Receitas029

Page 1



LIMIAR

Cadernos gastronómicos 29

E case sen nos decatarmos, chegamos ao segundo trimestre. Pouco a pouquiño, imos acurtando o noso ronsel escolar. Nesta ocasión quixemos sumarnos ao traballo sobre o estudo do noso Patrimonio marítimo dentro do Plan Proxecta. Pensamos que sería bo adicarmos un monográfico a este tema: o Mar, que tan presente está na nosa vida diaria: na nosa toponimia, no noso hábitat marítimo, nas actividades económicas da zona, na nosa historia, na nosa paisaxe, nas nosas festas, na nosa literatura...; en definitiva no noso xeito de vida. Xa que logo, neste número ides atopar receitas cuxo ingrediente principal é o peixe; breves relatos situados a carón do mar e debuxos que nos evocan ese fermoso mar que, en Redondela, nos envolve. Daquela, aproveitade para gozar destas salgadas receitas que traen o arrecendo e a frescura do noso mar. IES MENDIÑO


Primavera 2018

CASTAÑETA ENCEBOLADA Ingredientes - Unha castañeta - Dúas cebolas grandes - 1 dente de allo - Un vaso de viño - Azafrán - Sal e pementa

Elaboración Para comezar, necesitamos unha castañeta pelada e cortada en filetes (4 filetes) e salpimentamos ao gusto. Despois, picamos a cebola en anacos moi pequenos e tamén o allo; dourámolo na tixola cun pouco de aceite. Aos poucos minutos, engadimos o vaso de viño e deixamos a cebola cociñarse ata que estea branda. No último momento engadimos o azafrán para que colla cor (revolvemos ben e así quedará uniforme). A continuación, nunha bandexa de forno, facemos unha cama de cebola, e reservamos a mesma cantidade máis ou menos para cubrir a castañeta. Colocamos os filetes enriba e cubrimos coa cebola restante. Metemos no forno, quentado previamente, a 200⁰ durante 20-30 min aproximadamente. Andrea Expósito

IES MENDIÑO


Cadernos gastronรณmicos 29

IES MENDIร O


Primavera 2018

FIDEUA CON CHOCOS E BERBERECHOS AO MODO MEDITERRÁNEO Esta receita estaba na carta do afamado restaurante Velis Nolis de A Estrada (Pontevedra), e o seu chef Jaume ensinaba a facela ao alumnado dos cursos de cociña que impartía. Hoxe aparece de forma ocasional na carta do novo Velis Nolis Bistró Ingredientes para 4 persoas: - 1 choco - 1/2 kg de berberechos - 1 pemento verde - 1 par de cebolas - allos - 250 g de fideo fino - 1/2 litro de caldo de peixe - aceite de oliva e xirasol, sal (e opcionalmente ovo)

Elaboración 1. Pícase moi fino o choco, a cebola, o pemento e un par de allos. Rustrimos a cebola, o pemento e os allos cun pouco de aceite de oliva, durante uns 10 minutos. Logo engadimos o choco e cociñamos uns 10 minutos máis. 2. Mentres, fritimos o fideo a lume suave, en abundante aceite de xirasol limpo, ata que colla algo de color. Escorrímolo ben de aceite e reservamos. 3. Engadímoslle o fideo fritido ao choco e as verduras, botamos o caldo e cociñamos a lume suave por 10 minutos aproximadamente. Axustamos o sal. Na metade da cocción, poñemos enriba os berberechos para que se cociñen un pouco. IES MENDIÑO


Cadernos gastronómicos 29

4. No remate da cocción, engadimos un pouco de aceite de allo. Para facelo, batemos un allo pequeno cuns dedos de aceite ata que faga unha crema branca. Removemos e deixamos cociñar 5. Se queremos, podemos usar ese aceite para facer un ali-oli. Cuns dedos de aceite e un allo pequeno picado, engadimos un ovo e volvemos bater. Ofrécese na mesa para acompañar a fideuá.

