Manifesto de chamamento a organizacións e cidadanía

Page 1

Van para tres anos que o camiño de Ourense en Común comezou á beira do Miño. Un grupo de persoas diversas acordaron que era chegado o momento de tentar xuntar forzas e darlle unha volta ao xeito de facer política. Coa ollada posta nas eleccións municipais de 2015 e escoitando o eco que se facía notar entre xentes de Ourense que pedían un esforzo colectivo para trazar liñas verdes entre entidades, colectivos, activistas, partidos, asociacións que habitaban a cidade e na procura do ben común. Esa volta de foco no “como” facer política tiña como pés de apoio os principios de participación, horizontalidade e transparencia. Chegaba a hora de dar a palabra ao pobo non só para votar, senón para determinar o quen e o como habería de construírse unha candidatura municipal na vella Auria. O nacemento de OUeC non foi o big bang da política ourensá. Moitas e moitos, antes que esta candidatura cidadá, fixeron política transformadora na cidade e fixérona ben. As forzas políticas con asentamento no noso concello que teñen unha acreditada traxectoria de loita polos intereses da maioría social foron, son e serán fundamentais para a construción da alternativa que precisamos cara a 2019. Pero é coa suma fraterna de todas elas, que esa alternativa se vai facer posible. Segue logo vixente a necesidade desta casa común que o espazo de confluencia ofrece a todas elas, para que xunto con aquelas outras persoas da cidade que sentiron o chamado ao activismo, dende o Nunca Máis ou dende o 15M, pulen por dar fin dunha vez por todas á era do caciquismo, o nepotismo e as políticas ao servizo dos beneficios privados dunha elite socioeconómica. Tres anos despois do chamamento inicial, OUeC relanza o seu proceso de confluencia co convencemento de que é o único camiño para fortalecerse e amosar que os argumentos que o axudaron a nacer seguen vixentes na actualidade. Chamamos a todas aquelas asociacións, partidos e colectivos con actividade no concello de Ourense e que compartan os principios que deron corpo a este espazo de confluencia a tender a man con xenerosidade e a se encontrar novamente as unhas coas outras para dar forma á candidatura e ao programa de 2019. Porque é no diálogo honesto dunha asemblea, ou na escoita activa dentro do seo dun grupo de traballo onde mellor se poden contrastar ideas e proxectos para construír un común que nos represente a todas. Un proxecto que segue asentado no manifesto que encetou este camiño, que comeza con "Amamos Ourense" e que fala da vontade de conformar unha ferramenta política que loite por dar unha vida mellor, máis xusta e digna á cidadanía ourensá. O novo Ourense en común ha de ser un espazo aínda máis xeneroso, máis aberto, rico na súa diversidade e baseado no apoio mútuo. Porque confluímos para influírnos, para contaminarnos as unhas ás outras da nosa maneira de entender isto de facer política. E farémolo dende abaixo, en igualdade de condicións, cooperando e construíndo ferramentas que fagan asequible a participación política a todas aquelas persoas que se queiran achegar a formar parte. Pero non seremos só unha suma de partes, senón que haberemos de ser capaces de mellorarnos e crear novos métodos que permitan a todas as que queiran dar o seu apoio ter capacidade de decisión na construción da candidatura e do programa electoral. Polo tanto, novamente o Grupo de Traballo de Apertura ponse á disposición de todos os colectivos que se sintan interpelados por este chamamento en ola@ourenseencomun.info para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer a vía de comunicación necesaria para fixar xuntanzas. É hora de irmandarnos e dar forma aos encontros de confluencia con reunións transparentes que permitan que o proceso sexa observado dende fóra, ampliando así a confianza mútua e á procura dos maiores índices de radicalidade democrática.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.