Proxecto Plan

Page 1

P.E. Plan Proxecta

PLAN PROXECTA INTRODUCIÓN O CEIP San Xoán de Becerreá é un centro contextualizado na zona dos Ancares, sendo, por tanto, un espazo natural cheo de recursos para o seu aproveitamento educativo en todos os aspectos. O coñecemento do medio convértese nun recurso inesgotable de aprendizaxes que van do natural ao social nutríndose das competencias básicas no proceso de formación integral do noso alumnado. Por outra banda, é un centro cunha maioría do profesorado definitivo e xove, comprometido coa contorna e co seu labor docente, que se aproveita do medio para abrir a escola ás vivencias cotiás da comunidade educativa, sendo un centro de referencia para as familias á hora de comprender e comprometerse cos nosos principios educativos. Ao longo destes últimos anos, o profesorado iniciou actividades que reflicten estes principios educativos e agora é o noso obxectivo fundamental, dar un formato de unidade, de proxecto de centro, a todas elas. OBXECTIVOS O noso principal obxectivo, na solicitude do Plan Proxecta, é incardinar todas as actividades individuais ou de ciclo que xa se viñan desenvolvendo no centro nunha única liña de traballo, negociada e compartida, que defina un estilo propio, que nos identifique como un espazo aberto á comunidade e respectuosa e agradecida con ela, e que nos dea a forza suficiente para perseguir máis e mellores obxectivos educativos. Pretendemos, tamén, seguir a nutrirnos das posibilidades educativas da zona, utilizándoas como tópico de estudo nos nosos proxectos, e servíndonos delas como contextualizacións das nosas actividades docentes. Para iso, contaremos coa axuda dos plans A21EG, 12 meses, 12 paisaxes, Recíclate con SOGAMA e Máis e mellor E. F., cada un na creación das súas propias situacións de aprendizaxe concretas, en cumprimento cos obxectivos propios de cada un dos plans, nos que esperamos sacar partido a diferentes xeitos de ver e traballar co próximo, contando coa axuda colaborativa e formativa específica destes plans e dos que os lideran. A participación nestes proxectos, en especial cando se consigue un traballo de equipo, dota de innovación educativa á labor docente. Ese é outro dos nosos obxectivos: a optimización dos recursos na mellora do noso labor diario, considerando que o este pasa por crear situacións de aprendizaxe (para alumnado, profesorado e familias) innovadoras e que vinculen o aprendido ao emocional, comprometéndonos, así, co obxecto de aprendizaxe e influíndo no desenvolvemento integral e continuado das persoas que formamos esta comunidade. Neste sentido, non podemos esquecer, como cuarto e último gran obxectivo xeral, o noso compromiso coa autoformación que, como profesores, debemos potenciar a nivel individual e grupal, para a nosa mellora profesional, e que, coa participación neste Plan, dará un novo pulo, habida conta de que seremos un grupo de profesores camiñando por este novo espazo, aprendendo uns doutros e das propias experiencias que vivamos. ORGANIZACIÓN, DESENVOLVEMENTO E METODOLOXÍA Aínda que é labor de grupo, o Plan Proxecta estará organizado polos coordinadores en colaboración coa Dirección do centro, no sentido de dar unha vertente transversal ás accións e liñas de traballo que se propoñan.

Novembro, 2012


P.E. Plan Proxecta

Coñecidas estas pola comunidade, negociadas nos detalles máis prácticos, o profesorado decidirá a participación no nivel de compromiso que se adapte aos seus tempos educativos e aos seus intereses específicos, sen abandonar a liña común de traballo. Durante e despois de cada acción, avaliarase a actuación e valorarase a necesidade de modificacións en situacións vindeiras, asi como a necesidade de seguir no traballo común. Esperamos que o coñecemento destas accións, seguramente máis puntuais ao inicio, cree o caldo de cultivo preciso para o compromiso de todos. Levarase unha recollida de información por cada unha das liñas de traballo, compartíndoas coa comunidade no blogue que o centro creou a tal efecto http://planproxectaceipsanxoan.blogspot.com.es/ que servirá, tamén, como guía para a elaboración da memoria de fin de curso, coas implicacións que, oficialmente, terá nos documentos: memorias de ciclo, área e centro. Igualmente, vincularase esta información a todos os espazos web do centro, de xeito que, para os que desexen coñecer a nosa comunidade educativa e o noso estilo de ensino – aprendizaxe, sexa unha característica definitoria dotada de visibilidade, como unha seña do noso traballo. Somos conscientes de que é o noso primeiro ano neste sentido, polo que teremos que estar abertos á aprendizaxe e ao compromiso crecente, procurando, por parte dos profesores máis concienciados, esa dose de entusiasmo que non decai na nosa profesión e que é imprescindible na consolidación de plans educativos compartidos. Estaremos abertos ás experiencias doutros centros, entrando a colaborar coa rede que se creará con esta iniciativa, procurando achegar as nosas ideas e adaptando as doutros, partindo, por tanto, non de cero, senón dese punto compartido que crea unha conciencia educativa común. AVALIACIÓN Cada un dos plans que forman o Plan Proxecta contará cun espazo valorativo continuo que terá que ser redactado ao fin de curso, non tanto como exposición de logros, senón como fundamento para a toma de decisións posteriores. O Plan Proxecta inicia andaina no CEIP San Xoán coa intención de durar no tempo, facéndose parte do noso PCC e PXA, polo que a toma de decisións posterior á realización de liñas de traballo concurrentes para todo o profesorado será fundamental, e fundamentada será a redacción dos obxectivos subseguintes. Como xa queda dito, cada unha das accións educativas será avaliada por separado, en actitude colaborativa e compartida por todos (profesorado e alumnado; as familias cando for mester) e ao fin de curso, será motivo de xuntanza de claustro a valoración xeral do desenvolvemento do proceso, servíndonos dos instrumentos valorativos que sexan precisos, formando unha parte máis da avaliación de todos os outros procesos educativos do centro, habida conta do carácter transversal co que, desde o seu inicio, estaremos a dotar a este plan e as accións desenvolvidas ao seu abeiro.

Novembro, 2012


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.