FRASEOLOXÍA CLIMA

Page 1

METEOROLOXÍA E CLIMATOLOXÍA

O ESTUDO CIENTÍFICO…

COMPATIBLE COA TRADICIÓN

Xosé Neiro Ramos


METEOROLOXÍA E CLIMATOLOXÍA ANTES DO METEOSAT A península Ibérica está situada nun deses lugares do planeta nos que o tempo é extraordinariamente variado e cambiante. A medio camiño entre o calor ecuatorial e o frío polar, goza dun clima suave nos territorios non moi afastados da costa. No caso de Galicia, asentáronse hai uns 10.000 anos os trazos dos tipos de tempo e do clima actual e os nosos devanceiros seguramente foron observando e transmitindo oralmente a experiencia vivida para que as xeracións seguintes aprenderan como adaptarse mellor ao medio. A conveniencia deste coñecemento volveuse necesidade coa aparición da agricultura e ata nós chegou unha rica fraseoloxía, un catálogo de instrucións para os labores do campo e poder calcular anticipadamente as colleitas en función da evolución do tempo meteorolóxico ao longo dos meses. Vaise asentando así unha “ciencia” estreitamente asociada aos cultivos de cereais (centeo, trigo e millo), castañas e nabos (téñase en conta que ata entrado o século XVIII non se cultivan patacas), pero que tamén acaba definindo extraordinariamente ben as características básicas do clima de Galicia e as súas posibles variacións interanuais. A “ciencia” foi indiscutible ata os anos sesenta do século XX cando a televisión e o “Meteosat” foron desprazando da predición ao “Gaiteiro de Lugo” e o “Mentireiro verdadeiro”. Non imos negar a utilidade dos modelos elaborados coas tecnoloxías capaces de procesar case no instante milleiros de datos para obtención predicións moi exactas no curto prazo. Nin tampouco que o traballo cotián no campo ou no mar podemos levalo a cabo con menos incerteza grazas estas novas ferramentas que nos achegaron máis á comprensión dos fenómenos atmosféricos. Pero iso non debería facernos esquecer que a tradición, o saber da “meteoroloxía tradicional”, segue a ter vixencia. Non é merecedora de quedar circunscrita á un museo; non coma o instrumental do liño nin as pezas do carro. Son un saber que se complementa perfectamente con esa alta tecnoloxía que dá explicación científica ao que se sabe “dende sempre”. Convidámosvos a coñecer en detalle “os nosos tipos de tempo”, o noso clima, sen máis instrumento que as palabras sabias de tantas xeracións de galegas e galegos que as observaron e certificaron. Coinciden nos seus resultados cos que a ciencia actual nos ofrecen, explicados doutro xeito. Advertir, por último, que sabemos da dificultade de comprender moitas das frases sen ter algún coñecemento do mundo rural tradicional ou do santoral católico. Entendede que explicar cada frase sería unha tarefa moi longa, máis propia doutro estudo máis fondo. A información aparece agrupada por meses, destacando unha das frases que mellor define a situación meteorolóxica dominante, a máis característica.


