Microtextos 2015 terras do umia[1]

Page 1

GAÑADORES CATEGORÍA INFANTIL CONCURSO MICROTEXTOS TERRAS DO UMIA MICROPOEMAS: As xoaniñas Cincocentas xoaniñas nas follas das árbores todas pousadiñas. Carla Cea Varela (5º E.I)

As flores Cincocentas flores cobren os campos de bonitas cores. Sofía Caldas Blanco(5º E.I)

MICRORRELATO INFANTIL (AULA 4ºB E 6º B) UN OSO AZUL Érase unha vez un oso pardo chamado Mouro. Vivía nunha cova nun grande bosque onde había cincocentas árbores e moitos animais: esquíos, caracois, ourizos, mouchos, unha pantera, monos, unha osa e unha cabra. Un día foi visitar ao bruxo Rafael. Estaba facendo unha poción. Confundiuse nos ingredientes e houbo unha explosión e … Mouro converteuse en cor azul. Cando Mouro se mirou no espello sorprendeuse e asustouse. Despois púxose moi contento porque era a súa cor favorita. Mouro tivo unha vida moi feliz de cor azul.


GAÑADORES PRIMARIA CONCURSO MICROTEXTOS TERRAS DO UMIA MICRORRELATOS 1º CICLO 1ºPREMIO:

RATOS

Na miña cabana había moito millo, polo menos cincocentas espigas, que vivían felices alí abrigadiñas. Pero un día unha familia de ratos entrou por un buratiño e fixeron unha festa de millo. As espigas gritaban: _Non nos comades! Os ratos non fixeron caso e todos os días comían unha panchada de millo. Entón unha espiga vermella, chamada Reína,tivo unha idea; cos carozos das espigas comidas tapou o burato. Os ratos non tiveron por onde entrar e as espigas foron felices. ANXO CALVO SUÁREZ 2º CICLO MICROPOEMAS 1ºPREMIO CINCOCENTAS BÁGOAS Cincocentas noites, cincocentas lúas; cincocentas bágoas túas. Cincocentos días, cincocentos soles; secan as bágoas dos soñadores. AROA SUÁREZ PEREIRA 4ºB 2ºPREMIO “EMOCIÓNS” Cincocentas bágoas, cincocentas risas, cincocentas emocións, gardadas no meu corazón. XIANA PAZ VIDAL (3º B)

2º A


ACCÉSITS MICROPOEMAS 2º CICLO: 1.ESTRELAS Cincocentas estrelas acariñan, acariñan a noite tan escura. Imaxino cincocentas persoas, soñando cadansúa aventura. PABLO MOURIÑO 4ºB 2. O CAMPO O campo ten vento e estase moi fresco, hai animais salvaxes e non se poden tirar envases. Cincocentas bolboretas voan sobre milleiros de cabezas, as flores son de cor auga marina e sen brillantina. MARCO LOUZAO COUTO 3º B MICRORRELATOS 2º CICLO 1º PREMIO A HORTA DE ESPERANZA A miña avoa,Esperanza, ten unha horta na que hai de todo. Un día mandoume ir por cenorias. Cando cheguei alí, non sabía cal coller pois habería cincocentas. Tirei dunha que me parecía a máis gorda e cal foi a miña sorpresa... traía de regaliño dous vermes!. Estaban moi asustados e dixéronme: _Non nos fagas dano, porque somos a comida dos paxaros e se nos matas comeranche os figos. Eu solteinos no medio das leitugas e funme para a casa sen nada . A miña avoa berroume moito. ANXO ROMAY LOIS 3ºB 2º PREMIO UNHA NOITE NO MAR Unha noite mentres durmía, soñei que era un tiburón martelo, o máis fero de todos os mares e océanos do mundo. Quería facer moitos amigos, pero tíñanme medo e fuxían de min . Iso que no fondo do mar hai máis de cincocentas especies de animais.Sentíame moi só, como se fose un xigante e todos os humáns e seres vivos escapasen de min, por ser o depredador máis fero . Pero no fondo de min tiña o meu coranzociño. Espertei mollado.Pensei que era de suor , pero...mexara por min . JUAN CAMPOS VARELA 3º A


