POEMAS

Page 1

MÁRTIRES DE SOBREDO

OS POEMAS


SOBREDO

GALICIA encadeada con ferros de Castela por fillos treizoeiros e por caciques lobos, no teu ceo azuado hai unha nova estrela! ¡Ardente e sanguiñenta, agoira os tempos novos! ¡Irmáns! ¡Erguede o berro de amor e santidade! ¡Galicia e Libertade do Traballo e do Chan! Son verbas de Dios mesmo do Dios Todopotente, ¡Co suor da túa frente gañarás o teu pan! ¡Nai galega que diche a sangue xenerosa para calmar a sede rabiosa da Impiedade, nos agros de Sobredo froreceu unha rosa! ¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade! Son verbas de Dios mesmo, do Dios Todopotente: ¡Co suor da túa frente gañarás o teu pan! ¿Irmáns! ¡Erguede o berro e o legón aferrade! Galicia e Libertade do Traballo e do Chan! Ramón Cabanillas


A FOUCE ESQUECIDA Repouso abafante no ceo e na terra. Silencio de morte na chouza labrega. Currales baleiros, pallotas desfeitas e o piorno sen millo coas portas abertas. Nin gado na corte, nin fume nas tellas, nin carro no alpendre, nin xente na eira. Mais triste que a noite, a alma entre brétemas, pechados os beizos, ferido da pena, sen dar unha fala nin dar unha queixa, os brazos caídos, a vista na terra, ardendo coa febre, ó pé da cancela o pobre labrego doente tolea.

Todo lle veu xunto. Ó empezo do ano morreulle a filliña que era o seu amparo. Despois, tivo un preito, venceuse o reparto, perdeu media anada en xiadas e orballos, e ó caer as rendas topouse trabado, coa auga ó pescozo, sen froitos nin cartos. Foi hoxe a desgracia. A cousa das catro chegaron dous homes co alcalde pedáneo. Papeles abaixo, escribe que escribe, fixéronlle o embargo. Quedouse por portas, sen chouza nin agros. Xa non ten remedio. Xa está de prestado

Ramón Cabanillas


CAMIÑO ADIANTE Camiño adiante, triste sen congoxa, a fronte erguida, o paso ventureiro, ó lombo un pau e nel cangada a roupa envolveita nun pano, o pensamento na chouza en que viviu seu anos mozos, o amor á terra en que naceu no peito, unha visión de brétema nos ollos e unha copla nostálxica nos beizos camiño adiante...adiante...¡sempre adiante! Aléxase da aldea o bo labrego. Crecente nas virtudes da súa raza, valente no sufrir, forte, sereo coa humilde maxestá daqueles reises relixiosos, pastores e guerreiros que adoraban a Deus nos altos cumes na noite do misterio, tiñan por pazo unha catiza chouza e o trono ó pé dun vello castiñeiro; canso de sementar en terra escrava de vergonzosos feudos; agrilloado por ladróns caciques, amos sen lei e sen honor; famento do día de xustiza que alumee a liberda dos servos, do día en que o fouciño mangado no fungueiro, sen piedá sen perdón, a lume e sangue, dende os castros suevos ás covas en que os lobos se entobaron baixe en nome de Deus e do Dereito, buscando redención..., camiño adiante, aléxase da aldea o bo labrego. ¡¡Abride paso ó loitador!! Da mina no abafador e temeroso seo, suando a fío baixo o sol ardente, batido pola neve e polo vento na montaña, mollado na lameira, entre as areas roxas do deserto, sobre as augas do mar, no bosque virxe... Traballará pra redimir seus edios crebando sobre as testas dos tiranos as cadeas que o teñen prisioneiro.

Ramón Cabanillas


MISERERE

Morre abafada a Galicia baixo a pouta castelán: temos fame de xusticia; fame de lobo e de can. ¡Pobre de nós! ¡Deus nos colla da súa man!

Temos o frío nos ósos e non hai follato nin lar choran os filliños nosos pedindo quentura e pan. ¡Pobre de nós! ¡Deus nos colla da súa man!

Saen o vapores cheos; nenos e homes que se van; cae o pedrizo dos ceos e deixa arrasado o chan. ¡Pobre de nós! ¡Deus nos colla da súa man!

¡Temos frío! ¡Temos medo de erguer o sacho na man! ¡Bebemos o viño ácedo e xa o sangue é solimán! ¡Pobre de nós! ¡Pobre dos pobres sen pan! ¡Deus nos colla da súa man!

