Chamamento ás organizacións

Page 1

CHAMAMENTO DE OURENSE EN COMÚN ÁS ORGANIZACIÓNS POLÍTICAS E SOCIAS CONSENSUADO NA ASEMBLEA DO 27/ 27/10/2014 10/2014

Dende Ourense en Común fixemos un chamamento á cidadanía para unirse nun proceso de construción horizontal coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais. Un chamamento a partir da publicación, o 18 de setembro de 2014, dun manifesto de máximos fundamentado en tres piares que pretenden mudar por completo o modo de facer política no Concello de Ourense: transparencia, participación e horizontalidade. Este chamamento só tomaría forma de candidatura cidadá se era respaldadoalomenos por 1500 sinaturas o día 11 de novembro. Unha vez avalado o proceso, dende OeC queremos ir máis aló. Somos conscientes de que moitas de nós e moitos veciños e veciñas de Ourense levan anos loitando por unha correcta xestión municipal dende diversas agrupacións, perspectivas e xeitos de entender a acción colectiva que pouco ou nada teñen que ver coa situación actual na casa consistorial. É por isto que Ourense en Común non pretende substituír nin suplantar ningunha destas organizacións que xa traballaban en Ourense, senón que pretende ser un espazo de agregación e confluencia de todas elas, onde se poidan aproveitar e darlle vías de participación a todas as ideas e proxectos que compartan os principios apuntados arriba. Unha suma de xentes, de colectivos e agrupacións. En definitiva, unha suma da maioría social que poña fin dunha vez por todas ás políticas ditadas polas elites económicas e poña ás institucións municipais ao servizo dos veciños e as veciñas do noso concello. Neste obxectivo é prioritario contar con todas as voces e todas as vontades posibles. Entre elas tamén as das organizacións políticas e sociais cun traballo xa contrastado en defensa destes principios. Por iso facemos un chamamento público a todas elas para que se unan á marea democrática que vén, que se unan para construír un Ourense mellor, un Ourense en Común.

Por que unirse a Ourense en Común? Ourense en Común pretende ir máis alá dun simple agregado de siglas ou organizacións. Cremos que unha plataforma cidadá pode ser o vehículo perfecto para poñer en común todas as ideas e proxectos colectivos que percorren o concello, para que sexan enriquecidas polo contacto coa cidadanía, poñelas ao servizo de todas e impulsalas de xeito que cheguen a ser determinantes no goberno municipal.

Que ofrece Ourense en Común? Aspiramos a que se converta no espazo de confluencia de todas e todos. Pensamos que as organizacións políticas e sociais poden atopar nel o lugar onde dar a coñecer os seus proxectos, onde enriquecelos coas achegas dos veciños e veciñas da cidade e onde utilizar todo o traballo realizado para construír colectivamente un programa de goberno radicalmente democrático e que defenda os intereses da maioría da poboación ourensá. Ourense en común pretende configurarse como un lugar onde cidadás e organizacións políticas e sociais teñan un espazo para poñer en común as súas ideas e proxectos sobre a cidade, de xeito que, entre todas, poidamos levar ese programa ao Concello de Ourense.

Que pide Ourense en Común? Xenerosidade. Xenerosidade para poñer a disposición de todas o traballo realizado. Xenerosidade para aceptar a mutación e construción colectiva a partir do xa feito, para poder asumir entre todas ese traballo, facelo propio e multiplicar a súa potencia. Xenerosidade para aceptar a diversidade baixo os mínimos comúns fixados no manifesto e que todas compartimos. Xenerosidade para entender a diferenza como un elemento enriquecedor. Xenerosidade para, en fin, incorporarse dende abaixo a este proceso colectivo. Apoio.Ourense en Común quere pedir a todas as organizacións que se sintan identificadas co proxecto un apoio público e explícito ao mesmo, na medida das súas posibilidades, así como a participación de todas as persoas que forman parte da organización, en igualdade de condicións co resto dos veciños e veciñas de Ourense.

Como o facemos? A comunicación entre as organizacións políticas e sociais de Ourense en Común debe ser fluída, flexíbel, transparente e multidireccional. Dende xa o Grupo de Traballo de Apertura ponse á vosa disposición en ola@ourenseencomun.info para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer vías de construción conxunta. Queremos abrir os nosos grupos de traballo sectoriais e territoriais ás diferentes militancias e activismos, procurando un equilibrio entre o carácter esencialmente cidadán de Ourense en Común e a necesaria participación dos veciños e as veciñas xa


organizadas. E queremos facelo con total transparencia. Os achegamentos, reunións e acordos deben ser públicos e sen outros condicionantes previos que os derivados da propia natureza do proceso. Os principios básicos que entendemos deben rexer este espazo de encontro son os seguintes: - Cooperación. Ourense en Común non desenvolverá ningunha iniciativa nin ferramenta que xa fose activada por outros axentes colectivos no mesmo contexto, senón que cooperará con eles. - Confluencia. Ourense en Común non pretende xerar unha nova organización política para competir con outras, senón abrir un espazo de confluencia entre as que xa existen e a cidadanía. - Creatividade. Malia ao anterior, Ourense en Común non pode ser tampouco unha simple suma do que hai, e debe dotarse dun método que multiplique e vaia máis alá do existente. - Inclusión. As iniciativas e ferramentas de Ourense en Común serán asequíbeis ao conxunto da cidadanía, e non únicamente a aquela xa organizada politicamente. - Adhesión individual. As persoas, pertenzan ou non a unha organización política, e fóra do que nelas representen, integraranse en Ourense en Común de xeito individual e dende abaixo, fomentando a organización horizontal e sen dirixismos. - Autonomía. A cidadanía terá capacidade de decisión plena en todo o proceso de Ourense en Común, non será únicamente o seu aval. As ferramentas e métodos de traballo serán coherentes con este principio.

O obxectivo último de Ourense en Común é gañar as eleccións municipais de maio de 2015 para transformar radicalmente o Concello na próxima lexislatura. Ourense en Común non é un partido político, é unha ferramenta para “redemocratizar” a institución municipal e fomentar o empoderamento das veciñas e veciños promovendo un espírito crítico e proactivo que impida que a ineficacia actual, o desgoberno e a corrupción se repitan de novo no futuro. Para recuperar, en fin, a nosa dignidade como persoas e a nosa dignidade como pobo. Neste obxectivo non sobra ninguén. Todas somos necesarias.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.