Carta á escola de Sada y sus Contornos

Page 1


CARTA DE DESPEDIDA Á ESCOLA DE “SADA Y SUS CONTORNOS “

Sada, a 21 de xuño de 2012. Benquerida escola: Antes de nada, perdóame a licenza que tomo de apearche o tratamento que merecen os teus anos e a túa sabedoría e tratarte de “ti” pero e que despois de tanto tempo xuntas xa te considero como da familia. Escríboche estas letras por mor da nosa inminente separación. Hoxe veño de ver como o meu neno, a miña nena, saen do teu carón para percorrer un novo camiño, o do Instituto. Aínda me lembro cando te coñecín, cando te escollín para o meu proxecto, ha i xa 9 anos… A primeira vez que te vin, coidei para min que “non estabas mal” para a primeira andaina educativa, para levar da man os meus pequenos e entregarchos a, ti, unha agarimosa mestra experimentada, mais no me acababas de convencer para unha relación mais duradeira, presentía en ti fallas e impedimentos para “unha educación moderna e competitiva”. Xa ves, que a pesar da túa fermosa estampa non xurdiu un amor a primeira vista, fun aprendendo a amarte con tempo. Anos atrás coñecera as bondades dos macrocolexios, ben dotados de instalacións e medios… mais tamén sabía da frialdade do número, da indiferenza e da distancia e non querían iso para os meus nenos.


Pode que tí careceses de moitas cousas por seres pequena e antiga, pero en troques tiñas “algo”, “un aquel” precisamente por esas dúas mesmas razóns. Tras sopesalo todo escollinte a ti para confiarche o meu proxecto. E non me arrepinto. Entregado e recollido en man, de cotío, o meu pequeno xermolo, foi medrando, por fora e por dentro, na boa atmosfera da tolerancia e dos valores que se respira nos teus corredores e aulas, mesmo nos teus desgornecidos patios, coidado polos mestres, guiado polo teu director, os cursos foron pasando entre libros, exames, notas, excursións, e tamén festas (o Magosto, o Nadal, o Antroido), e por fin, as vacacións de verán e volta a empezar… ¡Cómo voaron as follas do calendario! … E hoxe, toca marchar, deixarte, aínda que a túa roda siga xirando … Atrás quedan os primeiros tempos nos que, desconfiada, axexaba por entre as celosías do teu muro por ver se os pequerrechos se adaptaban nos primeiros días da escolarización. Pouco a pouco fomos deixando o teu coidado sen reserva nin temor ningún, ata chegar a confiarchos por enteiro, ata acadar a proba definitiva, a de abandonar por un intre “o niño” para tentar un primeiro voo, iniciático, e alá vos fostes vos coa “maleta da escola viaxeira,” lonxe de min, lonxe da nosa terra”, co único fío condutor dun mestre só, “só ante o perigo” ( e cunha man soa útil), e ó resultado non puido ser mais satisfactorio: os meus proxectos de homiño e mulleriña non defraudaron as nosas diversas expectativas, ni as túas nin as miñas, vivindo una experiencia inesquecible para o resto dos seus días. Entrementres, eu, a familia, seguinte celosa, confésoo, a través do blogue, dende a casa, ollando para ti como sexteabas por terras de Soria. Algúns dos nosos membros chegaron tarde á escola, pero ti en troques de rifarlles, acollíchelos igual, se cadra con mais coidado aínda, porque sabías que viñan dende lonxe coas raíces ó aire, a onde os


trasplatou a vida, e agora que rematan, estes senten dobre mágoa: a mágoa de deixarte e a de non te teren coñecido antes. Nalgunha ocasión, non cho vou a ocultar tiven a tentación de serche infiel con outro centro, sobre todo no cambio de nivel educativo de infantil a primaria, por mor da conciliación familiar, xa te podes figurar o ¡difícil que é iso! Pero “os escolares” resistíronse, con uñas e dentes e non fu quen de arrincalos de ti. Pola túa parte, reaccionaches como moita axilidade, a verdade é que demóstrache ter moita cintura para a “túa idade”, y facendo un grande esforzo por parte de toda a túa comunidade, adaptácheste os novos tempos, creaches o servizo de comedor escolar, apuntácheste as novas tecnoloxías, retocácheste e arranxaches algunhas desfeitas do paso do tempo mentres hospedabas, contrarreloxo, ós teus membros no albergue de Gandarío. Mais tí nunca te conformaches con iso, moito tempo levas reclamando públicamente que necesitas espazo vital, ampliar o teu ámbito, mellorar as instalacións para os teus alumnos e aí presentaches a mais fera batalla, nunha loita sen cuartel, todos os teu membros se implicaron, nunha simbiose perfecta, ANPA, claustro, familia, sen renderte nunca a pesares das contrariedades…. Foron tempos de mobilizacións, de protestas nos que participaron os nenos, os profesores, pais, avós , familiares, antigos e ata futuros alumnos…. En fin, todo o mundo. Tí, que na túa gloriosa primeira xuventude xa viras truncadas as túas “ veleidades libertarias” sacaches o teu vello carácter, e contáxiachenos a todos do teu espírito libre e loitador fronte a sen razón e a negativa sistemática das máis elementais e xustas reivindicacións. Parece que por fin o conseguiches, ¡agora precisamente que nos imos nós! Bo, nunca é tarde, alédome por ti e polas xeracións vindeiras e estouche fachendosa pola parte de mérito que me poida tocar.


O teu redor formei “ corro” ( roda) , confeso que nalgún caso “corrillo” no que laretei arreo ás túas costas, e agora que xa es unha extensión de min mesma, dóeme na alma deixarte, afastarme da grande familia de “Sada y sus contornos”. Pero e inevitable, temos que separarnos. Novos e difíciles tempos se aveciñan, tanto pola época convulsa que nos toca vivir como pola etapa na que se atopa o noso proxecto, que é como un barquiño a piques de sucar as procelosas augas que o conducirán do mar da infancia ó da xuventude. Nesta nova travesía moitos medos me invaden, intúo insospeitados perigos, e nesta viaxe non podo votar man de ti. Confío que outros cabos me serán largados. Consólame a certeza de que do noso común estaleiro os barcos saíron ben armados: con un casco forte, un timón ( leme) firme, e os instrumentos básicos da navegación, por iso espero e confío que a pesares do embate dos elementos na súa aínda fráxil arboradura, co faro das túas ensinanzas alumeando a súa razón, sexamos quen, a familia e as novas institucións educativas de axudalos a que manteñan o rumbo marcado que os leve cara a bo porto. O PORTO DOS HOMES E DAS MULLERES DE BEN. Non se pide mais pero tampouco menos. Que así sexa para todos. Unha última cousa quédame por dicirche, é a mais importante: GRAZAS. GRAZAS (con maiúsculas). Ata sempre. Despídese de tí, túa, afectísima, A FAMILIA de sexto.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.