do Galo e hai noticias de que antes se acendían fogueiras no adro das igrexas. O 25 de decembro é o día de Nadal. O nome provén do étimo latino Natalis, tomado do dies natalis ‘día do nacemento’. Entre os primeiros cristiáns, este día referíase ao do martirio ou morte dalgún santo. A partir do século IV, os cristiáns usaron este nome para festexar o aniversario do nadal ou nacemento terreal de Xesús. Nun principio éralles imposto aos nacidos nese día de decembro. A iconografía do Nadal representa un pobre cortello de animais (o portal de Belén), Xesús neno sobre unhas pallas con María e Xosé e un boi e unha mula. Poñer estes nacementos nos fogares galegos converteuse nunha tradición moi instaurada nas festas natalicias. Tamén cada ano se aposta máis por celebrar a chegada de Papá Noel a véspera deste día. A época é rica en refráns, como: Pola santa Lucía o allo quere ver o día e polo Nadal bota bico de pardal; ou Díxolle o Neno a san Xoán: “De ti a min baixarán e de min a ti medrarán”; ou De santa Catarina a Nadal vai un mes xusto e cabal. O 26 celebramos san Estevo e a súa variante Esteve, nome con orixe no latín Stephanus, que reproduce á súa vez o grego Stéphanos, nome persoal moi antigo e tamén nome común co significado de ‘coroa’. Na Cartografía dos apelidos de Galicia figuran as formas galegas Estévez con 19.492 casos, Esteve con 10, Estevo con 33 e Estebo con 27, e as formas castelás Esteban con 508 e Estébanez con 19. Curiosamente, non figura ningún caso de apelidos coas formas femininas Estevaíña ou Esteveíña. É un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século V. Invócano contra o mal da pedra e contra as dores de cabeza. É titular de 110 parroquias e algunhas celebran o Estevo protomártir o 26 de decembro. Hai tamén concellos que celebran outros Estevo en xullo, febreiro ou agosto. Son de tradición oral refráns como: O día de santo Estevo córtalle o rabo ao becerro; ou Por santa Lucía, pouta de pita; por Nadal, puliño de pardal; por san Estevo, choutiño de coello; e por san Silvestre, correndo coma as lebres que aluden ao medrío progresivo dos días.


O 28 de decembro coñécese como o día dos Santos Inocentes, en recordo dos meniños de Belén menores de dous anos, que segundo o Evanxeo de San Mateo, morreron asasinados por orde do rei Herodes. Conta que os Magos de Oriente chegaron a Belén preguntando polo rei dos xudeus que acababa de nacer. Herodes quixo saber por eles onde se atopaba ese meniño e ao non recibir resposta, celoso dun posible rival para o seu trono, levou a cabo o asasinato masivo destes inocentes infantes. O culto aos Santos Inocentes é dos máis antigos na liturxia hispana, do século VI. En Caritel, parroquia de Ponte Caldelas, tradicionalmente ninguén cose unha puntada, se hai nenos ou animais pequenos na casa. Non dei con refráns en galego, pero si en castelán sobre este día: Por los Santos Inocentes, ni des, ni prestes; Por los Santos Inocentes, todos mienten; El frío puede entrar de repente, entre Navidad y los Inocentes.

[Canteiros en Vigo]. Foto Llanos. 1935. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

O 31 é San Silvestre, do latín Siluester, testemuñado como nome só en época cristiá. Para os romanos era unha palabra de significado transparente por corresponder ao adxectivo silvester ‘boscoso, habitante dos bosques’ e de aquí ‘salvaxe, rústico’. É aínda un adxectivo de uso común co seu significado orixinal. San Silvestre é invocado contra os males da gorxa e como protector do gando bovino; tamén é patrón dos


albaneis e mais dos canteiros. Foi un nome que se puxo de moda nos anos 90 nos Estados Unidos pola sona do actor Sylvester Stallone da serie de filmes Rambo. Tamén é un sonado personaxe O Gato Silvestre (orixinalmente Silvester J. Pussycat) dos debuxos animados americanos Looney Tunes. Xerou refráns como: San Silvestre, meigas fóra!; ou O día de san Silvestre vai nun ano e vén noutro e non se despe; e ditos como: San Silvestriño das perniñas tortas / avogadiño das nenas de Portas. Tamén se festexa nalgúns lugares este mesmo día Santa Comba, da que xa falamos no mes dedicado a agosto. Esta noite é tamén a última do ano no calendario gregoriano: o día de Ano vello ou Noitevella. Un dos costumes máis estendidos desta noite é cear coa familia e ou cos amigos e ás doce da noite comer doce uvas, unha por cada badalada do reloxo. Disque quen non dea comido as doce uvas antes de que rematen as badaladas terá un ano de mala sorte. Polo visto, esta tradición ten as súas orixes en Elxe en 1909, ano en que a iniciaron uns viticultores da comarca alacantina do Baix Vinalopó para dar saída a un excedente da colleita. Pero parece ser que está documentada desde decembro de 1897. Rematamos este mes co poema de Antón Tovar titulado Decembro: [...]Decembre é sábado. Vai frío. Fora, cantarolando, van os rapaces pola rúa, i eu sigo neste anaco de papel e paredes á percura dun verso, dun ramallo de palabras que veñan da ledicia.[...]


BIBLIOGRAFÍA FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974. RECURSOS NA WEB https://ilg.usc.es/cag/cartografia dos apelidos de Galicia https://gl.wikipedia.org/wiki/Decembro_na_cultura_popular_galega https://gl.wikipedia.org/wiki/Decembro https://es.wikipedia.org/wiki/Nicolás_de_Bari https://es.wikipedia.org/wiki/Ladrido_(Ortigueira) https://www.buscapalabra.com/refranes-y-dichos.htmltema=inocentes&


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.