aires de familia

Page 1

aires de familia

X. Lois Gutiérrez Faílde



Presentness is grace. MICHAEL FRIED

















Estabamos alí // X. Lois Gutiérrez Faílde [As imaxes] Todas as imaxes. Todas esas imaxes que espertan o estupor da presencia. Economía de sinais regulando todo ó que quen fotografiou queira amosar; todo o que tí queiras e sexas capaz de soster coa túa mirada. Nesa “natureza privada da experiencia” (V. Burgin). No seu magnético poder de expansión fora do ollo. Estamos coa fotografía. Estamos co que non puido intuir o fotógrafo. Un acontecemento que encaixa o énfase dislocado da nosa memoria e desborda as previsións do mirar. Unhas imaxes que aluden á pegada borrosa dese espacio que ocupan os corpos amados, a ese escenario abstracto e rotundo que só coa nosa mirada toma ese aire de familia; esa estrana proximidade que convoca á nosa mirada a unha verdade que se nos vai das mans. # Si: PUNCTUM. Segue a ser unha palabra “inévitable et gracieux”. (R. Barthes) # - Que recordas das fotos que garda a túa familia? - Fondos, figuras... - E cales conservas? - As que os nomes, os rostros se poidan completar co clima do lugar, co cálculo dun escenario concreto. Pero aínda así, só son fotos. - Si, pero son esas fotos nas que parece que nun non podería vivir en ningún outro lugar que non fose esa paisaxe común que as ilustra... - Parece, si. Pero só son fotos.


# [Exercicio/tarefa] Requírese logo dunha formación no ollo pero tamén dun certo entusiasmo patolóxico. E desa espontaneidade de conectar coas personaxes, de remexer nese rexistro de verdade que a foto poida deixar. [II] Tamén o acto da toma. Ningunha toma propia, así: podería ser un requisito - se é que este relato aguanta un requisito. Escorado cara o máis sinxelo. Só escollendo na mirada dos outros, no impulso dos outros. E ofreces ou usas ese mesmo don agora: ver o que cada mirada necesita para ser completada. # Toda esa morte axena, alí, nas imaxes. Toda esa morte que continúa -aínda-pertencendo aos outros. # Ao contrario de Handke, non consigo ver aquí “o problema da vida coma figura”. Prefiro a ingravidez holística do oco. Ese aire que deixan os que amamos naqueles lugares significativos; naqueles lugares circunstanciais; naqueles lugares que completan a presenza do posibel e a redondean e fana cribel para para mín e para os outros. O oco, ese oco, formaliza un espazo onde rostros e corpos reviran máis obxectuais; dispostos agora noutro soporte axeno ao meu relato fotográfico e os fondos e paisaxes adquiren unha nova resonancia, menos material ou definida. Asumo logo, con certa vértixe, esa “empiria truncada” (A. Badiou) onde todos os sitios onde nos retratan manteñen -fora ou dentro do discurso da fotografía- a inclusión da nosa presencia e ese oco do noso corpo ou dos outros tórnase porta, unha lene porta dende onde seguer as pegadas do que tivo lugar alí.





Para o neno que fun

Fotografía: X. Lois Gutiérrez Faílde (arquivo familiar) Texto: X. Lois Gutiérrez Faílde Deseño e maquetación: X. Lois Gutiérrez Faílde

Exemplar único


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.