ESTATUTOS

Page 1

INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

ESTATUTOS DO INSTITUTO DE ESTUDOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO

TÍTULO I: CONSTITUCIÓN, SEDE E ÁMBITO Artigo 1 O Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”, é unha Asociación sen ánimo de lucro que se constitúe baixo esta denominación no día vinte e catro de xuño do ano dous mil doce, ao abeiro da lexislación vixente, Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación; e ten por cometido manter vivo o significado do carácter social e reivindicativo dos sucesos de Sobredo, producidos nese lugar da parroquia de Guillarei, concello de Tui, o vinte e oito de novembro do ano mil novecentos vinte e dous, no marco das mobilizacións sociais agrarias para a eliminación dos Foros. Conta con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar e rexerase polos presentes Estatutos, o/os regulamento/os de réxime interno que, no seu caso, se aproben e o disposto pola lexislación vixente, reguladora do dereito de asociación. Artigo 2 O Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” fixa a súa sede en: Local Social – Bº FENTEIRA, s/n. 36720 GUILLAREI (TUI). A Xunta de Goberno, atendendo a razóns de conveniencia e eficacia organizativa poderá propor, en calquera intre, o traslado da mesma para a súa aprobación pola Asemblea Xeral; e, amais, poderá propor establecer as delegacións e representacións territoriais que considere convenientes, para a súa aprobación, así mesmo, mediante acordo da Asemblea Xeral. Artigo 3 O ámbito territorial do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” será o do territorio de Galiza.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

TÍTULO II: FINS Artigo 4 Son fins do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”: a) As conmemoracións anuais en memoria do Mártires de Sobredo, na altura de cada cabodano dos feitos. b) Velar pola conservación do monumento aos Mártires de Sobredo. c) Recoller, organizar e conservar todo o material referente á obra, pensamento, e acción dos Mártires de Sobredo e ás entidades agrarias na súa actividade social, na que se encadran os sucesos de Sobredo, así como editar o que sexa acaído para a súa difusión. d) Expandir o significado da loita dos Mártires de Sobredo como fito histórico galego con especial relevancia co mundo agrario e o medio rural. e) Potenciar a figura social e humana dos Mártires de Sobredo entre os estudosos na historia agraria de Galiza, os editores de enciclopedias e dicionarios de nomes galegos egrexios e en todas aquelas actuacións destinadas a exaltar persoeiros históricos da nosa Terra, de xeito que sexa recoñecida e valorada polas xeracións presentes e futuras e nunca quede no esquecemento. f)

Participar e/ou colaborar con entidades en calquera tipo de acto e/ou ámbito territorial que teña como obxectivo rememorar a figura histórica dos Mártires de Sobredo e das entidades agrarias na súa actividade social, na que se encadran os sucesos de Sobredo.

g) Crear un centro de documentación de temas relacionados co agro, co monte veciñal e co medio rural, con todo material impreso ou gráfico que se consiga e aberto á consulta de estudosos e divulgadores, á vez que sirva de difusión pública da historia do noso País. h) Producir e editar, ben sexa por medios impresos ou dixitais, unha publicación propia en formato revista e/ou páxina web, na que difundir as actividades do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”, así como participar noutras publicacións periódicas e/ou monográficas.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

