Contos clásicos

Page 1

CELEIRO-VIVEIRO NOME:------------------------------------------------------------------ CURSO:-------------“NOVO FINAL” e OBRA PLÁSTICA


O LOBO E OS TRES PORQUIÑOS POPULAR

Esta é a historia de tres porquiños que vivían no bosque, aos que roldaba un lobo moi, pero que moi fero. Para protexerse do lobo decidiron construír cadansúa vivenda. O irmán máis novo, fíxoa de palla para acabar antes e ter máis tempo para xogar. O porquiño mediano, que era un pouco máis traballador, construíuna de madeira e tívoa lista en menos de cisco días; e o irmán maior, que coñecía moi ben as malas artes do lobo, botou un mes enteiro facendo unha casa de ladrillo. Cando a rematou, reprendeu aos seus irmáns dicindo:

-Xa veredes como o lobo conseguirá derrubar as vosas casas. Chegado o inverno, un día viron ao lobo detrás dunhas árbores e refuxiáronse os tres en cadansúa casa pechando portas e fiestras. O lobo dirixiuse á casa do porquiño máis novo e cando viu que estaba construída de palla relameuse de gusto pensando na papatoria que estaba a piques de darse. Rapidamente, bateu na porta do porquiño dicindo:

-Ábreme, porquiño! -Ai lobo, non. Non che deixo entrar. -Soprarei e resoprarei e esta casa derrubarei. -E soprou e resoprou, e esta casa derrubou. O caso foi que soprando e resoprando o fero animal terminou por derrubar a casiña de palla. Morto de medo, o porquiño liscou pola porta de atrás e correu a refuxiarse na casa do irmán mediano. Entre os dous atrancaron portas e fiestras confiando en que o lobo non podería derrubar a casiña de madeira. Cando chegou o lobo, bateu na parta dicindo:

-Ábreme, porquiño! -Ai lobo, non. Non che deixo entrar. -Soprarei e resoprarei e esta casa derrubarei. -E soprou e resoprou, e esta casa derrubou O lobo encheu os seus pulmóns de ar e soprando e resoprando guindou ao chan a casiña feita de paus. Case sen forzas, os dous irmáns correron a refuxiarse na casa do maior dos porquiños. O lobo encamiñouse cara á porta da casa de ladrillo onde se agochaban os tres irmáns e golpeou a porta dicindo:

-Ábreme, porquiño! -Ai lobo, non. Non te deixo entrar. -Soprarei e resoprarei e esta casa derrubarei. -E soprou e resoprou, e esta casa non derrubou. O lobo encheu os seus pulmóns de ar e fartouse de soprar e resoprar con todas as súas forzas. Esta vez a casa de ladrillo non se moveu. Tolos de ledicia, os porquiños decidiron celebrar a súa victoria preparando unha riquísima cea. Sentados á mesa, cantaron e bailaron toda a noite:

-Tortas de mel os porquiños fixemos pero ao lobo nada lle demos. Furioso pola súa derrota, o lobo comezou a dar voltas arredor da casa buscando algunha forma de entrar. Finalmente, decidiu intentalo pola cheminea, pero o maior dos porquiños adiviñando as intencións do lobo, puxo unha pota de auga a ferver, de tal xeito que cando o famento lobo comezou a baixar polo conduto da cheminea chamuscou o cu e liscou do lugar a fume de carozo.


OS FABÓNS MÁXICOS HANS CHRISTIAN ANDERSEN

Había unha vez unha muller viúva que vivía nunha cabana do bosque na compaña do seu fillo Xan. Como eran moi pobres, a nai decidiu vender a única vaca que posuían.

-Leva a vaca ao mercado e tenta vendela pola maior cantidade de cartos posible. Xa oíches á miña nai, Branquiña! Debemos poñernos en marcha. A medio camiño, Xan tropezou cun pequeno trasno que levaba unha saca de fabóns ás costas. Este quedou mirando para a vaca do rapaz e exclamou:

-Cámbioche a vaca por esta bolsa de fabóns. Son máxicos. Se aceptas, asegúroche que te farán rico para sempre. Ti só debes plantalos e eles medrarán e medrarán ata chegar ao ceo. -De acordo! A miña nai porase moi leda cando lle dea a boa nova! Cando Xan deu a nova á súa nai, esta reaccionou de forma ben distinta a como imaxinara o rapaz.

Fabóns máxicos? Pero ti non ves que non son máis que simples fabas? É que queres que morramos de fame? Crendo que timaran ao seu fillo, a nai guindou a bolsa de fabóns pola fiestra e reprendeu a torpeza do rapaz. Cando Xan se ergueu ao día seguinte descubriu con sorpresa que as fabas medraran tanto durante a noite que a súa planta perdíase de vista entre as nubes.

