MARGA DO VAL

Page 1

BOS DÍAS: FAMILIARES DE JOAQUÍN ESTÉVEZ BESADA, VENANCIO GONZÁLEZ ROMERO, CANDIDA RODRÍGUEZ, BOS DÍAS, FAMILIAS E AMIZADES, COMPAÑEIROS E CAMPAÑEIRAS QUE HONRADES A MEMORIA DAQUELAS VECIÑAS E VECIÑOS QUE NOS PRECEDERON E ESCRIBIRON UNHA PÁXINA FUNDAMENTAL DA NOSA HISTORIA, BOS DÍAS CIDADANÍA E GALIZA TODA. 90 ANOS PASARON DO QUE NON FOI UN DÍA CALQUERA, MARTES, 28 DE NOVEMBRO DE 1922, UN DÍA E UN LUGAR, SOBREDO, QUE XA TEMOS NA MEMORIA, POR QUE HOUBO PERSOAS QUE O GARDARON PARA NOLO transmitir, COMO UN TESOURO: A DIGNIDADE. Somos o que somos como pobo por sucesos como o de Sobredo, mareas de homes e mulleres, convocados polos sinos das igrexas de Guillarei, Baldráns e Paramos que tocan a arrebato... Mulleres e homes que abandonan o campo e camiñan desde Pazos de Reis, San Estevo de Budiño, Ribadelouro, Rebordáns.... parroquias da contorna, para conformaren unha barricada solidaria que defenda o dereito á terra que traballan. Por iso estaban aquí. Por iso os


máis de corenta gardas civís, seis deles a cabalo, tamén estaban aquí. Por iso despois o gobernador, tal e como relata o xornal Galicia de Vigo, o gobernador no día dos feitos, nun hotel de Tui, daba a sensación de home satisfeito. Por iso sabían en quen mallaban, por iso sabían a quen mataban. Sabíano Hai 90 anos, soubérono despois na terríbel represión iniciada no 36 e tamén o saben hoxe. Por iso o pobo garda a memoria, restaura a memoria, aprende da memoria e actualiza a memoria e sen memoria non somos nada. Por iso a importancia destas pedras, anacos de nós. Sobredo ilumina a historia da humanidade. Desculpade agora, se eu hoxe, tamén 25 de novembro, día contra a violencia de Xénero, vos leo unha carta que lle escribín a Cándida Rodríguez. Benquerida Cándida: Quero imaxinar a túa decisión, muller aínda moza, nai de seis criaturas, preñada, quero imaxinar o teu paso seguro, cara aquí. Mans para traballar, corpo para querer e voz para berrar. Cándida a túa voz, coa de Josefa Alonso Martínez, de Guillarei, ferida nese martes, coa de tantas outras mulleres tamén estaba aquí. Difícil é recuperarmos os nomes dos mortos, dos seres aldraxados, difícil é escribirmos a propia historia, difícil foi o camiño que nos levou de sermos mulleres a sermos persoas, cidadanía, por iso Cándida, nai, preñada, muller, nese camiñar até Sobredo, nese andar firme, contra a historia que non te incluiría, contra o patriarcado, fuches persoa e escribes historia. Cándida, 90 anos despois, conseguíronse moitos dereitos para a cidadanía, a vosa morte non foi en van e supuxo a “redención” dos foros, a República foi un breve e fermoso tempo de entusiasmo e realidades, se vivises poderías ter votado, a educación converteuse nun valor tamén para as mulleres; logo unha longa ditadura fechounos na escuridade onde outra vez ameazaba como no teu tempo a política do tricornio e do casco, e as mulleres volvían ser corpos secuestrados nas casas, visitadoras de igrexas, eternas menores de idade que pasaban da dependencia legal do pai ao marido, moitas traballadoras coma ti, non tiñan os mandos da súa vida. Cándida, unha democracia que chegou


enterrando a memoria, tamén o teu nome, mais un pobo que restaurou esa memoria, estas pedras, este monumento. Un pobo, hoxe, século XXI, que ve como vai perdendo os dereitos que tanto custou conseguir, cunha lei laboral que o escraviza, que observa atónito como a fantasma de sempre percorre Europa e a enche de fome. Unha fantasma que nos enche de miseria, que emprega a miseria como coartada, para ir en contra da sanidade pública, para ir en contra da educación pública.... Hoxe somos Sobredo, cando nos indignamos pola defensa dos nosos sectores produtivos, cando observamos a condena da nosa mocidade a ser man de obra, cerebro, intelixencia, emigrante, Hoxe toda a terra e dos homes e das mulleres para seren escravos. Somos Sobredo, temos que ser máis Sobredo, esa barricada humana en que ti tamén estás, Cándida, diante das casas, desas persoas que perden o seu dereito constitucional teren unha vivenda digna e son desafiuzadas, diariamente, diante dos nosos ollos. Somos Sobredo, diante dos abusos dos bancos, nesta guerra moderna con moitas mortes anónimas, que está aquí, cando homes e mulleres, co seu traballo construíron o mundo en que viven, soñárono mellor e ven roubados os seus aforros con enganos preferentes. Somos tamén, Sobredo, Cándida, cando con paso seguro, nai, muller, persoa, berramos contra a violencia de xénero tolerancia cero, cando nomeamos: Julia, Juventina, Iria e Marisol, as catro mulleres galegas asasinadas, vítimas da violencia machista este ano. Somos Sobredo, Xaquín, Venancio, Cándida, cando defendemos a dignidade do traballo, o dereito da sanidade pública e universal, da educación pública, o dereito a vivirmos en galego e sermos felices aquí. Porque queremos vivir aquí e volver felices cada ano a Sobredo para iluminar o mundo coa vosa loita que non foi en van. Grazas Cándida, pola lección que nos destes, polo teu andar seguro, por ser unha solidaria cidadá, grazas, polo voso legado de liberdade. Marga do Val.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.