TÍTULO III: ASOCIADAS/DOS DE NÚMERO E COLABORADORES Artigo 5. Asociadas/os de número. Poderán ser socias/os de número do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” todas aquelas persoas físicas que o soliciten, asuman os fins do Instituto e acepten o contido dos Estatutos que regulan o seu funcionamento. O número de socios non terá limitación algunha. Artigo 6. Asociadas/dos colaboradoras/res Poderán ser socias/os colaboradoras/res do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”, entidades asociativas e institucionais que o soliciten, xa sexan os sindicatos agrarios, as comunidades veciñais de montes, as asociacións veciñais, as entidades medioambientais, as entidades educativas e/ou de investigación e divulgación científica, así como todas aquelas de calquera índole que desenvolvan, maioritariamente, a súa actividade no medio rural. As/os socios colaboradores terán voz nas Asembleas Xerais e contarán coa capacidade de acción prevista nestes Estatutos. Artigo 7. Dereitos. Son dereitos das/dos socias/os: 1.- Dereitos das/dos socias/os de número: a) Participar e intervir, con voz e voto, nas sesións da Asemblea Xeral. b) Elixir e ser elixida/do para ocupar os distintos cargos no Instituto. c) Participar en todos cantos actos se organicen. d) Ser informadas/dos de todas as actividades e traballos realizados polo Instituto; así como dos balances e do estado de contas, con tempo e dunha forma periódica. e) Propoñer todas aquelas iniciativas que considere oportunas, tanto á Xunta de Goberno como a Asemblea Xeral. f) Ter un exemplar dos Estatutos, posuír documentación acreditativa da súa pertenza ao Instituto e, así mesmo, coñecer os acordos tomados polos órganos de goberno do Instituto. g) Ao amparo e garantía dos dereitos de asociado polo órgano de control previsto nos Estatutos e a ser oído en proceso de sanción.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

2.- Dereitos das/dos socias/os colaboradores: a) Participar con voz e sen voto nas sesións da Asemblea Xeral. b) Adscribirse e participar, con voz e voto, nas comisións de traballo que se creen. c) Ser informados dos planos de traballo e actividades a acometer. d) Ter un exemplar dos Estatutos, posuír documentación acreditativa da súa pertenza ao Instituto e, así mesmo, coñecer os acordos tomados polos órganos de goberno do Instituto. e) Ao amparo e garantía dos dereitos de asociado polo órgano de control previsto nos Estatutos e a ser oído en proceso se sanción. Artigo 8. Obrigas. Son obrigas das/dos socias/os: 1.- Obrigas das/dos socias/os de número: a) Aceptar e cumprir os Estatutos vixentes e os acordos da Asemblea Xeral. b) Abonar as cotas, ordinaria e no seu caso extraordinarias, aprobadas pola Asemblea Xeral. c) Participar nos actos e nas actividades do Instituto. d) Respectar, custodiar e defender o patrimonio do Instituto. e) Desempeñar os cargos de responsabilidade, libremente aceptados, que lle sexan encomendados pola Asemblea Xeral. 2.- Obrigas das/dos socias/os colaboradores: a) Aceptar e cumprir os Estatutos vixentes e os acordos da Asemblea Xeral. b) Contribuír economicamente e/ou coas aportacións que consideren e sinalen, de xeito voluntario, aos fins do Instituto. c) Participar nas comisións de traballo ás que pertenzan co seu apoio e contribucións que consideren máis axeitadas, xa sexan dende aspectos científicos, culturais e/ou institucionais. d) Participar nos actos e actividades do Instituto.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 9 1.- O Instituto non interferirá en ningún asunto persoal de carácter particular dos seus membros. 2.- As/os asociados, tanto de xeito individual como colectivo, non poderán adoptar decisións no nome do Instituto; salvo as que se refiran ás aprobadas pola Asemblea Xeral no marco do plano xeral de actividades, ou prioridades dos traballos e orientacións xerais para acadar o cumprimento dos obxectivos; e foran expresamente autorizados pola Xunta de Goberno; que tomará nota da iniciativa que sexa a efectos de constancia e posterior comunicación á Asemblea Xeral. 3.- Cada socia/socio recibirá unha copia dos presentes Estatutos no momento en que fora aprobada e se produza efectivamente a súa Alta no Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”. Artigo 10 1.- A Xunta de Goberno acordará as Altas e Baixas de asociadas/dos que serán ratificadas pola Asemblea Xeral. As/os aspirantes a asociarse, polo mero feito de solicitar o seu ingreso na Asociación, aceptan integramente o disposto nestes Estatutos, nos seus regulamentos de réxime interno que se elaboren, así como nos acordos dos organismos de dirección e goberno da Asociación. 2.- A Xunta de Goberno poderá propor a Asemblea Xeral sanción, previa instrución de procedemento polo Consello Fiscal, para calquera asociada/do que reiteradamente obstaculice o labor do Instituto, infrinxa os Estatutos, ou incumpra coas obrigas económicas. 3.- A Asemblea Xeral non poderá tomar decisión ao respecto, sen antes escoitar á/ao socia/o suxeita/o ao proceso de posible sanción. TÍTULO IV: DOS ÓRGANOS DE GOBERNO Artigo 11 Os órganos de goberno do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” son: A Asemblea Xeral, como órgano deliberativo, a Xunta de Goberno, como órgano executivo, e o Consello Fiscal, como órgano de control e garantías. Tanto a Xunta de Goberno como o Consello Fiscal funcionan ordinariamente segundo o establecido nos Estatutos e o seu cesamento correspondese co fin do período de mandato establecido para cada órgano; extraordinariamente, procederá o cese e nova elección no caso de dimisión da maioría dos seus membros. Artigo 12 A Asemblea Xeral é o órgano supremo de decisións do Instituto. Está formada por todas/os os asociados, previa convocatoria en forma.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 13 1.- A Asemblea Xeral reunirase de xeito ordinario no primeiro trimestre de cada ano natural. 2.- De xeito extraordinario, reunirase cando o soliciten a Xunta de Goberno, o Consello Fiscal ou un cuarto das/dos socias/os. Nos dous últimos casos, a Xunta de Goberno ten que convocar a Asemblea Xeral a reunirse en sesión extraordinaria no prazo máximo dun mes.