-Anda! Pois vai ser certo o que dixo o trasno. As fabas son máxicas! Nun chiscar de ollo, Xan agatuñou polo talo da pranta ata chegar a un estraño país. Alí albiscou un gran Castelo gobernado por un malvado xigante que tiña un cofre máxico do que xurdía unha moeda de ouro cada vez que se abría. Despois de ter fartado a súa fame cunha abondosa cea, o xigante durmiuse ao compás dunha arpa que tocaba soa as máis doces melodías. Daquela, Xan saíu do seu agocho, colleu o cofre máxico e cando quixo liscar con el, a arpa comezou a berrar dicindo:

-Ao ladrón! Ao ladrón! Esperte vostede, meu amo! Que lle rouban o cofre! -Brim, bram, brom cheiro a carne de ladrón; se lle boto a pouta enriba, sácolle o pelo dun tirón! Vendo o que acontecía, o xigante botou a correr detrás do rapaz. Cando Xan empezou a descender polo talo dos fabóns descubriu asustado que o xigante facía o mesmo. Pouco antes de chegar á súa cabana do bosque, o rapaz berroulle á súa nai:

-Mamá, mamá! O machado, rápido! Que me persegue un xigante! Atendeu a súa nai o encargo, e Xan curtou o talo dos fabóns dun machetazo. Tras o impacto, o xigante caeu ao chan

con gran rebumbio. Tal como dixera aquel estraño

trasno, grazas ás moedas de ouro que había dentro do cofre do xigante, Xan e mais a súa nai viviron ricos e felices o resto das súas vidas.


CARAPUCHIÑA VERMELLA IRMÁNS GRIMM

Era unha nena que vivía coa súa nai nunha fermosa casiña preto do bosque. Chamábase Carapuchiña Vermella porque a súa nai tecéralle unha preciosa capa de la vermella que tiña unha carapuchiña para protexer do frío a loira melena da rapariga. Un día a súa nai fíxolle un encargo especial.

-Carapuchiña, serías capaz de ir soa á casa da avoíña?. -Claro que si, mamá. Non me dá medo atravesar o bosque soa. -Pois lévalle á avoa este cesto cheo de comida e asegúrate de que se encontra ben. Ah!, e non te deteñas con ninguén polo camino. Pronto chegará a noitiña e non quero que regreses tarde á casa. Para chegar á cabana da súa avoa, Carapuchiña debía atravesar o bosque e non sempre estaban os camiños libres de perigos. Ao adentrarse no bosque, achegouse á nena un lobo moi fero que a saudou cortésmente.

-Boa tarde, Carapuchiña. A quen levas esa cestiña chea de ricos alimentos? -Vou ver á miña avoíña que vive na casa que hai do outro lado do bosque. A coitadiña estache un pouco arrefriada. Carapuchiña púxose a falar co lobo desoíndo os bos consellos da nai e ignorando o perigo grande que estaba a correr. -Así que a túa avoíña está arrefriada, eh? Que pena, peniña, pena! Non é boa cousa estar arrefriado. Mira! Vaite por este caminiño, é máis curto e chegarás antes. Así terás máis tempo para estar coa túa avoíña. -Vaia, que lobo máis simpático! Non sei por que a xente lle ten tanta manía. Carapuchiña deulle as grazas ao lobo sen saber que, en realidade, este mandáraa polo camino máis longo. O plan do astuto animal consistía en chegar antes que a nena, devorar á avoa enferma e agardar alí disfrazado coa roupa da velliña. Cando o lobo chegou á cabana a avoíña correu a gardarse dentro do armario.

-Vaia home! Tamén é mala pata! Teño o estómago baleiro e a avoíña non sei onde se meteu! Poñendo os lentes e o gorro de durmir da anciá, o famento animal meteuse na cama e esperou impaciente a chegada da nena. Cando chegou á casa da súa avoa, Carapuchiña estrañouse ao vela metida na cama. Polo seu aspecto imaxinou que quizais o seu estado de saúde empeorara nas últimas horas. -Avoa, atópaste ben? Avoa, avoíña… que dentes máis longos tés! -Son moi longos e afiados para poderte comer!!! Perseguida polo lobo, Carapuchiña berrou e berrou asustada mentres corría pola habitación. Atraído polos berros da cativa un leñador entrou na casa empuñando o seu machado e o lobo fuxiu, coma se adoita dicir, co rabo entre as patas. Dende entón, Carapuchiña seguiu sendo unha nena feliz, pero nunca máis volveu desoír os consellos da súa nai.


