inventos e descubrimentos

Page 1

24 historias de inventos e descubrimentos CEIP Outeiro das Penas, Biblioteca. 2012.


Imos xogar ĂĄs adiviĂąas. Le e descobre o invento ou descubrimento.


Foi seguramente o raio quen ensinou ao home a súa existencia ao impactar na terra incendiando a vexetación do seu redor. Despois de experimentar con el e de observalo no seu estado natural, o home primitivo aprendeu a reproducilo empregando distintas técnicas, frotando pezas de madeira, usando o arco de fricción ou facendo faíscas golpeando pedras. O seu dominio cambiou notablemente a súa alimentación, permitindo asar e ferver os alimentos do mesmo xeito que aumentou as horas de luz ao proporcionar unha fonte de iluminación e calor.

1


Durante o Paleolítico, o home tivo a necesidade de crear ferramentas e fíxoo cos materiais que estaban ao seu alcance: a madeira, o óso ou a pedra. As máis antigas que se conservan están feitas de sílex, cuarzo ou cuarcita. Eran modeladas mediante a percusión dunha peza sobre outra, conseguindo utensilios moi sinxelos que servían para cortar, cavar, romper, perforar… Máis adiante, os útiles especializáronse, aparecendo as raederas, para curtir peles, os coitelos ou as puntas de lanza para cazar.

2


O ser humano comeza a utilizar o que atopa na natureza en forma de pebidas entre a area dos ríos, como mineral nas rochas ou no interior das covas. O ouro, a prata e o cobre usáronse sobre todo para fabricar obxectos de adorno, pero tiñan un gran inconveniente: a súa escaseza e a súa irregular repartición sobre a terra. Máis tarde descubriron o bronce mesturando cobre e estaño, conseguindo un material máis duro, resistente e fácil de modelar, ata que o perfeccionamento da metalurxia permitiulles empregar o ferro, moi abundante, para fabricar todo tipo de ferramentas, mellorando notablemente as condicións de vida. 3


É unha das seis máquinas básicas xunto coa panca, a polea, o plano inclinado, a cuña e o parafuso, necesaria en cantidade de aparellos antigos e modernos que permite mover algo con facilidade. O rodete e o trineo foron as máquinas que nun principio eran utilizadas para mover obxectos pesados e pouco a pouco, foron dando forma a este invento que nace seguramente da mestura destes dous medios de transporte, despois da invención do torno de oleiro. Como eran de madeira soamente temos noticia a través de representacións en cerámicas e relieves.

4


As primeiras oficiais acuñadas que se conservan emitíronse no reino de Lida, actual Turquía. Foron de electro, unha aliaxe de ouro e prata. Golpeando boliñas deste material formaban fichas ovaladas e para garantir a súa autenticidade estampábase nunha cara a cabeza dun león. Antes, os intercambios facíanse xeralmente mediante o troco, dando alimentos, obxectos, teas ou todo o que sobrase a cambio daquilo que se podía necesitar e era ofrecido. O papel con valor oficial apareceu en China no ano 812.

5


O Sol é o supremo regulador do tempo e permite ao home ordenar o ritmo dos anos, dos días e das horas. Se desaparecera, toda a nosa existencia veríase trastornada e viviríamos como perdidos no medio dunha noite sen fin. O primeiro atribúeselle a Anaximandro utilizando a luz do sol. Outro moi importante foi a clepsidra, (de auga) que era moito máis perfecto. No século XVI, Carlos V xa posuía un de area. En 1462, Bartolomé Manfredi fala do primeiro usado para levar consigo. Hacia o 1600, Galileo Galilei (1564-1642), ao descubrir a lei do péndulo, sinalou unha gran data para a historia deste gran invento. 6


O inventor foi o grego Arquitas de Tarento. Outro grego, Arquímedes, pouco despois, perfeccionouno e inventou un chamado sen fin, usado para trasladar auga a superficies máis altas. No século XVI xurdiron os de madeira, que como eran fabricados de forma artesanal resultaban distintos uns doutros, variando tanto en tamaño como en diámetro da rosca, así como na separación da mesma. É entón cando o inglés Joseph Whitworth no ano 1841 suxire un paso de raia universal para todos, independentemente do fabricante.

7


A invención tal e como a coñecemos hoxe corresponde a Tsai Lun, un funcionario da corte do emperador da dinastía china Han. Descubriu un método de obtención máis refinado que terminou remplazando ao papiro nos escritos. O método consistía en mesturar diferentes tipos de fibras, como cortiza de moreira, cáñamo e trapos con auga, machucar a mestura até conseguir a completa separación das fibras, e logo dispolas sobre un molde rectangular poroso e prensalas para separar a auga e conseguir así a unión das fibras.