Artigo 14 As convocatorias da Asemblea Xeral, tanto de sesións ordinarias como extraordinarias, faranse cando menos con quince (15) días de antelación. As/os socias/os serán convocados por carta, ou, nos casos que expresamente así o indiquen, por medios axeitados a súa conveniencia (Fax, correo electrónico ou calquera outro que sinalen). Na convocatoria constará a orde do día e a documentación precisa referida aos asuntos a tratar.

Artigo 15 1.- As sesións, ordinarias ou extraordinarias da Asemblea Xeral quedarán validamente constituídas cando en primeira convocatoria asistan a metade mais un das/dos asociadas/os; de non existir o quórum sinalado, transcorrido o prazo de media hora, abrirase a sesión en segunda convocatoria e será válida co número de asociadas/os que asistan nese momento. 2.- Cando na orde do día estean os asuntos: modificación dos Estatutos, fusión e/ou disolución do Instituto, para que os acordos que se adopten sexan válidos precisarase en primeira convocatoria a metade mais un das/dos asociadas/os numerarios; e, na segunda convocatoria, a asistencia e voto do vinte e cinco por cento (25 %) das/dos socias/dos. Artigo 16 A Asemblea Xeral tomará os acordos por maioría simple e voto presencial, ao non admitírense, en ningún caso, as delegacións.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 17 Son funcións da Asemblea Xeral, en sesión ordinaria: a) Aprobar o plano xeral de actividades, as prioridades dos traballos e as orientacións xerais para acadar o cumprimento dos obxectivos. b) Aprobar se procede os orzamentos anuais e o estado de contas do Instituto. c) Aprobar se procede a xestión da Xunta de Goberno. A non aprobación levará en consecuencia ao sometemento a unha moción de confianza; que de non ser favorable determinará a convocatoria de eleccións de nova Xunta de Goberno. d) Decidir a necesidade dunha auditoría de contas. e) Fixar as cotas das/dos asociados e ratificar as altas e as baixas. f) Resolver, en última instancia, os procedementos de sancións. g) Establecer as norma de regulamento interno. h) Resolver sobre calquera outro asunto que faga referencia ás actividades ordinarias do Instituto. Artigo 18 Son funcións da Asemblea Xeral, en sesión extraordinaria: a) Elixir aos membros da Xunta de Goberno e do Consello Fiscal. b) Resolver as mocións de confianza, e no seu caso elixir nova Xunta de Goberno. c) Acordar o alleamento dos bens ou do patrimonio do Instituto. d) Acordar a modificación dos Estatutos. e) Acordar a solicitude da declaración de utilidade pública do Instituto. f) Acordar a fusión do Instituto con entidade/des con fins semellantes. g) Acordar a disolución do Instituto.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 19 1.- A Xunta de Goberno é o órgano executivo do Instituto. Estará formada pola 1-Dirección, a 2-Secretaría, a 3-Tesourería, e as seguintes vogalías: 4-Medio: Agro e Territorio, 5-Montes Veciñais, 6Educación e Cultura, e 7-Veciñanza; en correspondencia coas mesmas constituiranse Comisións de Traballo, das que ostentará a presidencia a/o vogal elixida/do. 2.- O número total das persoas elixidas para o desempeño dos cargos será sempre impar.