OS MÚSICOS DE BREMEN IRMÁNS GRIMM Había unha vez un burro que traballaba nunha horta de sol a sol. Cando o burro foi facéndose vello, e como xa non resultaba de utilidade para o seu amo, este dicidiu levalo ao matadoiro. Pero o pobre animal, adiviñando as intencións do seu amo, fuxiu da granxa a noite antes do fatal desenlace.

-Que tremenda ruindade! Toda unha vida traballando para el e así mo agradece! Irei a Bremen e cumprirei o meu gran soño: Fareime músico da banda municipal. -Ei, amigo, a onde é que vas con tanta présa? Quen así falaba era un can de caza que o burro atopou deitado á beira dun palleiro.

Corro porque o meu amo quere matarme…di que agora que son vello xa non lle sirvo para nada. -Pois xa somos dous! A min por deixar escapar dous coellos, o meu amo abandonoume no medio do monte. -Valente malvado! Se che apetece, podes vir comigo a Bremen. Alí poderás facerte músico da banda municipal. Eu tocarei a trompeta; ti que instrumento sabes tocar? -Sempre me gustou tocar o tambor. Fíxate que redobres son quen de facer… E collendo dou paíños do chan comezou a batelos contra unha casca de piñeiro. Seguiron camiño xuntos ata que, pasada media hora, atopáronse cun gato. Burro e can detiveron a súa marcha.

-E a ti que che pasa? Como é que estás tan triste? -Como son vello, a miña ama quere botarme da casa. Marcharei para Bremen á procura dun novo fogar. -Está ben. Podes unirte a nós, iremos a Bremen e traballaremos de músicos na banda mucicipal. Alí construiremos un novo fogar. -Eu toco o violín de impresión. Queredes que vos bote unha peciña? Mentres o gato facía a súa interpretación, seguiron camiñando ata que nunha congostra do camiño atoparon a un galo subido enriba dun poleiro.

-Que mala pata! Que mala pata! Toda a vida traballando de espertador e mañá queren facer sopa comigo… -Pero chaval, acaso non tes cerebro debaixo desa crista? -Únete ao grupo. Imos tocar na banda municipal de Bremen. -E cos primeiros cartos que gañemos mercaremos unha casa e quedaremos a vivir nela para sempre. -Grazas, amigos. Acepto encantado a vosa invitación. Como a cidade de Bremen aínda quedaba lonxe decidiron pasar a noite na pousada máis próxima. Cando chegaron a ela, o burro asomou por unha fiestra e descubriu a unha banda de ladróns que estaba a contar o diñeiro furtado nas súas argalladas.

-Compañeiros! Debemos traballar en equipo. Hoxe daremos o noso primeiro concerto xuntos. Estades preparados? Todos á de tres! Un, dous e tres…! Os catro animais comezaron a tocar a súa música: o burro orneaba coma unha trompeta, o can mallaba no chan de madeira coma se se tratase dun tambor, o gato miañaba coma un violín desafinado e o galo entoaba uns agudos tan finísimos que todos os cristais da casa comezaron a caer estrepitosamente ao chan. Os ladróns berraron asustados:

-Fuxamos! A casa está encantada! Acto seguido, os catro músicos sentaron á mesa, cearon, apagaron a luz e botáronse a durmir. Sobra dicir, que os aterrorizados ladróns non se atreveron a aparecer nunca máis pola vivenda enmeigada. Así que, os catro amigos, fixeron dela o seu novo fogar.


A CASIÑA DE CHOCOLATE IRMÁNS GRIMM

Contan as lendas que hai moitos anos nunha remotísima aldea, vivía un leñador coa súa esposa e os seus dous fillos: Hansel e Gretel. Como era unha familia moi pobre, os pais dos nenos decidiron abandonalos no bosque, preto do palacio real, coa esperanza de que algún rico cortesán os adoptase. Enterados os rapaces, Hansel tratou de consolar á súa irmá dicindo:

-Non chores, irmanciña. Eu saberei a maneira de atopar o camiño de volta. -Prefiro pasar fame aquí que levar unha vida de luxos entre descoñedidos. Mestres os seus pais os conducían ao corazón do bosque, Hansel, que camiñaba uns metros máis atrás, ía guindando ao chan farangulliñas de pan que lles servisen de guía para atopar o camiño de volta. Cal foi a súa sorpresa, cando ao día seguinte descubriu disgustado que os paxaros do bosque coméranas todas. Tremendo de medo e frío, empezaron a dar voltas polo bosque ata que viron a luz dunha casiña que tiña as paredes cubertas de chocolate. Como estaban mortos de fame comezoron a comer e comer ata saciar o seu apetito. Non se decataron da presenza dunha anciá, quen amablemente, convidounos a degustar unha suculenta comida.

