Centro de Coñecemento Compartido La Molinera

Page 1

Moción do Grupo Municipal Ourense en Común a presentar no pleno ordinario do mes de febreiro (05/02/2016) Centro de Coñecemento Compartido La Molinera Moción presentada para recadar proxectos e posibles usos complementarios

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN O día 16/01/2016 o grupo municipal Ourense en Común tivo coñecemento polos medios de comunicación, como xa é norma na actual corporación, da desaparición de material informático de propiedade municipal adscrito ao Centro de Coñecemento La Molinera. Segundo estas mesmas fontes, xa que logo non foi remitido a este grupo nin escrito nin copia algunha do inventario tal e como foi solicitado na Xunta de Área de Facenda e Servizos Xerais do 19/01/2016, o montante total do material desaparecido ascende a 21.178,90€. Segundo se deduce das declaracións do concelleiro responsable de Servizos Xerais, e polo tanto da administración da infraestrutura, dito material foi correctamente recibido e a súa desaparición sucede cando este queda en mans da propia institución municipal ao contar cos albarás que certifican a súa entrega por parte das empresas provedoras. Así o defendía D. Jorge Pumar Tesouro en declaracións a diferentes medios de comunicación e na mesma acta anteriormente citada. D. Martiño Xosé Vázquez Mato pide información sobre a falla de material no edificio de La Molinera. D. Jorge Pumar contesta que coa ocasión da previsión inminente de posta en marcha do edificio se solicitou un inventario do material existente e foi cando se puido detectar a falla dalgún material, motivo polo que o se interpuxo a correspondente denuncia. Recorda D. Jorge Pumar que ese material fora adquirido no ano 2012, cando non estaba rematado o edificio, pero para evitar perder a subvención, deste xeito, e non estando rematado o edificio o material foi trasladado a diferentes dependencias municipais, ata que se rematou a obra momento no que se volve a trasladar o material ao edificio. Engade D. Jorge Pumar que o edificio conta con todas as medidas de seguridade. D. Martiño Xosé Vázquez Mato solicita copia do inventario. (Extracto da acta do 19/01/2016 asinada polo Secretario Javier Freire Gallego e a Presidenta A.M. Fernández Morenza)

A desaparición de material informático de titularidade municipal en dependencias do propio Concello de Ourense é un novo desatino a sumar nunha lista que non para de medrar dende que no ano 2012 a empresa adxudicataria do proxecto entrara en concurso de acredores. Aquela eventualidade provocaría na apertura do centro un retraso aínda presente así como ter que asumir custes inesperados en seguridade e execución. O novo equipo de goberno, resultado do cambio na corporación derivado das eleccións municipais de maio de 2015, presentábase a aquela cita electoral co compromiso decidido de Redefinir e por en valor infraestruturas como o [...] Centro de Coñecemento La Molinera [...] maximizando a súa utilidade na procura da creación de emprego local (Programa Electoral do Partido Popular de Ourense 2015 – Pto. 81).


EPÍLOGO: Malia que os obxectivos de redefinición e maximización da infraestrutura sexan loables, calquera uso do Centro de Coñecemento La Molinera debería estar orientado á aplicación e desenvolvemento de novas tecnoloxías como marcaba o proxecto finalista subvencionado pola Unión Europea. Razón que, xunto a urxencia da súa apertura, semellan estar detrás da intención manifestada polo equipo de goberno de trasladar a Aula CEMIT da Xunta de Galicia as súas instalacións. Integrar esta aula informática nas instalacións sitas na contorna do Río Barbaña pode ser un acerto, non só como se ten apuntado dende o Partido Popular por supoñer un aforro próximo aos 2.000€ ao mes de alugueiro da súa anterior sede na Rúa Progreso, senón que tamén e principalmente porque permitirá por fin poñer en marcha este centro orientado a poñer as novas tecnoloxías ao servizo da cidadanía. Aínda que sexa dentro da rede de centros impulsados pola Xunta de Galicia para promover a capacitación dixital e a incorporación das novas tecnoloxías á aprendizaxe. Malia ao anterior, dende Ourense en Común entendemos que unha inversión próxima aos 2 millóns de euros como a realizada no lugar obriga a explorar tamén outras vías funcionais posibles para poder optimizar tanto a infraestrutura como o material tecnolóxico adquirido e en desuso. Son moitas as posibilidades e compatibles entre si: -

Servizo de Mentoring para o asesoramento de iniciativas empresariais e novos profesionais ligadas coas TIC.

-

Fabrication Laboratory (Fab lab) para a produción de obxectos físicos a escala persoal con ampla demanda social.

-

Arquivo virtual e laboratorio de recuperación e posta en valor da memoria local e patrimonio oral.

-

Servizo audiovisual.

Solucións estas, e moitas outras máis como a propia investigación e innovación nas TIC ligada ao propio Campus de Ourense, que deberían ser debatidas e consideradas coa maior participación se en verdade se pretende acadar un verdadeiro Centro de Coñecemento asentado baixo os piares da cooperación e networking.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación o seguinte ACORDOS: 1.

Que o Concello de Ourense organice unha xornada de portas abertas ao Centro de Coñecemento La Molinera, cun chamamento aberto á participación, para recadar proxectos e propostas sobre posibles usos complementarios.

E para que conste aos efectos oportunos Martiño Xosé Vázquez Mato, en calidade de concelleiro e voceiro do grupo municipal de Ourense en Común, asina o presente documento en Ourense a 01/02/2016

Asdo. Martiño Xosé Vázquez Mato


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.