XANEIRO

“Xaneiro, xeadeiro; cada suco, seu regueiro” O tempo normal e desexable é de moitos días sen chuvia, pero tamén poden vir anos de moita chuvia e pouca xeada A lebre no xaneiro, buscala no regueiro. Auga de xaneiro, esterco e caneiro. Auga de xaneiro, medio esterqueiro. (1) Auga de xaneiro, todo ano ten tempeiro. Cando no xaneiro bebes, no monte hai neves. Cantos venres pasa o xaneiro, cantos allos perde o alleiro. Cheas no xaneiro, redes ó fumeiro. En xaneiro a verza vella val carneiro. En xaneiro busca o coello no regueiro. En xaneiro cada suco seu regueiro. En xaneiro media arca e medio palleiro e o porco enteiro. En xaneiro media tulla e medio palleiro, na cima que non ao primeiro. En xaneiro pon o alleiro. Se queres bo alleiro, seméntao no xaneiro. O que queira allo fino que o semente no san Martiño; o que queira bo allal, bóteo en Nadal, e o que queira bo alleiro, bóteo en xaneiro. En xaneiro quita o torgo de diante de ti e pono diante do compañeiro. En xaneiro sabe o nabo como o carneiro. En xaneiro sube ao outeiro (lombeiro); se ves verdexar, bótate a chorar; e se ves negrexar (estorroxar), ponte a cantar. (1) No mes de xaneiro e cos pés no braseiro. No mes de xaneiro que non encontre o pastor sentadeiro. (1) No san Antón, a pita boa pon; na Candelaria, a boa e a mala. No xaneiro o vento é larpeiro. O 17 de xaneiro, media hora por enteiro e polo san Brais, outra media hora máis. (2) Polo san Antón, ás cinco con sol. (2) O que poda en xaneiro, vendimará no sombreiro. Ao vir o xaneiro, recóllete telleiro. Onde vexas néboa no mes de xaneiro, fai ao teu fillo herdeiro. Quen colle a aceitona antes de xaneiro, deixa o aceite no oliveiro. Xaneiro berceiro, nin meda nin palleiro. (1) Xaneiro quente, leva o demo no dente. (1) Xaneiro, xeadeiro; cada suco, seu regueiro. Xaneiro, xeadeiro; febrero, febreireiro; marzo airoso; abril augas mil e maio, pardo e san Xoán claro, valen boi e carro. Xaneiro, xeadeiro; febrero, ferveixeiro; chuvia e nevar e a porretiña (tallo) do par a medrar. Xaneiro xeadeiro; febrero marmaruxeiro, cada suco seu regueiro; marzo, nin o rabo do gato mollado; abril, canta poida vir; maio pardo; san Xoán, claro; santa Mariña, calor; agosto, mellor, conténtate, labrador. Xaneiro, xeadeiro; febrero, por cada suco un regueiro; marzo, espigarzo; abril, espigas mil; maio, claro; xuño, fouce no puño; destes meses que eu lle falo valen máis que os bois e o carro. (1) Frases que destacan o tempo anómalo do mes (2) Aos días xa se lles nota a medra.


FEBREIRO

“Se a Candeloria chora, o inverno vai fóra; se a Candeloria ri, o inverno está por vir, pero que ría e que cante, hai inverno por diante” Ata o cambio climático era o mes máis duro do inverno polo moitos días de frío e chuvia xa acumulados. Nos últimos anos o frío parece que xa non é tanto e as chuvias aumentaron.

A chuvia de febreiro fai o palleiro. A xeada de febreiro mata a vaca e mailo leiro. As Candeas, que chova que ría, corenta días son de invernía. Cando a Candeloria ri, aínda o inverno está por vir. O día da Candeloria, se chove ou venta, inverno entra. E se non venta, nin chora, inverno fóra. Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro. Pola Candeloria, metade do inverno fóra; se chove ou venta, aínda entra. Que a Candeloria que chore ou deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar e se venta, aínda entra. Se a Candeloria chora, o inverno vai fóra; se a Candeloria ri, o inverno está por vir, pero que ría e que cante, hai inverno por diante. Come máis unha xeada de febreiro que os burros do reino. En febreiro cada rego o seu regueiro. En febreiro o boi rasca no castiñeiro. En febreiro para o amo, en marzo para o criado. En san Matías, igual as noites que os días, o sol nas umbrías e quentes as augas frías. Febreiriño curto, cos teus días vinteoito, se durases outros catro, non quedaba can nin gato, nin ratiño no buraco, nin cornos ao carneiro, nin ovellas ao pegureiro. Febreiriño espadeleiro, nin boa meda nin bo palleiro. (1) Febreiro, febreireiro, dá o sol en calquera regueiro. Febreiro, febreireiro, chover e nevar e escaramonar. Febreiro, firme e lixeiro. Febreiro, que non encontre o pegureiro sentadeiro, non sendo no carqueixeiro. Febreiro quente, trae o demo no ventre. Febreiro, sete capas e un sombreiro. Febreiro, xeada na leira e cachopo na lareira. Neve febreiriña, mala veciña. No febreiro busca o can a sombra ao pé do palleiro. No mes de febreiro, xa se lava no regueiro; no fin, non no primeiro. O rabo de febreiro e a cabeza de marzo, manda carallo! Polo san Brais a cegoña verás. No san Brais, hora e media máis. Polo san Brais, dúas horas máis. Se no febreiro trona, mal ano para o gando e bo para o sementado. Tanto en febreiro no solleiro, tanto marzal no braseiro. (1) Convén que non chova demasiado neste mes para o cereal de inverno.