8


É un aparello que serve para orientarse, e que basea o seu funcionamento nunhas agullas magnetizadas que indican a dirección do campo magnético terrestre, sinalando o polo norte e o polo sur. Hai publicacións do século II nas que xa se falaba do magnetismo e dunha maneira de demostralo, mediante un anaco de cana cunha agulla magnética que, ao flotar sobre a auga, indicaba o norte magnético aínda que parece que foi ao redor do século IX cando se creou o primeiro propiamente dito.

9


Sabías que antes da súa invención os libros escribíanse a man? Pois si; esta tarefa estaba a cargo duns monxes e significa que os libros estaban só ao alcance duns poucos. Buscaron un procedemento que, en lugar de copiar os escritos a man, permitíra obter moitas reproducións dun mesmo orixinal. A solución foi labrar os caracteres dunha páxina nunha prancha de madeira, de xeito que sobresaisen. Despois entintaban a prancha e aplanaban sobre ela follas de papel.

10


A diferenza dos seus predecesores, a cítara, o monocordio, o clavicémbalo, o clavicordio, a espineta e o virxinal, que soaban ao mesmo volume independentemente da pulsación, este instrumento dá unha nova posibilidade: as teclas permiten ao intérprete modificar o volume do son podendo matizar a intensidade nas composicións. Por esta razón o primeiro modelo fabricado en 1709, denominouse “clavicembalo col piano e forte” (clavicémbalo con suave e forte). O seu creador foi un fabricante italiano chamado Bartolomeo Cristofori (1655-1731). Soamente dous deles chegaron até os nosos días.

11


O estadounidense Benjamin Franklin inventou en 1753, un dispositivo que serve para atraer os raios e conducir a súa descarga cara á terra, de tal maneira que non afecte a persoas ou construcións. Tras varios anos de investigacións ao redor da electricidade, conseguiu dar forma a súa invención. Franklin foi un home activo toda a súa vida, que abarca boa parte do século XVIII. Entre outras cousas, foi o encargado da emisión de papel moeda nas colonias británicas de América. Tamén participou na fundación da primeira biblioteca pública de Filadelfia, e na fundación da Universidade de Pensilvania. 12


Crese que a primeira máquina foi desenrolada en 1633 por Eduard Somerset. A idea era levar a auga desde o primeiro piso até o segundo nun castelo de Londres. En 1705, Thomas Newcomen desenvolveu outra que aproveitaba de maneira económica o vapor desenvolvido pola combustión de fósiles naturais. Pero quen inventou a máquina que revolucionou ao mundo, foi James Watt en 1784. Este invento é un motor de combustión externa que transforma a enerxía térmica dunha cantidade de auga en enerxía mecánica e utilizábase para mover diversas máquinas tales como locomotoras, bombas, motores mariños, etc.

13


Pouco antes de 1665, un depósito enorme de grafito foi descuberto en Seathwaite Fell, cerca de Borrowdale, Cumbria. Os lugareños descubriron que era moi útil para marcar ovellas. A parella Simonio e Lyndiana Bernacotti foron os que fixeron o primeiro deseño deste obxecto recuberto de madeira que utilizamos con frecuencia. A mina actual está composta por grafito e arxila, esta mestura xurdiu debido á escaseza do primeiro. Antes da súa aparición, o ser humano xa inventara a pluma como instrumento de escritura ou debuxo. 14


Esta enfermidade era causada polo virus variola que xurdiu nas poboacións humanas en torno ao ano 10.000 a.C. Lady Montagu xogou un papel notable. nunha viaxe a Turquía observou que algúns habitantes que se picaban con agullas impregnadas en pus de viruela das vacas non contraían nunca a enfermidade. O científico Edward Jenner (1749-1823) case 90 anos máis tarde desenvolve finalmente a vacina. Antigamente era unha enfermidade infecciosa grave, contaxiosa, que nalgúns casos podía causar a morte. Non houbo nunca un tratamento especial e a única forma de prevención era a vacinación. Hoxe está erradicada. 15


As persoas sempre buscaron xeitos de transportar as cousas de forma doada, primeiro utilizando animais, para logo idear outros métodos como as vagonetas (consideradas como os primeiros predecesoras deste invento, en miniatura). Despois de observar o traballo nas minas de carbón coas vagonetas, o enxeñeiro inglés Richard Trevithick ideou no ano 1804 a primeira máquina de vapor desprazada por raís. Este invento supuxo un gran triunfo xa que abaratou o transporte, facilitou as comunicacións e modificou os hábitos das persoas. Hoxe co desenrolo da tecnoloxía existen os de alta velocidade. 16


