ANTÓN ALONSO RÍOS

Page 1

ANTÓN ALONSO RÍOS Naceu en Silleda o 15 de agosto de 1887. Cursou maxisterio en Santiago, e en 1908 emigrou a Arxentina. Traballa de mestre e cofunda a sociedade “Hijos de Silleda” para crear escolas na súa comarca natal.Alí casou e tivo catro fillos. Aínda que lonxe, sempre tivo na súa mente a causa galega: o caciquismo, os foros, a incultura, a superstición. En 1921 promove a “Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales” para traballar contra os foros e polo desenvolvemento do campo galego. Dirixe os seus órganos: “El Despertar Gallego” e “Galicia”. No ano 1931 volta a Galicia para traballar nas reformas propiciadas pola segunda república; traballa de mestre en Tomiño e preside a Asemblea que redactou o Anteproxecto de Estatuto para Galicia. Adícase con intensidade ao movemento agrario, presidindo a Federación de Tui e a provincial. En Sobredo, le o discurso de inauguración do Monumento en 1932; afirma traer a voz dos emigrados, espiritualmente ao lado dos agrarios de Galicia. Define as liñas da Federación agraria e anuncia unha homenaxe para cando as sociedades agrarias unidas obteñan a liberdade da terra. Tamén anticipa o que será unha Galicia autónoma: “Non queremos ser máis, pero tampouco consentiremos ser menos”. Pide a formación dun bloque agrario que afronte os problemas do campo, doutro modo de nada valería o “sangue aquí vertido polos mártires que viñemos a ensalzar”. No 1936 sae elixido deputado. Co golpe militar, Alonso Ríos é perseguido a morte. Consigue fuxir facéndose pasar por un esmoleiro e un criado. Toda esta historia recóllea no seu libro: “O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte”. Despois de tres anos chega a Buenos Aires. Alí con Castelao e outros galegos ilustres, funda o Consello de Galiza. Durante os últimos anos da súa vida, Alonso Ríos continuou participando activamente en todas as actividades patrióticas da colectividade, até a súa morte en 1980.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.