MARZO

“Marzo, marzal, pola mañá cara de rosa e pola tarde cara de can” O tránsito do inverno á primavera prodúcese cun “tempo tolo”, situacións meteorolóxicas moi cambiantes en poucas horas. Cando hai auga e sol en marzo, aparella as cubas e o mazo. Cando marzo maiea, maio marcea. Cando o marzo vén quente, trae o demo no dente. Cando chega o cuco, vén o pan ó suco. Dura máis a mala veciña que a neve marciña. En marzal e abril sempre foron revoltas as augas do Sil. Entre marzo e abril, o cuco quere vir. Marzo espigarzo; abril, auga mil; maio pardo e san Xoán claro valen máis cós bois e o carro. Marzo marceador, un día malo e outro peor. Marzo, marceiro, pon a troita no caneiro. Marzo, marzal, pola mañá cara de rosa e pola tarde cara de can. Marzo, marceiro, pola mañá cara de can e pola tarde, falangueiro. Marzo, marzal, virado e traidor; que matas a ovella e mais ao pastor. Marzo pardo, sinal de bo ano. Marzo venteiro e abril chuvasqueiro, enchen en maio de flores o eido. Se en marzo canta a ra, en maio xa calará. Se marzo non marcea, abril cantalea. Se marzo requicha o rabo, non queda ovella vella nin pastor azamarrado. Se no toxal hai auga no marzal, as fontes terana ata o outonal. Temporal no marzo, froito no xuño.

ABRIL

En abril, chuvias ir e chuvias vir. Habitualmente é o mes con máis precipitacións na primavera.

Abril, abrileiro, auga na cara e no leiro. Abril, abrilón, auga por un tubo e pode que trebón. Abril frío, moito pan e pouco viño. Abril frío, fornos quentes, ledicia para os meus dentes. Abril quente e mollado, carga o carro e engorda o gando. Abril, se por mal quere vir, nin as portas deixa vir. Abriles e señores, os máis traidores. Adoecido abril, cando non does nas costas, does nos cadrís. Auga de abril mata a porca no cubil, e a auga de maio mata a porca nun ano. Canta a ra no mes de abril, encrúa o tempo e vólvese ao cubil. En abril, chuvias ir e chuvias vir. Labrador, no abril, déixate ir ata o meixil. Lázaro mollado, Pascuas enxoitas, ano de froitas. Na semana de Ramos, lava os teus panos, que na de Paixón ou os lavarás ou non. No abril, para min; no maio, para o amo, no san Xoán, para o can. (Lamprea). O millo polo san Marcos, nin no saco nin nado. Que chova en abril e maio e que non chova en todo o ano.


