Labregos revista

Page 1

Música para espabilar conciencias. Grupo guerrilla. Rapeiro, punkeiro, enxebre e Irmandiño.

LABREG*S DO TEMPO DOS SPUTNIKS

Verdades coma puños e moita rebeldía

Nerea e Mariana, 3º da ESO O pasado 30 de maio reunÍmonos toda a ESO do noso centro para ir ver ao auditorio do Carballiño un concerto do grupo Labregos Do Tempo Dos Sputniks. Ademais do noso centro, tamén foron outros coma o IES M.Chamoso Lamas e o IES Nº1 do Carballiño. ARLET e NAYARA, de 1º da ESO, fixeron as presentacións.

No concerto cantaron varias cancións coma “O meu reinado” ou “ Libremente” ( feitas a partir de poemas do libro Longa Noite de Pedra de Celso Emilio Ferreiro), “Sangue e amor em Chiapas” (con versos de Lois Pereiro), “Cantiga para unha Antroidada” (de Fuxan os Ventos), algunha versión de Radio Océano, etc... Pero a que máis nos gustou foi a de “Un Vento Ven”, unha canción sacada dun tema orixinal do disco Galicia Canta de Xulio Formoso. Esperamos volver ver outro concerto deles xa que nos gustaron moito. Ademais non foi o tipo de concerto ao que estamos acostumados, senón todo o contrario, por iso nos chamaron a atención e nos sorprenderon. Como alguén xa dixo este verán: "Posiblemente Os Labreg*s sexan unha das revelacións musicais deste verán e, se non o son, deberían de selo. Hai anos, algún atrevido deu ao punk por morto. Quen diría que unha rapaza na batería, un rapeiro e un cantautor ían negar esa sentenza de morte. Os Labreg*s ao vivo son puro punk: música sinxela, enérxica, provocadora, poética, reivindicativa, necesaria, que fai espertar as conciencias e prende lume nos corazóns, así é a música dos Labreg*s e así son Os Labreg*s".

Os Labreg*s nacen no ano 2007 e o seu nome vén dun verso de Celso Emilio. No inicio o grupo estaba formado por Leo, García e Vero, pero na actualidade Lydia Botana substitúe a Vero na batería. García é a voz do grupo Dios Ke Te Crew (a el xa o coñeciamos do taller de hiphop que nos veu dar ao noso cole); Leo é coñecido polo seu proxecto persoal de Leo i Arremecághona e Lydia Botana tamén ten proxectos en solitario, alén de colaborar con outros músicos.


entrevista

Despois do concerto, Lydia Botana respondeunos unhas preguntiñas para a nosa revista. Soubemos que Os Labreg*s teñen na cabeza gravar un disco. Así que estade, atent*s!

Como definiriades o estilo da música que facedes?

Música galega, da terra, con poesía misturada co punk, o rock irmandiño, o hip hop, o bravú... Encantoume a redacción coa que nos presentaron as dúas rapazas no concerto do Carballiño, definiron moi ben este proxecto LDTS.

Cando tiñades a nosa idade, que música escoitabades? Que nos recomendariades para escoitar hoxe a nós?

A miña banda preferida con 12 anos era Green Day. Escoitaba, ou máis ben tocaba, moito The Beatles á miña maneira… Aos 16 anos descubrín a que aínda hoxe é a miña banda favorita: Incubus, boas harmonizacións, mistura electrónica no seu punto xusto con ritmos rock, melodías de voz preciosas e unha xente que ama a natureza, loita polo medio ambiente mediante unha asociación que crearon desde que ían ao instituto… Escoitaba dende entonces a Manu Chao, e sempre!, Bob Marley, RHCP, Os Diplomáticos, Nirvana, Mano Negra, Offspring, O´Funkillo, Carlos Jobim e músicas do Brasil… e a música clásica que tiña que tocar no conservatorio tamén! E o que máis na casa, tocando e cantando co meu pai: Fuxan os ventos, música de taberna, tradicionais galegas, portuguesadas… Eu recomendaríavos… o que vos pete, hai música para cada cousa: para escoitar, para sentirse identificado coa mensaxe que transmite ou coa música, para expresar iso que non es capaz de dicir só con palabras, para olvidar momentos ou para lembralos e revivilos cando escoitas esa música: todo vale! Sempre cun pouco de criterio na calidade musical… Nesta era dixital parece que todo ao que lle metas unha batería sintetizada “chundachunda” ou sons sampleados de calquera maneira serve para mover as masas… Un pouco de “ouvido”! Hai bandas a ter en conta en Galicia tanto no disco coma nos directos coma Zënzar, O Sonoro Maxín, a Banda Fura Fura, DKTC, Dakídarria, A Magnifique band, Ultraqäns, Terbutalina, Quempallou, Sacha na horta, Anima, Ruxe Ruxe …

É difícil dedicarse á música? Que lle recomendariades a alguén da nosa idade que queira facelo?

