Setembro 2012 - OUxB

Page 14

14

Ourense por BARRIOS Setembro de 2012

ECONOMÍA E EMPREGO

O Concello estudará como compensar a perda da extra dos funcionarios 4 Os políticos quedarán este ano sen a paga extra en solidariedade cos empregados públicos. Paula Lodeiro Ver como se resolvía a moción do BNG para compensar a perda de poder adquisitivo dos funcionarios locais pola supresión da paga extra de Nadal foi un dos puntos fortes do pleno do 7 de setembro no Concello de Ourense, unha sesión que comezaba coa tirada de folletos de protesta por parte dun grupo de afectados polas participación preferentes que se atopaban nas bancadas do público. Coa abstención de DO e o voto en contra do PP, PSOE e BNG deron aprobación á moción presentada polos nacionalistas, non sen antes enmendala, de xeito que o texto final fala de “buscar alternativas e fórmulas” para compensar a perda do poder adquisitivo dos empregados municipais, sen precisar cales, e engade a proposta de que a corporación non perciba este ano a paga extra de Nadal en solidariedade cos funcionarios. “Oportunismo” O voceiro do PP tachou ao Bloque de “demagoxia”, “hipocresía” e “oportunismo político” por presentar esta proposta agora e non cando o Goberno de Zapatero aprobara o recorte dos salarios dos funcionarios do 7%. O líder de DO dixo que era unha medida “electoralista” para “intentar quedar ben” e reclamoulle ao BNG que o seu labor no Concello de Ourense sexa “velar por todos os cidadáns”, non só polos empregados muncipais. A tenente de alcalde, Isabel Pérez, refutou estas cualificacións, recordándolle a Rosendo Fernández que era “radicalmente falso” que estas medidas fosen necesarias, pois dixo, “o PP podería ter decidido aplicar outras noutros sectores”, como o gasto militar, a

Folletos lanzados ao salón de plenos polos afectados polas preferentes. /P.L. Igrexa, ou a Casa Real. A Pérez Jácome contestoulle a concelleira non electa de Recursos Humanos, a socialista Carmen Rodríguez Acosta, subliñando que o impacto económico da supresión da paga extra a todos os funcionarios será en Ourense de 27 millóns de euros “que si claramente repercuten na economía local”. Neste punto, o PP presentou unha emenda de substitución que pedía cambiar o texto do acordo polo de instar ao Goberno do Estado a que tomase as medidas precisas para que o país saíse da recesión. Emenda que recibiu o irónico calificativo de “fascinante” por parte de Pérez Jácome e que foi rexeitada polos demais grupos políticos. Con todo, os populares aceptaron que os seus edís que gozan dunha dedicación exclusiva e outra media tamén queden sen paga extra en decembro.

O grupo de goberno non precisou cales serán as fórmulas para compensar a perda de poder adquisitivo dos funcionarios

“O que pretendemos como Plataforma é a devolución íntegra do diñeiro” 4 A Plataforma de Afectados agrupa a máis de mil ourensáns que contrataron participacións preferentes ou subordinadas e agora non poden recuperar os seus aforros. Paula Lodeiro Son as 13:30 horas do martes 4 de setembro. Na porta da sucursal principal de Novagalicia Banco en Ourense, na rúa de Paseo, aparecen unha ducia de persoas, na súa maioría xente maior, pero tamén algunhas mulleres máis novas. Nada máis entrar na oficina, vístense unhas camisetas amarelas e collen o seu turno. Como cada martes e xoves, un grupo de afectados polas participacións preferentes acude a unha sucursal do banco a realizar algunha pequena operación. Con esta actuación logran entorpecer o traballo dos oficinistas mais o que tratan ao fin é chamar a atención sobre o seu problema, que comparten na nosa comunidade miles de clientes das dúas antigas caixas galegas. María Gago é a voceira da Plataforma de Afectados de Ourense polas participacións preferentes ou subordinadas. O seu pai é un dos afectados. “No momento da comercialización comercialízancho como se fose un depósito a prazo fixo só que cunhas condicións especiais por ser cliente. Co agravante de que lle deron unha libreta, e pensamos que coa libreta tiñas o teu diñeiro aí aforrado. A xente metía o diñeiro aí para aforrar, e che din que nun prazo de 48 horas que o podes retirar, e é mentira, cando quixeches retiralo non podías; empezaron que se eran valor, que se era débeda perpetua do banco e foi cando che enteraches de todo… e con moi pouca información porque os papeis que che dan a firmar nin sequera son un contrato, non che aparece nada claro alí”, relata. Máis afectados A plataforma ourensá agrupa actualmente a algo