ACCÉSITS MICRORRELATOS 2º CICLO 1. ANIMAIS ASTUTOS Había unha vez un león que estaba famento e decidiu atacar unha manda de cebras. Pero estas son moi listas e notaron o perigo. Entón xuntáronse todas, facendo un gran equipo. O león, mareado por tantas raias das cebras, foi morder a unha mofeta que estaba entre as pezuñas das cebras . O cheiro, xa volo podedes imaxinar! Todos os animais escaparon e o león dou cincocentas voltas antes de voltar por aquel lugar. AITANA SILVA LÓPEZ 3º B 2. NO CIRCO Un día fomos de excursión ao circo. Foi moi divertido porque había monos, malabaristas, un forzudo, unha domadora de leóns e moitas cousas máis. Pero o que máis me gustou foi o pallaso. O pallaso pediu voluntarios. Levantaron a man cincocentas persoas, pero o elexido fun eu. Tiven que subir enriba dun elefante e non sei como fixen, pero co impulso caín xusto enriba dunha gran caca de elefante. Todos se riron, pero a min non me fixo chisca de graza. Desde entón nunca fun de voluntario para nada. BRAIS MONTÁNS LAREDO 3º B 3. O TESOURO PERDIDO Fai millóns de anos, nunha illa perdida, vivían uns cantos piratas que decidiron ir buscar un tesouro de cincocentas moedas de ouro. O tesouro, segundo o mapa, estaba debaixo dunha palmeira, pero tiñan que atravesar unha fervenza. En equipo fixeron unha canoa e cando estaban chegando, unha manda de monos empezou unha guerra de cocos. A un pirata déronlle no ollo, a outro nos dentes , a un ferírono na deda gorda... Os piratas escaparon a fume de carozo e os monos, seguindo o mapa, atoparon o tesouro. Coas moedas adornaron as palmeiras da illa , que se chamou Reunión. ADAY RUÍZ CAMPOS 3ºB


MICROPOEMAS 3º CICLO 1º PREMIO: Eu a ti daríache cincocentas palabras de amor porque cando teño frío es a chama que me dá calor. Martín Taboada Méndez (6ºB) 2º PREMIO: Cincocentas palabras de diferente cor falando xuntas con moito amor. INÉS MAGARIÑOS (6º B)

MICRORRELATOS 3º ciclo 1º PREMIO 1. Un anaco de papel

Onte escribín nun papel os meus pensamentos: “Eu daríache cincocentas apertas doces, por axudarme, por estar comigo nas cousas boas e malas, porque cando necesito algo sempres estás aí, cando estou enfermo coidasme. Só pensar en perderte ponme triste porque que esteas xunto a min é o mellor que me puido pasar. Cando me dás bicos póñome alegre e síntome como se subise ao ceo. Ti es a miña vida e sen ti non son nada. Por iso para min es a mellor” Logo deillo a miña nai. Espero que lle guste. Martín Taboada Méndez (6ºB) 2º PREMIO 2. MACKS

Eu chámome Vítor, e o meu can Macks. Nós acostumamos a xogar moito xuntos. Eu non atopaba a Macks por ningún sitio, cando de súpeto entrou meu pai pola porta moi triste. Non sei que lle dixo a miña nai que rompeu a chorar. Logo acercouse a min e díxome que Macks morrera. Eu chorei ata cincocentas bágoas por el. Todos os días sentaba en fronte da xanela e esperaba a que Macks volvese. Agora pasaron dez anos dende que morreu, pero sigo levando a Macks no máis profundo do meu corazón. Iván Rego Camiño (6º B)