MAIO

“Maio longo, maio pardo, ano farto” ou “Maio atreboado, ano temperado” Mes criador e tamén húmido, pero sen frío (o normal e ideal son as chuvias de tormenta porque as temperaturas non descenden tanto). Auga en maio, pan todo o ano. Auga pola Ascensión, nin boa faba nin bo melón. Brote de maio, pouco e malo. Cando canta a bubela, faba na terra. Cando canta a bubela, millo á terra. Cando en maio hai lana, aínda algo se gaña. Chuvia na semana da Ascensión, cría nos trigos mourón. Pero é un regalo. En maio a lúa de abril non a quero nin por mil. En maio a vella queima o tallo e o home un arado. En maio calquera besta é cabalo. (Hai moito traballo nas leiras e aprovéitase todo) En maio xa de meu caio, xa coa maiola, xa co traballo. En maio de sono caio. En maio, millo sementado, cal enxoito, cal mollado. Febres de maio, saúde para todo o ano. Maio atreboado, ano temperado. Maio atreboado e san Xoán claro fan un ano temperado. Maio longo, maio pardo, ano farto. Maio louco, moitas verbenas e centeo pouco. Maio, maión, moitas flores e trebón. Maio me molla, maio me enxuga, maio me bota á sepultura. (Non hai fartura). Maio pardo e san Xoán claro, valen máis as colleitas que os bois e o carro. Maio turbo e san Xoán claro, fan un ano moi temperado. Maio ventoso, ano fermoso. Maio ventoso para o labrego fermoso e para o mariñeiro, penoso. Maio un pouco frío, cría trigo; pero se é moi frío, nin palla nin trigo. Moitas augas en maio, traen un mal ano. Na Ascensión, mete a cunca no cerrón. Noites de maio, queima o sol coma o borrallo. O día tres de maio, queima o sol coma o borrallo. E se non é aquel día é ao outro día. O que en maio se molla, en maio se enxuga. Touro, o galo, a troita e o barbo, no mes de maio Quen queira pirixel todo o ano, que o semente no mes de maio. San Isidro labrador, quita a auga e pon o sol. Se maio chora, auga criadora.


XUÑO

“Se san Xoán vén claro e maio pardo, da leira para a casa cantará o carro” O bo tempo debe asentarse neste mes para a maduración do cereal e a medra do sementado na primavera. A chuvia do san Xoán tolle o viño e non dá pan. A frieira de san Xoán quita o viño e non dá pan. Auga de san Xoán tolle o viño, non dá pan e tira o aceite no chan. En san Xoán, nove días de cardar lan. En san Xoán, as nove con día dan. En san Xoán recolle o pan que en santa Mariña na meda fai fariña. Entre san Xoán e san Pedro, apértalle o vencello. (Aos monllos). Ata o corenta de maio, non quites o saio; e se volve a chover, vólveo poñer. Polo san Xoán sacha as patacas e colle o pan. Polo san Pedro, regar sen medo. Polo san Xoán, as nove polo día dan. San Xoán, fouce ao pan. Se san Xoán vén claro e maio pardo, da leira para a casa cantará o carro. San Pedro co seu canado, san Cristovo co seu covo, santa Mariña coa súa regazadiña, Santiago co seu canado, san Lourenzo co seu caldeiriño penzo, Nosa Señora coa súa ola e san Miguel co seu tonel.

XULLO

“San Cristovo co seu covo” , “Santa Mariña coa súa regazadiña” , “Santiago co seu canado”. É o mes máis seco do ano, pero non totalmente seco. O ideal son as precipitacións periódicas que aseguren a humidade do solo.

As témporas de santa Mariña e Santiago fan o pan para outro ano. Auga de santa Mariña ata na meda fai fariña. Auga de santa Mariña cura a feridiña. En santa Mariña, trigo na arquiña. En Santiago estroupelear que este é o tempo do liño mazar. En Santiago pinta o bago. O día de santa Mariña, vai ver a viña. Así como a atopes, así vendima. Pola santa Mariña, a uva pinta na viña. Pola santa Mariña, deixa o saco e colle a fouciña. San Cristovo co seu covo. Santa Mariña coa súa regazadiña. Santa Mariña, carreixiña. Santiago co seu canado.


