Infantia

Page 11

Tollere infantem Como xa apuntamos na primeira parte, un recén nado en Roma había pasar unha serie de obstáculos antes de ser considerado un membro de pleno dereito na familia e na comunidade. Logo de nacer e de ser examinado coidadosamente pola comadroa, o bebé era presentado ao paterfamilias, porque en último termo era el quen decidía se o recén nado ía, ou non, a quedar no seo da súa familia: o pai debía aceptalo como fillo lexítimo. Para levar a cabo este ritual, o infans era colocado aos pés do pai, quen, se o recoñecía, levantábao do chan (se se trataba dun home) ou mandaba que lle desen de mamar (se se trataba dunha muller). Só logo deste trámite, o neno recibía, por fin, os seus primeiros coidados. É neste momento cando empeza a actuar todo ese séquito de divindades, do que falabamos no artigo anterior, que ten como función protexer ao recén nado en cada unha das súas etapas. No ritual da aceptación é a deusa Levana a que está presente, protexéndoo durante ese momento tan crítico. Hai autores, con todo, que poñen en cuestión a existencia deste ritual, aducindo a falta de probas filológicas ou iconográficas (vid. O neno na Galia Romana, G. Coulon). Tal vez a razón desta falta se deba, precisamente, á mesma concepción de ser pai que tiña un romano, dado que en Roma non había obrigación para cos fillos: o pai non tiña un fillo, acollíao ou non, simplemente. Que ocorría, con todo, se o neno nacera con algunha malformación e, en consecuencia, non era presentado ao pai? Segundo Séneca, en De Ira I, XV, 2, o neno era eliminado mergullándoo en auga:

Portentosos fetus extinguimus, liberos quoque, si debiles monstrosique editi sunt, mergimus; nec ira sed ratio est a sanis inutilia secernere. (Destruímos os fetos monstruosos, tamén aos nosos fillos, se nacen enfermos ou malformados, afogámolos; pero non é a ira, senón a razón, a que separa aos inútiles dos elementos sans) Tamén podía ocorrer que o bebé, aínda sendo san, non fose aceptado. Nese caso, era abandonado e exposto na Columna Lactaria, situada diante do templo da Pietas. Este templo, do que Plinio nos conta a orixe, estaba onde despois se erixiu o teatro de Marcelo. Unha zona moi concorrida, de camiño ao foro, que cumpría, así, co seu labor: os nenos expostos na columna eran vistos por moita xente, de maneira que podían ser recollidos por parellas que non puidesen ter descendencia, para crialos como fillos, pero tamén podían ser recollidos para destinalos á escravitude ou á prostitución. No peor dos casos, simplemente podían morrer de frío ou inanición.

Pietatis exempla infinita quidem toto orbe extitere, sed Romae unum, cui comparari cuncta non possint. humilis in plebe et ideo ignobilis puerpera, supplicii causa carcere inclusa matre cum impetrasset aditum, a ianitore semper excussa ante, ne quid inferret cibi, deprehensa est uberibus suis alens eam. quo miraculo matris salus donata pietati est, ambaeque perpetuis alimentis, et locus ille quidem consecratus deae, C. Quinctio M'. Acilio cos. templo Pietatis extructo in illius carceris sede, ubi nunc Marcelli theatrum est. Plinio, Nat. Hist., VII, 121 Atopamos por todas partes exemplos infinitos de piedade, pero Roma ofrece un co que ningún outro pode ser comparado: unha muller do pobo, cuxa escura condición roubounos o nome, acababa de dar a luz cando a súa nai foi recluída nunha prisión para sufrir alí o suplicio do fame. Conseguiu ir vela, pero, vixiada sempre polo carcereiro para que non lle levase alimento algún, foi sorprendida aleitando á súa nai. Por este feito admirable outorgaron o perdón á nai pola piedade da filla, outorgáronlles ás dúas alimentos para sempre e o lugar onde ocorreu a escena foi consagrado á deusa Piedade, á que, baixo o consulado de C. Quinto e de Manio Acilio (ano de Roma 604), erixíuselle un templo sobre o emprazamento da prisión. É onde está hoxe o teatro de Marcelo.

11


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.