O GALEGO NA PRENSA DIXITAL

Page 200

POLÍTICA

Lorenzo: "Hai total normalidade co decreto do plurilingüismo" XORNAL.COM 21/12/2010

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou onte que o galego é un idioma “forte” e subliñou que o decreto do plurilingüismo que regula o seu uso no ensino aplícase “con total normalidade e con total tranquilidade”. Lorenzo realizou estas declaracións ás portas do Círculo das Artes, en Lugo, onde se celebrou o 85 aniversario do Congreso de Economía de Galicia, que tivo por escenario esta cidade en 1925. O secretario xeral dixo a “aqueles que anunciaban unha catástrofe no ámbito educativo” que esta non se produciu. Ao seu xuízo, o decreto “establece un marco moi interesante para o presente e o futuro da sociedade galega, un marco de plurilingüismo onde se aprenden as dúas linguas oficiais e unha ou dúas estranxeiras e onde o galego estase promovendo desde os ámbitos educativos”. Polo tanto, “eu creo que é unha situación ideal”, sentenciou. En canto ás críticas do BNG, Lorenzo dixo:“É algo, que a algúns aos que lles gusta a catástrofe e que lles gusta facer un discurso alarmista, é no que se basean”. Anxo Lorenzo mantivo que, “calquera” que viva en Galicia sabe “o que hai e que o galego é a lingua maioritaria de Galicia, con máis de dous millóns de persoas que falan diariamente”. Engadiu que “o galego é unha lingua que está practicamente presente en todos os sectores sociais e toda a xeografía de Galicia”. Recoñeceu que “iso non quere dicir que non haxa retos”, pero advertiu de que “desde logo non podemos facer unha lectura alarmista e catastrofista” da situación. “O galego é unha lingua no nivel europeo, é unha lingua forte, importante, con falantes, con ámbitos de uso e unha situación social moi interesante”, asegurou.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.