Ó chegar o Sanmartiño os foreiros voltarán: nin esquecerán o camiño nin as rendas esquecerán. ¡Pobre de nós! ¡Deus nos colla da súa man! Xuraron nas eleccións facer a vida levián: soben as contribucuóns; o ano que ven dobrarán. ¡Pobre de nós! ¡Deus nos colla da súa man! A corenta reais o millo e non se atopa nin un gran eles...dándolle ó sarillo, facendo como que fan. ¡Pobre de nós! ¡Deus nos colla da súa man!

Ramón Cabanillas


A BASILIO ÁLVAREZ

¡Sementador! O trigo dos veirales mostra as espigas mestas e douradas, i as segadoras fouces, afiadas, teñen tráxico brilo de puñales. O teu verbo, estalante nos pinales, troca, ó chegar ás chouzas das valgadas, os salaios das gorxas abafadas en ruxidos guerreiros e trunfales. A aldea ergueuse co craror da aurora agardando a siñal, e non sosega en axexo da loita vingadora. Xa a lus do sol do mediodía cega, sementador! ¡Sementador, xa é hora de da-lo berro e comenza-la sega! Frente ós dores da Terra malferida, dende as tristes ribeiras do desterro outra ves, loitador, vai o meu berro a pedirche a siñal para a partida. Fora vergonza conserva-la vida, fora traición ter envainado o ferro vendo ós caciques propararlle o enterro, creiéndoa morta porque está ferida. ¿A que agardar? Xa se falou abondo. Compre,agora,aforquemos,antre o estrondo da revolta, os ladróns feitos siñores. ¡Ou trunfar ou morrer! ¡ E non se diga que non soupemos cancela-la obriga que firmaron coa Patria os Precursores!

¡Capitán! ¡Capitán! ¡Chámate a Terra! ¡Os tempos son chegados! Na veiga, no pinal, na corredoira, alenta o medo dos silenzos tráxicos... ¡Vanse comprir as vellas profecías, as verbas bruxas dos antigos bardos! Hai siñales no ceo. Como ó meigo conxuro dun encanto, alá pola alta noite, ó porse a lúa, uns berros estricados oubeando mal-agoiros van correndo medosos de adro en adro, i unhas estrelas roxas, sanguiñentas, brilan no cume dos altivos castros. ¡Ou vello loitador! Torna ós teus eidos que os tempos son chegados... ¡Fuxe dese Madrí, desa esterqueira goio de cobras e niñal de sapos, apodrecido ventre dunha España que se desfai a anacos! Vanse a comprir as vellas profesías... ¡Ven! ¡Ven que te agardamos! Si hai que mata-lo lobo... ¡Cada home ten un sacho! Ramón Cabanillas


¡PRA A HABANA! Vendéronlle os bois, vendéronlle as vacas, o pote do caldo ia manta da cama. Vendéronlle o carro i as leiras que tiña; deixárono soio coa roupa vestida. “María eu son mozo, pedir non me é dado; eu vou polo mundo por ver de ganalo. Galicia está probe, i ´a Habana vou... ¡Adiós, adiós, prendas do meu corazón!”

Rosalía de Castro

¿POR QUE?

-Escoitai: os algoasiles andan correndo a aldea; mais¿como pagar, como, si un non pode inda pagala renda? Embargárannos todo, que non teñen esas xentes concencia, nin ten alma. ¡Quedaremos por portas, meus fillos das entrañas! ¡Mala morte vos mate antes de que aquí entredes!... Dos probes, ó sentirvos, ¡os corazóns, cal baten tristemente! -María, se non fora porque hai un Dios que premia e que castiga, eu matara eses homes como mata un raposo a unha galiña. -¡Silencio! ¡Non blasfemes, que este é un valle de lágrimas!... Mais¿por que a algúns lles toca sufrir tanto i outros a vida antre contentos pasan?


O MAIO Aquí ven o maio de frores cuberto... Puxéronse á porta cantándome os nenos; i os puchos furados pra min extendendo, pedíronme crocas dos meus castiñeiros. Pasai, rapaciños, calados e quedos, que o que é polo de hoxe que darvos non teño. Eu sónvo-lo probe do pobo gallego: ¡Pra min non hai maio, pra min sempre é inverno!... Cando eu me atopare de donos liberto i o pan non me quiten trabucos e préstemos, e como os do abade frorezan meus eidos, chegado habrá etonces o maio que eu quero. ¿Queredes castañas dos meus castiñeiros?... Cantádeme un maio sin bruxas nin demos; un maio sin segas, usuras nin preitos, sin quintas nin portas, nin foros, nin cregos.

Curros Enríquez


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.