Receitas de Outono

Page 1

RECEITAS DE OUTONO



Este libro - feito durante o curso 2009/ 2010 - recolle todas aquelas receitas típicas de outono que o alumnado do 3º ciclo recolleu nas vosas casas. Nelas os ingredientes básicos tiñan que ser ben a cabaza ou ben as castañas. Aquí veredes que hai receitas de primeiros pratos, de pratos únicos e moitas de sobremesas . Será porque somos unhas persoas moi larpeiras? Entre as receitas das chulas de cabaza hai moitas variantes, porque cada quen ten o seu “toque persoal” á hora de cociñar; nalgunhas as cantidades dos ingredientes non figuran, porque as persoas que cociñan xa saben “a ollo” canto hai que engadir de cada cousa; para os principiantes será un pouco máis difícil, pero todo é coller práctica.

Agardamos que vos sexa de utilidade e que vos guste.

BO PROVEITO!



CREMA DE CABAZA (I) INGREDIENTES o ½ kg de cabaza o 2 cebolas o 2 cenorias o 1 dente de allo o 1 pemento verde o 1 vaso de tomate natural o 2 patacas novas o 1-2 vasos de aceite de oliva o Auga e sal ao gusto

PREPARACIÓN: Picamos as verduras e poñémolas a refogar nunha cazola co aceite a lume lento. Mentres sacamos a carne da cabaza e cortámola e anacos como a verdura; facemos o mesmo coas patacas. Cando a verdura comece a dourar, engádese a carne da cabaza e as patacas, refóganse un pouco todo xunto e engádese auga ata que cubra. Bótaselle o sal e engádese o vaso de tomate. Mantémolo a lume lento durante unha hora. Cando estea feito pasámolo polo “chino” para que quede unha crema suave.

INFORMACIÓN: A cabaza é unha hortaliza de inverno; comeza en setembro e dura ata a primavera. Para aquelas persoas que seguen dietas baixas en calorías é moi interesante, posto que contén poucas calorías e, en cambio, contén moita fibra. RECEITA DE: Andrea Couñago Iglesias (mamá).


CREMA DE CABAZA (II)

INGREDIENTES: o Un anaco de cabaza pelada o Sal e aceite o Catro vasos de auga o Un tomate partido en anacos o Unha cebola cortada o Un allo porro cortado

PREPARACIÓN: Poñemos unha cullerada de aceite na tarteira, refogamos o allo porro e a cebola nese aceite. A continuación picamos a cabaza e botámola á tarteira; deixamos pochar un pouco e engadimos o tomate, auga e sal. Unha vez que está todo cocido pasámolo pola batedora e xa servimos.

RECEITA DE: Mª Dolores Virulegio.


SOPA CON CABAZA ( para 5 ou 6 persoas )

INGREDIENTES o Tres cuartos de kilo de cabaza o 2 ovos o Pan fritido ou torrado o Medio litro de leite o Unha cullerada de manteiga o Sal

PREPARACIÓN A cabaza pelada e limpa ponse a cocer con auga con sal. Xa cocida escúrrese ben e machácase cun garfo, engadíndolle medio litro de auga e máis o leite moi quentes, a manteiga e os ovos batidos ( a manteiga tamén batida), cun pouco sal. Pásase todo a unha sopeira e sérvese cos anacos de pan, en dados, fritidos ou torrados.

RECEITA DE: Adrián Barros 6º A


PURÉ DE CABAZA INGREDIENTES: o Tres cuartos de cabaza, o Unha lata de pementos morróns o 4 cebolas frescas, o 2 dentes de allo o 150 g de queixo mozzarella o 1 cullerada de aceite de oliva virxe o 1 litro de caldo de verduras desgrasado o Albahaca o 1 culleradiña de azucre o Pementa e sal

PREPARACIÓN Escorrer os pementos, abrilos á metade, retirar as sementes e trocealos. Pelar a cabaza e cortala en dados. Picar as cebolas e os dentes de allo. Quentar o aceite e refogar a cebola e o allo sen que collan color. Agregar os pementos e a cabaza, refogar uns minutos e mollar co caldo de verduras. Sazonar co azucre, pementa e sal. Cocer a lume medio 25 minutos. Pasar pola batedora e logo polo pasapurés. Meter na neveira polo menos tres horas.

RECEITA DE: Rosa.