Artigo 20 1.- A Xunta de Goberno elíxese por mandatos, polo período de tres anos. 2.- Os membros cesantes poderán ser reelixidos por dous mandatos mais consecutivos. 3.- Calquera membro poderá ser candidato novamente, transcorrido un período equivalente, de dous mandatos, previstos e sinalados no punto anterior.

Artigo 21 1.- Cando presentase a dimisión a metade mais un dos membros da Xunta de Goberno, procederá convocar, no prazo máximo dun mes, a Asemblea Xeral para tratar os asuntos de informe e estado de situación e elección de nova Xunta de Goberno. 2.- Cando presentase a dimisión a metade menos un dos membros da Xunta de Goberno, procederá convocar, no prazo máximo de tres meses, a Asemblea Xeral co fin de elixir unicamente ás persoas que veñan substituír os membros dimisionarios.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 22 Son funcións da Xunta de Goberno: a) Executar os acordos da Asemblea Xeral e levar adiante a xestión administrativa e económica do Instituto. b) Preparar os informes das actividades do Instituto así como os balances e o seu estado de contas para sometelos á aprobación da Asemblea Xeral. c) Preparar e dirixir as actividades sociais aprobadas pola Asemblea Xeral. d) Coidar do cumprimento dos Estatutos e do Regulamento de réxime interno, se o houbese. e) Velar polo bo funcionamento e impulsar as iniciativas das Comisións de Traballo das Vogalías. f) Representar ao Instituto diante de calquera entidade e/ou instancia. g) Asinar e rescindir todo tipo de contratos en relación coas actividades do Instituto, dentro dos límites aprobados pola Asemblea Xeral e seguindo a lexislación vixente. h) En xeral coñecer e resolver todo tipo de xestión ordinaria que afecte ao Instituto. Artigo 23 1.- A Xunta de Goberno reunirase de xeito ordinario cada tres meses; e, de xeito extraordinario, cando así o solicite calquera dos seus membros. 2.- Os acordos serán válidos se asiste á reunión a metade mais un dos seus membros, e acadan o voto favorable da maioría dos asistentes. 3.- A Xunta de Goberno, solidariamente, é responsable do funcionamento ordinario do Instituto. Artigo 24 1.- A/o Directora/or ostenta a representación do Instituto. 2.- A/o Directora/or convoca as reunións e nas mesmas ostenta a presidencia e modera os debates. 3.- No caso de ausencia por causas de carácter extraordinario, designarase para presidir, de entre os membros das vogalías, o membro da Xunta de Goberno que se elixa para tal fin.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 25 A/o secretaria/o terá a responsabilidade da custodia de toda a documentación interna que xere a actividade do Instituto. Librará co visto e prace da/do Directora/or as certificacións que se lle demanden referentes á documentación que ten baixo a súa garda e custodia. E, en xeral, desenvolverá calquera outra función que se estime propia da Secretaría. Artigo 26 A/o tesoureira/o terá a responsabilidade do movemento económico do Instituto. Levará a custodia dos libros e documentos referidos á contabilidade e os seus fondos económicos. Asinará conxuntamente coa/co Directora/or ou coa/co Secretaria/o a libranza dos cheques para proceder aos pagamentos correspondentes. Artigo 27 1.- Correspóndelle ás/aos vogais desenvolver as xestións e os cometidos que acorde a Xunta de Goberno e presidirán as Comisións de Traballo nas que está estruturada: Medio: Agro e Territorio, Montes Veciñais, Educación e Cultura, e Veciñanza. 2.- As vogalías e respectivas Comisións de Traballo terán ao seu cargo a dinamización de iniciativas que procuren a concreción e logro dos fins do Instituto. A tales efectos, nestas Comisións integraranse as/os socias/os colaboradoras/res. 3.- As/os socias/os colaboradores, no marco das Comisións de Traballo ás que se adscriben en función da súa natureza, terán voz e voto. Artigo 28 1.- O Consello Fiscal é o órgano de control encargado de actuar en comisión de garantías dos dereitos das/os asociadas/os, fiscalizar todas as operacións financeiras, e dar o seu parecer e ditaminar sobre os asuntos nos que se lle atribúe competencia nestes Estatutos; a tal efecto pode examinar todos os libros e documentos do Instituto, que lle serán facilitados pola Xunta de Goberno. 2.- O Consello Fiscal estará composto por: Presidenta/te, Secretaria/o e Vogal relatora/or e será elixido pola Asemblea Xeral por mandatos de tres anos; así mesmo, poderán ser reelixidos nun mandato máis consecutivo.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