AGOSTO

“Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, pouca castaña e nabo furado” A chuvia anormal, excesiva para a época pode malograr algunha colleita. A chuvia no mes de agosto, non é chuvia, é mel e mosto. A castaña no agosto quere arder e no setembro, beber. A lúa de agosto e o vento de abril, Dios nos libre dil. Agosto, agosto, vai preparando a boca para o mosto. Agosto fáiselle maio a que non ten pan sementado. Agosto nos farta e agosto nos mata. Agosto, magosto. Agosto madura e setembro vendima. Agosto mollado, neve para o ano. Agosto mollado, nin sebo, nin nabo, nin pan para o ano. Agosto pasou e o que mallou, mallou. Agosto quente e festeiro, amigo do roscón e do gaiteiro, con sol que pon lume no palleiro e mozas que bailan no terreiro. Auga en agosto, mes por mes, vale por tres. Auga en agosto, nin bo nabo, nin bo magosto. Cando o Monte Maior ten monteira, non hai castañas. Coa Peregrina, o inverno encima. En agosto, arder e en setembro, beber. (A castaña). En agosto, nin bo nabo nin bo magosto. En agosto refresca o rostro. No san Bartolomeu, se chove, cae a auga de seu. O 21 de agosto a uva fai mosto. O día de san Bartolomeu, di o inverno "Alá vou eu!" Pasados os Remedios e san Roque, xa non hai sesta nin merendote. Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, pouca castaña e nabo furado. Se chove en agosto, non hai magosto. Tronos no agosto, mellor mosto.

SETEMBRO

“San Miguel das uvas maduras, que tarde vés e que pouco duras!” Algúns días de bo tempo ao final do mes son importantes para a vendima e a maduración do millo. Ademais é a despedida do bo tempo caloroso. Colle o viño no mes de san Miguel se todo o ano queres beber. En setembre non hai vella que non treme En setembro arden os montes e secan as fontes. No san Mateu, ou vendimas ti ou vendimo eu (vendima ti, vendimarei eu). O día de san Simón, alza bois e temón. Por san Mateu ao souto vou eu, antes por ver que por coller. San Miguel das uvas maduras, que tarde vés e que pouco duras! San Miguel, mes do viño, moita auga no muíño.


OUTUBRO

“”Outubro quente, inverno detente outubro arrefriar, inverno a escoar” “Outono quente, trae o demo no ventre” O ideal é que o tempo arrefríe progresivamente. De non ser así, un cambio súpeto en novembro prexudica. A lúa de octubre, sete días cubre. Horta de outono mantén ao seu dono. No san Xudas barra as túas cubas. Outubro quente, inverno detente outubro arrefriar, inverno a escoar. Outono quente, trae o demo no ventre. Polo san Francisco, todo o froito é rico. Polo san Simón, aperta o baldón. Por san Francisco sementa a cebada e o liño mourisco. San Francisco trae a vela e san Xosé lévaa. (Duración dos días. Mingúan e medran, respectivamente).

NOVEMBRO

“O verán de san Martiño, ou grande ou pequeniño” Novembro é un mes moi chuvioso, pero coincidindo cos días centrais do mes é frecuente uns días de tempo suave e despexado, moi axeitado para as matanzas. De Santos a Navidá é inverno de verdá. En san Andrés o día a noite é. Entre Santos e Nadal, inverno crudoal. Ata o san Martiño, pinga o ramalliño. Despois de san Martiño, fame e frío. Horta de san Martiño mantén ao seu dono e ao veciño. No mes de Santos, a neve polos campos. O verán de san Martiño, ou grande ou pequeniño. Polo san Andrés a primeira nevarada ves. Polo san Martiño, barra o teu viño. Polo san Martiño, mata o teu porquiño. Se queres allo fino, seméntao no san Martiño.

DECEMBRO

“En Nadal, chover e nevar e escarabanar” Precipitacións abondosas en calquera destas tres formas. Entra o inverno de cheo.