Membros da Plataforma de Afectados polas preferentes, entre eles, a súa voceira, María Gago (terceira pola dereita), diante dunha sucursal de Novagalicia Banco./P. LODEIRO. máis de mil ourensáns afectados. Un dos motivos das súas mobilizacións polas diferentes sucursais é dar a coñecer esta problemática aos clientes que aínda descoñecen o estado dos seus aforros. “Basicamente facémolo para que a xente que aínda non sabe que ten o seu diñeiro bloqueado que tome conciencia e que se entere que Novagalicia Banco, antes Caixanova e Caixagalicia, estafou aos seus clientes de toda a vida coa comercialización das participacións preferentes e subordinadas como se foran depósitos a prazo fixo. Hai xente que estivo toda a súa vida fóra en Alemaña, Suiza, e que agora veñen para a súa terra e van ver que non van poder sacar o seu diñeiro”, explica a voceira. María Gago asegura que non é só un tema de cartos o que reclaman. “Non estamos falando soamente dunha cuestión de diñeiro, estamos falando de que están xogando co traballo e cos aforros da xente e de toda a súa vida”. Desde o banco, a única explicación que reciben cando reclaman os seus fondos é que “non nolos poden devolver porque están intervidos polo FROB e que non llo permiten”. Polo de agora, a arbitraxe

parece ser a vía que máis froitos, e máis rápidos, está dando. Segundo informaba do Instituto Galego de Consumo, a arbitraxe, que solicitaron xa máis de 14.000 afectados, permitiu que se desenvolveran ata metade de mes 1.700 vistas e que 850 familias en toda Galicia recobraran os seus cartos. “Valoramos a solución da arbitraxe, e nos parece positivo que haxa xente que estea recuperando o seu diñeiro pero non o consideramos unha solución, porque non lle van devolver o diñeiro a todos os aforradores estafados e iso é o que pretendemos nós como Plataforma, a devolución íntegra do diñeiro e que non se faga ningunha quita”, reclama María. Responsabilidades Aínda que desde a Plataforma ven positiva a recente aprobación por parte do Goberno dun Real Decreto Lei para que estes produtos financieiros de alto risco –participación preferentes e subordinadas- queden reservados unicamente para investidores e non se vendan a aforradores particulares, queren unha solución tamén para eles, a través da anulación dos seus contratos, e que se depuren responsabilidades. “Teñen que tomar medidas contra o ban-

co, como é posible que un banco que estafa a miles de clientes faga un lavado de imaxe co diñeiro de Bruxelas e sigan traballando como se nada pasara? Están facendo dano a moítísima xente”, subliña esta portavoz. Con todo, as responsabilidades, para estes afectados, non quedan aí. “E que ocurre co Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores e demais organismos que tiñan que supervisar como actuaban os bancos e como comercializaban este produtos de alto risco e non o fixeron?” “Os únicos que estamos pagando o pato somos nós. A nós nos causa nerviosimo e sufrimento estar aquí, poñernos unha camiseta diante de todo o mundo para reclamar o noso diñeiro; non estamos aquí por gusto, estamos por necesidade, e o que non hai dereito neste país é que despois de que os teus pais, avós ou ben ti directamente traballes toda a túa vida para ter algo te vexas agora que non podes retirar os teus aforros e que tes que recurrir a este tipo de mobilizacións para que che fagan caso”, remata María.

“Están xogando co traballo e cos aforros da xente”


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.