PURÉ DE CABAZA GRATINADO INGREDIENTES o ½ kg de cabaza o 8 culleradas sopeiras de aceite o 25 g de manteiga o 2 culleradas sopeiras colmadas de fariña o ½ litro de leite frío o 3 ovos o 100 g de queixo gruyère relado, o Sal e noz moscada

PREPARACIÓN Pélase, quítanse as pepitas da cabaza e córtanse en cadradiños. Nun cazo póñense as seis culleradas de aceite a quentar; cando está quente ponse a cabaza e, a lume lento, refógase, movéndoa de vez en cando cunha culler de madeira, ata que os anacos estean tenros e sen zume ( para sabelo pícanse co garfo). Pásase entón polo pasapuré. Nunha tixola ponse a manteiga e as dúas culleradas sopeiras de aceite a quentar; engádeselle a fariña, danse unhas voltas coas variñas e, pouco a pouco, bótase o leite frío movendo constantemente. Bótaselle sal e noz moscada. Cócese esta bechamel durante uns dez minutos e incorpórase ao puré de cabaza. Bátense os tres ovos, como para tortilla, e incorpóranse ao puré. Vértese esta mestura nunha fonte resistente ao forno quente a gratinar. Cando o queixo forme unha bonita costra dourada, retírase e sérvese na mesma fonte. RECEITA DE: Catarina Adão Otero.


ENSALADA DE CABAZA

INGREDIENTES o Cabaza cocida en anacos o Allos o Pementos o Comino o Aceite de oliva

PREPARACIÓN Nun morteiro machucamos os allos, o pemento e o comino ata que quede unha pasta, engadindo aceite de oliva para que ligue todo, ten que quedar unha textura cremosa. Logo volcamos sobre a cabaza cocida, temperada ou fría; mestúrase ben e pódese servir fría ou temperada.

RECEITA DE: Tamara González Rubín.


CABAZA Á CASEIRA ( para 4 persoas) INGREDIENTES o 400 g de cabaza o 8 porros o Pan de molde o Allo, aceite e sal

PREPARACIÓN: Límpanse os porros, córtanse en anacos pequenos e cócense en auga con sal. Mentres cocen ( máis ou menos media hora), quítaselle a pel á cabaza e mais as pipas; córtase en cadradiños e lávase. Unha vez cocidos os porros, bótaselle a cabaza e déixase cocer 45’ máis. Unha vez cocido todo quítaselle a auga e bótaselle por riba un refrito feito con pan de molde e allos cortados moi finos; déixase ao calor un par de minutos e sérvese. Serve para acompañar tanto carnes como peixes. No verán pódese servir en frío e alíñalo se se quere.

RECEITA DE : Adrián Barros 6º


ARROZ CON CABAZA

INGREDIENTES o 2 cebolas o 1 ou 2 culleradas de manteiga o 2 tazas de arroz o 2 pastillas de caldo de carne o Queixo parmesano ao gusto

PREPARACIÓN Sofrítese a cebola na manteiga; acondiciónase a cabaza feita puré ( ao gusto a cantidade) e súmase o arroz. A continuación vaise engadindo o caldo ata que o arroz estea ao gusto. Incorporar o queixo relado e unha cullerada de manteiga ; déixase repousar 5 minutos e … listo!

RECEITA DE: Ana Mª e Lito.


CABAZA CON CAMARÓNS

INGREDIENTES o Camaróns o Pulpa de cabaza o Sal o Azucre o Chiles o Vinagre o

PREPARACIÓN: Agrega os camaróns picados e cociñados; engade a pulpa da cabaza e deixa que todo se sazone. Proba e rectifica; sazona ao gusto con sal e un punto de azucre. Por último agrega os chiles en vinagre en baixas cantidades ( ao gusto).

RECEITA DE: Tamara González Rubín 6º B


TAGIN DE CABAZA INGREDIENTES: o 1 kg de carne o unha cebola e 3 allos o pirixel o unha culleradiña de sal o unha culleradiña de xenxibre o unha cullerada de pementa negra o azafrán o un pouco de pemento vermello o 500 g de cabaza o 3 culleradas de canela o catros culleradas de azucre o medio vaso de auga o medio vaso de aceite de oliva

PREPARACIÓN: Fritimos a carne en aceite coa cebola, despois os allos co pirixel e o sal; agora botamos o xenxibre, a pementa negra, o azafrán, o pemento vermello; mesturámolo todo. Despois dun pouco engadimos medio vaso de auga e deixámolo cocer. Pelamos a cabaza e cortámola en anacos e, noutra tarteira, poñemos os anacos de cabaza con dous vasos de auga e deixamos cociñar dez minutos; botámoslle catro culleradas de azucre e a canela. Presentámolo no tagin.

RECEITA DE: Ibtissam Moukhass Moukhass.