Iñaki Sánchez Arines

IES MENDIÑO


Primavera 2018

BERETE CON PATACAS AO FORNO Ingredientes: - 2 beretes - 1 tomate - ½ pemento vermello - ½ pemento verde - 1 allo porro - 1 cebola - Sal e cementa - Aceite de oliva - 1 vaso de viño albariño

Preparación Primeiramente collemos unha cebola, pelámola e lavámola. A continuación, limpamos os dous beretes e quitámoslles as escamas. Partímolos en toros, sazonámolos (co sal e a pementa) e reservámolos. Despois cortamos a cebola en xuliana, xunto cos pementos, o tomate e o allo porro. Pochámolos co aceite de oliva e engadímoslle un vaso de albariño. Pelamos as patacas, lavámolas e cortámolas en anacos pequenos. Por último, poñemos todo nunha fonte e forneámolo entre media hora ou 45 minutos a 180º. Valeria Crespo García (4º ESO)

IES MENDIÑO


Cadernos gastronรณmicos 29

As frores do meu amigo briosas vam no navio... Paio Gomes Charinho

IES MENDIร O


Primavera 2018 AQUÍ O MAR ACABA... Aquí o mar acaba e a terra principia. As estrelas alumean pola noite coma vagalumes pegados ao ceo. O mariñeiro recolle as redes e sae da gamela. Está mollado e vai frío, e pensa na calor da lareira cando chegue á casa mentres anda polo camiño de terra seca. Non hai ninguén por alí e o mariñeiro vai só, asubiando unha canción dalgún cantante inglés. De cando en vez sacode as botas para que caia a lama que teñen pegadas, e apenas se oen na noite as fregas da roupa contra a pel. Alexandre Lago (3º ESO)

IES MENDIÑO


Cadernos gastronómicos 29

CONGRO CON ERVILLAS E AMEIXAS Ingredientes - 5 toros de congro - 1 quilo de ameixas - ½ quilo de ervillas - 1 cebola grande - Viño branco - Caldo feito coa cabeza do congro - Allo, perexil e sal machucados - Un chisco de sal - Aceite de oliva virxe

Elaboración O primeiro é adubar o peixe co machucado de allo, perexil e sal e pasalo por fariña. Despois, nunha pota, botamos un pouco de aceite e a cebola cortada en anaquiños pequenos e deixámola pochar. Despois engadimos as ervillas e deixámolas facer un pouco (ata estaren brandas). De seguido botamos o peixe e facémolo polos dous lados; engadimos as ameixas, un chorro de viño branco e un pouco de caldo (de cocer a cabeza do congro). Botámoslle un pouco de sal e deixámolo a cocer, movendo a pota de cando en vez para que a salsa espese ben e se abran as ameixas. Como gornición, podemos pór unhas patacas cocidas en rodelas. Lola Míguez

IES MENDIÑO


Primavera 2018

RODABALLO AO FORNO

Ingredientes - Rodaballo cortado en toros (ou enteiro) - Cebola cortada en tiras (ou en rodiñas) - Pemento vermello e verde cortado en tiras - Allo en gran para adubar o peixe - Sal - Zume dunha laranxa - Aceite de oliva (½ vaso) - Viño branco (algo máis de ½ vaso) - Colorante ou azafrán - Pan relado - Patacas cortadas en rodas (algo máis grosas cás famosas “patatillas”)

Elaboración Bótaselle o sal e o allo en gran ao peixe. Nunha tixola ponse a dourar a cebola e os pementos. O peixe enseguida se fai, por iso eu gosto de douralo todo antes nunha tixola. Unha vez que temos o rustrido, bótase nunha fonte de forno co aceite incluído. Ponse enriba o peixe sazonado. Engádese o aceite de oliva. A continuación, e por riba do peixe, vaise botando o vaso de viño branco mesturado co colorante ou o azafrán, intentando que todo o peixe colla certa cor. Deseguido, déitase, tamén por riba do peixe, o zume da laranxa. Por último, cúbrese cun pouquiño de pan relado o peixe. Introdúcese no forno, xa prequentado IES MENDIÑO


Cadernos gastronómicos 29

anteriormente, a 180 ou 200 graos. O tempo de cocción non ha ser moito porque o peixe faise rápido. Por outra banda, vanse fritindo as patacas en rodas. Cando estean case fritidas, sácanse do aceite e vanse poñendo na fonte onde temos o peixe xa case feito, ao redor del, intentando que collan algo da salsa na que se está a facer o peixe. Pódese ir botando, de cando en vez, cunha culler, un pouco de salsa por riba do peixe e das pataquiñas. E... despois dun bocadiño... A PAPAR!!! Lucía Docampo

IES MENDIÑO


Primavera 2018

PEIXE SAPO CON AMEIXAS

Ingredientes - 1 peixe sapo de quilo e medio máis ou menos - 250 g de gambas peladas - 500 g de ameixa - Crema de marisco de bogavante e gambas - 2 ovos - fariña para rebozar - aceite de oliva - 3 dentes de allo - sal