Se decides que queres dedicarte á música, a MÚSICA será a túa forma de vida, polo menos no meu caso, que non concibo a miña vida sen ela. É un camiño que pode levarte por un sinfín de posibilidades… Penso que para todo hai que formarse un pouco e coñecer ben o mecanismo que fai funcionar as cousas. Para a música penso que o primeiro é sentir e escoitar, probar, tocar con todo tipo de xente e sobre todo, non ter prexuízos.

A música pode servir para transformar a sociedade?

A música é una canle de expresión, por suposto hai que mirar que se escoita, pero é evidente que ten un poder sobre os seres vivos, para o bo e para o non tan bo… Espertar conciencias a través da música é algo que toda persoa que sobe a un escenario debería facer en maior ou menor medida. Creo que é o que lle corresponde facer á xente que está no punto de mira dos demais, xa sexa nun escenario, nun estadio, nun teatro…


Por que decidistes doar o diñeiro que vos deron por tocar no Gaiás para a escola A Semente? Ese día no Gaiás eu non toquei co Leo e co García, pero gravei o concerto e estiven alí presente xunto aos meus compas labregos. Ese día deime conta de que eu era unha labregha do tempo dos sputniks. Leron este manifesto que adxunto con verdades coma puños: Por que Labregos do Tempo dos Sputniks actuamos hoxe na Cidade da Cultura no Ciclo Galicia, Ceo das Letras 2012 e para que? Por unha banda nós gustamos de participar en actos que difunden a obra de Celso Emilio Ferreiro, porque o admiramos e porque é un dos nosos principais poetas nacionais, ademais porque nos dá nome neste proxecto cun dos seus versos e habitualmente musicamos a súa poesía. Pero por outra hai unha contradición clara en canto ao espazo no que se realiza o acto que para nós resúmese nos seguintes puntos: ●A cidade da Cultura é un mausoleo do recentemente falecido Manuel Fraga Iribarne, un macropanteón do ex ministro franquista e presidente da Xunta de Galicia, tentando así deixar un gran legado que obviamente se lle foi das mans... un panteón faraónico que soterra boa parte do presuposto público nun lugar afastado da poboación e das necesidades básicas a nivel cultural. Púxose en marcha coa construción inacabada deste complexo un auténtico espolio de fondos públicos (máis de 400 millóns de euros ate o de agora) en beneficio duns poucos e en detrimento dunha auténtica activación da programación cultural nas aldeas, nas vilas e nos barrios onde a cultura está viva e faltan medios e propostas. Este lugar está xa a hipotecarnos. Un proxecto sofisticado e luxoso que forma parte así mesmo da depredación do territorio, ao que desgraciadamente xa estamos moi acostumados (o Monte Gaiás), pois sempre se realizan en nome do progreso. ●Ademais quen goberna a Cidade da Cultura está apostando por unha actitude claramente hostil cara á nosa lingua e cara á nosa Cultura en xeral, como se dunha especie de apartheid cultural se tratase ou dunha broma macabra levada a cabo por persoas con actitudes reaccionarias que censuran, reprimen e recortan todo o que teña que ver coa cultura galega, libre e de base. Nós facemos música dende o Pobo e para o Pobo e decidimos como estratexia reapropiarnos do público, dada a exclusión a que moitos artistas, educadores e programadores nos vemos sistematicamente sometidos. Son cartos de todos e todas. Hoxe estivemos aquí sabendo que non é o habitual, non é o común que xente coma nós participe nestes ciclos e espazos. Temos que dicir tamén que houbo xente que traballa neste lugar que nos tratou ben, con respecto e estamos agradecidos neste caso polo trato recibido por parte de xente traballadora e de boa fe. Fixemos o noso traballo o mellor que sabemos e respectamos o público, non obstante non podemos ser partícipes, neste caso por omisión, da coitelada que están a padecer as xentes do común, todos os sectores subalternos da sociedade que temos que padecer o saqueo constante dos nosos recursos para un uso pintado de cultural e que non é máis que centralista e elitista. ● Polo tanto cedemos a cantidade de 1000 € a un proxecto social e autónomo, neste caso educativo e transformador, e que traballa a prol da lingua galega: a escola de ensino galego SEMENTE. Un proxecto da Gentalha do Pichel, eles e elas saben moi ben do que falamos pois, lonxe de seren apoiados proxectos deste tipo, son a cada paso perseguidos. O dito, saúde! e forza! Que viva a Cultura Libre nas aldeas, nas vilas e nos barrios! Labreg*s do Tempo dos Sputniks. 14 de abril de 2012. Compostela.