CABAZA CON TOMATE INGREDIENTES o Unha cabaza mediana o Unha cebola o Catro culleradas de queixo relado o Un kg de tomates o Dous dentes de allo o Pirixel o Fariña o Pementa branca moída o Aceite e Sal

PREPARACIÓN: Pélase a cabaza e pártese en cadradiños. Rebózase en fariña e frítese nunha tixola con aceite abundante ata que quede brandiña. Unha vez fritida escórrese e ponse nunha fonte de forno. Na mesma tixola, quitando un pouco de aceite, frítense a cebola e máis o allo picados; despois engádeselles o tomate pelado e cortado, o pirixel picado, o sal e a pementa. Frítese ata quedar unha salsa ben pasadiña ( pasada por pasapurés). Esta salsa bótaselle por enriba á cabaza. Espolvoréase con queixo relado e vai ao forno con calor medio, uns 10’ ou 15’. Sérvese na mesma fonte. RECEITA DE: Adrián Barros 6º


CHULAS DE CABAZA (I)

INGREDIENTES o Fariña o Cabaza o Azucre o Ovos o Leite o Aceite

PREPARACIÓN

Pelar a cabaza e despois cocela. Escorrela e botala nun bol. Botarlle a fariña, o azucre, os ovos e o leite e mesturalo todo ben. Nunha tixola con aceite ben quente vanse fritindo os anacos de cabaza pouco a pouco. Unha vez fritidos, vanse pondo nunha bandexa e espolvorénse con azucre.

RECEITA DE: Nai de Adrián (6º B).


CHULAS (II) INGREDIENTES o Fariña o Cabaza o Azucre o Ovos o Leite o Aceite

PREPARACIÓN: Primeiro limpas a cabaza, póla a cocer, logo escórrela nun escorredoiro. Logo mesturas fariña, azucre, ovos e leite (bótalles o que mires que faga falla). Bates todo e bótaslles unhas areas de sal e frítelas.

Receita de: miña avoa Sita ( Tatiana 6º B).


CHULAS DE CABAZA (III) INGREDIENTES o Un cacho de cabaza o Casca de limón o Un vaso de leite o 200 g de fariña o 100 g de azucre o Canela en pó o Canela en rama

PREPARACIÓN Poñemos a cocer a cabaza coa canela en rama e coa casca de limón. Despois escorrémola. Unha vez ben escurrida, poñémola nun bol e imos engadindo o leite, os ovos, a fariña, o azucre e un pouquiño de canela en pó. Ao tempo que imos engadindo os ingredientes, ímolo batendo coa batedora. Cando todo estea ben remexido, farémolo na tixola, cun pouquiño aceite de oliva.

RECEITA DE: da miña avoa


CHULAS DE CABAZA (IV) INGREDIENTES o ½ kg de cabaza o 4 ovos o 200 g de fariña o 100 g de azucre o 50 g de pasas de corinto o Viño de oporto para macerar as pasas o Canela o Aceite o Sal

PREPARACIÓN Cocemos cabaza sen a pel e troceada. Cando estea cocida escurrímola e desfacémola cun garfo; agregámoslle os ovos batidos, a fariña, a metade do azucre e as uvas pasas, previamente maceradas en oporto. Mesturamos todo ben e poñémolas a fritir en aceite, no que douramos previamente unha pel de limón. Botámolas na tixola axudándonos dunha culler. Cando están douradiñas poñémolas nunha fonte e espolvoreamos co azucre e a canela. Se nos gustan borrachas, en quente, engadímoslle un vaso de viño cun pouco máis de azucre. Sen o viño tamén están moi boas.

RECEITA DE: Sara Álvarez Rodríguez.


CHULAS DE CALACÚ INGREDIENTES o Calacú o Fariña o Azucre

PREPARACIÓN Pelamos o calacú, cocémolo e escurrímolo poñéndoo nun cacharro. Botámoslle o azucre e pouca fariña e revolvémolo. Despois fritímolo en aceite quente e xa se forma unha chuleta de calacú.

RECEITA DE : Andrea Míguez Collazo (O meu tío) 6º A


BUÑUELOS DE CABAZA INGREDIENTES o 6 ovos o Sal o Auga o 200 g de fariña o Aceite de oliva virxe o Canela en pó o 200 g de azucre o 1 kg de pulpa de cabaza o Azucre glass

PREPARACIÓN Pélase a cabaza, córtase en anacos e cócese con auga e sal. Unha vez cocida pásase a un escorredor e déixase secar moi ben. Nun bol bátense os ovos, co azucre e a fariña e engádeselle á cabaza ben escurrida. Ponse a tixola ao lume cun pouco de aceite e, cando estea quente, ímoslle botando a cabaza cunha culler, de tal xeito que quede como un buñuelo. Dáselle volta e facemos a mesma operación coas chulas que se vaian preparar. Cando estean douradas deixámolas escurrir ben, pasámolas a unha fonte e espolvoreámolas coa canela e o azucre glass.