Elaboración Primeiro prepárase o peixe sapo separando a cabeza da cola e quitándolle o cartílago. A cabeza e o cartílago póñense a cocer para facer un caldiño. Córtase o lombo do peixe sapo en toros pequenos. Déixanse as ameixas en auga con sal durante uns minutos para evitar que quede algo de area. Cócese a cabeza xunto co cartílago, engádese un chorro de aceite de oliva e un pouco de sal. Unha vez cocido, cóase e cócense as gambas con este caldo. Fanse as ameixas ao vapor. Pásase o peixe sapo pola fariña e o ovo. Frítese cos dentes de allo picados en abundante aceite ben quente. Finalmente, colócase nunha tarteiriña o peixe sapo rebozado coas ameixas e acompáñase coa crema de marisco, quécese todo durante dous minutos e sérvese. Pilar Cornes IES MENDIÑO


Cadernos gastronómicos 29

AQUEL DÍA DEIME CONTA...

Aquel día deime conta do fermoso que era o mar. As ondas da auga semellaban os pulmóns dun ser xigante, primeiro inspirando e logo expirando. O reflexo dos raios do sol cubrían o fermoso azul de cores prateadas e, se pechaba os ollos e quedaba moi calada, podía escoitar as gaivotas ao lonxe cantando a súa melodía. Todos os meus problemas parecían desaparecer e, por primeira vez, voei. Voei a través do océano, coa brisa facéndome cóxegas na pel da cara e as aves ao meu carón. Ao lonxe un par de mariñeiros facían o seu labor e preto deles, na beira do mar, un grupo de rapaces ría e corría cos pés descalzos pola area. Viaxei á illa de san Simón; pasei por riba da ponte de Rande e mesmo toquei a cabeza da estatua do capitán Nemo, que ollaba curioso para min cos seus ollos de pedra. Aquel día decateime de que o mundo é máxico se vives ao ladiño do mar e es quen de disfrutalo. Marta Muíños Gargamala (3ºESO)

IES MENDIÑO


Primavera 2018

BACALLAU CON GARAVANZOS E VERDURAS Ingredientes - Bacallau cortado en dadiños - 2 botes de garavanzos cocidos (para 4 persoas) - Repolo cru cortadiño en tiras finas / espinacas crúas - Cebola - Pemento vermello e verde tamén - 1 bote de tomate natural triturado

Preparación Imos rustrir a cebola cortadiña en anacos pequerrechos xunto co pemento tamén picadiño. Cando xa temos isto douradiño, botámoslle o bacallau cortadiño tamén, e axiña o repolo cru en tiras finas (ou con espinacas tamén está ben bo). Tapamos e deixamos que se vaia facendo todo aos poucos, dándolle volta de cando en vez. Cando vexamos que a verdura xa está ben sofritida, engadimos á tixola o bote de tomate natural triturado e deixamos facer un pouco máis. Por último, agregamos os garavanzos, mesturamos todo ben, e listo!!! Lucía Docampo

IES MENDIÑO


Cadernos gastronómicos 29

UN TESOURO NON DE OURO

Hai moito tempo, na praia de Cesantes, vivía un pirata cheo de diñeiro. Era o pirata máis importante de toda a preciosidade de Galicia. Tiña de todo: diñeiro, mozas, casas, roupa... Só lle faltaba o máis importante (non tan importante para el): amigos. Pois non, rapaces, o pirata non tiña amigos. E sabedes por que? Eu vóuvolo explicar: ao pirata subíaselle o ouro á cabeza; pensaba que a riqueza o era todo; era un fachendoso. O único amigo que tiña era o seu loro Toro. Por que che chamaba Toro a un loro? Non o sei, pero coas historias que contaba o pirata case prefiro non sabelo. O loro non falaba, non ría, non bailaba e, ás veces o pirata sentíase só. - Daría os meus tesouros só con tal de ter un amigo- pensou un día o pirata. Mais case ao momento decatouse do que estaba a pensar... -Ai oh! Nin de broma vou dar eu os meus ouriños! Sonche os meus filliños! Que lles dean aos amigos! Pasaron un, dous, tres, catro anos... O pirata xa estaba farto de andar sempre só, de falar sempre só, así que un día pensou: - Vou buscar fillos. E púxose á busca de tesouros. Andando, andando... un día, de súpeto, atopou unha caixa moi amarela enterrada na area. -Colares de ouro! Que é iso que brilla tanto? O pirata achegouse para coller a caixa e.... BOOM!!! Saiu da caixa unha muller moi bonita... IES MENDIÑO


Primavera 2018

-Tesouros e ouriños! Que moza tan guapa! E a moza, mirándoo fixamente aos ollos, díxolle: - Bos días, señor pirata! Que lle pasaría se lle quitase o seu ouro? - Que quedaría sen nada- respondeu o pirata. - E os seus amigos?- preguntou de novo a muller. - Non teño... - E iso a que é debido? – dixo outra vez a moza. - A que o máis importante que teño son os meus ouriños- contestou arrogantemente o pirata.