-Entrade, fermosos rapaces, entrade e comede de canto apetezades. A amable anciá era en realidade unha malvada bruxa que quería facelos traballar de criados na súa casa. Como os nenos estaban moi fracos para realizar as tarefas domésticas, a bruxa dicidiu encerralos nunha gaiola ata que engordasen. Así que todos os días preparáballes os máis exquisitos manxares. Para comprobar se os cativos engordaban, a bruxa pedíalles que botaran un dedo entre as reixas da súa gaiola, pero como non vía un burro a dous pasos, os astutos nenos amosábanlle uns ósos de polo que escolleran entre os restos de comida.

-Que raro! Seguides máis fracos que o fío dunha araña. Terei que aumentarvos a ración de comida. Entre papatoria e papatoria, os dous irmáns buscaban a maneira de liscar da casa. Un día, aproveitando que a bruxa prendera o forno para cocer pan, Gretel pediulle á anciá que lle permitise axudala. A nena revelou a Hansel as súas verdadeiras intencións.

-No momento que se despiste, pechareina no forno e poderemos escaparnos da casa. Allea ao plan da nena, a bruxa comezou a reprender á rapaza.

-Déixame a min, pedazo de parva. Como sigas atizando así as brasas conseguirás apagar o lume. Cando a bruxa se achegou a chafallar nas brasas…

-Socorro! Demo de rapaza! Gretel empuxouna e deixouna encerrada no formo. De seguido, a resolta rapaza colleu o feixe das chaves e correu a liberar a Hansel.

-Que valente es irmanciña! Agora corramos con todas as nosas forzas. -Espera un momento! Á bruxa non lle importará que nos levemos algunhas das súas xoias de recordo. Os dous irmáns abandonaron o seu cárcere de chocolate e saíron correndo cara ao bosque onde un cazador amosoulles o camiño da casa. Os seus pais choraron de ledicia cando os viron aparecer. Con todas as riquezas que levaban gardadas no peto nunca máis volverían a pasar penalidades.


O MAGO DE OZ (FRANK BAUM) Doriña era unha nena que vivía nunha granxa de Kansas en compaña dos seus tíos e do seu canciño, Totó. Un día, mentres a nena xogaba co seu can polos arredores da casa, viuse atrapada en medio dun tornado. Os tíos viron desaparecer no ceo a Doriña e a Totó, sen poder facer nada para evitalo. Doriña e o seu can viaxaron envoltos polo tornado e aterraron nun lugar totalmente descoñecido para eles. Alí, atopáronse coa bruxa do Norte.

- Señora, podería indicarme o camiño de volta á casa? -Non coñezo o camiño. Pero quizais o Mago de Oz poida axudarte a atopalo. -Daquela, como podo falar con ese mago? -Debes ir á Cidade Esmeralda seguindo ata o final ese carreiro de baldosas amarelas. Para que ninguén che faga dano dareiche estes zapatos máxicos que antes pertencían á malvada Bruxa do Leste. De camiño, nena e can tropezaron cun espantallo que pedía, incesantemente, un cerebro.

-Por favor, miña nena, lévame contigo á cidade Esmeralda. Se ese mago é tan poderoso como dis, quizais poida axudarme a conseguir un cerebro. -Está ben, meu amigo! Podes unirte a nós! Máis tarde, Doriña e o Espantallo atoparon un home de folla de lata que, sentado debaixo dunha árbore, choraba desconsoladamente.

-Por favor, podería acompañarvos a Oz? Quero pedirlle ao mago un corazón. Daría o que fose por volver a ter sentimentos. -Deixa de chorar. Podes vir connosco a consultar ao mago. Quizais el poida solucionar o teu problema. Os tres amigos continuaron xuntos o camino. Algún tempo despois, Doriña, o espantallo e o home de folla de lata bateron cun león bruando débilmente, asustado cos ladridos de Totó.

-Podo acompañarvos a ver ao mago? -Claro que si, amigo! E ti que queres pedirlle? -Talvez o mago poida darme un pouco de valor. Cando chegaron ao país de Oz, un gardián abriulles a porta do palacio, e finalmente puideron explicarlle ao mago o que desexaban.