ACCÉSIT MICRORRELATO 3º CICLO CINCOCENTAS A primavera xa chegara.As aves migratorias chegaran dunha longa viaxe. Entre todas, unha bandada de cincocentas andoriñas chegaron cantando alegremente e todas as demais aves disfrutaron do seu canto. Un reiseñor moi tímido achegóuselle e díxolle: _ Como conseguides ese fermoso cantar? Unha andoriña respondeu: _ Sae de min, por todas as cousas máxicas que vexo e escoito nas viaxes, que fago para ir e vir nas distintas estacións. O aire puro, o son dos regatos, as gotas que caen das follas... Non o esquenzas, o teu cantar é único, porque contén todas as cousas que viviches. LUCÍA GÓMEZ NOYA 5ºB


GAÑADORES SECUNDARIA CONCURSO MICROTEXTOS TERRAS DO UMIA MICROPOEMAS 1º premio: O sol saúda na mañá cálida e rebosante de dozura antes de que cincocentas angustias, a tornen mala e escura. Yolanda Pereira Fernández (2º ESO) 2º premio As palabras Lin cincocentas palabras encadeadas na miña lingua galega. Aturuxo, xogos, gosto, touciño,... Amarreinas para non perdelas. Brayan Casais Castro (2º ESO) Accésit Fúcheste Inundaches o meu corazón con cincocentas esperanzas; e agora que non estás ao meu carón … Só me quedan as túas lembranzas. Nuria García Salvado (4º ESO)


MICRORRELATOS 1º premio: ESTRAÑOS Xogaran, coma nenos, ás agochadas, entre as sabas daquel leito; eran á fin nenos ós cales o tempo obrigara a fuxir dos trompos e das bonecas para ensinarlles un xogo máis complexo, a querer. A máquina asubiou, a mágoa amoreouse enriba do seu peito; pensou nas bágoas que deixara caer ó longo destes anos; sen dúbida pasaban das cincocentas e aínda así non foran quen de afogar os recordos. Uns ollos azuis atopáronse cos dela, ollábana dende a derradeira fiestra dun tren que acababa de chegar. A locomotora púxose en marcha, e o tempo comezou a rebulir entre as lembranzas daqueles dous estraños que se fitaban agora, ó lonxe. Fátima Barros Monteagudo (4º ESO)

2º premio Flora Cincocentas serían as veces que a miña bisavoa Flora me preguntaba todos os domingos se quería unha cunca de caldo, despois de comer a miña pizza favorita. Como lle dicía que non , pasaba a relatarme , outras tantas veces, as moitas vitaminas da potaxe, e a fame que pasaran de cativos. Onte acordeime dela. Asomada no balcón, vin como unha muller recollía do contedor de lixo, dun coñecido supermercado, unhas bandexas que a todo correr escondía nunha bolsa. Volverían os tempos da bisavoa? Dúas bágoas me esvararon polas meixelas. Na radio, unha canción falaba de dezanove días e cincocentas noites. Aida Mencía Suárez Montáns (1º ESO)

Accésits A CAÍDA


As cincocentas persoas reunidas na sala contemplan a perfección dos bailaríns. Pouco a pouco vaise acercando o meu dueto con Santi. _Que poñerían no seu lugar … Quizais o suprimiron _ penso. Non agardo moito pola resposta xa que comeza a soar a nosa canción e aparece esa impostora non escenario, realizando unha actuación insuperable, mesmo mellor ca nós durante os ensaios. O público ponse de pé, aplaude, eloxia e incluso chora. A min non me queda outra que erguerme e recoñecer que meses de traballo non serven de nada fronte a unha caída na pista de xeo. Irene García Fernández (4º ESO)

O PESADELO Ía de camiño ao traballo. Mirei o reloxo. As oito menos cuarto. Chegaba a tempo. Algo me deslumbrou. Parei o coche. Baixei. Pasara unhas cincocentas veces por aquel lugar. Nunca vira nada como aquilo. Era un obxecto estraño. Tiña forma hexagonal. Achegueime. Abriuse unha porta. Saíu unha muller cun aire sombrío, cuberta por un longo manto negro. Sostiña unha gadaña. Fixeime. Non tiña ollos. Era unha caveira. Acercouse a onde, inmobilizado polo medo, eu a miraba. Levantou a gadaña. Soou o espertador. Espertei. Mirei o reloxo. As sete e cinco. Rubén Montáns Redondo (3º ESO)


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.