Guía de Compras de Santiago de Compostela/Shopping Guide to Santiago de Compostela

Page 7

Compostela, capital de compras: estampa histórica Ao abeiro do fenómeno da peregrinación xurdiron na Compostela medieval moitas producións artesanais, na súa maioría destinadas ao consumo dos peregrinos: a vieira ou venera (que máis que unha produción o que precisaba era unha simple perforación) e os traballos en acibeche son só dous dos principais exemplos. Foi a través deses peregrinos chegados de todos os reinos e rexións de Europa que os artigos composteláns foron exportados a lugares moi afastados da nosa cidade. Ese amplo desenvolvemento da artesanía medieval, vinculado á peregrinación, fomentou o xurdimento dun importante mercado, e este pola súa banda o despegue de realizacións non necesariamente vinculadas á peregrinación, ou cando menos á peregrinación como fenómeno relixioso. Así, xerouse unha produción e unha circulación de bens de consumo cada vez máis ampla, que facilitou o desenvolvemento de Compostela como centro comercial medieval de primeira liña e como punto de referencia do comercio a longa distancia, especialmente de produtos de alto valor, entre o mundo musulmán (presente entón no sur da Península Ibérica) e a Europa cristiá (presente en Santiago a través do elevado número de peregrinos europeos). A inxente produción artesanal derivou na configuración dos gremios, que é decisiva para entender a evolución histórica, e nomeadamente a comercial, da nosa cidade. Desta proliferación quedou un recordo permanente no rueiro, en topónimos como A Caldeirería, A Acibechería ou As Praterías, nomes estes dous últimos que lembran que Santiago, como cidade episcopal e con bo número de igrexas e capelas, tivo en séculos pasados unha gran demanda de obxectos para o culto, que se fabricaban e vendían nos obradoiros e comercios das súas rúas e prazas.

i_6


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.