-Valor! Un corazón! Un cerebro! Volver á casa! -Está ben! Concedereivos todos eses desexos a cambio dunha pequena condición: Debedes capturar á malvada bruxa do Oeste. Despois de aceptar a proposta, Doriña e os seus amigos foron capturados por uns monos voadores que os levaron ao Castelo da bruxa. Esta pediulle á nena que lle dese os seus zapatos máxicos, pero Doriña derrotou á bruxa guindándolle un caldeiro de auga á cara. Unha vez roto o feitizo, os catro amigos volveron a Oz para ver cumpridos os seus desexos. Cando chegaron a palacio, Totó, que era moi curioso, descubriu que o mago non era máis que un ancián que se agochaba detrás da súa figura. O home levaba alí moitos anos e construíra un globo para poder marchar.

-Non podes irte sen cumprir antes a túa promesa. -Non vos preocupedes, amigos! A ti, espantallo, dareiche un cerebro; ao home de folla de lata dareille un corazón e ao león dareille un xarope co que recobrará o veu valor. -E que pasa co meu regreso á casa? Doriña non tivo máis remedio que ir visitar a Glenda, a bruxa boa do Sur, para que a axudase a volver á súa casa de Kansas.

-Se queres volver, debes pensar con todas as túas forzas que en ningún sitio se está como na casa. E así o fixo. Cando espertou, oíu berrar aos seus tíos e saíu correndo da habitación. Todo fora un soño!!!


O TRAXE NOVO DO EMPERADOR HANS CHRISTIAN ANDERSEN Había unha vez un emperador que era moi, pero que moi presumido. Tan presumido era que gastaba parte da súa fortuna en facerse novas e luxosas vestimentas.Todo co único propósito de converterse no emperador máis elegante de todos os reinos do mundo. A tal efecto, tiña un exército de xastres traballando día e noite para el.

-Que lle parece este, maxestade? -Non, non e non. Este traxe é do máis anticuado. E que pensades que vou a un baile de disfraces? -Non, maxestade. Probade este. Sentaravos ás mil maravillas! -Que horror! Díxenvos ás claras que quería unha túnica de cor púrpura, non un farraposo, cotroso e repungnante coma este. Quero que me convirtades no emperador mellor traxeado de todas as cortes do mundo. Certo día, chegaron a palacio dous pillabáns que se facían pasar por costureiros. Rapidamente solicitaron audiencia á súa alteza real. Afirmaban ser uns afamados xastres chegados de Milán que viñan poñer o seu talento ao servizo do emperador. Este cando o soubo, recibiunos con todos os honores.

-E ben? -Excelencia, traemos na nosa equipaxe unha tea certamente marabillosa. -Así é, maxestade. Leva un fío tan fino que non poden vela os ignorantes. Só as persoas intelixente coma vostede. Asegúrolle á súa excelencia que cando a probe non quererá vestir xamais outra tea. Non rematara de oír tan asombrosa nova, cando o presumido emperador xa ardía en desexos de poñer un traxe feito con aquela marabillosa tea.

-Tomádeme, tomádeme as medidas canto antes. Quero que cosades para min o traxe máis rechamante que ninguén teña vestido nunca. O conto foi que os dous farsantes pediron para cumprir o seu encargo grandes sumas de cartos. Encerrados nunha estancia do palacio, facían crer a todo o mundo, que curtaban e cosían o vestido, cando, en realidade, non facían outra cousa que vivir a corpo de rei, rodeados de toda clase de luxos. O fachendoso monarca comezaba xa a impacientarse.

-Podo saber cando estará listo o meu novo traxe? -Un pouco de paciencia, maxestade. Comprenderedes que tan excelsa prenda non deba estragarse por facela a toda présa. E chegou por fin o día da proba. Cando os dous xastres lle ensinaron o traxe ao emperador, este quedou desconcertado.

-Polas barbas de Xúpiter! A dicir verdade non vexo o traxe por ningún lado! Pero terei que disimular. Non queira o demo que os meus súbditos pensen que o seu emperador é un panoco ignorante. Todos os habitantes da vila, agrupados baixo o balcón real, agardaban tamén a que o emperador desfilase co seu maxestuoso traxe. Cando este apareceu, fíxoo espido de pés a cabeza. Un gran silencio apoderouse entón da praza da vila, pero ninguén dixo nada para non ser tratado de burricán. Só un inocente neno, que ollaba a escena sentado no colo da nai, atreveuse a dicir:

-Mira mamá, o emperador está espido! -É certo, fixádevos. O emperador está en coiros. Ao escoitar as gargalladas dos seus súbditos, o emperador sentiu unha inmensa vergoña. Pero como toda cousa mala ten tamén o seu lado proveitoso, o emperador sacou daquel suceso unha valiosa lección: O importante nesta vida non son os traxes nin as vestimentas que nos cobren, senón actuar con humildade e sinceridade.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.