- Os ouriños van soportarche os berrinches?- preguntou a muller. - Non- contestou tristemente o pirata. - Os ouriños vante consolar cando esteas mal?- volveu preguntar a moza. - Os ouriños vanche sacar sorrisos cando teñas unha pena? – insistiu a rapaza. - Non... dixo moi apesadumado o pirata. - Pois xa está- concluíu a moza. E así foi como o pirata se deu de conta de que os verdadeiros tesouros son os amigos.

Sheila Santos Lloves (1ºESO)

IES MENDIÑO


Cadernos gastronómicos 29

CHOCOS CON SALSA

Ingredientes - 2 chocos grandes - 1 quilo e ½ de patacas - 1 cebola - Sal Para a salsa - 4 dentes de allo - 2 culleradiñas de pemento doce - Aceite de oliva

Elaboración Limpamos ben os chocos, quitámoslles a tinta, deixámoslles só a cabeza cos seus raxos e ao corpo quitámoslle a pel procurando deixalo branco. Nunha cazola con auga e sal botamos unha cebola enteira e, cando a auga comece a ferver, botamos os chocos. Esperamos a que estean a medio cocer e incorporámoslles as patacas previamente mondadas, claro, e cortadas en anacos. Cando todo estea ben cocido, quitámolo da pota, escurrímolo e servímolo nunha fonte; despois cubrímolo coa salsa. Para facermos a salsa, poñemos bastante aceite nunha tixola e fritimos os allos laminados ata que estean dourados (non queimados). Retiramos a tixola do lume e engadímoslle o pemento doce. Se se quere, tamén se lle pode botar un chisco de vinagre. Antía Blanco Balado (4º ESO)

IES MENDIÑO


Primavera 2018

CASTAÑETA ADOBADA Ingredientes - unha castañeta - allo - vinagre - aceite - pimentón doce - pirixel

Elaboración Primeiro limpamos a castañeta; despois partímola en anacos. Logo, nunha taza, mesturamos un pouquiño de vinagre e pimentón; remexemos ben. Cando vexamos que a mestura está homoxénea, engadimos un pouco de aceite de oliva. Por outro lado, adobamos a castañeta con allo e pirixel ben machucado. A continuación, botámoslle por riba a salsa que temos preparada previamente. Deixámola repousar medio día e, finalmente, fritímola. Podemos acompañala de patacas fritidas ou cocidas, como se prefira. Adrián Carrera Martínez (3ºESO)

IES MENDIÑO


Cadernos gastronómicos 29

FARIÑA DE PEIXE

- Ricardo, corre, veñen os Muxos pola beira do río. - Que facemos coa fariña? - Bótaa toda no río. Logo chamo ao Congro para que veña coa zodiac a por ela. Agora corre se non queres durmir no cárcere.

Ricardo, o Lura, e mais o Nécora puideron escapar da garda civil. Pero cando chegaron ao baixo que tiñan alugado no Campo das Redes, en Redondela, agardábaos unha pequena sorpresa: o capo Lubrigante atopábase sentado nun sillón xunto a dous secuaces e, ao seu carón, tiñan cadanseus revólveres.

Mentres, isto sucedía na comisaría da Garda Civil: - Cagho en todo, sarxento Robalo, por que se lle escaparon eses dous paspáns? Explíqueme dunha vez por que sempre van un paso por diante. - Síntoo, capitán. Nós cremos que dentro do Corpo pode haber algún espía, porque sempre que estamos a piques de pillalos, escapan. - Consiga averiguar quen é esa porca rata que está camuflada entre nós e nos escorrenta o peixe da rede. Á mañá seguinte, todos os mariñeiros e mariscadoras falaban de...

Nicolás Fernández González (3º ESO)

IES MENDIÑO


Primavera 2018

IES MENDIÑO



EQUIPO DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DEPARTAMENTO DE LINGUA E LITERATURA GALEGA BIBLIOTECA IES MENDIÑO


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.