7 erros ao elixir estudos

Page 1

OS 7 ERROS MÁIS FRECUENTES Á HORA DE ELIXIR ESTUDOS

Un de cada tres estudantes nunca chega a finalizar a carreira que comeza segundo estudos do Ministerio de Educación e Cultura. A falta de motivación e atoparse cunha realidade que non se axusta á carreira imaxinada adoitan ser os factores máis frecuentes cando se analiza o porqué un estudante abandona a súa carreira. Con estas estatísticas parece que todos nos podamos equivocar ao tomar unha decisión tan importante para o noso futuro profesional. Paga a pena prestar atención aos erros máis frecuentes á hora de elixir estudos para evitar caer neles e adicar tempo a analizar cal é a mellor forma de decidir. Os principais erros a evitar son: 1. ​Elixir sen suficiente información​. A información é a base para tomar calquera decisión. En cambio, moitos estudantes deciden con escasa información sobre os estudos que lles atraen. Descoñecen o seu contido, as súas posibles saídas laborais ou como están enfocados os estudos que elixiron. En moitos casos, deciden en base a cousas que escoitaron, ideas estendidas ou prexuízos que pouco teñen que ver coa realidade. Se queres tomar unha decisión acertada necesitas información e que esta sexa de fontes fiables. Contrástaa, diferencia os feitos das opinións, pon baixo tea de xuízo as ideas xeneralizadas e busca información relevante para ti. Unha vez que recompiles toda a información sobre os estudos que che interesan, terás que valorar se se axusta ao que estás a buscar. 2. ​Estudar por estudar​. Algunhas persoas estudan porque algo hai que facer, sen saber a que queren dedicarse realmente e, por tanto, sen estar motivados. Cando isto sucede téñense todas as papeletas para abandonar ante o primeiro obstáculo. Lembra que non tes a obrigación de ir á universidade se non che entusiasma a idea ou prefires facer outra cousa. Sempre podes entrar na universidade máis tarde se cambias de idea. Facer o que a maioría da xente da túa contorna fai, porque é o que se espera de ti ou por non ir contracorrente non dá bos resultados. Pensa que se te vas esforzar por conseguir unha meta, será máis doado persistir se fas algo que che apaixone, che faga feliz e esperte a túa curiosidade. Se non é así, seguramente deberías facer outra cousa.


3. ​Non valorar todas as alternativas posibles​. Hai unhas 200 especialidades de FP e máis de 3000 estudos universitarios. Tal vez cres que che gustan os rapaces e a educación ou que non se che dan mal as matemáticas, os idiomas ou a informática pero non coñeces as alternativas ocupacionais que existen. 4. ​Decidir polo que din ou fan os demais​. Escoitar a opinión dos que te rodean está ben posto que poden axudarte a saber o que se che da ben ou que cualidades tes pero unha decisión tan importante, a tes que tomar ti. Tamén é moi frecuente que os estudantes que non teñen unha idea clara do que queren facer se matriculen nos mesmos estudos que algún amigo ou marchen estudar o mesmo sitio ca eles. 5. ​Elixir o máis sinxelo. Moita xente elixe estudos que non lle supoñan moita dificultade ou que queden preto de casa. Se elixes condicionado pola facilidade e a comodidade, tes moitas probabilidades de darte conta máis adiante de que non foi a decisión máis axeitada. Á hora de elixir, pregúntate que é o mellor para ti. Na maioría dos casos, os grandes logros veñen detrás de grandes esforzos. Aínda que tampouco é convinte elixir o máis complicado sen ter en conta as nosas capacidades, só porque o fai pouca xente. 6. ​Guiarse só polas saídas​. As saídas laborais é un dos factores que tes que ter en conta pero non o único. De que lle vale a alguén estudar Administración e Dirección de Empresas porque teña moitas saídas se en realidade odia todo o relacionado cos números? Hai que ter en contan que os estudos che gusten e encaixen coa túa personalidade e cualidades. Ademais, as saídas laborais poden variar ao longo prazo. 7. ​Decidir con présas, sen dedicarlle o tempo necesario. Tomar boas decisións implica dedicación e tempo. Necesitas pararte a pensar e valorar as diferentes alternativas posibles para poder elixir a mellor para ti. En cambio, moitos estudantes agardan a decidir todo no último minuto. Empezando o teu proceso de decisión antes, terás máis posibilidades de recompilar toda a información que necesitas, contrastala, e en base a iso tomar mellores decisións. Fonte: http://yaq.es/reportajes/elegir-carrera-nos-equivocamos http://yoriento.com/2007/06/10-formas-de-elegir-mal-estudios-profesiones-carrera-o rientacion-profesional.html/


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.