3.- O Consello Fiscal reunirase ordinariamente unha vez ao ano, antes de que a Asemblea Xeral celebre sesión ordinaria, para dar o seu parecer sobre os asuntos que lle corresponda informar. 4.- O Consello Fiscal reúnese extraordinariamente convocado polo seu presidente, ou a pedido de dous dos seus membros ou da Xunta de Goberno. 5.- O Consello Fiscal emitirá as resolucións, mediante Ditames Informes, notas e/ou dilixencias, co seu parecer nos asuntos sobre os que trate; e, a efectos de constancia, redactará Actas que recollan as deliberacións e acordos.

TÍTULO V: PROCESO ELECTORAL Artigo 29 1.- Para proceder ao establecemento dos primeiros órganos de goberno e xestión do Instituto a Xunta de Goberno Provisional, tramitada a legalización da entidade diante da Administración competente, convocará, con cando menos trinta días de antelación, sesión extraordinaria da Asemblea Xeral para a elección da Xunta de Goberno e o Consello Fiscal. 2.- Na orde do día o primeiro punto será o de elección da Mesa da Asemblea electoral, que estará formada pola presidencia e dúas secretarías. 3.- Será Presidenta/te, a persoa de máis idade presente que non forme parte de ningunha candidatura. 4.- Desempeñaran as secretarias as dúas persoas de menos idade presentes que non formen parte de ningunha candidatura; correspondéndolle á primeira a redacción da Acta e á segunda, auxiliar no necesario, xa sexa chamada e control de asistentes, anotación dos mesmos e a súa condición, reparto de documentos, colaboración na redacción da Acta e demais aspectos necesarios para o mellor e dilixente desenvolvemento da sesión. 5.- Acto seguido e de xeito inmediato presentaranse, diante da Mesa da Asemblea, candidaturas, que terán que cubrir todos os cargos da Xunta de Goberno e do Consello Fiscal.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 30 1.- A votación será por sufraxio universal directo e secreto. 2.- Resultará elixida aquela candidatura que acade o maior número de votos, sempre que estes superen ás abstencións. 3.- No caso de resultar un empate entre varias candidaturas, realizarase outra votación onde unicamente poderán participar as candidaturas empatadas. 4.- No suposto de que só houbese unha candidatura para calquera dos órganos a elixir, a votación poderase realizar a man alzada, sempre que non haxa ningún posicionamento en contra. Resultarán elixidas se acadan máis votos a favor que en contra.

