Cine e fotografía en curso 2012-2013

Page 1

CINE e FOTOGRAFÍA en CURSO. 2012- 2013 No contexto social actual as imaxes prodúcense e recíbense sobre todo como produtos de consumo. Por iso é máis necesario e urxente que nunca que a mocidade teña acceso ao cine e á fotografía como arte. Con este fin, desde o CGAI achegamos o programa Cine e Fotografía en curso, programa pedagóxico que se dirixe principalmente a alumnos de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e que integra diferentes axentes e ámbitos: museos e centros de arte, fotógrafos, profesionais do cine, mestres e profesores, centros educativos, barrios e municipios. Un dos labores esenciais do CGAI é contribuír na formación dun público sensible e inquedo, interesado por descubrir manifestacións artísticas e culturais diversas, espectadores creativos, capaces de xuízo autónomo e con afán de coñecemento. O obxectivo é que os alumnos aprendan a ser espectadores capaces de analizar os procesos creativos e expresivos das artes da imaxe e, sobre todo, que aprendan a gozar (porque tamén o deleite, tal vez aínda máis que calquera outra cousa, procede dunha aprendizaxe) dunha aproximación sensible ao cine e á fotografía, ás súas materias, ás súas formas e ás súas emocións. Son programas que propician o achegamento dos alumnos á arte como algo vivo e vital, algo que lles fala e onde teñen cousas que dicir. O programa desenvólvese a través de 4 eixos de actuación: 1. Formación aos docentes. 2. Obradoiros nos centros educativos a partir da formación impartida a docentes e coa participación puntual de fotógrafos e profesionais do cine. 3. As web www.fotografiaencurso.org e www.cineencurso.org con recursos e materiais, así como os blogs dos proxectos en que se poden seguir todas as prácticas que se están a levar a cabo desde diferentes lugares (Galicia, Cataluña, Brasil e Arxentina) 4. Programación cinematográfica Esta convocatoria de Cine e Fotografía en curso é especialmente interesante para todos os centros interesados en metodoloxías pedagóxicas innovadoras e na introdución da creación artística na aula. Tamén é unha mostra privilexiada de como se poden vehicular transversalmente contidos de materias e disciplinas diversas a través do traballo co cine e a fotografía. Cine e Fotografía en curso enmárcase na colaboración que existe entre o CGAI e a asociación A Bao a Qu desde o ano 2009 a través do programa "Novas Miradas - Novos Espectadores" e todas as prácticas e iniciativas que xurdiron del para a transmisión da fotografía e do cine na aula.

Durán Loriga, 10 15003 A Coruña


1. Formación dos docentes O programa de formación ao profesorado terá lugar no CGAI o 18 e 19 de xaneiro de 2013 e deseñouse con cinco obxectivos prioritarios: • Formar, orientar e asesorar na transmisión do cine e da fotografía. • Proporcionar as ferramentas creativas, analíticas e metodolóxicas para que poidan desenvolver unha transmisión de calidade do cine e da fotografía. • Formar, orientar e asesorar nas aplicacións transversais da imaxe nas diferentes materias curriculares (Lingua, literatura, lingua estranxeira, música, filosofía, artes plásticas, coñecemento do medio, etcétera) . • Promover e facilitar a introdución da fotografía e o cine como creación e cultura nos centros educativos proporcionando ao profesorado recursos e materiais. • Motivar a participación e o uso da web de Fotografía en curso por parte do alumnado. As sesións de formación artellarán os contidos estritamente prácticos co traballo sobre metodoloxías de visionado e análise da imaxe. Tamén se reflexionará en torno aos modos de transmisión da fotografía e do cine na aula. Para que a formación se adecúe á realidade do contexto educativo e aos procesos que lle son inherentes, as sesións orientaranse á praxe cos nenos e mozos, proporcionando ao profesorado participante os coñecementos, metodoloxías e ferramentas para levar a cabo accións concretas co seu alumnado. Durante a formación, o docente experimentará a maioría das prácticas que se propoñen para realizar cos alumnos. 2. Prácticas nos centros educativos Realízanse prácticas nas escolas e institutos con alumnado de entre 6 e 18 anos, adaptando as metodoloxías a cada franxa de idade. Hai dúas modalidades de participación no proxecto: 1. Prácticas conducidas exclusivamente polos docentes co apoio e seguimento do equipo de Cine e Fotografía en curso. Para poder participar no proxecto é necesario poder acudir á formación do profesorado, xa que será nestas xornadas onde o docente se achegue á metodoloxía de traballo que se propón. 2. Prácticas fotográficas e cinematográficas coa participación dun fotógrafo (José Caruncho e Vari Caramés) ou dun profesional do cine (Ángel Santos) que traballa con un ou máis profesores. O profesional intervén durante varias sesións (ao redor de catro sesións de tres horas). No tempo comprendido entre estas sesións o alumnado segue desenvolvendo os seus proxectos co acompañamento dos docentes. As tres prácticas fotográficas que se propoñen para este curso son as seguintes: • Espazos baleiros. • Xeracións: avós. • As cores do noso contorno. As tres prácticas cinematográficas que se propoñen para este curso son as seguintes: • Retratos de espazos.