Que hai de diferente entre este proxecto xuntos e outros que teñades á parte (se hai algunha diferenza)? Cales son os vosos proxectos futuros? Somos tres persoas que temos, cada un de nós, o seu propio proxecto en solitario (Leo i Arremecaghona, García Mc e Lydia Botana “Bolboreta”). Cada un no seu estilo: o Leo máis punk, o García co rap e eu cunha fusión de xéneros dende reggae, acústico, rumba, pop, bossa nova… Pero os tres defendendo a terra, loitando contra as desigualdades, pola xustiza e polos dereitos das persoas: rebeldía pero con alegría! Logo tamén andamos con bandas: Leo (Das Kapital, Ondas Martenot), García (Dios ke te crew) e eu, que acabo de montar a miña propia banda Bolboreta, colaboro neste ano 25º aniversario nos escenarios dos Zënzar e outras bandas… Os tres cantamos na banda tributo ao Zeca Afonso (a Banda Fura Fura) xunto con outros amigos de bandas míticas galegas. Neste ano as Labregas temos a idea de gravar un disco e despois deste concerto queremos achegar o que facemos a outras/os estudantes para o curso que vén.


Que vos pareceu hoxe este concerto para escolares? Estades acostumados atocar para a xente da nosa idade? Por que decidistes facelo? A verdade que é una gozada poder dar concertos así! O valor didáctico que ten unha clase coma a que demos no Carballiño con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Lois Pereiro, temas de Fuxan o vento, con música ao vivo, penso que é toda una experiencia, tanto para vós coma para nós. Hai que agradecer ás/aos profes que fixeron posible este concerto e que pensaron que podería ser unha actividade enriquecedora para vós, e para nós. Graciñas!! Cada un de nós traballa con xente da vosa idade: Leo é profe de secundaria, García fai obradoiros de rap polos institutos e eu son profesora de música. Estamos acostumados e encantados/a de poder tocar para as futuras xeracións. nas que temos a esperanza de que axuden a tirar do carro e levantar esta mentira na que nos fan vivir día a día. Moitas grazas por todo!! Unha aperta enorme e vémonos no camiño!! Forza e saúde!! Lydia Botana

Recomendacións musicais

Lydia xa fala nesta entrevista de moitos grupos e bandas galegas: Zënzar, O Sonoro Maxín, a Banda Fura Fura, DKTC, Dakidarría, A magnifique Band, Ultraqäns, Terbutalina, Quempallou, Sacha na Horta, Anima, Ruxe Ruxe... Algunhas escoitámolas nas clases. Animávosvos a buscar na net vídeos e músicas de todos eles mentres esperamos a gravación dese disco d'As Labregas!!!!! O Leo tamén fai recomendacións musicais interesantes o día 7 de xuño no Sermos Galiza (semanario impreso que se edita integramente en galego). Algunhas delas, están nesta páxina. Podes descargar Sorpresa, de Rebeliom do Inframundo nesta ligazón: http://musicaengalego.blogspo t.com.es/2012/04/rebeliom-doinframundo-descarga.html

Nao fixo un concerto no Carballiño, previo á súa xira. O último disco, Cancións de amor e liberdade. Podes saber deles na súa páxina oficial. http://www.somosnao.com/

Moita música non cabe aquí. Ídevos informando nestas ligazóns:

García MC ten un disco fóra dos DKTC, un EP que se chama Abaixo e de pé! En Ourense podes compralo no Auriense ou no Faíscas. Ademais DKTC acaba de celebrar o seu décimo aniversario na sala Capitol de Compostela e sacaron algúns temas inéditos.

Ritmo Serbio, de Terbutalina, nomeados para os premios da música independente do estado español. Sacha na Horta e o seu Horta Revolution. Mireade os vídeos por entregas nesta canle de youtube: http://www.youtube.c om/user/sachadoras dashortas? feature=watch

http://musicaengalego.blogspot.com.es/ http://www.gzmusica.com/ http://www.komunikando.net/ http://www.abretedeorellas.com/


Cantigas de mulleres é unha recompilación de voces femininas feita por Uxía e editada no Nadal. Entre elas: Sés; Ialma, Leilía, Guadi Galego, Ugia Pedreira, Mónica de Nut, Lobalú...

Os Rapoemas de Aid, que tanto vos gustaron nas aulas, xa está na biblioteca.

Luar na Lubre editou Mar Maior e unha edición recompilatoria con varios Cds e un DVD neste Nadal. Sés acaba de presentar en Compostela o seu segundo traballo, Co xenio destrozado

"2uS" é un dúo composto polo guitarrista PABLO CARRERA e o clarinetista FERNANDO ABREU ( do Cuarteto Caramuxo). No verán editaron Dous

Em Casa é o primeiro disco da portuguesa Celina da Piedade. Moi recomendable.

Aline Frazão acaba mesmo de editar o seu segundo traballo, Movimento, que contén 12 temas e composicións da Aline Frazão, Carlos Ferreira (Cassé) e Alda Lara. Contou também com as colaboracións de Fracesco Valente (Baixo), Mario Alves (Bateria e percusión), Miloca Paris, Vaiss Dias (Solo Ritm o) e Raquel Frazão.

O brasileiro da Galiza, Sérgio Tannus editou no Nadal Son Brasilego, con interesantes colaboracións.

O último traballo do grupo portugués Deolinda foi editado nesta primavera e chámase Mundo Pequenino.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.