Artigo 31 Para os procesos electorais seguintes á Asemblea Xeral, na sesión ordinaria anual do exercicio que corresponda proceder á elección de órganos reitores, aprobará o calendario electoral, que conterá: -

Proposta de elección dos membros da Mesa Electoral, que así mesmo presidirá a Asemblea Xeral Electoral, composta por presidenta/te, secretaria/o e catro vogais.

-

Prazo de exposición e consulta do censo de asociadas/dos.

-

Prazo de presentación de candidaturas aos órganos que corresponda elixir diante da Mesa Electoral.

-

Prazo para subsanación de erros.

-

Data de convocatoria da Asemblea Xeral para elección de órganos reitores, dentro do prazo máximo de dous meses do inicio do proceso electoral.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 32 Calquera recurso ou incidente que se presente durante o proceso electoral ou no curso de efectuarse o acto electoral, será resolto na mesma sesión pola Asemblea Xeral, unha vez rematado o escrutinio dos votos e recollido o na Acta a levantar pola/o secretaria/o da Mesa Electoral. Artigo 33 1.- Finalizado o escrutinio e, no seu caso, unha vez resoltos os recursos e/ou incidencias aos/ás que se refire o artigo anterior, a Asemblea ratificará os resultados declarando a validez da elección. 2.- Acto seguido, a Mesa proclamará como novos órganos reitores electos a Xunta de Goberno e o Consello Fiscal en correspondencia coas candidaturas que acadaran máis votos, segundo o disposto nestes Estatutos. 3.- Os órganos reitores, Xunta de Goberno e Consello Fiscal, tomarán posesión no mesmo acto da sesión, diante da Asemblea Xeral, e o traspaso de poderes farase dentro do prazo dun mes como máximo. TÍTULO VI: IMPUGNACIÓN DOS ACORDOS Artigo 34 1.- Os acordos da Asemblea Xeral do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” contrarios á Lei, quebrantes dos presentes Estatutos e/ou non axeitados aos intereses xerais do Instituto, poderán ser recorridos por calquera asociada/do. Os prazos de presentación de esta impugnación, ante a Xunta de Goberno, serán o de quince (15) días se a/o socia/o estivese presente na sesión en que a Asemblea Xeral adoptou o acordo impugnado; e o de trinta (30) días se non estivera presente. 2.- A Xunta de Goberno, tomada razón da impugnación presentada, trasladará o asunto ao Consello Fiscal que instruirá procedemento e resolvera co seu parecer, devolvéndoo dentro do prazo máximo de quince (15) días á Xunta de Goberno. 3.-A Xunta de Goberno ten que convocar sesión extraordinaria da Asemblea Xeral para debater tanto a impugnación como o procedemento instruído polo Consello Fiscal e o seu parecer, dentro do prazo máximo de dous (2) meses, contados a partir da data en que recibe a notificación da impugnación.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Artigo 35 1.- Os acordos da Xunta de Goberno que adoezan dos mesmos defectos, dos que se trata no artigo anterior, poderán ser impugnados polas/os socias/os no prazo de dous (2) meses, contados a partir do momento en que os acordos da Xunta de Goberno se coñezan publicamente. 2.- O procedemento para a resolución será o previsto no punto dous (2) do artigo anterior. 3.- A Xunta de Goberno recibida resolución co parecer do Consello Fiscal, poderá acomodarse ao mesmo acatando o seu contido e, en consecuencia, acordar o que proceda para restaurar a situación anterior á impugnada e comunicar tal decisión á parte impúgnante. 4.- No caso de discrepancia co procedemento e o parecer do Consello Fiscal, A Xunta de Goberno acordará para a resolución da impugnación segundo o previsto no punto tres (3) do artigo anterior. TÍTULO VII: PATRIMONIO E RECURSOS Artigo 36 O Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” constitúese sen patrimonio fundacional. Disporá dos seguintes recursos económicos: a) As cotas, ordinarias e extraordinarias, das/dos socias/os de número que se establezan. b) As achegas económicas voluntarias das/dos socias/os colaboradoras/es. c) As axudas e subvencións que puidera recibir ao teor da normativa legal vixente. d) O produto das vendas das súas publicacións e/ou prestación de servizos que puidera realizar. e) Os créditos que puidera xestionar a Xunta de Goberno, coa autorización da Asemblea Xeral. f) En xeral, os ingresos que se obteñan das actividades que, no marco dos obxectivos do Instituto, sexan acordados pola Asemblea Xeral. As datas de inicio e peche do exercicio económico coincidirán coas do ano natural. A tal efecto a/o tesoureira/o preparará un borrador de orzamento a un de xaneiro de cada ano e, as contas, con referencia ao último día do exercicio, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

