Ghuaidelai_Roteiro_literario_2017

Page 1

GHUAIDELAI SANTIAGO DE COMPOSTELA 18 de maio 2017


Roteiro literario baseado no libro O centro do labirinto, de AgustĂ­n FernĂĄndez Paz.


O Derby, a aquelas horas da mañá, aínda estaba tranquilo. Era un bar dos que xa non quedaban, unha reliquia que parecía tirada dalgunha daquelas vellas películas do século pasado. No folleto turístico que consultara no hotel falaban del coma dun anacronismo do século XX, que se conservara de milagre, porque se considerara, xa daquela, un símbolo da cidade, o que lle permitira ir salvándose das sucesivas remodelacións que sufrira a zona. Todo nel permanecía tal cal debía estar había sesenta anos.


Enfilou os soportais da Rúa Nova, que a aquela hora estaba case deserta. Detivo os seus pasos ao chegar á altura da igrexa de Santa María Salomé, atraída pola harmonía da fermosa portada, que, naquel ámbito escasamente iluminado, mesmo parecía unha cálida cova que invitaba a gorecerse. A pouca luz non deixaba ver os detalles pero, aínda así, quedou admirada pola expresividade das figuras do pórtico, que parecían acollela coma unha vella amiga. Decidiu sentar nun dos banzos de pedra, era un lugar suficientemente resgardado.


Por un momento veulle á memoria a estatua de pedra que tantas veces ollara nos seus pasos dos últimos días, coroando un daqueles antigos edificios da cidade; unha estatua que representaba un Atlante ridículo, soportando sobre os seus ombros a pesada bóla do mundo. Non estaba ela agora igual, obrigada a representar un papel excesivo, para o que tampouco tiña as forzas necesarias? Podería afrontalo naquelas circunstancias?


Aínda faltaban algúns minutos para as nove cando Sara entrou na Quintana. A aquela hora a praza xa case estaba libre dos turistas que a ocupaban durante todas as horas do día; en cambio, as anchas escalinatas do fondo servían agora de improvisado campamento a unha ampla mostra daqueles marxinais que durante o día pedían esmola polas rúas e que parecían ter alí un dos seus lugares de descanso nocturno. Foi baixando os chanzos lentamente, ao tempo que examinaba cada unha daquelas persoas.


O home sinalaba en dirección á Casa da Parra, un curioso edificio que cerraba a praza pola parte superior da escalinata. Sara reparou no rótulo que indicaba a existencia dun bar na planta baixa, que a aquela hora aínda tiña todo pechado. Despediuse do mozo e subiu as escaleiras, disposta a agardar o tempo que fixese falta. Non tivo que esperar moito. Aínda non eran as dez cando se abriron as portas do bar; seguramente se trataba dun deses garitos nocturnos que non pechaban ata o amencer.


Fragmentos lidos por Minia, MariĂąa e Fran. Club de lectura Ghuaidelai I.E.S. Fin do CamiĂąo


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.