RECEITA DE: José Miguel e Ana María.


FRITOS DE CABAZA

INGREDIENTES o Cabaza o Fariña o Ovos o Azucre o Leite o Levadura royal

PREPARACIÓN Cocer a cabaza, poñela a escurrir; unha vez escurrida, nun bol, mesturamos todos os ingredientes ata formar unha pasta non moi espesa. Nunha tixola con aceite ben quente, vanse facendo unha especie de torrixas.

RECEITA DE : María del Carmen.


TARTA DE CABAZA (I)

INGREDIENTES: o Leite o Manteiga o Cabaza o Xemas de ovo o Claras de ovo o Azucre, sal e noz moscada

PREPARACIÓN: Pór a ferver o leite; cando comece a ferver apagar o lume. Agregar a manteiga e deixar que se derreta. Mesturar a cabaza, as xemas, o leite coa manteiga derretida, o azucre, o sal e a noz moscada. Montar as claras a punto de neve. Mesturar todo con coidado.

RECEITA DE: Tamara González Rubín 6º B


TARTA DE CABAZA (II) INGREDIENTES o 800 g de cabaza o 3 ovos o 150 g de azucre moreno o 2 culleradas de mel o ¼ de cullerada de noz moscada moída o Unha culleradiña de canela moída o 140 ml de nata o 100 ml de leite o 250 g de pasta quebrada o Mel, canela en pó e nata ácida

PREPARACIÓN Pelar, limpar e trocear a cabaza. Nunha ola con pouca auga poñela a ferver durante dez minutos; escurrir, triturar e poñer nunha tixola antiadherente a lume medio baixo ata que seque completamente. Arrefriar e reservar 600 g de puré de cabaza. Por outra parte, bater os ovos, o azucre, o mel, as especias; incorporar os 600 g de puré e, por último, o leite e a nata. Forrar un molde acanalado, de 22 cm de diámetro, coa masa e fornear a 190 º, vinte minutos, cuberto con papel de aluminio e legumes secas. Retirar o papel e as legumes, extender o recheo e fornear 40 minutos máis a 180º. Arrefriar completamente. Servir cada porción con nata ácida, un chorriño de mel e canela en pó. RECEITA DE: Yomara.


TARTA DE CASTAÑAS E CHOCOLATE INGREDIENTES o 600 g de castañas crúas peladas o 150 g de azucre o 50 g de manteiga o 4 ovos o 1 vasiño de ron o 1 culleradiña de cacao en pó o unhas areas de sal o 1 limón o 1 cullerada de azucre glass

PREPARACIÓN Cócense as castañas en auga salgada durante 25 minutos e pásanse polo pasapurés cando aínda están quentes. Sepáranse as xemas das claras e traballámolas co azucre e a manteiga rebrandecida, ata obter unha crema fina. Engádeselle o ron, o puré de castañas, o cacao e a pel do limón relada. Montamos as claras a punto de neve cunha areíña de sal e agregamos pouco a pouco á mestura anterior, batendo coas varillas de abaixo para arriba. Poñemos o forno a 190º e untamos con manteiga o molde da tarta. Vertemos a mestura no molde e introducímolo no forno durante unha hora. Deixámolo arrefriar e decorámolo co azucre glass.

RECEITA DE : A miña irmá


GALLETAS DE CABAZA (I) INGREDIENTES o 200 g de puré de cabaza o 250 g de azucre moreno o 300 g de fariña o 100 g de manteiga o 100 g de pasas o Sal

PREPARACIÓN Batemos a manteiga ata deixala en pomada e, sen deixar de remover, engadimos o azucre, os ovos, a fariña e o puré de cabaza. Mesturamos todo ben e engadimos un pouquiño de sal e as pasas. Nunha bandexa de forno untada coa manteiga, espallamos porcións da pasta coa axuda dunha culler e dándolles forma. Por último metémolas no forno uns vinte minutos a 160º.

RECEITA DE: Ana


GALLETAS DE CABAZA (II) INGREDIENTES o 4 culleradas de manteiga o 10 culleradas de azucre o 10 culleradas de fariña o 3 ovos o ½ vaso de puré de cabaza o 100 g de pasas maceradas en auga ou en licor

PREPARACIÓN 1.

Coa batedora bater a manteiga ata que quede en punto pomada.