TÍTULO VIII: DISOLUCIÓN DO INSTITUTO

Artigo 37 1.- O Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” poderá disolverse cando así o decida a Asemblea Xeral convocada a tal efecto e cumprindo os requisitos estatutarios. 2.- Para tomar o acordo de disolución cómpre que o mesmo sexa aprobado co voto favorable dos dous terzos (2/3) das/dos socias/os.

Artigo 38 1.- Acordada a disolución do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”, a Asemblea nomeará cinco persoas que se constituirán en Comisión Liquidadora. 2.- A Comisión Liquidadora, procederá ao inventariado de todo o patrimonio e unha vez atendidas as responsabilidades económicas e satisfeitas as obrigas sociais que houbera, librará o remanente que existise a unha entidade social de Galiza, que previamente se decidira pola Asemblea Xeral. 3.- No caso de existir déficit, este sería asumido a prorrateo entre as/os socias/os.

TÍTULO IX: SOBRE A LINGUA Artigo 39 1.- O idioma galego é a lingua oficial do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”, nas súas comunicacións e relacións internas e externas, así como na súa documentación. 2.- Respectarase o uso individual doutras linguas.


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

TÍTULO X: DAS SIGLAS, SÍMBOLO E SELO Artigo 40 1.- O Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo” usará como sigla identificadora a de: “IEAMSo” 2.- A Asemblea Xeral, a proposta da Xunta de Goberno, aprobará o logotipo que como símbolo identificador usará o Instituto nas súas actividades e publicacións. 3.- A Xunta de Goberno encargará selo, coa sigla, que será usado na documentación do Instituto.

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA

Os Estatutos entran en vigor no día seguinte ao da súa presentación no organismo correspondente; e, para o que non estea previsto nos mesmos, o Instituto suxeitarase ao establecido na lexislación vixente correspondente ás asociacións sen ánimo de lucro, reguladora do dereito de asociación.

DILIXENCIA.Para deixar constancia que os antecedentes Estatutos foron aprobados por acordo unánime da Asemblea Fundacional da Asociación: “Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo - IEAMSO” reunida, a tal efecto, o día vinte e catro de xuño do ano dous mil doce. E para os efectos que proceda asinase a presente, en Guillarei (Tui), na mesma data antes sinalada, polos promotores asistentes e os membros da


INSTITUTO DE ESTUDIOS AGRARIOS MÁRTIRES DE SOBREDO SOBREDO (Tui) - GALIZA

Xunta de Goberno Provisional facultada pola Asemblea Fundacional para a súa legalización e demais trámites necesarios para o funcionamento da Entidade.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.