En Nadal, chover e nevar e escarabanar. Mentres a nabiza está no nabo, non te fíes do ceo estrelado. O que queira patacas no san Xoán, bóteas canda o pan. Pola santa Lucía, mingua a noite e medra o día. Se a noite de Nadal foi de luar, labra ben para sementar; se a noite de Nadal foi de escuro, sementa no terrón duro. Se queres bo allal, seméntao no Nadal.


O TEMPO

Deducións a partir da observación de certos fenómenos. O difícil é pararse a observalas. Funcionan! Aire de Meira, caldeiros á pingueira (Lugo). Aire limiau, auga na mau. Ano de herba, ano de merda. Ano de ameixas e cereixas, todas son queixas. Ano de ovellas, ano de abellas. En santa Lucía, mingua a noite e medra o día. Ano de xeadas, ano de fornadas. Ano esgordeiro, ano de ruín palleiro. Ano verceiro, ano merdeiro. Ano de ameixas, ano de queixas. Arco da vella formado, nin bo tempo nin malo. As verzas no outono, comen o dono. Auga con vento, non vale un pemento. Auga en outono, mal para o meu dono. Auga na lama, xeada na cama. Auga ao mediodía, auga todo o día. Bótame na lama e faime boa cama (trigo). Brétema en Padornelo, sardiña no garabelo. Brétema na montaña, pescador á cabana. Cada terra seu uso, cada roca seu fuso. Cando a gaivota visita ao labrador, mal lle vai ao pescador. Cando canta o galo no tellado, xeada no prado. Cando do nordeste chove, ata as pedras move (Viveiro). Cando ao pescador lle vén a auga antes que o vento, aferra e mete dentro (Viveiro). Cando o Pico Sacro non touca, auga temos pouca. Ceo ovellado, en dous días mollado. Ceo claro lostregante, tempo bo e máis sufocante. Ceo escamado nordeste ao rabo (Viveiro). Cerco na lúa, auga segura. Chuvia con sol, non molla o fol. Ceo estrelado, chan mollado e auga no sobrado. Compadre limiao, amigo montañés e aire bragancés, cabróns os tres. Corren as nubes cara abaixo, mulleres ponde refaixo. En canto o tempo non vén, sazón non se perde. Folla revolta, auga na horta. Fume na lareira, auga na lameira. Lúa con cerca, auga no rego. Lúa nova e lúa vella, baixamar ás oito e media. Lúa nova tronada, trinta días mollada. Lúa posta, baixamar na costa. Mal ano de patacas, bo de viño. Mentres tempo non vén, sazón non pasa. Néboas rubias ao nacente, leva os bois ó lameiro e vente. Néboas rubias ao sol nado, tempo desgobernado. Neve enriba da lama, vén a chuvia e faille a cama.


Neve na costa, chuvia na porta. Neve arrastrada, aos tres días mollada. Non vindo témporas, sazón non pasa. Nunca chove a gusto de todos. Nunca chove como trona. Nunca choveu que non escampara. Nubes roxas ao sol posto, tempo composto; nubes roxas ao sol nado, tempo desgobernado. Roxas ao nado, pegureiro, andarás mollado; roxas ao sol posto, pegureiro, andarás enxoito. Nubes de Portugal, pitas ó curral. Ao camiñar as néboas cara a Gudiña, vellas á cociña; ao camiñar as néboas cara Portugal, vellas ao solar. Sementa cedo e non veces, se é que a lúa anda cos meses. Sol barbado, nordeste ao rabo. (Lugo). Sol madrugadeiro, chuvia no quinteiro. Sol madrugadeiro, mete o can no palleiro. Sol madrugador, home rezador e muller cortés eu renegó dos tres. Sol tempraneiro, auga no palleiro. Vento de Portugal, auga no val. Vento Norte, tempo forte. Xeada no mollado, auga de contado. Xeada na lama, auga na cama. Xeada na lama, chuvia lle fai cama. Nubes roxas ao sol nado, tempo desgobernado, nubes roxas ao sol posto, tempo composto.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.