Suisen (mostra)

Page 1

Aki Shimazaki Suisen

Mírome no espello da porta do armario. Examino a miña gravata a raias amarelas de seda de excelente calidade. Acáeme moi ben, aínda que a cor non sexa habitual en min. É un regalo que me fixo Yuri K. o ano pasado polos meus cincuenta anos. Esta actriz é a miña amante favorita.

O meu reloxo marca as seis e vinte e cinco. Dentro dun pouco teño que ir recoller a miña filla á residencia universitaria. Esta noite vaime acompañar a unha recepción da produtora H., onde Yuri será a estrela. Esta gañou non hai moito un prestixioso premio polo seu papel de madrasta no filme titulado Non me deixes nunca, mamá! Yuri aínda non coñeceu a miña filla. Sorprenderase coa súa presenza.

Morro coa gana de encontrarme coa miña amante, que non puiden ver nestes dous últimos meses. Estaba en Okinawa para a rodaxe do seu próximo filme. Esta longa ausencia frustroume enormemente e fíxome decatarme de até que punto podía estrañar o seu corpo sensual. Logo da recepción desta noite, proporeille pasar a noite no noso love-hotel 1 habitual. Estará encantada.

Yuri é unha muller no cénit da súa beleza. Estou orgulloso de tela como amante, mais tamén estou celoso dos actores que actúan con ela, en particular dos máis novos. Tras anos de carreira, á fin conseguiu facerse con este premio. Convencido de que un día se convertería nunha estrela, axudeina economicamente, sobre todo ao principio da nosa relación. Fun eu quen lla presentou ao presidente da pro-

7
1 As palabras en cursiva encóntranse recollidas nun glosario ao final da obra.

dutora H., un dos meus clientes importantes. Ela débeme todo. Espero que siga solteira o maior tempo posible, mais, aínda que case, proseguiremos coa nosa relación amorosa. Por un momento, volvo ler a invitación dirixida ao “Señor e señora Kida”. Críspanseme os beizos.

Yuri nunca viu a miña muller e non ten gana ningunha de coñecela. Ao recibir esta invitación, chameina ao móbil cando aínda estaba en Okinawa. Pregunteille: “Por que tamén a miña muller? Sabes de sobra que non lle gustan as festas”. Yuri respondeume: “Envióuvola o meu produtor. Só é unha fórmula de cortesía. Podes vir con quen che pareza, ou ben só”. Piqueina cun ton algareiro: “Non che había gustar moito que me deixase ver coa miña muller”.

A recepción comeza ás sete. Teño que saír agora. Poño a chaqueta e oio soar o teléfono móbil. É a miña filla Yôko. Pregúntolle sen preámbulos:

–Estás lista?

–Si, papá! Estou nerviosa por coñecer a Yuri K. Interpretou de xeito sublime o papel de madrasta. Encantoume o neno. Estivo excelente tamén! –responde de xeito rápido.

–Gustouche o filme?

–Claro! E a ti, papá?

–Non o vin.

–Non? Como pode ser?

–Para empezar, non me gusta o título. Non me deixes nunca, mamá! É demasiado sentimental.

A miña filla ri. O seu bo humor faime feliz.

–Alégrome de que por fin saias comigo! –exclamo.

A súa nai está ao corrente da recepción desta noite. Foi ela quen lle pediu que me acompañase no seu lugar. Yôko

prosegue:

–Non podo perder unha ocasión así. Agora mesmo Yuri K. é unha actriz moi famosa. Como a coñeciches?

8

Ao meu pesar, sorrío:

–É amiga dun dos meus clientes. Grazas a min puido coñecer o presidente da produtora H. Ambos os dous me deben o seu éxito. Esta noite hannos tratar ben.

–Bule, papá! Agárdote na entrada da residencia –córtame.

Apresúrome a engadir unha cousa importante.

–Trae a cámara de fotos…

Yôko colga antes de que puidese acabar a miña frase. Iso irrítame. Quero que na recepción tire fotos bonitas de Yuri e mais de min. Ten unha cámara de boa calidade que lle comprei hai pouco.

A casa está completamente en silencio. A tranquilidade sempre me fai sentir a desgusto. É sábado.

A miña muller pasa esta fin de semana no campo. O meu fillo Jun, o irmán pequeno de Yôko, saíu a ver un filme cos seus curmáns, o fillo e a filla da miña medio irmá

Ai. Despois, durmirá na súa casa, e mañá volverá pola tarde coma de costume. Non me gusta que Jun vaia á casa de Ai. Porén, déixoo ir porque aínda me gusta menos que rúe pola cidade de noite cos seus amigos, que non coñezo. Mírome de novo no espello.

A chaqueta azul escura, a camisa branca e a gravata de raias amarelas vanme de marabilla, sobre todo a gravata. A Yuri encantaralle. Ao tocar a miña meixela ben afeitada, imaxino unha encantadora foto de nós, coma unha parella perfecta.

De súpeto, percibo algunhas canas na miña tempa esquerda. Examino de cerca: “Non pode ser…”. Lémbrome do meu pai, que morreu aos sesenta e un anos. O seu pelo mantívose negro até o final. Aos meus anos non sería divertido ter a cabeza branca. Mentres acariño o cabelo, murmuro: “É mellor estar calvo”.

9

Apago a luz e saio do cuarto. O silencio afógame. Baixo as escaleiras. De socate, a imaxe de Sayoko irrompe na miña mente. Quedo inmóbil no relanzo do medio. É unha rapaza coa que saíra até a véspera do meu casamento. Asistía a un instituto nocturno ao mesmo tempo que traballaba nunha tenda de verduras durante o día. Esquecera por completo a súa existencia.

Sayoko tamén me regalara unha gravata. Recordo que tiña unhas flores de suisen estampadas sobre unha tea azul escura, da mesma cor ca a miña chaqueta de hoxe. Avergoñado por ese estampado feminino e infantil, ademais de polo tecido barato, non a puxen nunca. Debina perder en algures.

Calzo os meus zapatos negros máis elegantes na entrada. Apago a luz. Na escuridade, aínda me sinto turbado polo recordo de Sayoko. O seu rostro riseiro, sen preocupacións, coma o dunha nena protexida e feliz. Lembro as súas palabras: “Gorô, es un neno ferido”. Sacudo a cabeza de maneira espontánea para desbotar eses pensamentos.

Cando saio da casa, obrígome a pensar en Yuri, unha actriz espléndida e célebre, totalmente digna do meu status de presidente.

10
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.