Durán Loriga, 10 15003 A Coruña


• •

Retratos de oficios. Minutos Lumière

Todos os procesos creativos e os traballos que resulten das prácticas fotográficas colgaranse nun blog xestionado polo docente e que conta co soporte técnico necesario por parte do equipo de Cine e Fotografía en curso. 3. As páxinas web www.fotografiaencurso.org e www.cineencurso.org A través do traballo artellador das páxinas web www.fotografiaencurso.org e www.cineencurso.org, ponse en marcha unha interesante rede de colaboracións entre profesionais, docentes e alumnos, centros educativos e museos ou centros culturais de referencia, institucións e territorios diversos (Galicia, Cataluña, Madrid, Brasil, Arxentina). Unha das funcións das páxinas web é dar visibilidade aos traballos nos centros educativos e actuar como un espazo para intercambio de coñecemento entre mozos de diferentes territorios e correspondencias en imaxes. 4. Programación cinematográfica Os obradoiros aquí formulados vincúlanse cunha programación cinematográfica específica para escolares no CGAI. Son pases comentados de "Vistas Lumière" e de fragmentos escollidos de grandes cineastas documentais que enriquecen e dotan de sentido e contido o proxecto. O calendario de proxeccións na sala de cine do CGAI (aforamento 109 butacas) é o seguinte: Xoves 17 de xaneiro Vistas Lumière. Francia, 1895-1899. 90 min aprox. Sesión comentada por un profesional do cine Os irmáns Lumière inventaron o cinematógrafo e tamén o cine. Fixeron os primeiros filmes da historia (planos únicos de menos dun minuto) e convertéronse en mestres das que aínda hoxe son as cuestións fundamentais do cine: o valor do plano, o seu inicio e final, o encadramento, a distancia e a posición da cámara, o ritmo... As Vistas Lumière, ademais, permítennos descubrir dun modo privilexiado o mundo de finais do século XIX. Despois da proxección de cada vista analizaranse detalladamente estes aspectos e propoñerase aos alumnos que participen no comentario. Que traballamos? - As eleccións cinematográficas fundamentais: que filmar?; como encadrar?; onde situar a cámara?, cando iniciar a filmación? - O valor do plano como unidade de creación - O mundo de finais do século XIX - Imaxinar posibles vistas Lumière no século XXI

Durán Loriga, 10 15003 A Coruña


Luns 8 abril Retratos documentais. Selección de fragmentos de grandes cineastas documentais da historia do cine. 90 min aprox. Sesión comentada por un profesional do cine A través de fragmentos de grandes cineastas, descubriremos o cine documental de todas as épocas tomando como fío condutor a idea de “retrato”: de oficios, de cidades, de persoas. Que traballamos? - Qué é o cine documental? Descubrimento e representación da realidade - As eleccións fundamentais do cine documental e como se desenvolven ao longo do proceso de creación: guión, rodaxe e montaxe - O retrato como construción Cada pase conta cun caderno pedagóxico para o profesorado. Para máis información: www.fotografiaencurso.org www.cineencurso.org Contacto: Mónica García Iglesias CGAI - Centro Galego de Artes da Imaxe Tel.: 881 881 269 / 881 881 260 E-mail: info@cgai.org www.cgai.org

Durán Loriga, 10 15003 A Coruña


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.