É unha máquina formada principalmente por unha bobina (deseñada para almacenar enerxía) e uns imáns. A súa misión consiste en transformar a enerxía mecánica en eléctrica; é dicir, permite obter electricidade a partir do movemento. As súas aplicacións son variadas. Utilízase nas bicicletas (para proporcionar corrente eléctrica ao faro e poder alumear), nos automóbiles, etc... pero, sen dúbida, a súa maior utilidade encóntrase nas enerxías renovables (obtidas da natureza) como a eólica (produción enerxía mediante o movemento do vento) ou a hidráulica (mediante o movemento da auga). 17


A finais do século XIX botóns, teclados, bolas de billar, mangos e outros obxectos facíanse con materiais naturais como cunchas, ósos ou marfil. Como eran moi caros, en 1860 o inventor John Hyatt creou un material novo: o celuloide, un material que substituíu ao marfil das bólas de billar. Con el fabricáronse mangos de coitelos e películas cinematográficas. Pode ser brando ou duro, flexible ou ríxido, opaco ou transparente. Está por todas partes: xoguetes, DVDs, teléfonos, ferramentas, obxectos de cociña...

18


Este invento refírese ao conxunto de aparellos e fíos condutores cos cales é posible transmitir a distancia a palabra e toda clase de sons, pola acción da electricidade. Durante moito tempo Alexander Graham Bell foi considerado o seu inventor, sen embargo, non foi así, ainda que é o primeiro en patentalo. O verdadeiro inventor foi o italiano Antonio Meucci, que o chamou teletrófono. A principal evolución que nos últimos tempos experimentou o campo das comunicacións relaciónase estreitamente coa creación de aparellos autónomos, provistos de baterías, que poden emitir sinais electromagnéticas, non eléctricas. 19


É un globo de vidro dentro do cal vai colocado un filamento que ao paso da corrente eléctrica ponse incandescente. O seu invento atribúese a Thomas Alva Edison, cuxa patente lle foi concedida o 27 de xaneiro de 1880 co número 223.898. Con todo, o invento fora desenvolvido primeiramente por Humphry Davy e perfeccionado en 1840 polo científico Warren da Rue. Outros inventores tamén desenvolveran modelos que funcionaban en laboratorio. É un dos inventos máis utilizados polo home desde a súa creación ata a data. Segundo a revista Life é a segunda máis útil das invencións do século XIX. 20


Nicolas-Joseph Cugnot (1725-1804), inventor francés, deu un primeiro paso ao construír este invento que funcionaba con vapor. O Fardier, así chamado, comezou a circular polas rúas de París en 1769. No ano 1885 nace o primeiro con motor de explosión fabricado en Alemaña por Karl Benz que acada unha velocidade de 16 km/h. A partires de 1926 a marca chamaríase Mercedes Benz, en honra á filla dun dos socios. En 1908, o norteamericano Henry Ford inicia a fabricación do modelo T, o primeiro feito en serie con compoñentes estandarizados.

21


É un dos inventos electrónicos que máis impacto provocou na vida cotián dos seres humanos. A súa historia divídese en xeracións: Primeira xeración (1951-1958), con lámpadas e tarxetas perforadas, de grandes dimensións, gastaba moita enerxía e avariábanse con moita facilidade. Segunda xeración (1958-1964), con transistores. Desenvólvense as linguaxes de programación. Terceira xeración (1964-1971), con circuitos integrados e “chips” para almacenar información. Nace a industria do software. Cuarta xeración (1971-1983), con microprocesadores. Aparece o portátil. Quinta xeración (1983 ata hoxe), destacan as súas aplicacións en intelixencia artificial e robótica. 22


En novembro de 1990 o inglés Tim Berners-Le, puxo en marcha un sistema informático que permitía almacenar información e posibilitaba o acceso a varias persoas á vez. En marzo de 1991, escribiu o primeiro programa que se convertiu na orixe da World Wide Web. Internet Explorer foi en 1995 a aposta da empresa Microsoft para entrar e navegar nunha rede mundial. Nesta rede utilízase Google, un buscador de información creado en 1997. Con máis de 200 millóns de usuarios, é o navegador máis utilizado en Internet.

23


É a totalidade da información xenética almacenada no ADN das células. Cada persoa ten un propio, o cal garda unha gran similitude (99,8%) con todos os da súa propia especie. Esa información atópase almacenada en todas e cada unha das súas células e iso lle define e identifica como ser único e independente. Todas as células do noso organismo proceden dunha que comparte unha información materna e paterna para constituír o seu propio codigo e as súas características dependen basicamente do grupo de xenes que foron seleccionados para manifestarse.

24


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.