2. Sen deixar de remover, engadir o azucre e os ovos. 3. Continuar batendo e agregar a fariña pouco a pouco. 4. Seguidamente incorporar, sen deixar de remover, o puré de cabaza. Para preparalo previamente terás cocido unha loncha de cabaza en auga cunhas areas de sal. 5. Nunha placa de forno cuberta con papel encerado

ou untada con

manteiga, extender cunha culler porcións da masa dándolles forma. 6. Agregar as pasas e aplastar lixeiramente coa culler. 7. Fornear durante 10- 12 minutos a 180º. Deixar arrefriar e servir.

RECEITA DE: Brais.


PAN DE CABAZA INGREDIENTES o ½ litro de auga o 50 g de sésamo o 50 g de pipas de cabaza o 50 g de pipas de xirasol o 40 g de levadura de pan o 2 culleradas sopeiras de vinagre de mazá o 2 culleradiñas de sal o Manteiga

PREPARACIÓN 1.

Untar o molde con manteiga e quentar o forno a 200º.

2. Quentar a auga, sen que chegue a ferver e disolver a levadura, engadir as pipas e o sésamo. 3. Engadir o vinagre e o sal e ir engadindo a fariña pouco a pouco e mesturar todo ben, ata que quede unha masa fluída. 4. Deixar repousar a masa tapada uns 30 minutos. 5. Poñer a masa no recipiente, previamente untado coa manteiga e fornear.

RECEITA DE : Brais.


MAGDALENAS DE CASTAÑAS INGREDIENTES o ½ kg de castañas o 3 claras e unha xema de ovo o 150 g de azucre o 150 g de manteiga o Unha cullerada de ron o Unha culleradiña de levadura o Dúas estrelas de anís

PREPARACIÓN Amoxegar as castañas e poñelas a cocer co anís. Cando estean cocidas pélanse e tritúranse. Móntanse as claras a punto de neve e engádese pouco a pouco o azucre, a manteiga a punto de pomada, o ron, as castañas trituradas, a fariña e a levadura. Énchense os moldes das madalenas con esta preparación. Introdúcense no forno a 170º, durante 15 minutos.

RECEITA DE: Inés Martínez Gallego 5º B.


MOUSSE DE CASTAÑAS ( coa thermomix) INGREDIENTES o 250 g de queixo de Burgos o 400 g de castañas cocidas e peladas o 1 bote de leite o 200 g de nata o 5 ovos o 200 g de azucre o Canela en pó o Un cuarto de cubilete de anís o Caramelo líquido o Nata montada

PREPARACIÓN Nun vaso moi seco poñer o azucre e trituralo uns segundos á máxima velocidade. Engadir as castañas escurridas e o leite. Triturar todo ben. Incorporar o resto dos ingredientes e programar 7 minutos , velocidade 4 a 90 graos. Cando remate poña 2 minutos sen temperatura, retirándolle o cubilete para que baixe a temperatura. Volcar a mezcla nun molde de coroa bañado co caramelo. Hai que deixalo arrefriar completamente antes de desmoldalo. Servilo adornado con nata montada ao gusto. RECEITA DE: María de los Ángeles Fernández Vázquez.


CASTAÑAS COCIDAS (I)

INGREDIENTES o 1 kg de castañas o 1 folla de loureiro o Sal

PREPARACIÓN: Poñemos a ferver unha ola chea de auga e botamos un puñado de sal e tamén o loureiro. Deixámola ferver e botamos as castañas sen pel. Durante 2 horas deixámolas cocer. Apagamos o lume e sacamos as castañas para que arrefríen.

RECEITA DE: PATRI ( ISRAEL).


CASTAÑAS COCIDAS (II)

INGREDIENTES o ½ kg de castañas ( ou a cantidade que se queira) o Sal o Anís en gran ( mellor se se consegue da planta do anís directamente)

PREPARACIÓN Pelamos as castañas e botámolas nun cazo con auga, sal e os grans de anís. Poñémolas a cocer ata que estean brandas ( de 1 hora e media a 2 horas). Escurrímolas e envolvémolas nun trapo limpo, deixándoas no mesmo cazo para que non sequen nen se abranden de máis; ou ben cubrímolas

con leite e

deixámolas repousar; segundo nos guste máis.

RECEITA DE: Xián.


BATIDO DE CABAZA

INGREDIENTES o Cabaza o Azucre o Canela

PREPARACIÓN Poñemos a cocer en auga a cabaza partida en trozos; agregamos a canela; cando xa estea cocida agregamos o azucre. Déixase cocer 10 ou 15 minutos a lume baixo.



Fin


EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

------------------------

CEIP SANTO PAIO DE ABAIXO REBOREDA -REDONDELA-


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.